1/16/2013

Textos escollidos para ler o presente (XI)


O texto que reproduzo a seguir pertence ao traballo de Carlos F. Velasco Souto: Franquismo serôdio e transiçom democrática na Galiza (1960-1981). A súa actualidade, ademais de vir suliñada no propio texto pola mención ao ataque brutal que están a sufrir hoxe os dereitos adquiridos polas clases populares, vén tamén a conto como recordatorio de que é que significan en verdade os "grandes acordos de estado" demandados a cotío por quen avogan pola continuídade do réxime monárquico-bipartidista auspiciado polo franquismo. Uns acordos que, tamén neste momento histórico de crise do capitalismo neoliberal, aparecen no debate político español como a solución perfecta ao intre de incertidume política e institucional estamos a vivir.

Foi assim, com o aval de tan qualificados parceiros reunidos sob arbitragem do governo, que se orquestrárom os Pactos da Moncloa no outono de 1977, no meio da expetaçom de boa parte dos humildes e nom tam humildes do país. Participárom na sua assinatura todos os partidos com representaçom parlamentar, apoiados resoltamente polas direçons de CCOO e UGT (mas com a oposiçom frontal da CNT e de alguns segmentos das próprias CCOO, para além da ING no tocante à Galiza). Do ponto de vista laboral os seus aspetos mais salientáveis fôrom, segundo Emili Cortavitarte, a contençom dos salários (estabelecendo umha suba de entre o 20 e o 22% para 1978) e a sua ligaçom ao IPC previsto, rachando assim com a tradiçom operária de recuperar poder adquisitivo com aumentos iguais ou superiores ao índice de preços do ano anterior; a possibilidade de despedimentos do 5% do quadro de pessoal em caso de acréscimos salariais a superar o 20,5%; a possibilidade de contrataçons eventuais e a necessidade de ajustes do pessoal nas empresas em crise.
A consideraçom negativa de alguns dos pontos resenhados nom impediu ao Consejo Federal das CCOO valorizar o acordo alcançado como globalmente positivo, sinaladamente polo que significavam para a consolidaçom da democracia. Em tal sentido "nom era un pacto social mas político... nom hipotecando a açom dos trabalhadores e as suas organizaçoms". Porém outras interpretaçons som mais críticas ao salientarem o facto de os pactos terem aberto caminho às reconversions industriais, os expedientes de crise, o controlo dos salários, a reduçom da cobertura de desemprego e as normas aliciadoras dos tipos de contrataçom eventuais que viriam despois. Efectos negativos para a classe trabalhadora a curto e meio prazo, todos eles, cuja contrapartida foi —para além da pregoada "estabilizaçom democrática"— que CCOO e UGT vírom garantindo o seu protagonismo nas negociçons coletivas —posto em causa pola pressom obreira e as práticas assembleárias— e mais a sua participaçom no INEM e nas empresas públicas.
Seja como for, o caso é que a expetaçom com que umha boa parte do mundo do trabalho acolheu a assinatura dos acordos —e mesmo a euforia ou autosugestom da vanguarda proletária vinculada ao PCE-PCG— logo se havía tornar em desencanto. E nom era para menos pois que com os Pactos da Moncloa se estava a dar inicio, na realidade, a umha política de longo alcance que, durante os vinte anos a seguir, nom faria mais que lesionar os interesses da classe trabalhadora e mais camadas populares, esmendrelhar algumhas das suas conquistas históricas e destruilas pouco a pouco. Os fitos som bem conhecidos e nom é demais refleti-los aquí por mais que sobardem os límites temporais deste trabalho: Estatuto de los trabajadores, de 1980; Acuerto Marco Interconfederal, também de 1980; Acuerdo Nacional de Empleo, de 1981; Acuerdo Interconfederal,  de 1983; Acuerdo Económico y Social, de 1984; Plan de Empleo Juvenil, de 1988, e assim por diante; todos eles "novos passos visando inequivocamente a flexibilizaçom das relacions laborais e, especialmente, o alargamento da oferta de trabalhos precários que desembocaríam na convocatória de greve geral de 1988 e, com posterioridade, teriam inteira continuidade até ao mesmo dia de hoje (2012) com o galho da brutal ofensiva anti-popular do capital financeiro nos estertores da crise atual do capitalismo globalizado. Certamente, no momento da assinatura dos Pactos nom era fácil fazer umha prediçom precisa do acontecer futuro, nem muito menos enxergar o alcance das hipotecas inerentes aos mesmos tal como podemos fazer agora com a perspetiva do tempo. Mas, como sempre, a história acaba por colocar as cousas no seu lugar e hoje, trinta e cinco anos volvidos do histórico acordo, dá nas vistas que a derrota destes últimos decénios tivo algo a ver, por pouco que fosse, com o erro de cálculo que propiciou a assinatura de uns pactos naqueles termos. Erro de cálculo por parte da vanguarda dessa mesma classe, fique claro, que nom do patronato ou do governo da UCD que estavam alí para o que estavam: consolidar o modelo de acumulaçom capitalista e de dominaçom da burguesia espanhola no tránsito da ditadura para a democracia liberal.
Digamos, para terminar, que na Galiza a entrada en vigor dos Pactos da Moncloa e subsequentes acordos em matéria laboral já referidos se havia traduzir, no decurso da década de oitenta e principios da de noventa, em duas reconversons a afetarem o setor da construçom naval às que se veu sumar umha política de desmantelamento industrial em toda a regra (téxtil, siderúrgia, transformados lácteos, pesca motorizada...) induzida por umhas orientaçons da CEE subservientemente assumidas como própias por todo o abano de forças políticas e sindicais com preseça no país, a exceçom do nacionalismo e o pouco que restava da esquerda radical.

1/12/2013

Pequena crítica da razón eurocega


O seguinte texto pretende ser un comentario á marxe dun artigo que hoxe publica o xornal El País titulado Una constitución para Europa, ya. Está asinado por Nicolás Sartorius, vicepresidente executivo da fundación vencellada ao PSOE Alternativas e por Diego López Garrido, deputado polo PSOE que tamén preside o Consello de Asuntos Europeos da Fundación Alternativas. A fundación Alternativas vén sendo o principal think tank do PSOE de aí que este pequeno destripamento dun artigo saído dese lugar pretenda ser a modesta contribución —de quen, coma min, considera que non ser economista non equivale a ser parvo— para demostrar o estado inane no que se atopa actualmente a socialdemocracia a nivel ideolóxico:

La Unión Europea y sus Estados miembros tenemos hoy un objetivo esencial: salir de la crisis o, al menos, vislumbrar su fin antes de que 500 millones de ciudadanos y ciudadanas sean llamados a elegir un nuevo Parlamento Europeo, el año que viene. Si seguimos sumergidos en el pantano de la crisis, estas elecciones podrían estar protagonizadas por los partidos populistas, xenófobos y antieuropeos. O sea, por la no Europa.

O artigo comeza coa xa habitual e maliciosa confusión entre Europa e o que eu chamaría a Unión Europea Realmente Existente. O cal propicia a utilización dunha expresión, "la no Europa", que iguala a todo aquel que se opoña a esta Unión Europea, alén das diferenzas de proxecto e de propostas, e que presenta un aire de familia demasiado acusado con aquela "anti-España", de tan infaustos recordos, que tamén abusaba dunha etiqueta anuladora do pensamento e utilizada para deslexitimar e sacar do campo do pensable o que non eran máis que outras opcións políticas.

En las causas del agravamiento de la crisis está, entre otras, una política económica contractiva al estilo de Alemania. Este país ha venido sacrificando el poder adquisitivo de sus trabajadores, en la última década, para favorecer su competitividad exportadora, en perjuicio de las economías europeas menos industrializadas, que se han visto obligadas ahora a devaluaciones internas, esto es, al despido ilimitado y a la reducción salarial, ayudado por medidas tan duras e inútiles como la legislación laboral española.

Alemaña non fai máis que adaptarse ao modo de reprodución do capitalismo neoliberal. Un capitalismo que, como explicaba Antoni Domènech nunha entrevista recente, "desacoplou a demanda efectiva agregada dos salarios reais", é dicir, que xa non se basea no consumo por parte das clases traballadoras dos produtos que elas fabrican a través dos seus salarios senón "a partir dunha fraude financieira piramidal a grande escala que permitiu o crédito barato". Este é o miolo da arquitectura europea: Alemaña produce e os zombis do sur, cebados financeiramente de xeito artificial, consumen (ou consumían, pois a crise financeira fixo que todo isto estea a esboroarse).

La consecuencia de tan inesperada dinámica es que Europa ha entrado en una atmósfera de insolidaridad y divergencia, rompiendo la errónea teoría de que la Unión Monetaria iba a ser la palanca de la convergencia, e iba a impedir todo desequilibrio macroeconómico (empleo, competitividad, déficit, deuda) aunque las demás políticas económicas se mantuvieran en las manos de los Estados nacionales.

E tanto que era errónea a teoría de que a Unión Monetaria ía ser a panca da converxencia. Hoxe esa unión monetaria impide aos países do sur recorrer á devaluación monetaria e obriga á devaluación interna e aos recortes de cabalo para pagar a débeda cos bancos alemáns.

La crisis ha pulverizado esta concepción y la dulce, pero efímera, etapa posMaastricht, caracterizada por un crecimiento dopado financieramente. La actual legislatura europea (2009-2014) está siendo la de la recesión, el desempleo y el debilitamiento del Estado de Bienestar.

A dozura efémera da etapa posMaastricht é a dozura efémera do neoliberalismo como modo de reprodución do capitalismo na era da globalización. O tratado de Maastricht, como escribira Beiras no ano 1992, é "consecuencia do precedente proceso de transnacionalización do capital no recinto do MCE (Mercado Común Europeu) e da conseguinte concentración do poder e centralización das decisións nos circuitos financeiros e nos sectores chave do conxunto da CEE" e é, tamén en irónicas palabras súas, o inicio do "camiño de servidume"; mal que lle pese a Hayek. En canto á segunda frase: totalmente de acordo. O que sorprende é que estas mesmas persoas que hoxe demandan unha Constitución Europea defendesen, no 2005, o si ao referendo da… sorpresa… Constitución Europea!! Ou ben foron uns inxenuos que non se decataron de que aquel tratado, continuador do espírito de Maastricht, ía provocar o desastre actual (o cal dubido) ou ben foron uns cínicos (e o seguen a ser).

No solo la Unión ha mostrado su incapacidad para abordar eficazmente esos problemas. También los Estados nacionales, a pesar de que —no lo olvidemos— tienen, en principio, más instrumentos políticos y económicos que aquella. Los Estados tienen la legitimidad democrática, mayor capacidad tributaria y de endeudamiento, mayor presupuesto, la política energética, de I+D+i, etcétera.

Os Estados Nacionais, malia teren aínda moitas competencias, están esposados pola súa entrega da política monetaria e por aceptaren a súa supeditación a un Banco Central Europeo directamente controlado pola banca alemá.

La Unión Europea no tiene estas atribuciones. No es una Unión Económica. Solo tiene la política monetaria, que ha mostrado sus insuficiencias ante la crisis, al no existir política financiera, fiscal y económica europeas.

A Unión Europea "só ten a política monetaria" pero está a demostrar que "só iso" élle suficiente para levar o temón.

Sin embargo, la única medida de eficacia inmediata que ha detenido el ataque de los mercados a las economías periféricas más débiles, como la española, y al euro mismo, ha venido de la Unión. Nos referimos, claro está, a la decisión del Banco Central Europeo de “amenazar” con una compra masiva de deuda soberana de España e Italia, si sus Gobiernos solicitaban una ayuda al Mecanismo Europeo de Estabilidad (MEDE).

Curiosamente o feito de o Banco Central Europeo mercar, ou ameazar con mercar, débeda vai contra a filosofía neoliberal imperante na Unión Europea desde que Maastricht —o tratado que provocara a doce e efímera etapa da que falan os autores máis arriba consagrara no seu artigo 104, como di Juan Torres López, a prohibición de que os Bancos centrais financiaran aos gobernos e que converteu ao Banco central Europeo nun ente “independente” de calquera poder político. Porén aos autores deste artigo non se lles ve facer crítica ningunha a un dogma ideolóxico como é o neoliberalismo que segue a ditar o economicamente posible e imposible, centrándose a súa proposta unicamente na reforma das institucións.


Sirve cada vez menos que los Estados de la Unión posean teóricamente la política fiscal y económica. La crisis ha ido empujando, de forma natural, hacia el Consejo Europeo —y dentro de él hacia el “gran acreedor”, Alemania— las decisiones más urgentes para salvar a los países de la suspensión de pagos o a la eurozona de su fractura. Y la Comisión ha preparado el control, por el propio Consejo, de los Presupuestos nacionales (“semestre europeo”), con la inevitable lesión a la soberanía parlamentaria.

Efectivamente, serve cada vez menos. Por iso non ten sentido a apelación á responsabilidade dos Estados Nacionais que facían catro parágrafos máis arriba. Por outra banda, é curioso que un dos que asinan este artigo milite nun partido que propuxo a reforma do artigo 135 da Constitución española e que, sendo el mesmo deputado no Congreso, votou a favor de dita reforma precisamente para que o "gran acredor" siga a cobrar o que se lle debe aínda a costa de que a cidadanía do Estado Español fique desangrada e seca como unha uva pasa.

Lo que ocurre es que, dado que la Unión no se concibió para aplicar una política económica general, las decisiones de esta naturaleza en la Europa continental, en esta legislatura de crisis, han sido adoptadas por órganos supranacionales colegiados (Consejo Europeo) que no tienen la legitimidad constitucional equivalente a la que detentan los Gobiernos y Parlamentos nacionales. Y ello sin modificar los Tratados. Así que se están empezando a trasladar aspectos esenciales de la soberanía democrática a entidades que no fueron diseñadas para ejercer el poder que hoy se ven impelidas a desarrollar.
Los Parlamentos nacionales —salvo el Bundestag alemán— van perdiendo un protagonismo que no gana el Parlamento Europeo, sino el Consejo Europeo, el BCE o Ejecutivos nacionales de grandes países, que responden ante sus Parlamentos, pero no ante los ciudadanos de toda Europa.

Dá gusto saber que dous defensores da Unión Europea agora se dan de conta de que o Consello Europeo é un órgano sen lexitimidade constitucional e que se está roubando soberanía  democrática aos cidadáns. Este era un dos argumentos que, no 2005, outros esgrimían para dicir non á, xa daquela, chamada Constitución Europea. Así, por exemplo, en 2003 Carlos Taibo escribía que "nada convida a concluír, polo pronto, que o déficit democrático que arrastra a UE vaia diluírse, tanto máis canto que a Constitución mostra un baleiro de lexitimación que se enche co concurso de medios os que proporcionan, en sustancia, o dereito e os expertos que pouca relación gardan coa práctica vital da democracia."

Aunque es un paso adelante, no basta con que el presidente de la Comisión vaya a ser en 2014 el candidato del grupo político mayoritario en el Parlamento europeo, ni basta con una campaña electoral orientada en ese sentido en toda Europa, si no se establece un marco constitucional donde queden fijadas las competencias reales de las instituciones. Y donde las máximas autoridades tengan la máxima legitimidad y, por ello, sean elegidas por los ciudadanos.

Este parágrafo e os dous que seguen están cheos de wishful thinking ou, como dicía recentemente Ignacio Muro nun excelente artigo, de idealismo inorgánico; que vén sendo a forma de idealismo adoptada pola socialdemocracia (e en realidade por toda a esquerda que se move nas institucións) que considera posible transformar a realidade a base de pactos institucionais sen dispor dunha base orgánica, dun tecido social que se sinta parte das estruturas partidarias e das decisións políticas; é dicir: que se poden representar ideas sen que haxa representados que colaboren a parilas, que as defendan e que pulen por as faceren hexemónicas.

Los problemas económicos de la UE, incluyendo los del euro, radican en la carencia de una unión política. La unión económica no se puede hacer sin avanzar en la Unión Política, y esto solo se resuelve en democracia abriendo un auténtico proceso constituyente, por medio de una Convención en la que estén representados los Parlamentos nacionales y el europeo, los Gobiernos, el Comité de Regiones, el Comité Económico y Social, y a través de un amplio debate en los medios de comunicación europeos. Debate en el que se tiene que involucrar la sociedad civil europea, porque el escepticismo y desafección ciudadana no se corregirá sin un salto adelante democrático. El resultado de lo anterior se debería someter a referendo del conjunto de los ciudadanos europeos y no de país a país.

O máis curioso deste parágrafo é a orde en que se verquen as ideas para un proceso constituínte. Así, expresa que este comece a facerse nas institucións, despois nos medios de comunicación e finalmente na sociedade. A proposta final, consistente nun referendo a nivel europeo e non país por país, ademais de semellar un truco para evitar sorpresas desagradables por parte da cidadanía dalgún país, non explica por que, despois de os autores recoñeceren que os estados seguen a ter máis lexitimidade democrática que a UE, os cidadáns deses estados haberían sacrificar ese ámbito de decisión en aras doutro ámbito que, como tamén recoñecen os autores, ten eivas democráticas importantes.

Este proceso constituyente ha de ser el núcleo central de las próximas elecciones europeas y, en consecuencia, el inicio del mismo. Si hace diez años ya era necesaria una Constitución europea —malograda por la ceguera de algunos— hoy es imprescindible. Solo nos falta el impulso político para ello. O bien seguimos con el lento y frustrante camino de los acuerdos palaciegos por arriba, en donde el pez grande se come al chico; o bien transitamos la vía de la lógica democrática y le damos a Europa la legitimidad, fuerza y solidaridad que necesita en esta dramática coyuntura de cambio.

Deste parágrafo rechama que estes dous defensores dos acordos pacegos por arriba denuncien, precisamente, os acordos pacegos por arriba.

El peligro para la democracia no viene solo de los nacionalismos, chovinismos, xenofobias o la extrema derecha, sino de que se vaya vaciando la democracia de los Estados sin que se construya una auténtica democracia europea.

E como pensan construír unha auténtica democracia europea sen que haxa un movemento democrático europeo? É dicir, sen que haxa tecido social organizado que demande, defenda e loite por esa democracia abstracta que parecen defender os autores? Non é iso, no fondo, tan absurdo como pensar que pode haber democracia sen demócratas?

1/08/2013

Unha hipótese


Estes días causou certo escándalo nas redes sociais o feito de que o telexornal da televisión pública española ilustrase cunha fotografía do tenista Rafa Nadal a nova da entrega do premio Nadal de novela. Numerosas persoas analizaron isto, seguramente ben encamiñados, como proba da vontade que ten o goberno do PP de esganar os medios públicos investindo poucos cartos en persoal formado.
Pero o premio Nadal ía de literatura e non de deportes. A novela gañadora do premio, segundo di o seu autor Sergio Vila-Sanjuán nunha entrevista concedida a La Vanguardia "sucede en 1960 e 1961. O momento da chegada da sociedade de consumo a España. Entraron nas nosas vidas a publicidade, a televisión, os electrodomésticos, o marketing... e Barcelona foi pioneira das axencias de publicidade". É dicir, a novela transcorre no momento en que o Estado Español abandona as penurias da autarquía da posguerra, co chamado Plan de Estabilización de 1959, e entra nunha certa senda de normalización económica a respecto do que ocorría no resto de Europa. Este cambio no modo en que o sistema económico se reproducía trouxo consigo cambios culturais importantes. Así, a dicir de Vila-Sanjuán que, polo que parece, catou o ambiente en primeira persoa, "en Barcelona, naquela época, había unha alta sociedade, xente con cartos, que vivía moi ben. Non era a dereita tradicional, sosa, clerical, mais xente que sabía vivir, que tiña barcos, casas na Costa Brava, que montaban unhas festas tremendas e que tiñan una vida sentimental movida. Iso sae na novela, esa dereita liberal, cuxo emblema é un industrial ambivalente, Casimiro Pladevall, franquista metido até arriba no réxime pero que por outro lado patrocina empresas periodísticas, é un bon vivant... Había xente así: o réxime íalles moi ben para os seus negocios pero, coa outra man, apostaban por empresas de modernización e mudaron a sociedade."
O cambio de costumes, que, naturalmente, tamén afectará ás clases baixas,  marca, no Estado Español, a transformación da vella dereita conservadora e clerical na dereita tecnócrata do bussiness e la vida loca. Esta foi a dereita que, coa complicidade da novísima esquerda que se estaba a crear ad hoc, comandou a Transición. Unha dereita que precisaba do consenso das clases populares para o seu proxecto de modernización. A necesidade de crear un novo bloque social que apoiase a transformación económica requerida fomenta a liberalización dos costumes e a apertura a novas moralidades alleas á claustrofobia nacional-católica. Todo o que viría despois: divorcio, destape, Movida, etc. é consecuencia lóxica disto.
Desta dereita laica, pasado o tempo, sairía o que Manuel Martínez Barreiro chamou a Novísima dereita de, entre outros, o noso Feijóo. Pero o proxecto histórico desta, parece razoable pensar, ten poucas alegrías que compartir coas clases baixas. Cando o que guía unha actuación política é o desmantelamento do Estado do benestar, a perpetuación do consenso a través da redistribución económica cara abaixo xa non viable. De aí, quizais, que lonxe de resultar incompatible a convivencia no PP dunha ala tecnócrata e laica con outra reaccionaria e integrista católica, estas se complementen perfectamente nun tempo de penuria que parece exixir, por dicilo cun chiste, o abandono da moral de Paco Clavel e o regreso da moral de Rouco Varela. É dicir (e esta é a miña hipótese), tender a fomentar unha moral regresiva, en concordancia cos valores da resignación, da represión e da contención, que actúe coma cemento ideolóxico e que cercene a incontrolable maquinaria do desexo dunha sociedade en proceso de devaluación e de fractura; debida, esta, á destrución sistemática dos mecanismos de redistribución económica que posuía e á crecente sospeita, acentuada polo paro estrutural, de que o consumo de masas resultará cada vez máis prescindible para que a roda do muiño siga a moer.

1/04/2013

Textos escollidos para ler o presente (X)


O texto que vén a seguir é do intelectual marxista madrileño Manuel Sacristán Luzón. Trátase dun extracto dun texto máis longo que, segundo o seu compilador e editor Salvador López Arnal, é "o texto-base do que seguramente foi, ou ía ser, unha intervención de Sacristán, probablemente a finais do franquismo, nalgunha reunión de militantes do PSUC (e afíns) sobre o principio de autodeterminación e as características “nacionais” do Estado español."
O meu interese polo texto é duplo: por un lado proba que dentro da tradición comunista española hai reflexións moi lúcidas sobre o tema nacional e que, no caso de Sacristán, considérase que as reticencias desa mesma esquerda estatal a respecto desta cuestión son debidas á maior fidelidade ao estatismo socialdemócrata que á propia tradición comunista á que din pertencer. Pola outra, resulta de gran actualidade a reflexión histórica a respecto do nacionalismo aupado, no seu momento, pola burguesía como antagonista ao cosmopolitismo feudal agora que é a herdeira desa burguesía a que se transformou nunha "casta cosmopolita" que "pode saltar indiferentemente de Hungría a Valladolid ou de Centroeuropa a Sicilia", fronte un pobo que "non fala latín" (inglés), e que, ou ben non quere moverse do lugar no que mora ou ben, nos casos en que si quere moverse (os cidadáns do sur do planeta), atopa todo tipo de trabas para facer efectiva a súa propia versión do cosmopolitismo.

A debilidade do socialismo nas nacionalidades peninsulares ibéricas -por facer referencia a feitos próximos- debeuse en gran parte ao desprezo estatista da socialdemocracia española polas nacionalidades periféricas. Pero a actitude máis fortemente conservadora da socialdemocracia respecto do problema das nacionalidades -como en todo o demais- produciuse ao inclinarse a IIª Internacional pola "lealdade" ás "patrias", ou aos estados militaristas na guerra de 1914-1918. A lealdade para co estado propio, por exemplo, dos socialdemócratas austríacos non-leninistas das minorías nacionais checa, polaca, serbia, croata, eslovena, alemá, búlgara, romanesa. Os mesmos feitos que desencadearon a revolución rusa destrúen ás grandes potencias estatais coas que se solidarizara a socialdemocracia co seu abandono -entre outras cousas- do principio das nacionalidades. Un feito como tal recomenda prudencia crítica cando se fala do carácter burgués de tal ou cal reivindicación nacional. Pois mentres haxa nacionalidades, a opresión ou o mero desprezo dunha delas ha ocorrer por forza desde outra nacionalidade. O "internacionalismo" da socialdemocracia austríaca era simple opresión das demais nacionalidades pola xermánica. E a "saña" de Stalin, contra o "social nacionalismo" xeorxiano era, como di Lenin, nacionalismo gran-ruso, chauvinismo de gran potencia.
Máis en xeral, hai que darse de conta do que quere dicir a afirmación verdadeira de que o principio das nacionalidades é de orixe burgués. Quere dicir que a vella aristocracia feudal e dinástica era unha casta cosmopolita, como aínda o seguen a ser os seus últimos e máis ou menos cómicos descendentes. Ese universalismo de casta do século XIV é (entre outras cousas, naturalmente) a ideoloxía desa casta que, mentres quere, pode saltar indiferentemente de Hungría a Valladolid ou de Centroeuropa a Sicilia. O pobo, mentres tanto, non fala latín, nin quere nin sinte co cosmopolitismo dos seus señores. A burguesía é a clase que, durante séculos, dirixiu a resistencia e as rebelións deses pobos contra os seus amos. Por iso deu voz por primeira vez á reivindicación nacional, do mesmo modo que volveu inventar ás de liberdade, igualdade, fraternidade. Tamén a igualdade, a liberdade e a fraternidade, en sentido moderno, son invencións burguesas. Pero da burguesía ascendente. Ninguén diría hoxe que a igualdade ou a liberdade sexan precisamente trazos da vida burguesa. Por non falar xa da fraternidade.
A clase burguesa non poderá realizar o programa pois non é unha clase que represente unha visión universal e sexa suficiente a ideoloxía do seu ascenso. Por iso os seus ideais foron só, como di Marx, "ilusións heroicas": non tentará a liberdade, nin a igualdade, nin a fraternidade. Nin tampouco o principio das nacionalidades. Algunhas nacionalidades facilitaron a súa lingua e os seus estados e as súas tradicións para impoñer novos estados opresores das clases subalternas e, con eles, das nacionalidades minoritarias. O chamado "estado nacional", o francés, por exemplo, é un estado de Reinos de nacionalidades, dalgunhas que estiveron a punto de selo, como a Borgoña, demograficamente máis importantes que a utilizada polos reis e a burguesía de Francia para construír o seu estado. Quen estude a uniformidade coa cal o poder burgués de Francia se consolida durante máis de cen anos [...] saberá a que se ater a respecto da vindicación do principio das nacionalidades polo poder burgués. O poder burgués caracterízase pola exacerbación do principio do estado, non polo das nacionalidades. Por iso di o Manifesto Comunista que os proletarios non teñen patria: "Reprochouse tamén aos comunistas que queiran abolir a patria, a nacionalidade. Os traballadores non teñen patria. Non se lles pode quitar o que non teñen. Pero como o proletariado ten que conquistar primeiro o poder político, alzarse a clase nacional, constituírse como nación, é el mesmo nacional, aínda que de ningunha maneira no sentido da burguesía". Patria, non nación: porque "a Patria" é o piar nacionalmente resolto nun estado. O internacionalismo non pode consistir en facerse cómplice desa opresión das nacionalidades non utilizadas como revestimento cultural do estado, senón en oporse a esa imposición como a calquera outra. A idea de que o proletariado non está obxectivamente interesado no problema das nacionalidades tiña raíces profundas no marxismo socialdemócrata. Este era, a principios de século, un marxismo unilateralmente obreirista, determinista, economicista, penetrado da idea de que o momento histórico non ten máis motivos que os baseados directa e inmediatamente na vida económica. É mero oportunismo das vixentes teorías socialdemócratas a espera do socialismo a través das simples contradicións das relacións e forzas de produción. Esta redución da loita de clases á súa base máis estreita fai que desaparezan todos os problemas non estritamente económico-corporativos. E así a socialdemocracia acaba por propor á clase obreira unha política en realidade medieval: corporativista, estamental, impropia dunha clase que vai representando e máis, co traballo, os elementos definitorios da vida da especie. Para ser revolucionaria, para conseguir o cambio e a sociedade que naza del, a clase obreira ten plenamente que superar o seu desinterese corporativo e construír, organizar explicitamente, a súa universalidade, o seu carácter de representante de toda a especie, de portadora do futuro de toda a especie. Para conseguir isto ten que abarcar todas as realidades sociais, e indicar as vías do desenvolvementos destas.
O feito nacional é unha desas realidades. A nacionalidade é, polo de pronto, un conxunto de trazos do individuo, un bloque de características lingüísticas, culturais e principios que constitúen o seu modo de ser. Se existe historicamente unha comunidade que propague esas características e, con ela, unha integración económica dalgunha orde, entón os trazos étnicos do individuo teñen na súa base unha nación xa formada. Todo iso é realidade, incluso cotiá, do individuo. O que non é vida real de cada quen, senón aparato ideolóxico de dominio sobre os individuos, é a serie de ideas especulativas postuladas para gobernar esa realidade, como a idea do destino histórico, o patrimonio imperial, etc. Ningún individuo nin pobo ten máis sentido ca o de vivir, incluíndo no vivir a morte. Todo o demais, todas as vestimentas patriotas son ideoloxía encubridora de dominio. O internacionalismo é o recoñecemento da realidade plural nacional, a condena das ideoloxías patriótico-imperialistas. Non se pode ser internacionalista comezando por esmagar ás nacionalidades. Esta é unha verdade elemental pero, polo visto, necesitada de repetición.

1/02/2013

Da clase traballadora



«Agora que se deixou de temer
ás clases traballadoras, xa non merecen respecto,
e os de arriba poden cofarse na súa superioridade
como se isto fora o século XVIII»
Polly Toynbee. Columnista do Guardian

Hai libros cuxa lectura conxunta se complementa de xeito excepcional, ou esa é a sensación que eu tiven despois de ler, un detrás doutro, A formación da clase obreira en Inglaterra de E.P. Thompson, a Historia do bolxevismo de Arthur Rosenberg e Chavs. A demonización da clase obreira de Owen Jones.
O primeiro deles, a monumental obra de E.P. Thompson, narra a historia da conformación e toma de consciencia do que —previa destrución do modo de vida anterior campesiño e artesanal e tras vencer todo tipo de resistencias coma a do movemento ludita— será a clase obreira. Unha realidade sociolóxica que, recollendo a tradición xacobina mantida por elementos intelectuais das clases altas, acabará desembocando, a nivel organizativo, nos primeiros sindicatos xa liderados polas propias clases traballadoras e na articulación dunha serie de movementos sociais que serán cruciais na consecución de reivindicacións como a do sufraxio universal. Todo este proceso de xestación dunha nova clase social, primeiramente fragmentada e con nula consciencia de si mesma, é analizado con vagar por E.P. Thompson para o período de tempo que vai desde o final do século XVIII até o primeiro terzo do século XIX.
A Historia do bolxevismo, o libro de Rosenberg, aborda a xestación, desenvolvemento, éxitos e fracasos do movemento comunista internacional. Así, no primeiro capítulo titulado De Marx a Lenin, Rosenberg, a propósito da mesma época que vería nacer un libro, O manifesto comunista, que condicionaría todo o século XX e que coincide aproximadamente co lugar temporal en que Thompson deixou a súa Historia da clase obreira en Inglaterra, escribe:


«En Francia e en Inglaterra, en Bélxica e en Alemaña, xa antes de 1848, a clase obreira tomara consciencia da súa especial situación. Ela esforzábase por mellorar a súa mísera condición e soñaba cun ordenamento social novo e xusto, onde non existiran máis "o rico" e "o pobre". Pero até 1848, as posibilidades espirituais e de organización propias do proletariado europeo eran ben limitadas. Ese proletariado avanzaba a tentas nas filas da democracia: nin sequera as exploracións de desesperación esporádicas e violentas dos obreiros elevaron á clase a un nivel superior.»


A historia que segue —os feitos da Comuna de París, a Segunda internacional, a Revolución rusa, a Terceira internacional, o fracaso da revolución en Europa Occidental, a estratexia da Fronte Única como recoñecemento da inviabilidade do modelo insurreccional xa nos anos 20, a experiencia do Socialismo nun só país, a Fronte Popular, o aproveitamento do consenso keynesiano tras a segunda guerra mundial son os novos capítulos que escribirá, durante o século XX, o movemento emancipador da clase traballadora. Un movemento emancipador que, co empuxe do que Badiou chama "paixón polo real", acadará, polo menos no marco Europeo e Norteamericano, as maiores cotas de benestar da súa historia antes de que a crise do petróleo dos anos 70 e a quebra da Unión Soviética en 1989, dean inicio e aceleren a contrarrevolución conservadora que apostará pola desindustrialización de Europa mediante unha nova especialización da produción a nivel mundial como xeito de desarticular o movemento sindical e de poder prescindir de obxectivos coma o pleno emprego.
É aquí onde entra en escena o libro de Owen Jones: Chavs. A demonización da clase obreira. Retrato dun novo estereotipo presente na sociedade británica (popularmente coñecido como chav) que pretende estigmatizar aos "residuos" da vella clase traballadora industrial retratándoos coma lumpen irresponsable, delincuente, ignorante, bárbaro e sen aspiracións que malvive a base de traballos temporais e precarios e de "estafar", tendo fillos coma coellos, ao Estado do benestar. Un estrato sociolóxico facilmente recoñecible, penso eu, botando man dalgúns filmes do último cinema británico como Sweet sixteen de Ken Loach, Trainspotting de Dann Boyle ou This is England de Shane Meadows. A tese de Owen Jones é clara: a desestruturación das antigas comunidades de clase traballadora tras o peche masivo do sector industrial está a crear unha subclase infrarrepresentada politicamente da que a sociedade británica do "todos somos clase media" fai escarnio público.
Como Jones indica, a estratexia dunha esquerda que queira volver a introducir o concepto de clase na política europea, non debe basearse na regresión nostálxica aos tempos das grandes industrias, senón conseguir reorganizar a esta nova clase obreira, incapaz de recoñecerse a si mesma como tal, que hoxe está composta por traballadores do fragmentario e desregulado sector servizos (teleoperadores, persoal de supermercado, hostelaría, perrucaría, etc.) altamente endebedados tras décadas de conxelación salarial e sostemento do consumo en base ao crédito.
A situación desta clase traballadora —aquí a sucesión de libros parece pechar un círculo— volve recordar, por ser "en si" e non "para si", á da primeira clase obreira. Estando logo chamada a recomezar o camiño da toma de consciencia previa á autorganización e á loita polo poder —incluíndo no seu fardel, ademais, a consciencia da gran derrota resultante do século XX— e volver repensar as ferramentas de tempos pasados para que poidan seguir a ser útiles no presente. O cal, no exemplo concreto do movemento sindical, significaría, segundo Owen, a necesidade "dun novo sindicalismo que se centre especificamente en organizar á nova clase traballadora do sector servizos" e que saiba dirixirse a toda a sociedade en tanto que movemento que vela polo benestar común desde o momento en que velar por emprego e soldos é velar por máis e mellores servizos públicos.
A translación ao noso país dalgunhas das reflexións de Owen é relativamente sinxela. Malia que aquí nunca tiveramos o potente sector industrial inglés si é certo que o ingreso na Unión Europea conlevou un proceso de desindustrialización e de sacrificio de diversos sectores económicos (aqueles que, de momento, non foron sacrificados, como o sector do automóbil en Vigo, sobreviven debido a que a nosa man de obra para eses sectores é aínda "competitiva" a respecto da do norte de Europa). A cidade de Ferrol, que tanto recorda en moitos aspectos (mutatis mutandis) á minguante Detroit post desmantelamento da industria do automóbil e ás decadentes cidades industriais norteñas de Inglaterra descritas por Jones, pode ser paradigmático do paso, tamén aquí, dese capitalismo industrial que conseguía dar á clase traballadora certo benestar material e certa capacidade de articulación política en tanto que colectivo, ao tipo de capitalismo que hoxe fía todo á precarización do sector servizos e á financiarización.

Outro tanto podemos dicir do agro galego, e do seu asasinato a mantenta, onde o seu devir recente é a historia dunha sociedade desestruturada, politicamente pasiva e decadente. Probablemente este sexa o punto que menos vemos reflectido no libro de Jones, algo natural habida conta das diferenzas entre ambos países, polo que o papel do agro como sector con futuro, nun mundo de escaseza enerxética e de recursos, tampouco aparece reflectido na obra do británico que, neste sentido, se move nos parámetros, máis ou menos clásicos, da socialdemocracia trufados de certo e impreciso toque verde como cando acredita na posibilidade de creación dun sector económico baseado nas enerxías renovables e no correcto illamento das casas para facelas enerxeticamente eficientes.
Do que si se poden atopar exemplos parecidos no contexto do Estado español é do escarnio xeralizado contra esa clase traballadora á que se lle extirpou calquera atisbo de dignidade e autoestima que denuncia Owen Jones. Non hai máis que pensar no auxe do fenómeno televisivo dos famosos de clase traballadora e na mudanza de ton con que estes novos famosos convertidos en bufóns son tratados publicamente en comparación cos vellos famosos couché de clase alta. Así mesmo, a utilización de persoas anónimas de clase baixa como cobaias da espectacularización da miseria e da ignorancia en todo tipo de programas de testemuño e de cofeo na desgraza allea constitúen outro exemplo desa ridiculización masiva dos economicamente desfavorecidos.
Segundo Jones, unha das primeiras cousas que debería redefinir unha esquerda que pretenda volver a situar a cuestión da clase no seu discurso é a idea de "aspiración". Ao fío disto, lembra o autor á Margaret Thatcher que, preguntada polo seu maior logro político, respondera: «Tony Blair e o Novo Laborismo. Obrigamos aos nosos adversarios a mudar de opinión». E é que na Inglaterra do new labour que nada ten que envexar ao social-liberalismo español o lema "agora todos somos de clase media" (espírito perfectamente emulado pola España post-Transición) agachaba, como indica Owen Jones, a idea de que cumpría mudar o vello ideal de aspiración en tanto que mellora de condicións colectivas da clase traballadora pola idea de aspiración en tanto que mellora individual baseada no espírito emprendedor, un espírito que habería permitir, aos elementos aínda enguedellados nas arañeiras da condición de clase traballadora pero posuidores de talento ou sorte, fuxir do seu status para entrar no paraíso dourado da clase media. Na nosa terra, hai algúns que están agora a descubrir todo este conglomerado ideolóxico do emprendedoirismo e que mesmo o están a incrustar no ideario de formacións políticas como exemplo de novidade e modernización do discurso, pero o certo é que a ideoloxía do emprendedoirismo, que serve para agochar a negación dos condicionantes de clase dos que todo individuo parte, é, como mostra Jones, unha mercadoría vella e claramente insuficiente se do que se trata é de mellorar a situación das clases populares.
Dicia ao comezo que o sufraxio universal foi unha das primeiras reivindicacións da clase traballadora. Owen Jones detense, no seu libro, no fenómeno da abstención desas clases traballadoras, ou do refuxio en partidos de estrema dereita cun forte compoñente comunitarista (se ben Jones tamén recoñece o papel positivo que partidos nacionalistas progresistas como o SNP escocés ou o Plaid Cymru galés están a xogar á hora de recoller moito dese voto ex-laborista), e di que o fenómeno da crecente desafección que afecta sobre todo á base dos partidos de esquerda está a producir o mesmo fenómeno que se se estivese "esboroando sixilosamente o sufraxio universal." Non hai dúbida de que a perpetuación dunha sociedade na que a vida, valores e dignidade das clases baixas é varrida do mapa ten todas as papeletas de se converter, máis cedo ca tarde, nunha sociedade menos democrática e con institucións cada vez menos representativas e xustas.