1/02/2013

Da clase traballadora



«Agora que se deixou de temer
ás clases traballadoras, xa non merecen respecto,
e os de arriba poden cofarse na súa superioridade
como se isto fora o século XVIII»
Polly Toynbee. Columnista do Guardian

Hai libros cuxa lectura conxunta se complementa de xeito excepcional, ou esa é a sensación que eu tiven despois de ler, un detrás doutro, A formación da clase obreira en Inglaterra de E.P. Thompson, a Historia do bolxevismo de Arthur Rosenberg e Chavs. A demonización da clase obreira de Owen Jones.
O primeiro deles, a monumental obra de E.P. Thompson, narra a historia da conformación e toma de consciencia do que —previa destrución do modo de vida anterior campesiño e artesanal e tras vencer todo tipo de resistencias coma a do movemento ludita— será a clase obreira. Unha realidade sociolóxica que, recollendo a tradición xacobina mantida por elementos intelectuais das clases altas, acabará desembocando, a nivel organizativo, nos primeiros sindicatos xa liderados polas propias clases traballadoras e na articulación dunha serie de movementos sociais que serán cruciais na consecución de reivindicacións como a do sufraxio universal. Todo este proceso de xestación dunha nova clase social, primeiramente fragmentada e con nula consciencia de si mesma, é analizado con vagar por E.P. Thompson para o período de tempo que vai desde o final do século XVIII até o primeiro terzo do século XIX.
A Historia do bolxevismo, o libro de Rosenberg, aborda a xestación, desenvolvemento, éxitos e fracasos do movemento comunista internacional. Así, no primeiro capítulo titulado De Marx a Lenin, Rosenberg, a propósito da mesma época que vería nacer un libro, O manifesto comunista, que condicionaría todo o século XX e que coincide aproximadamente co lugar temporal en que Thompson deixou a súa Historia da clase obreira en Inglaterra, escribe:


«En Francia e en Inglaterra, en Bélxica e en Alemaña, xa antes de 1848, a clase obreira tomara consciencia da súa especial situación. Ela esforzábase por mellorar a súa mísera condición e soñaba cun ordenamento social novo e xusto, onde non existiran máis "o rico" e "o pobre". Pero até 1848, as posibilidades espirituais e de organización propias do proletariado europeo eran ben limitadas. Ese proletariado avanzaba a tentas nas filas da democracia: nin sequera as exploracións de desesperación esporádicas e violentas dos obreiros elevaron á clase a un nivel superior.»


A historia que segue —os feitos da Comuna de París, a Segunda internacional, a Revolución rusa, a Terceira internacional, o fracaso da revolución en Europa Occidental, a estratexia da Fronte Única como recoñecemento da inviabilidade do modelo insurreccional xa nos anos 20, a experiencia do Socialismo nun só país, a Fronte Popular, o aproveitamento do consenso keynesiano tras a segunda guerra mundial son os novos capítulos que escribirá, durante o século XX, o movemento emancipador da clase traballadora. Un movemento emancipador que, co empuxe do que Badiou chama "paixón polo real", acadará, polo menos no marco Europeo e Norteamericano, as maiores cotas de benestar da súa historia antes de que a crise do petróleo dos anos 70 e a quebra da Unión Soviética en 1989, dean inicio e aceleren a contrarrevolución conservadora que apostará pola desindustrialización de Europa mediante unha nova especialización da produción a nivel mundial como xeito de desarticular o movemento sindical e de poder prescindir de obxectivos coma o pleno emprego.
É aquí onde entra en escena o libro de Owen Jones: Chavs. A demonización da clase obreira. Retrato dun novo estereotipo presente na sociedade británica (popularmente coñecido como chav) que pretende estigmatizar aos "residuos" da vella clase traballadora industrial retratándoos coma lumpen irresponsable, delincuente, ignorante, bárbaro e sen aspiracións que malvive a base de traballos temporais e precarios e de "estafar", tendo fillos coma coellos, ao Estado do benestar. Un estrato sociolóxico facilmente recoñecible, penso eu, botando man dalgúns filmes do último cinema británico como Sweet sixteen de Ken Loach, Trainspotting de Dann Boyle ou This is England de Shane Meadows. A tese de Owen Jones é clara: a desestruturación das antigas comunidades de clase traballadora tras o peche masivo do sector industrial está a crear unha subclase infrarrepresentada politicamente da que a sociedade británica do "todos somos clase media" fai escarnio público.
Como Jones indica, a estratexia dunha esquerda que queira volver a introducir o concepto de clase na política europea, non debe basearse na regresión nostálxica aos tempos das grandes industrias, senón conseguir reorganizar a esta nova clase obreira, incapaz de recoñecerse a si mesma como tal, que hoxe está composta por traballadores do fragmentario e desregulado sector servizos (teleoperadores, persoal de supermercado, hostelaría, perrucaría, etc.) altamente endebedados tras décadas de conxelación salarial e sostemento do consumo en base ao crédito.
A situación desta clase traballadora —aquí a sucesión de libros parece pechar un círculo— volve recordar, por ser "en si" e non "para si", á da primeira clase obreira. Estando logo chamada a recomezar o camiño da toma de consciencia previa á autorganización e á loita polo poder —incluíndo no seu fardel, ademais, a consciencia da gran derrota resultante do século XX— e volver repensar as ferramentas de tempos pasados para que poidan seguir a ser útiles no presente. O cal, no exemplo concreto do movemento sindical, significaría, segundo Owen, a necesidade "dun novo sindicalismo que se centre especificamente en organizar á nova clase traballadora do sector servizos" e que saiba dirixirse a toda a sociedade en tanto que movemento que vela polo benestar común desde o momento en que velar por emprego e soldos é velar por máis e mellores servizos públicos.
A translación ao noso país dalgunhas das reflexións de Owen é relativamente sinxela. Malia que aquí nunca tiveramos o potente sector industrial inglés si é certo que o ingreso na Unión Europea conlevou un proceso de desindustrialización e de sacrificio de diversos sectores económicos (aqueles que, de momento, non foron sacrificados, como o sector do automóbil en Vigo, sobreviven debido a que a nosa man de obra para eses sectores é aínda "competitiva" a respecto da do norte de Europa). A cidade de Ferrol, que tanto recorda en moitos aspectos (mutatis mutandis) á minguante Detroit post desmantelamento da industria do automóbil e ás decadentes cidades industriais norteñas de Inglaterra descritas por Jones, pode ser paradigmático do paso, tamén aquí, dese capitalismo industrial que conseguía dar á clase traballadora certo benestar material e certa capacidade de articulación política en tanto que colectivo, ao tipo de capitalismo que hoxe fía todo á precarización do sector servizos e á financiarización.

Outro tanto podemos dicir do agro galego, e do seu asasinato a mantenta, onde o seu devir recente é a historia dunha sociedade desestruturada, politicamente pasiva e decadente. Probablemente este sexa o punto que menos vemos reflectido no libro de Jones, algo natural habida conta das diferenzas entre ambos países, polo que o papel do agro como sector con futuro, nun mundo de escaseza enerxética e de recursos, tampouco aparece reflectido na obra do británico que, neste sentido, se move nos parámetros, máis ou menos clásicos, da socialdemocracia trufados de certo e impreciso toque verde como cando acredita na posibilidade de creación dun sector económico baseado nas enerxías renovables e no correcto illamento das casas para facelas enerxeticamente eficientes.
Do que si se poden atopar exemplos parecidos no contexto do Estado español é do escarnio xeralizado contra esa clase traballadora á que se lle extirpou calquera atisbo de dignidade e autoestima que denuncia Owen Jones. Non hai máis que pensar no auxe do fenómeno televisivo dos famosos de clase traballadora e na mudanza de ton con que estes novos famosos convertidos en bufóns son tratados publicamente en comparación cos vellos famosos couché de clase alta. Así mesmo, a utilización de persoas anónimas de clase baixa como cobaias da espectacularización da miseria e da ignorancia en todo tipo de programas de testemuño e de cofeo na desgraza allea constitúen outro exemplo desa ridiculización masiva dos economicamente desfavorecidos.
Segundo Jones, unha das primeiras cousas que debería redefinir unha esquerda que pretenda volver a situar a cuestión da clase no seu discurso é a idea de "aspiración". Ao fío disto, lembra o autor á Margaret Thatcher que, preguntada polo seu maior logro político, respondera: «Tony Blair e o Novo Laborismo. Obrigamos aos nosos adversarios a mudar de opinión». E é que na Inglaterra do new labour que nada ten que envexar ao social-liberalismo español o lema "agora todos somos de clase media" (espírito perfectamente emulado pola España post-Transición) agachaba, como indica Owen Jones, a idea de que cumpría mudar o vello ideal de aspiración en tanto que mellora de condicións colectivas da clase traballadora pola idea de aspiración en tanto que mellora individual baseada no espírito emprendedor, un espírito que habería permitir, aos elementos aínda enguedellados nas arañeiras da condición de clase traballadora pero posuidores de talento ou sorte, fuxir do seu status para entrar no paraíso dourado da clase media. Na nosa terra, hai algúns que están agora a descubrir todo este conglomerado ideolóxico do emprendedoirismo e que mesmo o están a incrustar no ideario de formacións políticas como exemplo de novidade e modernización do discurso, pero o certo é que a ideoloxía do emprendedoirismo, que serve para agochar a negación dos condicionantes de clase dos que todo individuo parte, é, como mostra Jones, unha mercadoría vella e claramente insuficiente se do que se trata é de mellorar a situación das clases populares.
Dicia ao comezo que o sufraxio universal foi unha das primeiras reivindicacións da clase traballadora. Owen Jones detense, no seu libro, no fenómeno da abstención desas clases traballadoras, ou do refuxio en partidos de estrema dereita cun forte compoñente comunitarista (se ben Jones tamén recoñece o papel positivo que partidos nacionalistas progresistas como o SNP escocés ou o Plaid Cymru galés están a xogar á hora de recoller moito dese voto ex-laborista), e di que o fenómeno da crecente desafección que afecta sobre todo á base dos partidos de esquerda está a producir o mesmo fenómeno que se se estivese "esboroando sixilosamente o sufraxio universal." Non hai dúbida de que a perpetuación dunha sociedade na que a vida, valores e dignidade das clases baixas é varrida do mapa ten todas as papeletas de se converter, máis cedo ca tarde, nunha sociedade menos democrática e con institucións cada vez menos representativas e xustas.

Sem comentários: