1/04/2013

Textos escollidos para ler o presente (X)


O texto que vén a seguir é do intelectual marxista madrileño Manuel Sacristán Luzón. Trátase dun extracto dun texto máis longo que, segundo o seu compilador e editor Salvador López Arnal, é "o texto-base do que seguramente foi, ou ía ser, unha intervención de Sacristán, probablemente a finais do franquismo, nalgunha reunión de militantes do PSUC (e afíns) sobre o principio de autodeterminación e as características “nacionais” do Estado español."
O meu interese polo texto é duplo: por un lado proba que dentro da tradición comunista española hai reflexións moi lúcidas sobre o tema nacional e que, no caso de Sacristán, considérase que as reticencias desa mesma esquerda estatal a respecto desta cuestión son debidas á maior fidelidade ao estatismo socialdemócrata que á propia tradición comunista á que din pertencer. Pola outra, resulta de gran actualidade a reflexión histórica a respecto do nacionalismo aupado, no seu momento, pola burguesía como antagonista ao cosmopolitismo feudal agora que é a herdeira desa burguesía a que se transformou nunha "casta cosmopolita" que "pode saltar indiferentemente de Hungría a Valladolid ou de Centroeuropa a Sicilia", fronte un pobo que "non fala latín" (inglés), e que, ou ben non quere moverse do lugar no que mora ou ben, nos casos en que si quere moverse (os cidadáns do sur do planeta), atopa todo tipo de trabas para facer efectiva a súa propia versión do cosmopolitismo.

A debilidade do socialismo nas nacionalidades peninsulares ibéricas -por facer referencia a feitos próximos- debeuse en gran parte ao desprezo estatista da socialdemocracia española polas nacionalidades periféricas. Pero a actitude máis fortemente conservadora da socialdemocracia respecto do problema das nacionalidades -como en todo o demais- produciuse ao inclinarse a IIª Internacional pola "lealdade" ás "patrias", ou aos estados militaristas na guerra de 1914-1918. A lealdade para co estado propio, por exemplo, dos socialdemócratas austríacos non-leninistas das minorías nacionais checa, polaca, serbia, croata, eslovena, alemá, búlgara, romanesa. Os mesmos feitos que desencadearon a revolución rusa destrúen ás grandes potencias estatais coas que se solidarizara a socialdemocracia co seu abandono -entre outras cousas- do principio das nacionalidades. Un feito como tal recomenda prudencia crítica cando se fala do carácter burgués de tal ou cal reivindicación nacional. Pois mentres haxa nacionalidades, a opresión ou o mero desprezo dunha delas ha ocorrer por forza desde outra nacionalidade. O "internacionalismo" da socialdemocracia austríaca era simple opresión das demais nacionalidades pola xermánica. E a "saña" de Stalin, contra o "social nacionalismo" xeorxiano era, como di Lenin, nacionalismo gran-ruso, chauvinismo de gran potencia.
Máis en xeral, hai que darse de conta do que quere dicir a afirmación verdadeira de que o principio das nacionalidades é de orixe burgués. Quere dicir que a vella aristocracia feudal e dinástica era unha casta cosmopolita, como aínda o seguen a ser os seus últimos e máis ou menos cómicos descendentes. Ese universalismo de casta do século XIV é (entre outras cousas, naturalmente) a ideoloxía desa casta que, mentres quere, pode saltar indiferentemente de Hungría a Valladolid ou de Centroeuropa a Sicilia. O pobo, mentres tanto, non fala latín, nin quere nin sinte co cosmopolitismo dos seus señores. A burguesía é a clase que, durante séculos, dirixiu a resistencia e as rebelións deses pobos contra os seus amos. Por iso deu voz por primeira vez á reivindicación nacional, do mesmo modo que volveu inventar ás de liberdade, igualdade, fraternidade. Tamén a igualdade, a liberdade e a fraternidade, en sentido moderno, son invencións burguesas. Pero da burguesía ascendente. Ninguén diría hoxe que a igualdade ou a liberdade sexan precisamente trazos da vida burguesa. Por non falar xa da fraternidade.
A clase burguesa non poderá realizar o programa pois non é unha clase que represente unha visión universal e sexa suficiente a ideoloxía do seu ascenso. Por iso os seus ideais foron só, como di Marx, "ilusións heroicas": non tentará a liberdade, nin a igualdade, nin a fraternidade. Nin tampouco o principio das nacionalidades. Algunhas nacionalidades facilitaron a súa lingua e os seus estados e as súas tradicións para impoñer novos estados opresores das clases subalternas e, con eles, das nacionalidades minoritarias. O chamado "estado nacional", o francés, por exemplo, é un estado de Reinos de nacionalidades, dalgunhas que estiveron a punto de selo, como a Borgoña, demograficamente máis importantes que a utilizada polos reis e a burguesía de Francia para construír o seu estado. Quen estude a uniformidade coa cal o poder burgués de Francia se consolida durante máis de cen anos [...] saberá a que se ater a respecto da vindicación do principio das nacionalidades polo poder burgués. O poder burgués caracterízase pola exacerbación do principio do estado, non polo das nacionalidades. Por iso di o Manifesto Comunista que os proletarios non teñen patria: "Reprochouse tamén aos comunistas que queiran abolir a patria, a nacionalidade. Os traballadores non teñen patria. Non se lles pode quitar o que non teñen. Pero como o proletariado ten que conquistar primeiro o poder político, alzarse a clase nacional, constituírse como nación, é el mesmo nacional, aínda que de ningunha maneira no sentido da burguesía". Patria, non nación: porque "a Patria" é o piar nacionalmente resolto nun estado. O internacionalismo non pode consistir en facerse cómplice desa opresión das nacionalidades non utilizadas como revestimento cultural do estado, senón en oporse a esa imposición como a calquera outra. A idea de que o proletariado non está obxectivamente interesado no problema das nacionalidades tiña raíces profundas no marxismo socialdemócrata. Este era, a principios de século, un marxismo unilateralmente obreirista, determinista, economicista, penetrado da idea de que o momento histórico non ten máis motivos que os baseados directa e inmediatamente na vida económica. É mero oportunismo das vixentes teorías socialdemócratas a espera do socialismo a través das simples contradicións das relacións e forzas de produción. Esta redución da loita de clases á súa base máis estreita fai que desaparezan todos os problemas non estritamente económico-corporativos. E así a socialdemocracia acaba por propor á clase obreira unha política en realidade medieval: corporativista, estamental, impropia dunha clase que vai representando e máis, co traballo, os elementos definitorios da vida da especie. Para ser revolucionaria, para conseguir o cambio e a sociedade que naza del, a clase obreira ten plenamente que superar o seu desinterese corporativo e construír, organizar explicitamente, a súa universalidade, o seu carácter de representante de toda a especie, de portadora do futuro de toda a especie. Para conseguir isto ten que abarcar todas as realidades sociais, e indicar as vías do desenvolvementos destas.
O feito nacional é unha desas realidades. A nacionalidade é, polo de pronto, un conxunto de trazos do individuo, un bloque de características lingüísticas, culturais e principios que constitúen o seu modo de ser. Se existe historicamente unha comunidade que propague esas características e, con ela, unha integración económica dalgunha orde, entón os trazos étnicos do individuo teñen na súa base unha nación xa formada. Todo iso é realidade, incluso cotiá, do individuo. O que non é vida real de cada quen, senón aparato ideolóxico de dominio sobre os individuos, é a serie de ideas especulativas postuladas para gobernar esa realidade, como a idea do destino histórico, o patrimonio imperial, etc. Ningún individuo nin pobo ten máis sentido ca o de vivir, incluíndo no vivir a morte. Todo o demais, todas as vestimentas patriotas son ideoloxía encubridora de dominio. O internacionalismo é o recoñecemento da realidade plural nacional, a condena das ideoloxías patriótico-imperialistas. Non se pode ser internacionalista comezando por esmagar ás nacionalidades. Esta é unha verdade elemental pero, polo visto, necesitada de repetición.

Sem comentários: