1/08/2013

Unha hipótese


Estes días causou certo escándalo nas redes sociais o feito de que o telexornal da televisión pública española ilustrase cunha fotografía do tenista Rafa Nadal a nova da entrega do premio Nadal de novela. Numerosas persoas analizaron isto, seguramente ben encamiñados, como proba da vontade que ten o goberno do PP de esganar os medios públicos investindo poucos cartos en persoal formado.
Pero o premio Nadal ía de literatura e non de deportes. A novela gañadora do premio, segundo di o seu autor Sergio Vila-Sanjuán nunha entrevista concedida a La Vanguardia "sucede en 1960 e 1961. O momento da chegada da sociedade de consumo a España. Entraron nas nosas vidas a publicidade, a televisión, os electrodomésticos, o marketing... e Barcelona foi pioneira das axencias de publicidade". É dicir, a novela transcorre no momento en que o Estado Español abandona as penurias da autarquía da posguerra, co chamado Plan de Estabilización de 1959, e entra nunha certa senda de normalización económica a respecto do que ocorría no resto de Europa. Este cambio no modo en que o sistema económico se reproducía trouxo consigo cambios culturais importantes. Así, a dicir de Vila-Sanjuán que, polo que parece, catou o ambiente en primeira persoa, "en Barcelona, naquela época, había unha alta sociedade, xente con cartos, que vivía moi ben. Non era a dereita tradicional, sosa, clerical, mais xente que sabía vivir, que tiña barcos, casas na Costa Brava, que montaban unhas festas tremendas e que tiñan una vida sentimental movida. Iso sae na novela, esa dereita liberal, cuxo emblema é un industrial ambivalente, Casimiro Pladevall, franquista metido até arriba no réxime pero que por outro lado patrocina empresas periodísticas, é un bon vivant... Había xente así: o réxime íalles moi ben para os seus negocios pero, coa outra man, apostaban por empresas de modernización e mudaron a sociedade."
O cambio de costumes, que, naturalmente, tamén afectará ás clases baixas,  marca, no Estado Español, a transformación da vella dereita conservadora e clerical na dereita tecnócrata do bussiness e la vida loca. Esta foi a dereita que, coa complicidade da novísima esquerda que se estaba a crear ad hoc, comandou a Transición. Unha dereita que precisaba do consenso das clases populares para o seu proxecto de modernización. A necesidade de crear un novo bloque social que apoiase a transformación económica requerida fomenta a liberalización dos costumes e a apertura a novas moralidades alleas á claustrofobia nacional-católica. Todo o que viría despois: divorcio, destape, Movida, etc. é consecuencia lóxica disto.
Desta dereita laica, pasado o tempo, sairía o que Manuel Martínez Barreiro chamou a Novísima dereita de, entre outros, o noso Feijóo. Pero o proxecto histórico desta, parece razoable pensar, ten poucas alegrías que compartir coas clases baixas. Cando o que guía unha actuación política é o desmantelamento do Estado do benestar, a perpetuación do consenso a través da redistribución económica cara abaixo xa non viable. De aí, quizais, que lonxe de resultar incompatible a convivencia no PP dunha ala tecnócrata e laica con outra reaccionaria e integrista católica, estas se complementen perfectamente nun tempo de penuria que parece exixir, por dicilo cun chiste, o abandono da moral de Paco Clavel e o regreso da moral de Rouco Varela. É dicir (e esta é a miña hipótese), tender a fomentar unha moral regresiva, en concordancia cos valores da resignación, da represión e da contención, que actúe coma cemento ideolóxico e que cercene a incontrolable maquinaria do desexo dunha sociedade en proceso de devaluación e de fractura; debida, esta, á destrución sistemática dos mecanismos de redistribución económica que posuía e á crecente sospeita, acentuada polo paro estrutural, de que o consumo de masas resultará cada vez máis prescindible para que a roda do muiño siga a moer.

Sem comentários: