12/31/2008

Convocatorias contra a barbarie


Concentración en Vigo contra o masacre israelí

Gaza: Deteñamos o exterminio do pobo palestino!

Venres 2 de xaneiro, ás 20:00h, diante do MARCO (R/ do Príncipe)

12/18/2008

Un novo New deal?



Como se estivese a evocar a serie The wonder years [Aqueles marabillosos anos] ou o título do libro de Michael Moore Hey dude Where´s my country [Tío, que fixeron co meu país ] o libro de Paul Krugman Después de Bush (Crítica, 2008) abre cun nostálxico recordo dos anos sesenta nos que o nobel de economía de 2008 comezaba a descubrir o mundo –«Nací en 1953 y, como el resto de mi generación, di por sentado que el país en el que crecí, los Estados Unidos de aquella época, nunca dejaría de ser como eran». O libro traza un paralelismo entre o que a historiografía dos Estados Unidos denomina "A idade dourada" (o período de capitalismo salvaxe inmediatamente anterior ao crack do 29) e os case corenta anos de hexemonía ultraconservadora inciados coa subida ao poder de Ronald Reagan e finalizados (esperemos) co zapatazo (o mundo está descubrindo moito máis tarde cos galegos en que poderoso símbolo político se pode transformar un zapato) do xornalista Muntazer al Zaidi a G. W. Bush. O libro de Krugman é un canto ao New Deal impulsado por Franklin Delano Roosevelt e un chamamento a retomar políticas semellantes ás tomadas despois da Segunda guerra mundial, no que se van deixando caer teses tan interesantes como estas:
1. Primacía da política sobre a economía na creación de benestar. «La distribución relativamente equitativa de los ingresos generada por obra de Roosevelt acabaría persistiendo durante más de treinta años. Ello constituye un poderoso indicio de que las instituciones, las normas y el contexto político tienen una repercusión mayor sobre la distribución de los ingresos que las fuerzas impersonales del mercado, por mucho que los tratados de economía al uso puedad llevar al lector a creer lo contrario.» E tamén: «En la actualidad estamos viviendo una segunda Edad Dorada, que corre pareja con la vertiginosa desaparición de la sociedad de clases medias surgida en la posguerra. La explicación asumida de este hecho es que, aun tratándose de un fenómeno negativo, obedece a fuerzas que escapan a nuestro control. No obstante, el proceso histórico de la Gran Compresión [igualación dos salarios entre traballadores e traballadores e entre empresarios e traballadores] constituye un poderoso revulsivo contra el fatalismo y la prueba fehaciente de que las reformas políticas pueden generar una distribución más equitativa de los ingresos».
2. Distorsión electoral que exerce a cuestión racial no esquema dereita/esquerda dentro dos EEUU. «Uno de los temas clave de este libro lo constituirá la cuestión de hasta qué punto el antagonismo racial ha ejercido un efecto perverso y omnipresente sobre la política estadounidense, para beneficio
mayoritariamente de los conservadores». Ou tamén: «Las secuelas de la esclavitud el pecado original de Estados Unidos son la causa de que seamos la única economía avanzada del mundo que no garantiza la atención médica universal a sus ciudadanos». Ou: «Mantener a la pobación negra apartada de los hospitales para blancos acabó siendo para los políticos del sur más importante que proporcionar a los blancos pobres los medios necesarios para recibir tratamiento médico». A este respecto é interesante reflexionar sobre como unha cuestión cultural pode imporse ao antagonismo de clase. Disto trataba tamén o libro de Thomas Frank, xa comentado aquí, Qué pasa con Kansas e ao que Krugman lle dedica algunhas liñas: «El libro de Frank me dejó auténticamente estupefacto y sigo pensando que constituye un ensayo magistral sobre la genial habilidad desplegada por el movimiento conservador al explotar en provecho propio cuestiones que afectan emocionalmente al electorado». Transladando isto á nosa realidade, penso que unha función similar á racial cúmprea aquí a cuestión nacional até o punto de que unha maioría como a que obtén Esperanza Aguirre en Madrid non se explica sen que as clases populares respondan con máis entusiasmo, á hora de depositar o seu voto, ao "España se rompe" que a un evidente "As privatizacións conseguen que o meu benestar faga augas".
3. Importancia dos sindicatos na calidade de vida obtida polos traballadores durante o New Deal. «Con todo, si hay una sola razón que explique por qué la situación de los trabajadores manuales asalariados era mucho mejor en la década de 1950 que en la de 1920, esa no es otra que el auge de los sindicatos». Eu criticaríalle aquí a Krugman que esquecese o papel de alternativa que representaba a Unión Soviética e a necesidade en Occidente de conter ese polo de atracción mediante concesións ás clases populares.
4. Influencia da guerra no éxito dos primeiros anos do New Deal. «En circunstancias normales, el gobierno de un país con economía de mercado, puede, en el mejor de los casos, influír sobre los salarios, pero no puede establecerlos directamente. No obstante, en la década de 1940 y a lo largo de casi cuatro años, sectores vitales de la economía estadounidense pasaron a estar
a fin de coadyuvar al esfuerzo bélico bajo control más o menos directo del gobierno, que se sirvió de su influencia para generar una mayor equiparación de ingresos». «La segunda guerra mundial creó las condiciones favorables que hicieron necesaria una intervención a gran escala del gobierno en los asuntos económicos, barriendo así todo posible escepticismo respecto de la aplicación de medidas radicales». Se cadra hoxe o único que podería cumprir un papel de emerxencia semellante á guerra para volver establecer consensos como os do New deal sería que a crise financeira acadase cotas verdadeiramente dramáticas.
5. O consenso que propiciou o New Deal baseouse en non deixar que os ricos tivesen os recursos necesarios para desestabilizar o sistema. «Durante el periodo comprendido entre 1948 y un determinado momento de la década de 1970 ambos partidos asumieron los cambios que se habían producido durante la Gran Compresión, en los que supuso un consenso que se vio mantenido en buena parte gracias a las condiciones políticas creadas por el New Deal. De acuerdo con ello, una fiscalidad altamente progresiva limitaba la opulencia en la cúspide de la pirámide social, al tiempo que los ricos carecían de la fuerza política necesaria para protestar».
6. Unha política racial discriminadora e agresiva cos negros, como reacción ao movemento de dereitos civís dos sesenta, e o rexeitamento á amoralidade hippie que socavara moitos valores estadounidenses na súa oposición á guerra de Vietnam (novamente cuestións culturais) propiciou a chegada de Nixon. A posterior chegada de Reagan provocaría ademais a ruptura do consenso en materia económica. «Por encima de todo, los republicanos supieron aprovecharse de la violenta oposición de la población blanca contra el movimiento pro derechos civiles y sus consecuencias. Gracias a ello, el movimiento conservador se haría con la presidencia del país
» e tamén: «Así, en su campaña a las elecciones como gobernador de California se basó parcialmente en la promesa de revocar la Ley de Vivienda Justa en ese estado. En palabras de Reagan: Si un individuo quiere discriminar a los negros o a otros grupos de personas a la hora de vender o alquilar su casa, tiene perfecto derecho a hacerlo».
7. Habilidade da administración Bush para introducir na axenda política –guerra contra o terrorismo, imperios do mal, seguridade nacional– elementos distractivos que permitisen continuar coas políticas da Idade Dourada e capacidade para restrinxir o acceso ao voto de cidadáns –negros e inmigrantes– potencialmente demócratas.
8. Verificación de que os medos raciais teñen cada vez menos eco na sociedade estadounidense (o libro é anterior á victoria de Obama, pero o autor xa apostaba por unha victoria demócrata) polo simple feito de que EEUU é cada vez un país menos branco.
9. Obxectivo número un do vindeiro goberno demócrata: universalizar a asistencia sanitaria.

Hai no grupo punk californiano de finais dos 70 Dead Kennedys (e en xeral no grafismo de boa parte dos discos editados pola súa discográfica Alternative Tentacles) un elemento similar a algún dos lugares comúns dalgunhas películas de David Lynch: Denunciar que por debaixo da paisaxe perfecta das urbanizacións axardinadas da clase media estadounidense dos anos 60 en diante, habita un sórdido inferno. Se un colle, por exemplo, o disco Plastic surgery disasters [Os desastres da cirurxía plástica] (Alternative tentacles, 1982) verá, na portada, ilustrando o sarcástico título, unha escuálida man negra produto dalgunha das grandes fames que padeceu África nos primeiros 70s (non en van o cantante dos Dead Kennedys faise chamar Jello Biafra) sobre unha ben mantida man branca. Se olla para a contraportada verá unha fotografía dunha das mencionadas urbanizacións dos sesenta (Krugman tamén fala delas ao referirse a Lewittown, a zona residencial por antonomasia dos anos 50 e que debe o seu nome a William Levitt, o deseñador das casas). As dúas imaxes son, na cosmovisión dos Dead Kennedys (cuxa mesma música é unha revisión acelerada e esquizoide do rock n roll dos 50), a cara e a cruz dunha mesma moeda. Imposible non relacionar todo isto co comezo de Blue Velvet [Veludo azul] (1986) na que Lynch, despois de filmar idílicas imaxes dunha veciñanza estadounidense onde os bombeiros mesmo saudaban sorrindo á cámara, fai que esta se vaia achegando cada vez máis ao chan ata ampliar mostruosamente un céspede inzado de insectos no que apodrece a orella mutilada que servirá de Mcguffin para emprender a baixada ao submundo da loucura, o masoquismo e a violencia en que consiste o filme.
E por que digo todo isto? Porque na miña opinión Krugman, como facemos todos cando recordamos a nosa infancia, tende a magnificar o bo e a esquecer o malo. Segundo teño entendido, os periodos de goberno demócrata caracterízanse por unha menor intervención en lugares afastados e unha maior atención ao seu propio contexto (se cadra por iso os latinoamericanos acostuman dicir que a súa soberanía respéctaa máis o partido republicano, partido con tendencia a inxerir na política de zonas distantes coma Oriente medio) ; este certo ensimesmamento, este centrar a atención exclusivamente nos problemas (e as solucións) estadounidenses é para min a eiva maior deste libro. Naturalmente Krugman é un home moderado, non un revolucionario, e así e todo, estraña que non haxa en todo o libro unha crítica á globalización económica, verdadeira causante dos problemas que asolan medio planeta e culpable da crise financeira e alimentar que estamos a padecer; tamén estraña que non se aborde a cuestión de si unha política industrial semellante á do New deal, coa súa dependencia do consumo interno, sería actualmente sostible nun planeta cos recursos naturais a piques de esgotarse. E é que esta é a orella cortada do reformismo demócrata: chamar universalizar (a asistencia, as normativas, o benestar) unicamente a aplicar este tipo de políticas ao planeta USA.



12/15/2008

Razón e fe

Acabada de encetar a lectura de Modelos de democracia (Alianza, 2007) e tras a obrigada parada na Atenas do século V a de C –limiar inescusable disto que chamamos democracia–, David Held vainos preparando para a chegada do medievo como segue: «Es difícil explicar el eclipse en Occidente del ideal del ciudadano activo cuya existencia misma se afirma en y a través de la acción política. Sin embargo, resulta evidente que la antítesis del homo politicus es el homo credens de la fe cristiana: el ciudadano, para quien el juicicio activo es esencial, es desplazado por el fiel creyente». Así, se os antigos gregos estaban preocupados pola gobernación da polis presente, os contemporáneos de San Agustín sacrificarán aquela en beneficio doutra polis futura: a cidade de Deus.
Moitos séculos despois, na Inglaterra anglicana e secularizada de principios do século XX un escritor recén convertido ao catolicismo teimaba en convencer os seus compatriotas –case tan fóra de lugar coma o Ignatius J. Reilly da Conxura dos necios– das bondades do pensamento medieval e da necesidade de dar preferencia ao coñecemento que outorga a fe fronte ao coñecemento obtido mediante a razón. A lectura de G.K. Chesterton prodúceme un pracer tanto máis curioso canto que son poucas as ideas sostidas polo británico que podo compartir plenamente. Así e todo, ademais da grande capacidade dialéctica e o desbordante enxeño que amosa hei recoñecer que hai nos seus libros ensaísticos –neste caso Razones para la fe (Styria, 2008)– un pouso de verdade que contribúe a que os degluta aínda con máis voracidade. Unha das explicacións que encontro para que os seus libros esperten en min interese e non a sensación de me encontrar ante un mero artefacto de propaganda reaccionaria, estriba no feito de Chesterton ter atopado no catolicismo e na súa crítica ao que hoxe chamariamos posmodernismo (algo que tamén fixo Benedicto XVI a pouco de ser entronizado coa súa condena do relativismo), un antídoto contra o problema que souberon enxergar na Ilustración Adorno e Horkheimer: o cuestionamento sistemático de todo mito só pode acabar converténdose el mesmo nun mito. Ou, indo polo camiño paralelo de Platón (un dos primeiros que previu o problema da liberdade concedida pola democracia): "Lo mismo con relación a un estado que con relación a un simple particular, la libertad excesiva debe producir tarde o temprano, una extrema servidumbre". Evidentemente a solución de Chesterton é –por moito que resultase complicado ser católico no seu tempo e no seu país– a máis sinxela. En opinión do escritor «no existe ninguna otra institución estable e inteligente que haya meditado sobre el sentido de la vida durante dos mil años. Su experiencia abarca casi todas las experiencias, y en particular casi todos los errores», polo tanto o mellor que pode facer o individuo é deixar de perder o tempo querendo descubrir camiños novos e entregarse ao pracer de dar sentido á súa vida formando parte dunha gran tradición. O segundo motivo que atopo para explicarme por que Chesterton aínda me atrapa é o de ter a impresión de que el mesmo está pechado no paradoxo que denuncia. Acaso non hai algo demasiado racional, demasiado premeditado, nas súas piruetas dialécticas, nas súas brincadeiras, nas súas frases redondas? Non evidencia a súa teima en explicarnos, poñamos por caso, a mística, que estamos ante calquera tipo de persoa menos ante un místico? E non hai algo fraudulento en como Chesterton pretende que descubramos a necesidade da fe empregando as armas da razón en lugar de facer da fe fin e medio? Todo semella, lendo a Chesterton, que tamén o mito, como dicían Adorno e Horkheimer, pode mutar subitamente en cháchara ilustrada.
Moito máis claro no que toca á relación entre ilustración e relixión e entre razón e fe é Hans Küng. Este sacerdote católico que viu varios dos seus libros prohibidos pola Congregación para a doutrina da fe (é dicir, pola Inquisición) e coutada por esta mesma instancia a súa facultade para exercer a docencia relixiosa, escribe en Iglesia Católica (Debate, 2002), unha breve historia da institución estable e intelixente que levaba dous mil anos meditando sobre o sentido da vida. E faino sen escatimar críticas cada vez que a igrexa de Roma baixaba un chanzo máis a respecto da súa vocación orixinal de comunidade de crentes, cada vez que avanzaba no proxecto de se converter nunha superestrutura de poder e de produción de normas sen alicerce no Evanxeo. Entre os episodios máis negros –interesante sería coñecer que pensaría ao respecto un inglés coma Chesterton se na altura non tivese morto xa– o silencio de Pío XII cando o III Reich comezou a limpar –como mostrou elípticamente Costa Gavras en Amen (2002)– Mitteleuropa de xudeus.
Hans Küng describe a Pío XII coma o «último representante indiscutible del paradigma medieval de la Contrarreforma» e tamén un Papa obsesionado «por el temor al comunismo»; se polo primeiro argumento se evidenciaba o homo credens que habitaba dentro deste Papa, polo segundo argumento saltaba á vista, para ben ou para mal, o seu caracter de homo politicus.
«Nueve de cada diez ideas que llamamos nuevas son simplemente viejos errores» dicía o xenial e provocador Chesterton; e eu engadiría que no seo da Igrexa Católica houbo quen cometeu –a base de aplicar a vella idea consistente en mirar para outro lado– un novo erro tan terrible que aínda hoxe estremece. É probable que Chesterton volvese defender á igrexa contrapoñendo a este erro un acerto, e que por ser a desta institución unha historia multisecular, ao final resultase imposible determinar con canta maldade ou bondade total reviste as súas accións a Igrexa. Pero se do que se tratase fose de delimitar en que se trabucaba Chesterton, cumpriría dicir que o seu erro consistiu en esquecer que cada erro desta institución –con máis motivo se cabe ao referírmonos a unha entidade que fai gala da súa infalibilidade– é un fito único no devir da historia. Un episodio sen posible contrapartida. Un momento illado que non acepta compensación.

16/12/08. Pequeno anexo a
«Razón e fe»: Hoxe escoitei dicir a un ínclito xornalista de dereitas que o peor do caso Madoff (señor que pasou en tempo record de presidente do Nasdaq a caloteador de pouca monta) é que mina a fe dos investidores no sistema financeiro. Asumido por fin que o funcionamento do sistema circulatorio do capitalismo é unha cuestión de fe comprendo moito mellor por que a Igrexa Católica sempre foi anticomunista.

12/14/2008

Nacionalismo e movementos sociais

Xosé Manuel Beiras prologa o último libro de Carlos Taibo Fendas abertas. Seis ensaios sobre a cuestión nacional (Xerais, 2008) relembrándonos a coñecida distinción que fixera Michael Lowy entre o nacionalismo dos oprimidos e o nacionalismo dos opresores; á súa vez, o autor, no capítulo titulado Galiza na globalización capitalista, parece estar pensando no ex portavoz nacional do BNG cando, ao tratar de explicar por que os movementos antiglobalización eran "infelizmente débiles" no noso país escribe: «Mentres o Partido Socialista non está interesado en promover, alén dalgunha retórica ocasional, este tipo de movementos, o Bloque Nacionalista Galego conténtase con facer visíbel a presenza do seus responsábeis –para mellor dicilo, dalgúns dos seus sectores hoxe marxinados da súa dirección– nos Foros Sociais Mundiais sen desenvolver o traballo cotián encamiñado a desenvolver materialmente as redes. Uns e outros están agora moito máis preocupados polas tarefas institucionais que polo crecemento de instancias cada vez máis afastadas das querenzas oficiais desas forzas» . Tanto Taibo coma Beiras participaron nunha das múltiples palestras organizadas no seo do exitoso primeiro Foro Social Galego celebrado hai ben pouco en Compostela. Se o primeiro anunciou que neste tempo de crise se albiscaban boas perspectivas para a loita antiglobalización (pensar no que está a suceder en Grecia é inevitable) toda vez que as desigualdades e as contradiccións que aquelas xeran eran cada vez máis fortes e advertindo, así mesmo, da alta probabilidade de que precisamente por causa desas mesmas contradiccións xeradas pola desigualdade, emerxesen novamente tempos escuros de totalitarismo resumidos no medo a un "novo Auschwitz"; Beiras, pola súa banda, reincidiu na tese que leva tempo sostendo e que, como indica a cita de Taibo transcrita máis arriba, este tamén parece, en certa forma, subscribir: as pontes entre os movementos sociais e a instancia política están rotos.
E malia que os partidos non estean interesados nos movementos sociais (contribuíndo mesmo a afogar a algún deles ata a morte como tamén se observou na mentada palestra do Foro) aqueles están a agromar –desde a rede Galiza non se vende ate o grupo de colectivos e individuos que impulsaron o FSGal– como cogomelos no outono por toda a xeografía galega.

Igual que se dunha psicofonía vinda do pasado se tratase, o senador Fraga Iribarne, proferiu ante a agradecida audiencia madrileña que «aos nacionalistas había que ponderalos colgándoos dalgún sitio». O pai da constitución, ao que ultimamente os neocons episcopalianos calificaban de frouxo, volveu demostrar que non perdeu pulso á hora dicir barbaridades e de estar a última no que se refire a unha das estratexias (a que poderiamos denominar estratexia de naturalización) desta nova dereita liberal. Se a mecánica da estratexia funcionou ben no que toca á economía, desde o punto e hora en que a mesma esquerda asumiu que o capitalismo formaba parte da paisaxe (cando non era a mesma paisaxe), por que non ía funcionar ben no que toca ao problema da identidade nacional do Estado Español? Igual que só había un sistema económico posible só pode haber unha identidade nacional posible, o resto de identidades alternativas é o que o establishment centralista denomina, como se con eles non fose a cousa, nacionalismo.
Coordinado tamén por Carlos Taibo apareceu Nacionalismo español. Esencias, memoria e instituciones (Catarata, 2007) para recordarnos o que algúns xa esqueceran e o que Manuel Fraga conseguiu resucitar na súa versión máis sinistra: o nacionalismo español non só existe, senón que é posible trazar a súa xénese, o seu decorrer histórico e as súas debilidades. Dos moitos e interesantes traballos que conforman este libro destacaría, tendo en conta que recentemente se celebrou o día da constitución, o firmado por Xacobe Bastida Freixedo no que se denuncia como, ao facer repousar a constitución sobre a base da indisoluble unidade da nación española, os redactores do texto provocaron que aquela non fundamentase á nación «como de un ordenamiento democrático y liberal pudiera esperarse– sino que era la nación –más aún, una característica de esa nación, su indisoluble unidad– la que fundamentaba la constitución». Así, o nacionalismo español non só existe se non que responde ao peor dos tipos de nacionalismo: aquel que concibe á nación como anterior a todo ordenamento político. Imposible, polo tanto, pretender fundamentar na constitución española un patriotismo constitucional de tinte habermasiano libre de calquera sombra de esencialismo que servise de base ao consenso normativo entre españois.

O BNG naceu, basicamente, da unión de dous partidos, pero se conseguiu facerse forte foi grazas ao movemento social que soubo crear ao seu redor: sindicatos obreiros, agrarios, organizacións ecoloxistas, etc. Mesmo a existencia dun movemento como Nunca máis foi, en parte non pequena, decisiva para conseguir que Fraga Iribarne sexa hoxe unha psicofonía. Os movementos sociais que desenvolven na actualidade moitas loitas xustas e que colaboran na elaboración de propostas interesantes (penso na idea de soberanía alimentar ou, como nos ensinou Daniel Raventós no recente FSGal, na idea da renda básica), senten que, aquel partido que noutrora facía de corda de transmisión das súas propostas á institución parlamentar, non está a desenvolver, a día de hoxe, ese papel. E porén, os movementos sociais necesitan poder influír nas políticas concretas e na elaboración das leis que se discuten en todos os parlamentos ou correrán o risco de que a súa actividade se volva, se non inútil, si frustrante.
Reproducía ao comezo deste artigo a distinción de Lowy entre nacionalismo dos oprimidos e dos opresores. O primeiro é unha ferramenta que serve para producir cambios sociais nun contexto xeográfico determinado (e se non que llo digan a Venezuela, Bolivia ou Ecuador), o segundo, como no caso do esencialismo español, consiste na cousificación ideolóxica inventada polas clases altas para perpetuar o statu quo. O primeiro constrúese dialécticamente coa realidade o segundo é inmobilista e discriminador. Só un nacionalismo galego emancipador pode ser útil ás clases populares galegas. Só un nacionalismo galego atento ás demandas dos movementos sociais pode ser emancipador. Poderiamonos preguntar se o BNG capitaneado por Beiras foi máis permeable aos movementos sociais que o actual, pero este sería un debate co que non gañariamos nada; cuestión ben máis importante é saber se o partido que cogoberna canda o PSOE a Xunta de Galiza no presente aínda está disposto a poñerse, como dicía o verso de Méndez Ferrin, «de ponte» entre aqueles que redactan as leis e os colectivos e persoas que pensan(mos) que a participación política non pode consistir só en depositar, cada catro anos, un papel pintado nunha urna.

12/02/2008

"Que se vayan todos"

O filme The take (Canadá, 2004) móstranolo moi claro: A Arxentina dos anos 90 é o monstro en que se transformará calquera país que aplique sen rechistar as políticas de mercado libre e de privatización salvaxe aconselladas polos organismos económicos internacionais. Un primeiro paso cara este abismo xa o estamos a ver coa creba bancaria, un segundo paso pode comezar a suceder, no caso galego, máis cedo que tarde á vista dos últimos movementos en sectores económicos de gran relevancia para o noso país: automoción, enerxía e infraestructuras de transporte.
O primeiro deles, o
cluster de automoción con Citröen á cabeza, está xa a imitar aos bancos na súa demanda de recursos públicos. Despois de anos de bonanza, os coches acumúlanse –o cancro do sistema que mellor asignaba os recursos segue a ser a sobreprodución– no recheo de Bouzas sen comprador. O risco de que os cartos públicos galegos acaben voando a unha multinacional francesa (seino, é un oxímoro) que non dubidará en reubicarse un pouco máis ao sur se chegase a ser necesario, é obvio.
Os outros dous casos son, se cabe, máis sangrantes. Despois de que tanto os gobernos de Felipe González como os de Anzar fosen paseniñamente acabando co caracter público da compañía Repsol (o ex ministro de economía e facenda na altura, Miguel Boyer, recoñeceu recentemente en Elpais a "inxenuidade" que supuxo ter privatizado totalmente a compañía petroleira cando ningún estado do contorno fixo o propio cos seus sectores enerxéticos) e de que o goberno Popular na Xunta dese o visto bo a unha privatización, a de Audasa, culpable de que os galegos
–sen importar o nivel de renta levemos anos pagando o coste equivalente a varias autoestradas con ponte de Rande incluída; agora a mesma Sacyr, víctima (ou verdugo) doutro sector afogado na súa especulación superprodutora, vende a Autoestrada do Atlántico a un banco inversor de EEUU Citigroup– de liquidez económica dubidosa.
Ante o paradoxo de que tanto Gazprom (o primeiro pretendente de Repsol) coma Lukoil
compañías nas que a sombra do estado ruso disque é alongada e Citigroup recentemente intervida polo estado americano poidan controlar os prezos do combustible e da principal vía pola que circularán moitos dos coches fabricados na empresa francesa agora subvencionada, que nos queda a nós por facer ademais de berrar como berraban as masas empobrecidas arxentinas da película de Lewis/ Klein, "que se vayan todos", cando vemos que as atribucións do goberno galego neste ámbito son nulas e as de Madrid son incontrolables?

12/01/2008

Significado e retos do primeiro Foro Social Galego



Moito ten chovido xa desde que a fórmula organizativa do foro comezara a trunfar –co sólido alicerce daquel xa mítico Foro Social Mundial de Porto Alegre de 2001– entre os movementos sociais de todo o mundo. Se o que se tentaba daquela era volver aglutinar e dotar de esperanza a unha esquerda varrida do mapa pola moda neoliberal, do que se trata agora é de que eses mesmos movementos sociais sexan quen de dar unha alternativa a un sistema que –despois de arrasar medio planeta a base de guerras, desigualdade, miseria e recorte de dereitos– vai camiño tamén de autodestruírse a si mesmo. Co fracaso soviético aínda fungando na caluga de todo aquel que ousase impugnar aquela “Nova Orde Mundial” imperante e coa inutilidade duns partidos máis ou menos socialistas ancorados nas renuncias e limitacións que impuña o sistema electoral das democracias liberais, os movementos sociais foron, durante todo este tempo, o baluarte no que aínda crepitaba a chama acesa da utopía necesaria.
Neste 2008 no que andamos –ano que sen dúbida ingresará no que Borges chamara a historia universal da infamia– noutro foro social (o Europeo de Malmö) outra vella pantasma percorría moitas das mesas e xuntanzas que tiveron lugar na pequena e xélida cidade sueca: a cuestión do poder; ou o que é o mesmo: o salto mortal sen rede que leva da teoría á praxe política.
Entre as voces que máis alto berraban neste sentido destacaban as de Ignacio Ramonet e Bernard Cassen que, coa vista posta no que está a acontecer en Latinoamérica –onde por exemplo Evo Morales, líder saído directamente dos movementos sociais, comeza a pór en práctica moitas das políticas que levaban reivindicando os movementos desde a súa orixe– clamaban para que a esquerda europea saíse do seu ensimesmamento e se atrevese a intervir activamente, articulando propostas con carga transformadora real, na area política.
Indo un pouco máis atrás no tempo –finais do 2007– e co gallo dun encontro posteriormente editado en libro do Colectivo Política en Red, Joan Subirats (catedrático de ciencia política na Universidade Autónoma de Barcelona) reflexionaba como segue: “Vexo un perigo no feito de que moitos movementos sociais consideren que as institucións son algo raro e totalmente alleo ás súas vidas. Decidiron que as institucións non son importantes para eles. Tentarei explicar a miña visión cun triángulo. Os tres vértices son: resistencia, disidencia e influencia. O triángulo ilustra a tensión entre estar contra o poder dominante e contra as institucións políticas e, á vez, ser capaz de construír novas alternativas; trátase de influír nas institucións e relacionarse con elas de xeito conflictivo, o que inclúe estar presente na vida das institucións políticas formais”.
De volta a Malmö, Blanca Chancosa mostrábanos baixo unha carpa que a duras penas nos parapetaba contra a xeada escandinava como, unha vez máis, Latinoamérica puña en práctica o que Europa só soñaba. Así, o que Subirats describía botando man da xeometría, Chancosa –na linguaxe clara e terreal da líder indíxena que era, bregada en mil batallas no seu Ecuador natal– sintetizábao coa precisión de quen ten que decidir sobre aspectos do concreto: “Aínda non temos claro se Correa está disposto ou non a facer os cambios reais que Ecuador necesita, pero si sabemos que Correa está onde está grazas aos movementos sociais, e tamén sabemos que si Correa falla non pasará nada, porque os movementos seguiremos aí, coa mesma forza, na loita”.
“A institucionalización da esquerda –abundaba o Colectivo Política en Red– desembocou nun grave empobrecemento do que é a política. Téndese a confundir a política cos partidos e as institucións, e isto provoca que moitas persoas se distancien da política; un distanciamento que tamén afecta a moitas persoas e colectivos que se dedican a ela (posto que traballan para transformar os individuos e mais as comunidades). Teñen a sensación de que o que fan non ten nada que ver co que se supón que é a política. Polo tanto, deberiamos tentar rescatar e ampliar o significado social da política mediante a ‘politización’ da vida cotiá, das relacións sociais e das formas de traballo e coexistencia (Joan Subirats)”.
Xa que logo, entre os camiños que poden ser transitados agora que o sistema fai augas, tanto na periferia coma nos mesmos centros de poder, estarían os de politizar a vida cotiá aprendendo, por exemplo, da experiencia do movemento feminista e a súa máxima de “o persoal é político”, dando forma a unha ética do día a día baseada nos valores que dicimos defender sen separar ámbitos de aplicación para estes valores; e tamén atender ás xa comentadas prácticas que se están desenvolvendo agora mesmo en Latinoamérica –Boaventura de Sousa Santos proporía atender á epistemoloxía do sur– como é, por exemplo, a realidade de que o movemento social tome as institucións sen que as institucións tomen o movemento social.
É en medio de todo este contexto –e con toda esta bagaxe ás nosas costas– que nace o primeiro Foro Social Galego. Cunha realidade económica a un tempo periférica e central, coas peculiaridades propias dun país colonizado culturalmente e co lastre dun certo individualismo constitutivo do noso “caracter nacional” (se se me permite esta veleidade romántica de dubidosa existencia) que non é alleo ao movemento social galego, construiremos os vindeiros días 5, 6 e 7 de decembro, nas inmediacións do campus norte de Santiago de Compostela un foro que terá que cumprir, na miña opinión, unha dupla función: ser un fin en si mesmo –como o foron os primeiros Foros Sociais Mundiais– en canto a que será a primeira vez que o movemento social galego una as súas forzas coa idea de coñecerse e recoñecerse para ofrecer á sociedade un panorama da súa pluralidade e do seu vigor; e tamén ser o trampolín –como penso que deberán ser todos os foros que se celebren de agora en diante se non queren caer na reificación paralizante– que sirva para intervir de maneira efectiva nas políticas que se realicen no país, sen que isto supoña unha chata nin na súa autonomía nin na súa natureza de contrapoder crítico e insubornábel. Trátase, ao cabo, de que contribuamos desde este recuncho do globo chamado Galiza a dilucidarmos se este colapso do modelo económico capitalista suporá soamente –como diría o xa citado Joan Subirats– unha época de cambios ou se pola contra encarnará o verdadeiro cambio de época que, estou seguro, todas e todos desexamos..