12/02/2008

"Que se vayan todos"

O filme The take (Canadá, 2004) móstranolo moi claro: A Arxentina dos anos 90 é o monstro en que se transformará calquera país que aplique sen rechistar as políticas de mercado libre e de privatización salvaxe aconselladas polos organismos económicos internacionais. Un primeiro paso cara este abismo xa o estamos a ver coa creba bancaria, un segundo paso pode comezar a suceder, no caso galego, máis cedo que tarde á vista dos últimos movementos en sectores económicos de gran relevancia para o noso país: automoción, enerxía e infraestructuras de transporte.
O primeiro deles, o
cluster de automoción con Citröen á cabeza, está xa a imitar aos bancos na súa demanda de recursos públicos. Despois de anos de bonanza, os coches acumúlanse –o cancro do sistema que mellor asignaba os recursos segue a ser a sobreprodución– no recheo de Bouzas sen comprador. O risco de que os cartos públicos galegos acaben voando a unha multinacional francesa (seino, é un oxímoro) que non dubidará en reubicarse un pouco máis ao sur se chegase a ser necesario, é obvio.
Os outros dous casos son, se cabe, máis sangrantes. Despois de que tanto os gobernos de Felipe González como os de Anzar fosen paseniñamente acabando co caracter público da compañía Repsol (o ex ministro de economía e facenda na altura, Miguel Boyer, recoñeceu recentemente en Elpais a "inxenuidade" que supuxo ter privatizado totalmente a compañía petroleira cando ningún estado do contorno fixo o propio cos seus sectores enerxéticos) e de que o goberno Popular na Xunta dese o visto bo a unha privatización, a de Audasa, culpable de que os galegos
–sen importar o nivel de renta levemos anos pagando o coste equivalente a varias autoestradas con ponte de Rande incluída; agora a mesma Sacyr, víctima (ou verdugo) doutro sector afogado na súa especulación superprodutora, vende a Autoestrada do Atlántico a un banco inversor de EEUU Citigroup– de liquidez económica dubidosa.
Ante o paradoxo de que tanto Gazprom (o primeiro pretendente de Repsol) coma Lukoil
compañías nas que a sombra do estado ruso disque é alongada e Citigroup recentemente intervida polo estado americano poidan controlar os prezos do combustible e da principal vía pola que circularán moitos dos coches fabricados na empresa francesa agora subvencionada, que nos queda a nós por facer ademais de berrar como berraban as masas empobrecidas arxentinas da película de Lewis/ Klein, "que se vayan todos", cando vemos que as atribucións do goberno galego neste ámbito son nulas e as de Madrid son incontrolables?

Sem comentários: