12/01/2008

Significado e retos do primeiro Foro Social Galego



Moito ten chovido xa desde que a fórmula organizativa do foro comezara a trunfar –co sólido alicerce daquel xa mítico Foro Social Mundial de Porto Alegre de 2001– entre os movementos sociais de todo o mundo. Se o que se tentaba daquela era volver aglutinar e dotar de esperanza a unha esquerda varrida do mapa pola moda neoliberal, do que se trata agora é de que eses mesmos movementos sociais sexan quen de dar unha alternativa a un sistema que –despois de arrasar medio planeta a base de guerras, desigualdade, miseria e recorte de dereitos– vai camiño tamén de autodestruírse a si mesmo. Co fracaso soviético aínda fungando na caluga de todo aquel que ousase impugnar aquela “Nova Orde Mundial” imperante e coa inutilidade duns partidos máis ou menos socialistas ancorados nas renuncias e limitacións que impuña o sistema electoral das democracias liberais, os movementos sociais foron, durante todo este tempo, o baluarte no que aínda crepitaba a chama acesa da utopía necesaria.
Neste 2008 no que andamos –ano que sen dúbida ingresará no que Borges chamara a historia universal da infamia– noutro foro social (o Europeo de Malmö) outra vella pantasma percorría moitas das mesas e xuntanzas que tiveron lugar na pequena e xélida cidade sueca: a cuestión do poder; ou o que é o mesmo: o salto mortal sen rede que leva da teoría á praxe política.
Entre as voces que máis alto berraban neste sentido destacaban as de Ignacio Ramonet e Bernard Cassen que, coa vista posta no que está a acontecer en Latinoamérica –onde por exemplo Evo Morales, líder saído directamente dos movementos sociais, comeza a pór en práctica moitas das políticas que levaban reivindicando os movementos desde a súa orixe– clamaban para que a esquerda europea saíse do seu ensimesmamento e se atrevese a intervir activamente, articulando propostas con carga transformadora real, na area política.
Indo un pouco máis atrás no tempo –finais do 2007– e co gallo dun encontro posteriormente editado en libro do Colectivo Política en Red, Joan Subirats (catedrático de ciencia política na Universidade Autónoma de Barcelona) reflexionaba como segue: “Vexo un perigo no feito de que moitos movementos sociais consideren que as institucións son algo raro e totalmente alleo ás súas vidas. Decidiron que as institucións non son importantes para eles. Tentarei explicar a miña visión cun triángulo. Os tres vértices son: resistencia, disidencia e influencia. O triángulo ilustra a tensión entre estar contra o poder dominante e contra as institucións políticas e, á vez, ser capaz de construír novas alternativas; trátase de influír nas institucións e relacionarse con elas de xeito conflictivo, o que inclúe estar presente na vida das institucións políticas formais”.
De volta a Malmö, Blanca Chancosa mostrábanos baixo unha carpa que a duras penas nos parapetaba contra a xeada escandinava como, unha vez máis, Latinoamérica puña en práctica o que Europa só soñaba. Así, o que Subirats describía botando man da xeometría, Chancosa –na linguaxe clara e terreal da líder indíxena que era, bregada en mil batallas no seu Ecuador natal– sintetizábao coa precisión de quen ten que decidir sobre aspectos do concreto: “Aínda non temos claro se Correa está disposto ou non a facer os cambios reais que Ecuador necesita, pero si sabemos que Correa está onde está grazas aos movementos sociais, e tamén sabemos que si Correa falla non pasará nada, porque os movementos seguiremos aí, coa mesma forza, na loita”.
“A institucionalización da esquerda –abundaba o Colectivo Política en Red– desembocou nun grave empobrecemento do que é a política. Téndese a confundir a política cos partidos e as institucións, e isto provoca que moitas persoas se distancien da política; un distanciamento que tamén afecta a moitas persoas e colectivos que se dedican a ela (posto que traballan para transformar os individuos e mais as comunidades). Teñen a sensación de que o que fan non ten nada que ver co que se supón que é a política. Polo tanto, deberiamos tentar rescatar e ampliar o significado social da política mediante a ‘politización’ da vida cotiá, das relacións sociais e das formas de traballo e coexistencia (Joan Subirats)”.
Xa que logo, entre os camiños que poden ser transitados agora que o sistema fai augas, tanto na periferia coma nos mesmos centros de poder, estarían os de politizar a vida cotiá aprendendo, por exemplo, da experiencia do movemento feminista e a súa máxima de “o persoal é político”, dando forma a unha ética do día a día baseada nos valores que dicimos defender sen separar ámbitos de aplicación para estes valores; e tamén atender ás xa comentadas prácticas que se están desenvolvendo agora mesmo en Latinoamérica –Boaventura de Sousa Santos proporía atender á epistemoloxía do sur– como é, por exemplo, a realidade de que o movemento social tome as institucións sen que as institucións tomen o movemento social.
É en medio de todo este contexto –e con toda esta bagaxe ás nosas costas– que nace o primeiro Foro Social Galego. Cunha realidade económica a un tempo periférica e central, coas peculiaridades propias dun país colonizado culturalmente e co lastre dun certo individualismo constitutivo do noso “caracter nacional” (se se me permite esta veleidade romántica de dubidosa existencia) que non é alleo ao movemento social galego, construiremos os vindeiros días 5, 6 e 7 de decembro, nas inmediacións do campus norte de Santiago de Compostela un foro que terá que cumprir, na miña opinión, unha dupla función: ser un fin en si mesmo –como o foron os primeiros Foros Sociais Mundiais– en canto a que será a primeira vez que o movemento social galego una as súas forzas coa idea de coñecerse e recoñecerse para ofrecer á sociedade un panorama da súa pluralidade e do seu vigor; e tamén ser o trampolín –como penso que deberán ser todos os foros que se celebren de agora en diante se non queren caer na reificación paralizante– que sirva para intervir de maneira efectiva nas políticas que se realicen no país, sen que isto supoña unha chata nin na súa autonomía nin na súa natureza de contrapoder crítico e insubornábel. Trátase, ao cabo, de que contribuamos desde este recuncho do globo chamado Galiza a dilucidarmos se este colapso do modelo económico capitalista suporá soamente –como diría o xa citado Joan Subirats– unha época de cambios ou se pola contra encarnará o verdadeiro cambio de época que, estou seguro, todas e todos desexamos..

Sem comentários: