11/30/2008

Enmarca ou perde

Falaba no artigo anterior de como os conservadores foron conquistando espazo nos EEUU a forza de centrar o antagonismo nos temas culturais en detrimento dos temas económicos. Para conseguilo emprenderon, con rotundo éxito, unha peneira lingüística onde palabras como "liberdade" deixaban de asociarse con certos ámbitos (liberdade da muller para abortar, liberdade dos pobos fronte o imperialismo, liberdade do traballador para sindicarse) para asociarse automaticamente con outros (liberdade económica, liberdade de elección de escola, liberdade de prensa para manipular, liberdade para levar unha arma); “igualdade” deixou de significar igualdade de oportunidades para significar igual acceso ao mercado e “fraternidade” deixou de significar amor á dignidade humana que todos compartimos para significar, como moito, a caridade interesada da axuda humanitaria. Todo este labor de poda e reconstrucción intelectual dos principais items da esquerda (ben que amplamente permitido por parte desa mesma esquerda) xerou a sociedade desestruturada ideoloxicamente que nos mostraba Thomas Frank a partir da súa Kansas natal.
Só tendo en conta que vai dirixido a un público partícipe deste panorama de total subversión dos valores se pode entender a prosa excesivamente didáctica, excesivamente simple e por veces –polo menos para a mirada europea– excesivamente pragmática, que enche un libro –Puntos de reflexión. Manual del progresista (Península, 2008)– que, como o seu subtítulo indica, é case que un texto de autoaxuda (non por iso carente de interese) escrito por George Lakoff e o Rockdrige Institute para progresistas desnortados. Continuando a senda de No pienses en un elefante. Lenguaje y debate político, Lakoff insiste na importancia dos valores e da capacidade de transmitir confianza á hora de conformar a opinión política. Así, a dereita, máis ou menos conscientemente, teríase decatado desde hai ben tempo (Lakoff di que desde 1980 con Richard Wirthlin, asesor electoral de Ronald Reagan) desta circunstancia e levaría gastados moitos esforzos ("En los últimos treinta años los conservadores se han gastado más de 4.000 millones de dólares en crear un red de think tanks y de institutos de formación. Con la ayuda de estas plantillas de intelectuales de derechas, han conseguido dominar los marcos y han revolucionado la política estadounidense") nun traballo denodado tendente a utilizala ao seu favor.
Segundo Lakoff o noso cerebro funciona empregando marcos (frames en inglés): "Estructuras mentales que permiten al ser humano entender la realidad y, a veces, crear lo que entendemos por realidad". É a partir deses marcos –onde unha palabra nos suxire rapidamente unha serie de conceptos– que tomamos decisións sobre o que sucede. Para exemplificar esta idea de marco, poderiamos mencionar un dos que se debullan no libro: o marco conservador de "inmigración ilegal". Para o autor é inútil discutir desde a esquerda o tema da inmigración asumindo o marco do adversario, todo o máis que conseguimos é precisamente fortalecer a opinión do outro; do mesmo xeito que, como argumentaba no seu anterior libro, é inútil pedirlle a alguén que non pense nun elefante (o símbolo dos republicanos) sen que inmediatamente esa persoa imaxine un elefante. De aí que opoña ao marco "inmigración ilegal" o marco alternativo de "contratación ilegal", de xeito que a discusión cambia completamente e a cuestión non é por que o inmigrante está no país de maneira irregular se non por que o empresario contrata a un traballador sen cumprir as normativas laborais. Un cambio semellante –ocórreseme– é o que se está a propor para combater o tema da prostitución, onde en lugar de falar de legalizar ou ilegalizar ás prostitutas, estímase máis útil reclamar a penalización dos clientes.
Aínda que sería demasiado extenso explicar aquí como chega o autor a esta conclusión, Lakoff estima que hai xente na que preponderan os marcos progresistas e outra xente na que preponderan os marcos conservadores. O autor considera que a idea de centro é un mito, xa que ninguén é moderadamente progresista ou moderadamente conservador en todos os temas. Hai, como moito, xente que é "biconceptual", é dicir, xente que aborda algunhas cuestións usando marcos progresistas e outras usando marcos conservadores. Na opinión de Lakoff, un político de esquerdas debe buscar nesas persoas aqueles temas que os acheguen á visión progresista sen ocultar aqueles outros que os poidan afastar dela; pero en ningún caso edulcorar a totalidade do seu pensamento en vistas a conseguir o beneplácito de non sei que maioría silenciosa inexistente. Antes ben, o que propón Lakoff é afirmar e expresar de maneira clara os valores e as políticas que se din defender pois, como no exemplo da inmigración, xogar no terreo do adversario é a mellor forma de que este nos derrote. Nun dos epígrafes do libro –o titulado Enmarca o pierde– Lakoff di algo moi interesante á vista do momento actual de fracaso neoliberal: "Si los progresistas no dicen nada cuando las políticas conservadoras hayan provocado el desastre, serán los conservadores quienes enmarquen el desastre, y es seguro que no lo enmarcarán como un fallo de su filosofía conservadora. Distorsionarán la naturaleza de las causas y echarán a culpa a los progresistas". Até que os bancos comezaron a caer un detrás de outro coma pezas de dominó, o sistema económico que padeciamos era un cristal –a través do cal aparecía a realidade– tan transparente que ninguén se lembraba de que existía. Hoxe o cristal quebrou, encheuse de bafo e de cagadas de paxaros, e comezamos a tomar consciencia de que, efectivamente, hai un sistema económico concreto, e non a pura natureza das cousas. Non permitir que sexan os mesmos que causaron o problema os que narren (enmarquen) por que chegamos a onde chegamos debería ser a principal tarefa dunha esquerda digna de tal nome.

Sem comentários: