6/30/2013

Anova, ou a república do deus Xano


Artigo escrito en mancomún con Antón Dobao para a revista Viento Sur.

Do sucedido na I Asemblea Nacional de Anova poderanse escribir un feixe de opinións diferentes (e diverxentes) pero, segundo pensamos os que isto asinamos, hai algo que é incuestionable: o que alí tivo lugar é o que Jacques Rancière chama un "momento político". Isto é, un momento no que emerxe, nun corpus social dado —neste caso no corpus dos militantes de Anova—, "unha forza capaz de actualizar a imaxinación da comunidade que está comprometida alí e de oporlle outra configuración da relación de cada un con todos" co fin de  "reconfigurala", de "definir a súa natureza" e de "debuxar o rostro de a quen ela inclúe ou exclúe". O paradoxal do momento político vivido na Asemblea de Anova é que esa forza significativa non desafiaba a "temporalidade do consenso" —tamén en termos rancierianos— cun proxecto diferente do que Anova, como colectivo plural, foi construíndo publicamente desde a súa constitución. Antes ben, esa forza significativa propuña —no seu desafío á esclerotización consensual que, coma o musgo pegado aos croios, comezaba a impedir que estes rolasen libremente— regresar ao prometido. Retomar a idea orixinal. Ser fieis a un proxecto que non saíu da nada, senón que é o produto de anos de procesos de converxencia, de decantación de ideas, de desencantos, de análises compartidas e de alianzas.
Ese momento político deixa ao aire o que xa se coñecía pero talvez sobrevivía adormecido. Dous modelos de organización que se confrontan, e, por tanto, dous proxectos políticos matizadamente diferentes. Incompatibles? Absolutamente non. Dialécticos. Mentres un sector aposta por un novo modelo organizativo, por armar un partido-movemento, outro sector formula unha contradición en termos de loita polo poder. E tal contradición superou mesmo os marcos físicos do encontro asembleario da militancia de Anova. A Asemblea Nacional empezou antes da data indicada e talvez aínda non terminou de todo. É significativo que as interpretacións dos medios de comunicación e dalgúns observadores apunten a loitas de poder e a siglas internas que en Anova non operan colectivamente, pois a organización é un espazo de adscrición individual. Mais esa parece ser a única cartografía que saben trazar medios e círculos conservadores que dunha maneira ou doutra tiveron algo que ver no proceso. Reducir debates, decisións e resultados da elección á Coordinadora Nacional a un simple enfrontamento entre aparellos organizativos equivale a non comprender nada do que ocorre nin dentro da organización nin no corpo social que opera na sociedade civil. En realidade todo é máis complexo e máis sinxelo ao mesmo tempo. Vella e Nova política. Ou, por sermos máis exactos, política para un novo réxime fronte á política de Vello Réxime.
Cando se fala da necesidade dunha nova cultura política, máis aló de caricaturizacións, non se alude a razóns de idade, senón á necesidade de organizar un instrumento contrahexemónico para un novo poder constituínte. Unha organización para a disidencia. Porque a crise do réxime non é máis ca unha expresión aguda da crise dun sistema que xa perdeu a chave da mediación. A mediación como factor de estabilidade sistémico pasou á historia. E tamén as organizacións que fixeron dela a única razón da súa praxe política e sindical. O problema da vella política —a contradición dentro de Anova adopta tamén esta terminoloxía— non é xa un conxunto de prácticas ética e politicamente discutibles, sobre todo polo que teñen de expropiación da capacidade política colectiva, en consonancia co réxime de representación; o peor problema é a súa imposibilidade no mundo presente. Porque entre a organización do Vello Réxime e a realidade material na que habita e se constitúe o suxeito de transformación existe unha paralaxe que se vai facendo abismo. Xa non é posible a representación monolítica da pluralidade. O resultado de procesos dialécticos non é necesariamente unha síntese.
A confrontación deuse, dáse e darase aínda durante certo tempo porque é consecuencia das contradicións dunha organización que quere ser instrumento político da maioría social desde a achega das diversas culturas da esquerda e do nacionalismo. Anova proclama, fundacionalmente, a determinación dunha nova práctica política que rompa coa mediación, que supere a fase institucional da esquerda, que se emborcalle na realidade material de asalariados e asalariadas de Galicia, dese proletariado moderno acoutado entre a exclusión e as súas beiras. O que se deu en chamar nova cultura política asume, ao mesmo tempo, que a confrontación, dentro dun marco estratéxico común, orixina unha riqueza á que ninguén debera renunciar. A confrontación non ten que ver con siglas nin con elites en loita polo poder dunha organización que carece de poder, ten que ver con ideas e con proxectos para armar a nova organización, que é como dicir empezar a deseñar unha sociedade poscapitalista. No debate que se produce en Anova, na súa I Asemblea Nacional, a necesidade de identificar a organización cun proxecto rupturista social (e nacional, se é que pode seguir habendo distinción entre ambos) enfróntase a vellas formas de control (e absorción). É só iso o que se expresa en Anova: o novo que pula por nacer e por veces non dá encontrado o espazo fronte ao vello que non dá morto.
Os eixos que modulan a confrontación son fundamentalmente tres. O primeiro, a necesidade dun novo modelo organizativo. Se concibimos unha sociedade poscapitalista baseada na cooperación e no imperio do común, non podemos conquistala cunha organización armada á imaxe das estruturas sociais do mundo que queremos facer desaparecer, unha estrutura piramidal que dunha ou doutra maneira reproduza a división capitalista do traballo e distribúa roles entre os que mandan e os que obedecen, máis aló de certos niveis de eficacia en condicións extremas. A horizontalidade, que é só democracia, non é un desexo piadoso, é unha necesidade. Outro dos aspectos cruciais na configuración da nova organización é a dialéctica entre esquerda revolucionaria e nacionalismo. A totalidade da militancia de Anova comparte unha cultura nacionalista, aínda que as súas tradicións proveñan de experiencias históricas moi diferentes, e en ocasións sen contacto orgánico entre elas. Esas diversas procedencias históricas facilitan unha diversidade de concepcións do feito nacional galego, desde unha base común no tocante ao obxectivo estratéxico: autodeterminación, dereito a decidir, soberanía, República Galega, independencia. Calquera das opcións, mesmo unha saída federada dentro do Estado español ou en marcos diferentes, esixe como mínimo un instante de independencia e exercicio absoluto do dereito a decidir, sen restriccións. Nese sentido, Anova deu un paso adiante ao asumir fundacionalmente esa reivindicación que no nacionalismo non era hexemónica. Conviven, en calquera caso, diversas concepcións do nacionalismo ligadas a culturas históricas diferentes e a novas perspectivas respecto ao feito nacional e a conceptos coma o de soberanía. Unha fonte máis de contradicións. Desde quen ve no nacionalismo fronteira insuperable na práctica política dentro e fóra das institucións, ata quen concibe a necesidade dunha distribución da riqueza social organizada no marco da nación. Desde un nacionalismo que entende a nación como suxeito político autónomo  (a nación é nación aínda que a xente non queira), ata quen a entende como o resultado dun proceso histórico protagonizado por un suxeito colectivo con vontade de se organizar nacionalmente. Ou a nación como un proceso colectivo en marcha. Esas concepcións, que tiveron tamén os seus espazos de debate na Asemblea de Anova, veñen a reforzar as diferenzas no tocante aos modelos organizativos. Porque unhas pensan en foto fixa das dinámicas que operan na sociedade civil, rixidamente compartimentada, cuxa conflitividade se resolve no espazo institucional grazas á mediación. Outras, porén, apostan a liderados compartidos, á horizontalidade, á democracia radical, a priorizar obxectivos sociais sen escindir deles, illándoa, a cuestión nacional, coma se esta fose a manifestación dun conflito determinado por paisaxes, sentimentos e espíritos. Nin soberanía nin transformación social son posibles se non hai unha acumulación de forzas diversas que conduza á hexemonía. E para iso é necesario superar fronteiras. 
Os sectores máis conservadores, que non conciben a necesidade de acumular forzas, de incorporar grupos sociais ao proxecto de emancipación, de conquistar hexemonía cun suxeito en expansión, están descontentos coa experiencia da Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Talvez polo peso da fronteira do nacionalismo, talvez porque certa idea de (re)unificación do nacionalismo segue a operar coma unha especie de proxecto estratéxico inconfesable para o cal non sería precisa a participación de forzas con relacións estatais, como é o caso de EU, de EQUO ou de calquera outra que poida incorporarse á Fronte Ampla. Non deixa de percibirse entre estes cadros certa necesidade de que a organización funcione ao estilo da fábrica fordista: cunha xerárquica división do traballo, con estrutura e responsabilidades piramidais, con centros de decisión exentos e alleos ás masas, con fluxos controlados de información unidireccional. A fenda entre a organización e o suxeito emerxente, segundo este modelo, tende a abrirse cada vez máis. Se se impón en Anova, Anova pode entrar en obsolescencia programada. Neste escenario, a experiencia de AGE (que o mesmo que Anova tampouco saliu da nada senón que é o froito de procesos como poidan ser o pacto de goberno de ACE en Cangas do Morrazo, a teorización da Posición Soto por parte do independentismo, a celebración do Foro Social Galego e da Rolda da Rebeldía, a Refundación da esquerda no mundo EU, a Iniciativa BenComún, etc.) parece loitar entre ser simplemente un ensaio (incómodo, na medida en que non se asuma a necesidade de mesturar culturas políticas emancipadoras pero de diferente raizame) de coalición electoral de conxuntura para as eleccións autonómicas de 2012 ou confirmarse como o punto de partida dun amplo proceso de acumulación de forzas de esquerda para a emancipación. Tamén neste caso os sectores máis conservadores observan con maiores reticencias as posibilidades de desenvolvemento da alianza alén do plano estritamente institucional, de tal xeito que, se as súas teses se impoñen en Anova, a “explosión controlada” de AGE (xa se verá se as consecuencias desta explosión son igual de controlables como algún pensan) constituirá una auténtica traizón ás máis de 200.000 persoas que comprenderon, asumiron e apoiaron co seu voto a necesidade desta estratexia de Fronte Ampla nun contexto histórico de agresión total do fascismo financeiro que segue, e seguirá nos próximos anos, totalmente vixente.
O debate en Anova prodúcese fundamentalmente arredor de tres eixos: o modelo organizativo, o perfil ideolóxico e a política de alianzas. E neste sentido tamén estamos falando dun proxecto estratéxico que, indiscutiblemente, ten Anova como forza de esquerda rupturista que aspira a que o pobo galego, como suxeito único da soberanía, composto non por ningunha idea difusa de nación nin por un sentimento rexionalista convertido en fervor patriótico, senón polas clases subalternas, sexa dono de todas e cada unha das súas decisións. Talvez cumpra, tamén, empezar a poñer en cuestión a idea un chisco falaz de diferentes proxectos estratéxicos entre a esquerda e o nacionalismo emancipador. Esa obsesión é precisamente a negación dun proxecto estratéxico que vaia máis aló da visita institucional aos salóns de palacio.
Calquera que coñeza algo do funcionamento do cerebro saberá que este é un órgano incompleto e pouco fiable se non utiliza de xeito coordinado os seus dous hemisferios. O de Anova, antes desta I AN, era un cerebro dun só hemisferio. Unha parte nada pequena da organización estaba excluída dos lugares onde se toman as decisións. Isto provocaba, ademais do desbalde de enerxías sempre escasas, un malestar de fondo que ía en contra da boa marcha do proxecto a desenvolver. A CN saída da I AN, sen ser o produto dun sistema perfecto de elección (existe un sistema perfecto de elección?), si é o produto dun sistema (listas abertas onde cada militante podía escoller a 36 de 75 membros da Coordinadora Nacional) que impedía que ningún sector organizado puidese copar organicamente o partido. Neste sentido, a madurez mostrada pola militancia de Anova e a sincronía desta co que está a suceder en todo o planeta a respecto da vella política é encomiable. Anova non ten por que ter medo de aparecer publicamente como unha organización fendida. Se normaliza e acepta a existencia do disenso como algo consubstancial á democracia interna ben pode facer desa fenda unha virtude. Na nosa lectura da organización Anova conta agora cun cerebro moito máis completo que antes. En diante compre que os dous hemisferios desenvolvan, con honestidade, a vontade unívoca de que as decisións se tomarán de xeito mancomunado. Unha boa coordinación de ambos hemisferios para traballar conxuntamente e para non entorpecerse ben podería ser o principal papel que o Portavoz Nacional, Xosé Manuel Beiras, teña que adoptar a nivel orgánico. El debe ser o nervio que consiga optimizar o cerebro coma un todo. Pero para conseguir isto é imprescindible que o Portavoz Nacional se manteña no xusto medio. El debe ser o elo. O cemento. A ponte entre dúas beiras chamadas a se entenderen. O escultor que propicie a síntese, como síntese é a cabeza de duplo rostro do deus romano Xano, do enconado proceso dialéctico que hoxe convive dentro de Anova.

6/15/2013

Por que queremos tanto a Beiras


Entre as miñas frases favoritas de Xosé Manuel Beiras está aquela que di que un intelectual é quen sabe pór con palabras o que a xente xa estaba a pensar por si mesma. Pola coraxe e a lucidez nos últimos anos de Xosé Manuel Beiras para pór con palabras o que moitos e moitas intuíamos dun xeito menos articulado é que queremos tanto a Beiras. Querémolo por ter a valentía de escribir que o BNG era unha ferramenta que xa non valía debido ao seu illamento social (a "teoría dos dous mundos" escribira el) e á súa transformación nunha maquinaria autotélica. Querémolo tamén por comprender que a voráxine de rebeldía e iconoclastia ben entendida que acompañaba o 15m debía ser acollida cos brazos abertos e incorporada á bagaxe da esquerda en lugar de adoptar a estratexia do ourizo e esperar por tempos mellores. Querémolo por expresar coma ninguén a necesidade da formación de frontes amplas (como se lle pode dicir agora a máis de 200.000 galegos e galegas que o seu voto é un problema?!) por riba de pequenas capelas e miserables escarceos de regate curto, para combater a este novo fascismo financeiro que ameaza con roubarnos a existencia. Querémolo por asegurar que Anova debe ser o proxecto da esquerda galega para os próximos vintecinco anos (non vintecinco minutos). Querémolo por explicarlle a Xabier Vence que a loita pola soberanía galega non pode formularse como abstracción do que sucede noutras nacións do estado e que aquí precisamos establecer alianzas a nivel de estatal para a quebra democrática. Querémolo por facer bandeira da Democracia, con maiúsculas, da participación, do asemblearismo, da horizontalidade, dos liderados compartidos e da rebelión cívica. Querémolo por saber comprender, no seus capítulos biográficos finais, que a lóxica, as maneiras e as prácticas dos movementos antisistémicos e altermundistas viñeron aquí para quedar.
A pasada 1ª Asemblea Nacional de Anova do 8 e 9 de xuño deixa algunhas mensaxes dirixidas a Xosé Manuel Beiras que son tremendamente claras. 
A primeira é que hai unha parte, nada pequena por certo, da militancia de Anova que está disposta a aplicar letra por letra o legado do Beiras máis lúcido. O do Beiras símbolo. O do Beiras intelectual. Pero que para nada vai comprar a mercadoría do Beiras "humano, demasiado humano". A AN de Anova viviu, na xornada da mañán do sábado, a súa propia versión de 15m, a súa propia rebelión cívica en reacción á rebelión cínica. A escolla por parte da militancia do método de elección que fixese máis complicada a formación de maiorías e de rodillos demostra que Anova ten unha base moi esperta e que a máis que comprensible desconfianza cara a vella política do mangoneo, do pacto de elites e do dobre discurso desconfianza que hoxe guía a todos os movementos sociais tamén impregna, afortunadamente, o sentir de boa parte das bases de Anova. E é que somos fillos do noso tempo. E orgullosos estamos de selo, por certo. 
[Paréntese: da cuestión das listas díxose de todo. Mesmo lle chamaron capadas ás que avogaban pola correción de número aqueles aos que non lles gustou o resultado. Pero unha cousa é certa: calquera dos sistemas que se barallaban permitían a utilización de plantillas e de prácticas borreguiles (algún día a esquerda terá que pensar moi seriamente con que autoridade moral pretende mudar o mundo cando a miseria moral campa dentro dela). As listas proporcionais permitíano. As listas abertas puras, tamén. As listas abertas con correción de número a 36, tamén. Agora ben, esta última era a única que impedía que unha soa plantilla puidese copar toda a CN. Reflexionemos agora: acaso o feito de que a militancia de Anova escollese este método non recorda moito o espírito das campañas virais que circulaban en internet durante a última campaña electoral estatal que conminaban a votar a calquera excepto a PP, PSOE e CIU por entender que só así era posible escachar a costra do vello réxime? Non encarna un sentir análogo a aquel que lucidamente están a desenvolver as maiorías sociais para o mapa político xeral a consciencia da militancia de Anova de que xa que política e componendas é un par case que inevitable mellor avogar por solucións que, cando menos, complicasen a vida ao máximo a aqueles que prefiren o status quo e o refuxio no pasado? Dito de xeito rápido: semella que Anova  pasou, sen solución de continuídade, da rebelión do zapato á rebelión da plantilla; pero en cuestión de métodos de elección segue a haber uns métodos nos que o fedor das plantillas é moito máis insoportable que noutros.]
A segunda das mensaxes, en forma de varias ovacións pechadas de TODOS E TODAS, é que aquí ninguén pretendía un xaque ao rei. O que se quería, e quere, é que o rei reine para todos e non só para unha parte. Desafortunadamente, e como indica a última "masaxe express" que a Voz de Malicia lle brinda a Beiras en forma de entrevista (nalgún momento, dito sexa de paso, alguén terá que explicar por que o medio máis antigalego e nocivo deste país se presta con tan bo ánimo a estas cousas), o rei parece que non só non recoñece a unha parte moi importante da organización e, sobre todo, a unha parte disposta a levar á práctica o que o rei leva dicindo por activa e por pasiva nos últimos tempos senón que prefire refuxiarse nos seus cortesanos, no esforzo inútil que conduce á melancolía de pretender impor a un colectivo heteroxéneo o molde do vello PSG e na ameaza máis ou menos explícita de "ou eu ou o caos".
Nun artigo titulado A miña homenaxe ao Beiras, escrito en decembro de 2011, apropiábame da idea do medievalista Kantorowic do dobre corpo do rei pola que o autor mostraba como "a do rei, na idade media, era unha figura desdobrada: por unha banda estaba o rei en tanto que home material, concreto e mortal e pola outra o rei en tanto que símbolo —de natureza inmortal— da continuídade do poder e da soberanía." Dicía eu entón que Beiras era tamén un ser desdobrado. Un rei de dobre corpo onde por unha banda está "o Beiras home, suxeito como todos os seres humanos a contradiccións, debilidades e contratempos. Pola outra o Beiras símbolo."
Creo no que simboliza Beiras. E porque son moi beirista, me indigno. Porque son moi beirista son máis fiel ás miñas conviccións éticas (que, por certo, pensei que eran tamén as de Beiras) e á miña idea do que é verdade e do que é mentira que a estúpidas disciplinas de partido, a domesticadas etoloxías de animal gregario e, sobre todo, a incondicionais cultos a líder ningún. Por iso, me identifico tanto co Beiras que lembraba a viñeta de Castelao do raposo que non nacera para can. Eu, e moitos e moitas outras en Anova, tampouco nacimos para cans. De aí que despois de ler a entrevista citada teña ganas de dicirlle ao Beiras humano o que, estou seguro, lle diría o Beiras inmortal: a militancia xa falou en asemblea soberana así que "deixemos de mirarnos o embigo e a traballar."

6/06/2013

Da AN de Anova, do fin de ciclo e dos peixes rémora


Hai que ver a gran bola de neve en forma de rebelión democrática masiva que está a crecer en Turquía partindo da teima dalgunhas persoas por preservar unha zona verde de Istambul das garras especuladoras dos centros comerciais que, como xa escribira José Saramago, son, cos seus brillantes escaparates ocultando a explotación das xentes do sur global, a destrución do pequeno comercio e a xentrificación e especulación inomobiliaria, as cavernas de Platón que nos enganan nos nosos días substituíndo as sombras polas escenografías de cores intensas e luces rechamantes. Esta rebelión cidadá, como outras habidas nos últimos tempos –Primaveras árabes, Geração à rasca, 15m, Occupy– parecen redundar na sensación cada día máis intensa de estarmos nalgún tipo de espazo de discontinuidade, un intre histórico no que semella que, mesmo sen nos dar de conta, algo do vello mundo rematou.
Esta sensación de fin de ciclo tamén se pode percibir, no estrito campo da esquerda partidaria, no noso país. Exemplos para mostrar como incide ese cambio de ciclo hainos a patadas. Eu vou resaltar apenas dous nada teóricos, nada vaporosos, máis ben ao contrario, son dous exemplos moi imbricados no cotiá.
Primeiro exemplo. Ante a nova da aprobación do chamado plan de racionalización dos servizos ferroviarios polo ministerio de fomento, consistente en eliminar moreas de liñas de media distancia e moreas de estacións activas, precisamente as usadas pola xente do común, un ten aínda na retina aquelas patéticas mobilizacións do, por entón maior partido da esquerda deste país (o PSOE non o conto como tal),  reclamando a chegada do AVE a Galiza. Un recorda tamén a esta mesma esquerda participando con gran interese nos debates imbéciles sobre se o AVE chegaría no 2013 ou no 2018 en lugar de se plantaren e alertar do despropósito descomunal que constituía todo o proxecto do AVE en si. Non sei, nin me importa moito, cando chegará finalmente o AVE, si sei que xa se están a construír as vías de alta capacidade, tamén sei que en Vigo estase a construír unha gran estación de ferrocarril, entendo que adaptada para que o AVE chegue á cidade. Non parece que haxa dúbida de que o AVE, finalmente, vai chegar. Os recursos dispoñibles para o tren vanse dedicar ao tren de alta velocidade. Será un tren para persoas de clase alta que primará os traxectos de longa distancia e que deixará aos núcleos de poboación sitos na terra de ninguén que constitúe o espazo entre dúas grandes cidades, sen servizo público de tren. 
Segundo exemplo. O actual presidente dos comuneiros de Liñeiriños, na parroquia viguesa de Cabral, moi interesado en que o pelotazo da instalación do centro comercial –si, tamén aquí mudamos espazos verdes por centros comerciais promovido por Eurofund Investments vaia adiante, lembraba, con toda razón neste caso, non entender que algúns persoeiros do BNG vigués se opoñan agora á construción do chamado CC. Porto Cabral cando esas mesmas persoas aprobaron, no seu momento, o PXOM de Vigo que contemplaba a posibilidade de que os montes comunais sitos no concello puidesen ser vendidos e edificados. Non é baladí, tampouco, que o propio redactor daquel PXOM aprobado polo BNG sexa hoxe o asesor do fondo de investimento inglés proclive ao pelotazo. 
Son dous episodios concretos que nos falan dalgo moito máis amplo. Que hoxe a ningún partido da esquerda se lle ocorra organizar unha concentración reclamando o AVE ou colaborar (polo menos publicamente) en que os montes comunais sexan pasto da especulación dinos que a concepción sobre o posible e o imposible e sobre o aceptable e o inaceptable mudou. Pero tamén nos di que as organizacións políticas teñen un gran problema de credibilidade para se adaptaren a esta mudanza. Antes da crise económica e antes do 15m a esquerda institucional movíase no limitado campo do posible marcado polo sentido común do réxime post-Transición no que os petos do número mínimo necesario de persoas para manter o status quo estaban cheos. A base desa esquerda, illada e insegura da súa propia capacidade, amoldouse a esta situación rebaixando máis do aconsellable o limiar que separa o presentable do impresentable. É nese contexto que se explican o apoio a políticas concretas como as comentadas máis arriba. 
O 15m sacounos do letargo e ensinounos que xa non estabamos abocados a esa actitude de resignación. A crise económica tamén nos sacudiu con forza e indicounos que, ademais, non nos podiamos permitir ese estado de letargo. O que vén de suceder nos últimos tempos na esquerda partidaria galega non é senón a consecuencia desta saída da hibernación. A aposta por Anova de moitas persoas conscientes do esgotamento das vellas ferramentas, a súa materialización.
Cada organización é coma un estado en pequeno. Tamén Anova reproduce a súa propia estratificación social. En Anova aínda teñen peso de máis aqueles que, polo motivo que fose, xa estaban no xogo político cando este tiña unha concepción do imposible e do inaceptable moi diferente do que hoxe rexe. Conviven, en Anova, xentes cómplices de políticas do pasado como as antes descritas nos dous exemplos que puxen, con xentes fartas e radicalmente opostas a esa vella política.
A militancia de Anova ten a oportunidade, esta fin de semana, de votar con que tipo de sistema de elección prefire escoller ás persoas que ocupen os seus órganos. Se opta polas chamadas listas proporcionais (en román paladino listas pechadas) aceptará un esquema habitual no mundo animal mariño: aquel segundo o cal un gran tiburón branco permite que eses pequenos peixes parasitarios chamados rémoras abeiren ao seu corpo para se desprazaren máis rápido aproveitándose da corrente de agua que o gran peixe xera. Este é un modo de funcionamento típico da vella política. O 15m berrou "que non, que non, que non nos representan" en reacción a ese tipo de prácticas chanchulleiras e sería ben paradoxal que Anova, unha organización que disque naceu para conectarse co que estaba a pasar nos movementos sociais, se mostrase incapaz de aplicar internamente o que di pretender aplicar nas institucións do estado. 
Horizontalidade significa que non hai grandes tiburóns brancos e, sobre todo, que non existen trucos para que as rémoras se agachen tras deles. Horizontalidade significa que todos e todas somos tiburóns brancos. Que todos e todas somos iguais. Que todos e todas somos elixibles. E que todos e todas somos libres e autónomos para votar polos mellores para o momento político que estamos a vivir.
Do feito de que o censo de Anova sexa arcanii imperi, como o era no BNG cando o Encontro Irmandiño non se casaba de denunciar o que os seus principais dirixentes fan agora en Anova, xa non digo nada máis; porque daría para outro post sobre cinismo e partidos políticos. Pero o que si que non acabo de vislumbrar é como pretende unha organización contectar co que está a pasar no mundo cando aínda precisa que se insista tanto no perentorio que é adoptar medidas internas democratizadoras como é a asunción de listas abertas. 
En fin, as cousas son como son. E loitar polo evidente segue a ser necesario.

6/03/2013

Principio Potosí


Transcrición da miña oitava (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Poderase escoitar aquí (a partir do min. 7`30``). Música de fondo : Mysteries de Beth Gibbons.

Así se titulaba unha exposición colectiva que puiden ver no ano 2010 no Centro Reina Sofía de Madrid e que trataba de dar conta, coa ollada propia do mundo da arte contemporánea, dos múltiples exemplos que se viñan dando en distintas partes do planeta do que David Harvey denominou "acumulación por desposesión". A mensaxe do afortunado título da exposición era transparente: o espírito de saqueo que guiou ao primeiro gran episodio do proceso de globalización  –a conquista de América– actuaba agora de espello para os saqueos dos nosos días. 

Esta mesma fin de semana Galicia viviu tres manifestacións problematizando asuntos cun grande aire de familia co mencionado Principio Potosí. A primeira foi a manifestación antiTroika. A entente antidemocrática que hoxe expolia, sen contrapoder capaz de lle facer fronte, os bens comúns en forma de dereitos socioeconómicos adquiridos polas clases populares durante o século XX. A segunda foi a manifestación polo traslado de Ence da Ría de Pontevedra. Tema este que indica que no noso país, central e periférico a un tempo, non vai haber solución de continuídade entre o vello expolio das industrias de enclave e monocultivo propias da Revolución verde dos sesenta e o novo exterminio que pretende dar o golpe de graza ao que aínda queda das venerables culturas agrarias a base de destripar calquera anaco de terra que conteña algo de mineral, independentemente dos custes ecolóxicos, sociais e económicos que tal actividade poida acarrexar. Este foi o motivo que congregou a unha multitude en Compostela a terceira das manifestacións que, co rexeitamento á mina de ouro de Corcoesto en Bergantiños como causa principal, denunciaba tamén outros moitos casos semellantes que afectan a diversas comarcas galegas.

Entre as obras integrantes da exposición Principio Potosí atopábase un percorrido gráfico pola figura do Santiago Matamouros –icona referencial da idea de Cruzada– que actuou coma cobertor ideolóxico do proceso de explotación e aniquilamento das terras e pobos precolombinos. No século XXI, a este recuncho de Europa, berce dese mito imperialista hoxe reconvertido en fetiche para o turismo de masas, regresan os novos cruzados de traxe negro dispostos a nos aplicar unha nova dose en vea do Princio Potosí armados coas podadoras e o cianuro e cun feixiño de postos de traballo de consolación. 

E é que da salvación eterna ao moi pedestre minijob, a mingua de calidade nestes cincocentos e pico anos de storytelling capitalista é máis que evidente.