6/30/2013

Anova, ou a república do deus Xano


Artigo escrito en mancomún con Antón Dobao para a revista Viento Sur.

Do sucedido na I Asemblea Nacional de Anova poderanse escribir un feixe de opinións diferentes (e diverxentes) pero, segundo pensamos os que isto asinamos, hai algo que é incuestionable: o que alí tivo lugar é o que Jacques Rancière chama un "momento político". Isto é, un momento no que emerxe, nun corpus social dado —neste caso no corpus dos militantes de Anova—, "unha forza capaz de actualizar a imaxinación da comunidade que está comprometida alí e de oporlle outra configuración da relación de cada un con todos" co fin de  "reconfigurala", de "definir a súa natureza" e de "debuxar o rostro de a quen ela inclúe ou exclúe". O paradoxal do momento político vivido na Asemblea de Anova é que esa forza significativa non desafiaba a "temporalidade do consenso" —tamén en termos rancierianos— cun proxecto diferente do que Anova, como colectivo plural, foi construíndo publicamente desde a súa constitución. Antes ben, esa forza significativa propuña —no seu desafío á esclerotización consensual que, coma o musgo pegado aos croios, comezaba a impedir que estes rolasen libremente— regresar ao prometido. Retomar a idea orixinal. Ser fieis a un proxecto que non saíu da nada, senón que é o produto de anos de procesos de converxencia, de decantación de ideas, de desencantos, de análises compartidas e de alianzas.
Ese momento político deixa ao aire o que xa se coñecía pero talvez sobrevivía adormecido. Dous modelos de organización que se confrontan, e, por tanto, dous proxectos políticos matizadamente diferentes. Incompatibles? Absolutamente non. Dialécticos. Mentres un sector aposta por un novo modelo organizativo, por armar un partido-movemento, outro sector formula unha contradición en termos de loita polo poder. E tal contradición superou mesmo os marcos físicos do encontro asembleario da militancia de Anova. A Asemblea Nacional empezou antes da data indicada e talvez aínda non terminou de todo. É significativo que as interpretacións dos medios de comunicación e dalgúns observadores apunten a loitas de poder e a siglas internas que en Anova non operan colectivamente, pois a organización é un espazo de adscrición individual. Mais esa parece ser a única cartografía que saben trazar medios e círculos conservadores que dunha maneira ou doutra tiveron algo que ver no proceso. Reducir debates, decisións e resultados da elección á Coordinadora Nacional a un simple enfrontamento entre aparellos organizativos equivale a non comprender nada do que ocorre nin dentro da organización nin no corpo social que opera na sociedade civil. En realidade todo é máis complexo e máis sinxelo ao mesmo tempo. Vella e Nova política. Ou, por sermos máis exactos, política para un novo réxime fronte á política de Vello Réxime.
Cando se fala da necesidade dunha nova cultura política, máis aló de caricaturizacións, non se alude a razóns de idade, senón á necesidade de organizar un instrumento contrahexemónico para un novo poder constituínte. Unha organización para a disidencia. Porque a crise do réxime non é máis ca unha expresión aguda da crise dun sistema que xa perdeu a chave da mediación. A mediación como factor de estabilidade sistémico pasou á historia. E tamén as organizacións que fixeron dela a única razón da súa praxe política e sindical. O problema da vella política —a contradición dentro de Anova adopta tamén esta terminoloxía— non é xa un conxunto de prácticas ética e politicamente discutibles, sobre todo polo que teñen de expropiación da capacidade política colectiva, en consonancia co réxime de representación; o peor problema é a súa imposibilidade no mundo presente. Porque entre a organización do Vello Réxime e a realidade material na que habita e se constitúe o suxeito de transformación existe unha paralaxe que se vai facendo abismo. Xa non é posible a representación monolítica da pluralidade. O resultado de procesos dialécticos non é necesariamente unha síntese.
A confrontación deuse, dáse e darase aínda durante certo tempo porque é consecuencia das contradicións dunha organización que quere ser instrumento político da maioría social desde a achega das diversas culturas da esquerda e do nacionalismo. Anova proclama, fundacionalmente, a determinación dunha nova práctica política que rompa coa mediación, que supere a fase institucional da esquerda, que se emborcalle na realidade material de asalariados e asalariadas de Galicia, dese proletariado moderno acoutado entre a exclusión e as súas beiras. O que se deu en chamar nova cultura política asume, ao mesmo tempo, que a confrontación, dentro dun marco estratéxico común, orixina unha riqueza á que ninguén debera renunciar. A confrontación non ten que ver con siglas nin con elites en loita polo poder dunha organización que carece de poder, ten que ver con ideas e con proxectos para armar a nova organización, que é como dicir empezar a deseñar unha sociedade poscapitalista. No debate que se produce en Anova, na súa I Asemblea Nacional, a necesidade de identificar a organización cun proxecto rupturista social (e nacional, se é que pode seguir habendo distinción entre ambos) enfróntase a vellas formas de control (e absorción). É só iso o que se expresa en Anova: o novo que pula por nacer e por veces non dá encontrado o espazo fronte ao vello que non dá morto.
Os eixos que modulan a confrontación son fundamentalmente tres. O primeiro, a necesidade dun novo modelo organizativo. Se concibimos unha sociedade poscapitalista baseada na cooperación e no imperio do común, non podemos conquistala cunha organización armada á imaxe das estruturas sociais do mundo que queremos facer desaparecer, unha estrutura piramidal que dunha ou doutra maneira reproduza a división capitalista do traballo e distribúa roles entre os que mandan e os que obedecen, máis aló de certos niveis de eficacia en condicións extremas. A horizontalidade, que é só democracia, non é un desexo piadoso, é unha necesidade. Outro dos aspectos cruciais na configuración da nova organización é a dialéctica entre esquerda revolucionaria e nacionalismo. A totalidade da militancia de Anova comparte unha cultura nacionalista, aínda que as súas tradicións proveñan de experiencias históricas moi diferentes, e en ocasións sen contacto orgánico entre elas. Esas diversas procedencias históricas facilitan unha diversidade de concepcións do feito nacional galego, desde unha base común no tocante ao obxectivo estratéxico: autodeterminación, dereito a decidir, soberanía, República Galega, independencia. Calquera das opcións, mesmo unha saída federada dentro do Estado español ou en marcos diferentes, esixe como mínimo un instante de independencia e exercicio absoluto do dereito a decidir, sen restriccións. Nese sentido, Anova deu un paso adiante ao asumir fundacionalmente esa reivindicación que no nacionalismo non era hexemónica. Conviven, en calquera caso, diversas concepcións do nacionalismo ligadas a culturas históricas diferentes e a novas perspectivas respecto ao feito nacional e a conceptos coma o de soberanía. Unha fonte máis de contradicións. Desde quen ve no nacionalismo fronteira insuperable na práctica política dentro e fóra das institucións, ata quen concibe a necesidade dunha distribución da riqueza social organizada no marco da nación. Desde un nacionalismo que entende a nación como suxeito político autónomo  (a nación é nación aínda que a xente non queira), ata quen a entende como o resultado dun proceso histórico protagonizado por un suxeito colectivo con vontade de se organizar nacionalmente. Ou a nación como un proceso colectivo en marcha. Esas concepcións, que tiveron tamén os seus espazos de debate na Asemblea de Anova, veñen a reforzar as diferenzas no tocante aos modelos organizativos. Porque unhas pensan en foto fixa das dinámicas que operan na sociedade civil, rixidamente compartimentada, cuxa conflitividade se resolve no espazo institucional grazas á mediación. Outras, porén, apostan a liderados compartidos, á horizontalidade, á democracia radical, a priorizar obxectivos sociais sen escindir deles, illándoa, a cuestión nacional, coma se esta fose a manifestación dun conflito determinado por paisaxes, sentimentos e espíritos. Nin soberanía nin transformación social son posibles se non hai unha acumulación de forzas diversas que conduza á hexemonía. E para iso é necesario superar fronteiras. 
Os sectores máis conservadores, que non conciben a necesidade de acumular forzas, de incorporar grupos sociais ao proxecto de emancipación, de conquistar hexemonía cun suxeito en expansión, están descontentos coa experiencia da Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Talvez polo peso da fronteira do nacionalismo, talvez porque certa idea de (re)unificación do nacionalismo segue a operar coma unha especie de proxecto estratéxico inconfesable para o cal non sería precisa a participación de forzas con relacións estatais, como é o caso de EU, de EQUO ou de calquera outra que poida incorporarse á Fronte Ampla. Non deixa de percibirse entre estes cadros certa necesidade de que a organización funcione ao estilo da fábrica fordista: cunha xerárquica división do traballo, con estrutura e responsabilidades piramidais, con centros de decisión exentos e alleos ás masas, con fluxos controlados de información unidireccional. A fenda entre a organización e o suxeito emerxente, segundo este modelo, tende a abrirse cada vez máis. Se se impón en Anova, Anova pode entrar en obsolescencia programada. Neste escenario, a experiencia de AGE (que o mesmo que Anova tampouco saliu da nada senón que é o froito de procesos como poidan ser o pacto de goberno de ACE en Cangas do Morrazo, a teorización da Posición Soto por parte do independentismo, a celebración do Foro Social Galego e da Rolda da Rebeldía, a Refundación da esquerda no mundo EU, a Iniciativa BenComún, etc.) parece loitar entre ser simplemente un ensaio (incómodo, na medida en que non se asuma a necesidade de mesturar culturas políticas emancipadoras pero de diferente raizame) de coalición electoral de conxuntura para as eleccións autonómicas de 2012 ou confirmarse como o punto de partida dun amplo proceso de acumulación de forzas de esquerda para a emancipación. Tamén neste caso os sectores máis conservadores observan con maiores reticencias as posibilidades de desenvolvemento da alianza alén do plano estritamente institucional, de tal xeito que, se as súas teses se impoñen en Anova, a “explosión controlada” de AGE (xa se verá se as consecuencias desta explosión son igual de controlables como algún pensan) constituirá una auténtica traizón ás máis de 200.000 persoas que comprenderon, asumiron e apoiaron co seu voto a necesidade desta estratexia de Fronte Ampla nun contexto histórico de agresión total do fascismo financeiro que segue, e seguirá nos próximos anos, totalmente vixente.
O debate en Anova prodúcese fundamentalmente arredor de tres eixos: o modelo organizativo, o perfil ideolóxico e a política de alianzas. E neste sentido tamén estamos falando dun proxecto estratéxico que, indiscutiblemente, ten Anova como forza de esquerda rupturista que aspira a que o pobo galego, como suxeito único da soberanía, composto non por ningunha idea difusa de nación nin por un sentimento rexionalista convertido en fervor patriótico, senón polas clases subalternas, sexa dono de todas e cada unha das súas decisións. Talvez cumpra, tamén, empezar a poñer en cuestión a idea un chisco falaz de diferentes proxectos estratéxicos entre a esquerda e o nacionalismo emancipador. Esa obsesión é precisamente a negación dun proxecto estratéxico que vaia máis aló da visita institucional aos salóns de palacio.
Calquera que coñeza algo do funcionamento do cerebro saberá que este é un órgano incompleto e pouco fiable se non utiliza de xeito coordinado os seus dous hemisferios. O de Anova, antes desta I AN, era un cerebro dun só hemisferio. Unha parte nada pequena da organización estaba excluída dos lugares onde se toman as decisións. Isto provocaba, ademais do desbalde de enerxías sempre escasas, un malestar de fondo que ía en contra da boa marcha do proxecto a desenvolver. A CN saída da I AN, sen ser o produto dun sistema perfecto de elección (existe un sistema perfecto de elección?), si é o produto dun sistema (listas abertas onde cada militante podía escoller a 36 de 75 membros da Coordinadora Nacional) que impedía que ningún sector organizado puidese copar organicamente o partido. Neste sentido, a madurez mostrada pola militancia de Anova e a sincronía desta co que está a suceder en todo o planeta a respecto da vella política é encomiable. Anova non ten por que ter medo de aparecer publicamente como unha organización fendida. Se normaliza e acepta a existencia do disenso como algo consubstancial á democracia interna ben pode facer desa fenda unha virtude. Na nosa lectura da organización Anova conta agora cun cerebro moito máis completo que antes. En diante compre que os dous hemisferios desenvolvan, con honestidade, a vontade unívoca de que as decisións se tomarán de xeito mancomunado. Unha boa coordinación de ambos hemisferios para traballar conxuntamente e para non entorpecerse ben podería ser o principal papel que o Portavoz Nacional, Xosé Manuel Beiras, teña que adoptar a nivel orgánico. El debe ser o nervio que consiga optimizar o cerebro coma un todo. Pero para conseguir isto é imprescindible que o Portavoz Nacional se manteña no xusto medio. El debe ser o elo. O cemento. A ponte entre dúas beiras chamadas a se entenderen. O escultor que propicie a síntese, como síntese é a cabeza de duplo rostro do deus romano Xano, do enconado proceso dialéctico que hoxe convive dentro de Anova.

2 comentários:

cossimo disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
torcinho disse...

Portavoz Nacional así con maiúsculas loce feo. E Beiras non era Voceiro?