7/15/2013

Textos escollidos para ler o presente (XIV)


O seguinte extracto, asinado por Àngel Ferrero, forma parte do artigo "Cara unha Europa neoimperialista", unha das contribucións deste autor ao libro colectivo que comparte con Rafael Poch de Feliu e máis con Carmela Negrete baixo o título "A quinta Alemaña. Un modelo cara o fracaso de Europa". Cando a esquerda se debate entre o non ao euro (o que significaría, probablemente, un golpe de graza á UE) e o cambiemos Europa dende dentro, o artigo de Ferrero dá pistas de cara onde podería derivar unha reforma da UE en clave federal vendida como unha maior integración política e un aprofundamento democrático.

O 28 de xaneiro [de 2013] presentouse oficialmente en París "L´appel des écrivains pour l´Europe". O manifesto, publicado tres días antes polos diarios Le Monde e El País, leva o selo inconfundible dun dos seus asinantes, Bernard-Henri Lévy. Como o habitual estilo alarmista e histriónico do autor non debeu parecerlle suficiente aos editores españois, El País optou polo moito máis sensacionalista "Europa ou o caos", unha disxuntiva que parece non existir máis que na cabeza deses doce intelectuais, de cuxa reunión de poderosísimos intelectos xurdiu un homúnculo que nos apremia, cunha urxencia digna da mellor causa, á federación dos estados europeos. O manifesto preséntanos aos gregos despoxados do seu "principio de soberanía" e proponnos nada menos que a súa integración nun ente no que terían aínda menos soberanía. "Europa ou o caos" é un dos máis recentes, e tamén máis pedantes, dos manifestos en favor da chamada "unión política" da Unión Europea, unha idea que está a tomar forza nos despachos de Bruxelas e Berlín como saída á crise que as súas políticas agravaron. O obxectivo deste e outros manifestos é convencer á opinión pública non xa da súa necesidade, senón da súa inevitabilidade, pois calquera outra solución traduciríase, na súa categórica opinión, no noso illamento e retraso. Trátase, efectivamente, da mesma estratexia que se utilizou no pasado para convencer á poboación das vantaxes de entrar na OTAN (1982) e no Tratado de Maastricht (1992) e para aceptar o Tratado polo que se establece unha Constitución europea (2005).
[...]
Non só Bernard-Henri Lévy, senón tamén, e con maior éxito publicitario, o eurodeputado verde Daniel Cohn-Bendit e o primeiro ministro belga Guy Verhofstadt publicaron un manifesto que toma prestado o título dunha obra dun dos arquitectos da  Comunidade Económica Europea, Robert Shuman, para relanzalo con signo de admiración: Por Europa! Que todos estes políticos e intelectuais estean vencellados a sectores socio-liberais non debería enganar a ninguén, pois trátase, ao fin e ao cabo, dos mesmos sectores que actuaron coma punta de lanza das reformas neoliberais nos seus propios países.
No seu manifesto,  Cohn-Bendit e Verhofstadt reclaman un "salto cuántico" cara unha Europa federal que resolva as actuais diferenzas entre os países membros. Os autores, membros do Grupo Spirelli -un think tank federalista do que tamén son membros o ex primeiro ministro ifaliano Mario Monti e Joschka Fisher-, propoñen para iso a  creación dun partido pro-europeo para as eleccións de 2014 no que se integren, deixando as súas diferenzas de lado,  conservadores, socialdemócratas, liberais e verdes. O fin deste partido supraideolóxico sería promover a creación dunha asemblea constitucional europea tras as eleccións europeas de 2014. Na Europa federal resultante -modelada a imaxe e semellanza dos EEUU: "ou eliximos todos xuntos unha Europa,  os Estados Unidos de Europa,  ou regresamos de novo ás nosas mazmorras nacionais"-, a Comisión Europea transformaríase no goberno,  os comisarios,  nos ministros,  e crearíase o cargo de presidente da Unión,  que sería elixido por sufraxio directo. A proposta conta co apoio de círculos conservadores,  incluíndo o Frankfurter Allgemeine Zeitung, a principal cabeceira económica alemá. De feito, o ministro de economía alemán, Wolfgang Schäuble, defendeu xa esta mesma idea en novembro de 2011 nun congreso da CDU. Que a idea conte cun apoio político tan amplo non é estraño, pois, como escribe Thomas Wagner, o obxectivo das elites europeas "é a disolución da democracia parlamentaria nun sistema presidencial lexitimado por plebiscito". "As propostas de elección directa de altos cargos,  xefes de goberno e xefes de Estado nun contexto de dominio da burguesía -continúa- non procuran unha maior participación da poboación na regulación do ben común,  senón un maior retroceso daqueles partidos que estarían en posición de defender os intereses dos asalariados no parlamento".
Coa federalización eliminaríanse as trabas parlamentarias que impiden converter a Eurozona nun espazo homoxéneo que permita un movemento de capitais aínda máis rápido e eficiente dende o Atlántico até a fronteira con Bielorrusia. Un documento do Egmont Institute, un dos think tanks máis importantes de Bruxelas, exprésao con toda claridade:

"A UE está obstaculizada polo seu proceso de toma de decisións cando se compara con rexímenes presidenciais ou mesmo autoritarios. Razón de máis para profudinzar o seu pensamento estratéxico colectivo e o seu proceso de toma de decisións [...] Isto implica [...] unha unión política cada vez máis profunda na cal os estados membros mancomunen a súa soberanía."

Peor aínda: "con 62 millóns de electores, os alemáns terían asegurado o maior número de votos na elección directa do cargo". Así, esta nova Europa non só sería máis antidemocrática -Verhotstadt: "creo que é falso afirmar que debemos construír unha democracia funcional antes de que poida xurdir unha federación europea"- senón que sería unha Europa de incontestable hexemonía alemá. A nova federación europea fundiría en ferro os desequilibrios da "vella Europa", con tres estados con capacidade de decisión (Alemaña, Francia e Reino Unido), dous estados grandes, pero marxinados e subordinados ao grupo anterior (Italia e España), un grupo de estados pequenos, pero influentes economicamente (Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Austria, Dinamarca, Suecia e Finlandia), dous países cun rol especial pola súa posición xeográfica (Polonia e a República checa) e o resto relegado a mera "periferia" da UE. Este novo bloque xeopolítico estaría ao servizo dos intereses do capital europeo, cos dos capital industrial e financeiro alemán á fronte, aínda máis do que o está o actual. O propio Verhofstadt asegura que "debemos aproveitar o momento da crise para realizar a unidade política. O que debe facerse está moi claro, e os mercados entendérono hai tempo: debemos construír un Estado europeo, a o que Daniel Cohn-Bendit responde: "estou plenamente de acordo".
Xa dende a primeira páxina do manifesto de Cohn-Bendit e Verhofstadt afírmase que "debemos defender os nosos intereses contra grandes potencias políticas e económicas do calibre de China, India, Brasil, Rusia ou Estados Unidos". (Se as elites europeas pretenden competir con China, xa sabemos en que terreo quererán facelo: o "salto cuántico" de Cohn-Bendit e compaña non será menos "cuántico" nos salarios e condicións laborais dos traballadores europeos.)
As mencións aos estados BRICS son constantes no libro. De feito, a nova Europa elitaria parece ter a súa maior xustificación na competencia económica cos países emerxentes. "dentro de só vinte e cinco anos ningún país europeo se contará entre as potencias que determinan os asuntos mundiais. O club dos países máis ricos, o chamado G8, estará formado por EEUU, China, a India, Xapón, Brasil, Rusia, México e Indonesia. Ningún país europeo, nin siquera Alemaña, formará parte del": se Europa non se federaliza, "entón os intereses da India, China ou outros países emerxentes asiáticos determinarán os resultados". Nas mesas de negociación; "máis Europa non é só necesaria para ter unha oportunidade para afrontar os problemas planetarios, senón tamén para asegurar, a calquera prezo, a nosa posición no mundo, protexer o noso modo de vida": só cunha Europa federal "o euro se convertería na divisa de referencia máis importante do mundo"; etcétera. En ocasións a linguaxe delata aos autores. Unha páxinas máis adiante, Verhofstadt explica que hoxe "o mundo organízase en polos que podemos describir coma imperios, con toda a precaución que esta palabra implica: EEUU, China ou India son imperios, non estados nación". Cando o entrevistador lle obxecta que Europa non é ningún imperio, Verhofstadt ofrece unha resposta que non deixa lugar a dúbidas: "Ese é o problema! Europa ten que ser un imperio, no bo sentido da palabra".

Sem comentários: