6/15/2013

Por que queremos tanto a Beiras


Entre as miñas frases favoritas de Xosé Manuel Beiras está aquela que di que un intelectual é quen sabe pór con palabras o que a xente xa estaba a pensar por si mesma. Pola coraxe e a lucidez nos últimos anos de Xosé Manuel Beiras para pór con palabras o que moitos e moitas intuíamos dun xeito menos articulado é que queremos tanto a Beiras. Querémolo por ter a valentía de escribir que o BNG era unha ferramenta que xa non valía debido ao seu illamento social (a "teoría dos dous mundos" escribira el) e á súa transformación nunha maquinaria autotélica. Querémolo tamén por comprender que a voráxine de rebeldía e iconoclastia ben entendida que acompañaba o 15m debía ser acollida cos brazos abertos e incorporada á bagaxe da esquerda en lugar de adoptar a estratexia do ourizo e esperar por tempos mellores. Querémolo por expresar coma ninguén a necesidade da formación de frontes amplas (como se lle pode dicir agora a máis de 200.000 galegos e galegas que o seu voto é un problema?!) por riba de pequenas capelas e miserables escarceos de regate curto, para combater a este novo fascismo financeiro que ameaza con roubarnos a existencia. Querémolo por asegurar que Anova debe ser o proxecto da esquerda galega para os próximos vintecinco anos (non vintecinco minutos). Querémolo por explicarlle a Xabier Vence que a loita pola soberanía galega non pode formularse como abstracción do que sucede noutras nacións do estado e que aquí precisamos establecer alianzas a nivel de estatal para a quebra democrática. Querémolo por facer bandeira da Democracia, con maiúsculas, da participación, do asemblearismo, da horizontalidade, dos liderados compartidos e da rebelión cívica. Querémolo por saber comprender, no seus capítulos biográficos finais, que a lóxica, as maneiras e as prácticas dos movementos antisistémicos e altermundistas viñeron aquí para quedar.
A pasada 1ª Asemblea Nacional de Anova do 8 e 9 de xuño deixa algunhas mensaxes dirixidas a Xosé Manuel Beiras que son tremendamente claras. 
A primeira é que hai unha parte, nada pequena por certo, da militancia de Anova que está disposta a aplicar letra por letra o legado do Beiras máis lúcido. O do Beiras símbolo. O do Beiras intelectual. Pero que para nada vai comprar a mercadoría do Beiras "humano, demasiado humano". A AN de Anova viviu, na xornada da mañán do sábado, a súa propia versión de 15m, a súa propia rebelión cívica en reacción á rebelión cínica. A escolla por parte da militancia do método de elección que fixese máis complicada a formación de maiorías e de rodillos demostra que Anova ten unha base moi esperta e que a máis que comprensible desconfianza cara a vella política do mangoneo, do pacto de elites e do dobre discurso desconfianza que hoxe guía a todos os movementos sociais tamén impregna, afortunadamente, o sentir de boa parte das bases de Anova. E é que somos fillos do noso tempo. E orgullosos estamos de selo, por certo. 
[Paréntese: da cuestión das listas díxose de todo. Mesmo lle chamaron capadas ás que avogaban pola correción de número aqueles aos que non lles gustou o resultado. Pero unha cousa é certa: calquera dos sistemas que se barallaban permitían a utilización de plantillas e de prácticas borreguiles (algún día a esquerda terá que pensar moi seriamente con que autoridade moral pretende mudar o mundo cando a miseria moral campa dentro dela). As listas proporcionais permitíano. As listas abertas puras, tamén. As listas abertas con correción de número a 36, tamén. Agora ben, esta última era a única que impedía que unha soa plantilla puidese copar toda a CN. Reflexionemos agora: acaso o feito de que a militancia de Anova escollese este método non recorda moito o espírito das campañas virais que circulaban en internet durante a última campaña electoral estatal que conminaban a votar a calquera excepto a PP, PSOE e CIU por entender que só así era posible escachar a costra do vello réxime? Non encarna un sentir análogo a aquel que lucidamente están a desenvolver as maiorías sociais para o mapa político xeral a consciencia da militancia de Anova de que xa que política e componendas é un par case que inevitable mellor avogar por solucións que, cando menos, complicasen a vida ao máximo a aqueles que prefiren o status quo e o refuxio no pasado? Dito de xeito rápido: semella que Anova  pasou, sen solución de continuídade, da rebelión do zapato á rebelión da plantilla; pero en cuestión de métodos de elección segue a haber uns métodos nos que o fedor das plantillas é moito máis insoportable que noutros.]
A segunda das mensaxes, en forma de varias ovacións pechadas de TODOS E TODAS, é que aquí ninguén pretendía un xaque ao rei. O que se quería, e quere, é que o rei reine para todos e non só para unha parte. Desafortunadamente, e como indica a última "masaxe express" que a Voz de Malicia lle brinda a Beiras en forma de entrevista (nalgún momento, dito sexa de paso, alguén terá que explicar por que o medio máis antigalego e nocivo deste país se presta con tan bo ánimo a estas cousas), o rei parece que non só non recoñece a unha parte moi importante da organización e, sobre todo, a unha parte disposta a levar á práctica o que o rei leva dicindo por activa e por pasiva nos últimos tempos senón que prefire refuxiarse nos seus cortesanos, no esforzo inútil que conduce á melancolía de pretender impor a un colectivo heteroxéneo o molde do vello PSG e na ameaza máis ou menos explícita de "ou eu ou o caos".
Nun artigo titulado A miña homenaxe ao Beiras, escrito en decembro de 2011, apropiábame da idea do medievalista Kantorowic do dobre corpo do rei pola que o autor mostraba como "a do rei, na idade media, era unha figura desdobrada: por unha banda estaba o rei en tanto que home material, concreto e mortal e pola outra o rei en tanto que símbolo —de natureza inmortal— da continuídade do poder e da soberanía." Dicía eu entón que Beiras era tamén un ser desdobrado. Un rei de dobre corpo onde por unha banda está "o Beiras home, suxeito como todos os seres humanos a contradiccións, debilidades e contratempos. Pola outra o Beiras símbolo."
Creo no que simboliza Beiras. E porque son moi beirista, me indigno. Porque son moi beirista son máis fiel ás miñas conviccións éticas (que, por certo, pensei que eran tamén as de Beiras) e á miña idea do que é verdade e do que é mentira que a estúpidas disciplinas de partido, a domesticadas etoloxías de animal gregario e, sobre todo, a incondicionais cultos a líder ningún. Por iso, me identifico tanto co Beiras que lembraba a viñeta de Castelao do raposo que non nacera para can. Eu, e moitos e moitas outras en Anova, tampouco nacimos para cans. De aí que despois de ler a entrevista citada teña ganas de dicirlle ao Beiras humano o que, estou seguro, lle diría o Beiras inmortal: a militancia xa falou en asemblea soberana así que "deixemos de mirarnos o embigo e a traballar."

10 comentários:

miriño disse...

Xa me parecía moito "amor", e non me daba chegado a hostia... mais chegou, chegou... pero houbo que por un colchón ben gordo para que mancase pero non moito... :p

xOsse dorrío disse...

Máis Beiristas que Beiras. O cal confirma que a un líder faino o grupo, non nace. Tamén o seu discurso, de aí que ao propio Beiras a veces lle custe asumir o seu propio discurso... Prque noné o seu, é o do grupo.

Lembrarás naquela xornada de sábado que 36 me parecía moito. Moito para contar. As "plantillas" (métoo entre comiñas porque cdo que en galego non existe este concepto). Coido que con 5 votos por militante abondaba. Abriríase moito o abano e os candidatos buscarían o voto militante a militante, pois si un grupo concentrase os votos en 5 persoas deixaría a CN aberta a outras 70.

O Fuco disse...

Houbo unha persoa na mañá do sábado que defendeu que cada persoa só puidese escoller a 3 membros da CN. Pero a proposta foi rexeitada.

Tizmen disse...

E os que nom somos beiristas nin cremos nos lideres? E os que pensamos que Beiras xa tiña k estar na segunda liña? Demasiada xente da vella politica que non quere deixar o seu sitio á nova, algúns veñen coa idea de atopar aquí o poder que non lles deron en outras organizacións. Agardo que non tenten obter o poder que non conseguiron na AN nas asambleas locais cos vellos métodos. Ás veces penso que me pasei de utópico coa idea que tiña de ANOVA, pero de momento, e deixando estes "detalles", aquí hai lugar a que os militantes "militem"!

O Fuco disse...

Tentar, tentarano, que non che caiba dúbida ;)

Tizmen disse...

E os que non somos beiristas? E os que non queremos lideres? E os que pensamos que beiras xa tiña que ter dado un paso atrás? Hai xente que segue coas teimas da vella política mentres vende unha nova organización, xente que tenta acadar a cota de poder que non acadou noutras organizacións (e agora non falo de Beiras), por iso non deixan paso aos que queren facer as cousas de outro xeito. Seguimos inmersos nas mesmas loitas internas nas que se leva autodestruindo toda a esquerda, e nós así caeremos nos mesnos erros, conseguiremos fagotizarnos e rematar convertidos nunha organización mais, mentres vendemos que non o somos. Xa é hora dr que algúns fagan un exercicio de valentia e de sinceridade, é hora de que deixen o seu sitio aos non alineados, aos que sí queren mudar esas cousas; iso sí, que se poñan a traballar ao seu carón na rúa, aportando a sua experiencia de anos de loita, que iso non o nega ninguén, e algúns con ganas de traballar ainda temos moito que aprender.

LupeCes disse...

Parabens polo artigo.O que vivimos em Compostela foi historico, e nom tem volta atras, falta ver a onda que provoca noutras organizaçons politicas. Um privilegio te-lo vivido ao vivo e compartilhado com toda a gente de Anova que alenta umha nova cultura politica.

O Fuco disse...

Que non teña volta atrás é algo que moitos e moitas esperamos. Apertas Lupe.

Jorge CimadeVila disse...

Concordo a grandes trazos coa reflexión sobre o Beiras humano e o símbolo.. Sen embargo o que se fixo desde os "tres aparatos" e vergoñento e para min non ten lexitimidade ningunha esa coordenadora aínda que a acepte e teña aínda certa esperanza nunha mudanza de rumbo. Eu que me presentei a coordinadora non fun en ningunha plantilla, non tiña idea de entrar pero pareceme un insulto a todos os que querían votar e presentarse sen "plantillas" que ao final ven sendo listas pechadas. Tanto relatorio para isto, en fin... Vergoñento..

O Fuco disse...

Eu entendo que un aparato é un grupo de persoas que teñen nas súas mans os resortes de poder dunha organización. Resortes, por exemplo, como o censo, que en Anova segue a ser segredo de sumario. Liberacións económicas. Cargos orgánicos que se usan con extralimitación (como exemplo concreto a seudocomisión que se nomenou para redactar as teses da AN e cuxas potestades eran reformuladas sobre a marcha por ditos cargos orgánicos), etc. Neste sentido eu non falaría de tres aparatos. Nin de dous aparatos. Aquí os resortes de poder estaban moi concentrados nunha xente moi determinada. Tanto, que eu non coñezo unha organización que estivese en poder de tan pouca xente como estaba Anova até antes da AN. Saúde.