6/06/2013

Da AN de Anova, do fin de ciclo e dos peixes rémora


Hai que ver a gran bola de neve en forma de rebelión democrática masiva que está a crecer en Turquía partindo da teima dalgunhas persoas por preservar unha zona verde de Istambul das garras especuladoras dos centros comerciais que, como xa escribira José Saramago, son, cos seus brillantes escaparates ocultando a explotación das xentes do sur global, a destrución do pequeno comercio e a xentrificación e especulación inomobiliaria, as cavernas de Platón que nos enganan nos nosos días substituíndo as sombras polas escenografías de cores intensas e luces rechamantes. Esta rebelión cidadá, como outras habidas nos últimos tempos –Primaveras árabes, Geração à rasca, 15m, Occupy– parecen redundar na sensación cada día máis intensa de estarmos nalgún tipo de espazo de discontinuidade, un intre histórico no que semella que, mesmo sen nos dar de conta, algo do vello mundo rematou.
Esta sensación de fin de ciclo tamén se pode percibir, no estrito campo da esquerda partidaria, no noso país. Exemplos para mostrar como incide ese cambio de ciclo hainos a patadas. Eu vou resaltar apenas dous nada teóricos, nada vaporosos, máis ben ao contrario, son dous exemplos moi imbricados no cotiá.
Primeiro exemplo. Ante a nova da aprobación do chamado plan de racionalización dos servizos ferroviarios polo ministerio de fomento, consistente en eliminar moreas de liñas de media distancia e moreas de estacións activas, precisamente as usadas pola xente do común, un ten aínda na retina aquelas patéticas mobilizacións do, por entón maior partido da esquerda deste país (o PSOE non o conto como tal),  reclamando a chegada do AVE a Galiza. Un recorda tamén a esta mesma esquerda participando con gran interese nos debates imbéciles sobre se o AVE chegaría no 2013 ou no 2018 en lugar de se plantaren e alertar do despropósito descomunal que constituía todo o proxecto do AVE en si. Non sei, nin me importa moito, cando chegará finalmente o AVE, si sei que xa se están a construír as vías de alta capacidade, tamén sei que en Vigo estase a construír unha gran estación de ferrocarril, entendo que adaptada para que o AVE chegue á cidade. Non parece que haxa dúbida de que o AVE, finalmente, vai chegar. Os recursos dispoñibles para o tren vanse dedicar ao tren de alta velocidade. Será un tren para persoas de clase alta que primará os traxectos de longa distancia e que deixará aos núcleos de poboación sitos na terra de ninguén que constitúe o espazo entre dúas grandes cidades, sen servizo público de tren. 
Segundo exemplo. O actual presidente dos comuneiros de Liñeiriños, na parroquia viguesa de Cabral, moi interesado en que o pelotazo da instalación do centro comercial –si, tamén aquí mudamos espazos verdes por centros comerciais promovido por Eurofund Investments vaia adiante, lembraba, con toda razón neste caso, non entender que algúns persoeiros do BNG vigués se opoñan agora á construción do chamado CC. Porto Cabral cando esas mesmas persoas aprobaron, no seu momento, o PXOM de Vigo que contemplaba a posibilidade de que os montes comunais sitos no concello puidesen ser vendidos e edificados. Non é baladí, tampouco, que o propio redactor daquel PXOM aprobado polo BNG sexa hoxe o asesor do fondo de investimento inglés proclive ao pelotazo. 
Son dous episodios concretos que nos falan dalgo moito máis amplo. Que hoxe a ningún partido da esquerda se lle ocorra organizar unha concentración reclamando o AVE ou colaborar (polo menos publicamente) en que os montes comunais sexan pasto da especulación dinos que a concepción sobre o posible e o imposible e sobre o aceptable e o inaceptable mudou. Pero tamén nos di que as organizacións políticas teñen un gran problema de credibilidade para se adaptaren a esta mudanza. Antes da crise económica e antes do 15m a esquerda institucional movíase no limitado campo do posible marcado polo sentido común do réxime post-Transición no que os petos do número mínimo necesario de persoas para manter o status quo estaban cheos. A base desa esquerda, illada e insegura da súa propia capacidade, amoldouse a esta situación rebaixando máis do aconsellable o limiar que separa o presentable do impresentable. É nese contexto que se explican o apoio a políticas concretas como as comentadas máis arriba. 
O 15m sacounos do letargo e ensinounos que xa non estabamos abocados a esa actitude de resignación. A crise económica tamén nos sacudiu con forza e indicounos que, ademais, non nos podiamos permitir ese estado de letargo. O que vén de suceder nos últimos tempos na esquerda partidaria galega non é senón a consecuencia desta saída da hibernación. A aposta por Anova de moitas persoas conscientes do esgotamento das vellas ferramentas, a súa materialización.
Cada organización é coma un estado en pequeno. Tamén Anova reproduce a súa propia estratificación social. En Anova aínda teñen peso de máis aqueles que, polo motivo que fose, xa estaban no xogo político cando este tiña unha concepción do imposible e do inaceptable moi diferente do que hoxe rexe. Conviven, en Anova, xentes cómplices de políticas do pasado como as antes descritas nos dous exemplos que puxen, con xentes fartas e radicalmente opostas a esa vella política.
A militancia de Anova ten a oportunidade, esta fin de semana, de votar con que tipo de sistema de elección prefire escoller ás persoas que ocupen os seus órganos. Se opta polas chamadas listas proporcionais (en román paladino listas pechadas) aceptará un esquema habitual no mundo animal mariño: aquel segundo o cal un gran tiburón branco permite que eses pequenos peixes parasitarios chamados rémoras abeiren ao seu corpo para se desprazaren máis rápido aproveitándose da corrente de agua que o gran peixe xera. Este é un modo de funcionamento típico da vella política. O 15m berrou "que non, que non, que non nos representan" en reacción a ese tipo de prácticas chanchulleiras e sería ben paradoxal que Anova, unha organización que disque naceu para conectarse co que estaba a pasar nos movementos sociais, se mostrase incapaz de aplicar internamente o que di pretender aplicar nas institucións do estado. 
Horizontalidade significa que non hai grandes tiburóns brancos e, sobre todo, que non existen trucos para que as rémoras se agachen tras deles. Horizontalidade significa que todos e todas somos tiburóns brancos. Que todos e todas somos iguais. Que todos e todas somos elixibles. E que todos e todas somos libres e autónomos para votar polos mellores para o momento político que estamos a vivir.
Do feito de que o censo de Anova sexa arcanii imperi, como o era no BNG cando o Encontro Irmandiño non se casaba de denunciar o que os seus principais dirixentes fan agora en Anova, xa non digo nada máis; porque daría para outro post sobre cinismo e partidos políticos. Pero o que si que non acabo de vislumbrar é como pretende unha organización contectar co que está a pasar no mundo cando aínda precisa que se insista tanto no perentorio que é adoptar medidas internas democratizadoras como é a asunción de listas abertas. 
En fin, as cousas son como son. E loitar polo evidente segue a ser necesario.

Sem comentários: