7/31/2009

A descolonización cultural (e política) do Eu



«Disólvense todas as relacións sociais antigas e cristalizadas, co seu cortexo de concepcións e de ideas secularmente veneradas; as relacións que as substituen tórnanse anticuadas antes mesmo de cristalizaren. Todo o que era sólido e estable se esfuma, todo o que era sagrado é profanado e os homes son obrigados finalmente a encarar con desilusión as súas condicións de existencia e as súas relacións recíprocas.»

Manifesto comunista



Pasáronme por correo electrónico algúns artigos do intelectual e exmilitante do PSUC Joaquín Mira cheos de reflexións sobre o binomio cultura e política. Apoiándose no Georg Lukàcs máis gramsciano, Miras escribe nun texto sobre o reputado intelectual marxista catalán Manuel Sacristán titulado A práctica política de Manuel Sacristán Luzón. A loita pola hexemonía na fronte intelectual a longa cita que reproduzo a seguir:

«Tradicionalmente a industria capitalista fora produtora de bens de equipo para a produción; poucos foran os produtos fabricados que tivesen como fin o consumo inmediato. [...] Tras a Segunda Guerra Mundial, xurdira unha nova industria lixeira que, aproveitando as novas tecnoloxías, dedicouse á fabricación de bens de consumo de uso individual ou familiar [...] e despois, servizos para o lecer popular como o “turismo” etc., cuxo uso transformaba radicalmente as formas de vida e moldeaba a cultura que organizaba a vida cotiá das clases subalternas. A cultura que estructurara até entón, de forma autónoma, a vida cotiá das clases subalternas e cuxa autonomía fóra condición da existencia dunha cultura de esquerdas, desaparecía. Esa inaudita penetración do capitalismo na vida cotiá do individuo, impuña á política revolucionaria inspirada por Gramsci novas exixencias.[...] Para unha política práctica de cuño gramsciano, que considera condición previa para a apertura do proceso revolucionario a plena autonomía cultural, faise imprescindible a creación dunha nova cultura material autónoma».

Tamén Miras, pero apelando agora directamente a Gramsci, infórmanos sobre o importante que é, para o capitalismo manter a súa hexemonía, o “cemento” da cultura. Así mesmo, advírtenos da importancia de construír, desde xa, unha cultura alternativa baseada na «experiencia de vida da xente e nos valores intimamente vividos en privado pola xente e que se manifestan na acción da xente, aínda que só sexa cos seus; a bondade, a xenerosidade, a solidariedade»; o que poderiamos chamar: valores da esquerda social.
Así, no artigo titulado A cultura como política, o catalán exprésase como segue:


«Se queremos crear unha alternativa á cultura de masas existente, una cultura de vida que non nos aboque ao cataclismo da destrucción dos equilibrios ecosistémicos que permiten a vida humana no planeta, a aniquilación por desbalde dos recursos materiais necesarios e a superpoboación, esa nova cultura, que debe pasar pola sobriedade, polo combate contra o “luxo” —segundo a traditio—, debe ser capaz de encher a vida da xente de forma alternativa, e a praxe política pode ser un dos mellores recursos —o recurso por excelencia, se se é res-publicano.»

Esta vontade de aniquilamento de toda cultura autónoma que profesa o sistema económico en que vivimos é facilmente verificable a nada que miremos ao noso redor. Dos vellos hábitos culturais da clase obreira xa non queda a penas nada. O pequeno comerciante está sendo esmagado entre centro comercial e centro comercial. O campesiñado e os seus sinais de identidade tan ben retratados nos clásicos da literatura galega son unha especie —sobre todo na nosa terra— en perigo de extinción. O individuo-masa da economía terciarizada, culturalmente homoxéneo, culturalmente colonizado, ameaza con devorarnos a todos nun breve lapso de tempo.

* * * * *

Sei que non é un caso único. Non sei se é un caso frecuente. Pero se tivese que responderme á pregunta de como tomei conciencia ideolóxica ou de como me fun achegando ás ideas que hoxe forman parte do que son, non podería falar da influencia dun personaxe carismático, da captación por parte dun partido político, da militancia nun movemento social ou do impacto dun acontecemento traumático. O que de verdade incidiu determinantemente (deixando aparte o meu contexto familiar e socioeconómico) na conformación da miña personalidade e o que foi provocando de vagar en min unha tendencia a pensar con sentido crítico a sociedade na que crecín e na que vivo foi, nin máis nin menos, o meu gusto pola música, estética e filosofía do punk máis alternativo. Isto é: a miña proximidade a un tipo determinado de cultura urbá contestataria.
No Vigo de finais dos oitenta principios dos noventa, como en xeral en todo o Estado Español, o espectro do politizado Rock Radical Vasco aínda exercía unha gran influencia ideolóxica na música con vocación rupturista (para nós o punk dos primeiros Siniestro Total e similares era tan comercial como o de moitas bandas americanas que hoxe copan as listas de éxitos e que daquela comezaban a chegar). Agromaban máis ou menos naquela altura as primeiras editoras-distribuidoras alternativas. Pequenos selos que sacaban do prelo cassettes e EP´s sen ánimo de lucro —as etiquetas "Non pagues máis de 400 pesetas" aparecían orgullosas nas portadas e contras daqueles traballos— que se vendían á marxe da distribución comercial. Tamén naqueles anos okupáronse varias casas —a máis ambiciosa, ben que efémera, a tentativa de okupación do antigo cuartel de Barreiro (en terreos onde hoxe existe un xeriátrico)— chegando a funcionar, mal que ben, varias okupas en distintas cidades galegas.
Na Asociación de Veciños Val do Fragoso —sería isto posible hoxe?— tiñamos o noso punto de encontro coas bandas que nos gustaban e das que sabiamos mediante entrevistas atrapalladamente fotocopiadas (internet era só un xoguete estadounidense) en fanzíns maquetados polo vello método de recortar papeliños e fotografías e pegalos nunha cartulina.
O maltrato aos animais, a insumisión, o ecoloxismo, a denuncia no 1992 dos cincocentos anos de colonización española en América e dos negocios olímpicos ou o anticlericalismo, eran lugares comúns nas cancións, artigos, pancartas e asembleas deses días. Toda unha microcultura (pequeniña até a marxinalidade) que salvo pola ameaza sempre presente das drogas duras, nos mantiña inxenuamente vivos e lúcidos baixo o seu principio rector: non esperes a que che dean nada, o que sexa que queiras has de facelo por ti mesmo. Dito ao xeito inglés: Do It Yourself.

* * * * *

Tamén aquela máxima, ou se se quere unha nova versión pluralizada da mesma —fagámolo nós mesmos— parece nutrir moito do que comeza a moverse, por máis timidamente que sexa, no subsolo cidadán. Como se as prácticas daquela incipiente escena político-musical galega, que agromaba cando o punk xa estaba máis que asimilado en case que todo o mundo (aínda a sociedade galega non estaba tan globalizada e sincronizada coas economías centrais coma hogano) e que parecía obedecer a pouco máis que parvadas de adolescentes, revelasen, agora que a lóxica do mercado penetrou mesmo até as alcobas, unha especie de verdade: hai que facer xa, aquí e agora, esa outra sociedade que se quere; son necesarias as redes organizadas , fora das institucións e do mercado, que respondan xa a outros valores e intereses.
Da banca ética ás redes de consumo, dos mercadiños de troco ao software libre; un feixe de novas prácticas van conformando outra maneira de facer distinta, autónoma, a-sistémica. Unha forma de facer tan inxenua se se quere, tan cativa, tan marxinal, como as nosas pequenas bandas, distribuidoras e casas okupadas de finais dos oitenta principios dos noventa. Pero imprescindibles, visto o grao de derrota do que partimos, para poder volver
como suxiren os artigos de Joaquín Mira edificalo todo, mesmo o marco ético, desde o principio.


Ilustración: Do it yourself (landscape) Andy Warhol, 1962

7/26/2009

Publicidade. A colonización cultural do Eu



Igual que no seo da economía produtiva cada momento histórico tivo a súa fonte de enerxía —vapor, carbón, petróleo— todo semella indicar que quen está a adoptar ese papel na chamada sociedade da información é quen mellor coñece do seu manexo: o sistema publicitario. A estratexia máis importante, e máis agresiva, das seguidas polos publicistas para crearen novas necesidades e para combateren toda inmunidade fronte a incidencia das grandes campañas pivota no deseño e venta de estilos de vida: narracións que establecen o valor simbólico das cousas e das persoas que as adquiren. E é que na produción de obxectos xa prima máis a lóxica social (o seu valor en canto que signos) que a lóxica individual ou biolóxica (a satisfacción de necesidades). Esta elaboración de mecanismos de distinción e status mediante un valor asociado artificialmente a certas marcas ou produtos chegou a tal punto que é razoable falarmos dunha auténtica colonización cultural do Eu. No recomendable libriño Da miseria humana no medio publicitario (Grupo Marcuse, 2004) cítase unha frase de Hannah Arendt, a teorizadora por excelencia do totalitarismo, que cómpre non perder de vista: «A transformación das clases en masas e a consecuente eliminación de calquera solidariedade de grupo eran a condición sine qua non de toda dominación total». O requisito indispensable para a transformación da humanidade nunha grande masa amorfa de consumidores é eliminar primeiro toda existencia de suxeitos cuxo desexo non responda aos intereses do mercado. Que os partidos políticos estean a aplicar cada vez con máis descaro técnicas propias do marketing é a proba irrefutable de estarmos a ingresar de cheo no tempo da democracia dirixida; o que Sheldon S. Wolin denomina «totalitarismo invertido». Contribuír a rachar esta cadea de producción de subxectividades alienadas —mediante o boicot, a deconstrucción, a reapropiación, etc.— debería converterse nunha das nosas tarefas primordiais. Nunha nosa forma inédita de Ludismo intelixente.

NOTA: Este texto acompañou unha foto-reportaxe de Eduardo Irago Fernández para o Novas da Galiza de xullo/ agosto

7/15/2009

O Pinhal do Rei



«Era bonito o solpor no mar desde o alto do Farol do Penedo da Saudade. Extremadamente bonito. A vista abranguía case cento oitenta graos naquela perda de luz inxente sobre o océano infinito. Morría o sol e medraba a escuridade nun ciclo lento e constante marcado polo devir das cavilacións.»

Rosa Aneiros. Resistencia (Xerais, 2002)

Foi aquel Don Dinís, rei lavrador, quen máis fixo polo Pinhal de Leiria: unha inmensa masa de piñeiros bravos plantados para conter o avance das dunas que pasado o tempo habería transformarse na materia prima coa que os descubridores portugueses construirían os seus navíos. Visitámolo esta fin de semana para coñecer os seus magníficos carrís-bici (ou ciclovías como lles din alá). Quilómetros e quilómetros de pistas para bicicletas que unen lugares de toponimia tan evocadora coma Penedo da Saudade ou Nazaré.
Sentindo o cheiro fresco da mata e escoitando o onmipresente balbordo da carricanta era imposible non lembrarse doutros veráns na Provenza occitana, lugar en que naceu a cançó trovadoresca e os grafemas -lh e -nh que o rei-poeta Don Dinís habería empregar («Quer'eu en maneira de proençal fazer agora un cantar d'amor») tan aqueladamente. Disque aquel monarca foi o primeiro en asinar co seu nome completo e que por iso é considerado o primeiro rei portugués non analfabeto. Non sei se por ese motivo, ou porque a burguesía sempre deveceu por asociarse a orixes máis aristocráticas das que en verdade ten, o lugar de São Pedro de Moel —unha vila inzada de residencias estivais de alto standing— ergueu unha estatua —ben que discreta— a Don Dinís e á raiña Dona Isabel de Aragón.
Cando pedalaba baixo o sol e gozaba da vista de cantís e de praias interminables, ou cando, despois dun opíparo jantar, rebulía na noite igual que rebolen as andoriñas entre as columnas sen teitume das "capelas imperfeitas" do mosteiro de Batalha, pensaba eu, a propósito da burguesía galega, que sendo a súa xénese igual de escura que a da burguesía doutras latitudes —ler senón a entrevista na que esta catedrática de instituto debulla as orixes escravistas de varias fortunas coruñesas— os ricos de aquén Miño atesouran, así e todo, a única eiva que calquera persoa podente sería quen solucionar a pouco que se aplicase: a incultura.
Como facerlles comprender entón, aos que por outro lado nada queren saber da tradición literaria galega, que a súa oposición ao proxectado carril-bici entre Coruxo e o Val Miñor é só a última paifocada dunha longa lista?

7/09/2009

O menos común dos sentidos




«Ciertas palabras son como campos de batalla cuyo sentido es una victoria, revolucionaria o reaccionaria, necesariamente arrancada tras una lucha encarnizada.» La insurrección que viene. Comité invisible (Melusina, 2009)

«El problema del lenguaje es el foco de todas las luchas por la abolición o el mantenimiento de la actual alienación, inseparable del conjunto de esas luchas. Vivimos en el lenguaje como en un aire contaminado. Al contrario de lo que piensan los hombres de espíritu, las palabras no juegan. No hacen el amor, como creía Breton, más que en sueños. Las palabras trabajan por cuenta de la organización dominante de la vida. [...] Bajo el control del poder, el lenguaje siempre designa una cosa distinta de lo autenticamente vivido. Es ahí precisamente donde empieza la posibilidad de una contestación completa. En la organización del lenguaje, la confusión ha llegado a tal extremo que la comunicación impuesta por el poder se revela como una impostura y un embuste.» Extracto dun artigo da revista Internationale situationniste nº 8/ Xaneiro/1963 (Literatura gris, 2000)

«El Estado moderno se ha dado por etimología la raíz indoeuropea st- de la fijeza, de las cosas inmutables, de lo que es. La maniobra ha engañado a más de uno. Ahora que el Estado no hace más que sobrevivirse, la transposición se aclara: es la guerra civil —stasis en griego— la que cumple el papel de la permanencia, y el Estado moderno no habrá sido otra cosa que un proceso de reacción a esta permanencia.» Introducción a la guerra civil. Tiqqun. (Melusina, 2008)

Expoño a seguir algunhas reflexións que quixera compartir ao fío do sucedido en torno a dous feitos políticos —un a escala internacional o outro a escala local— que tiveron lugar estes días. O primeiro é o golpe de estado en Honduras. O segundo, a moción de censura en Gondomar. Pero tranquilidade, non é a miña pretensión facer unha comparación directa e forzada entre o derrocamento manu militari do presidente Zelaya e o derrocamento per loca transfuguista do alcalde Araúxo; senón determe, unha vez máis, nun fenómeno —a prostitución da linguaxe— común a un e a outro acontecemento.

E é que a creba do sentido das palabras chama poderosamente a atención nestes episodios. Se para calquera que estivese atento ao acontecido en Honduras era evidente que asistiamos a un golpe de estado, moitos medios de comunicación mundiais (tamén os españois) tardaron un tempo, e incluso discutiron, se o que presenciabamos era un golpe de estado ou a deposición dun presidente que, segundo estes mesmos medios, debía ser arrestado por ter conculcado a constitución. O que seguiu a estes primeiros impases foi a reacción indignada de medio globo que se viu impelido a afirmar o obvio: déranse as voltas que se deran, o que estaba sucedendo en Honduras era, efectivamente, un golpe de estado.
Se imos a Gondomar, e co abismo que separa —como xa puxen de relevo— os dous contextos, non é difícil establecer a analoxía. Así, ante a desinformación interesada dos medios galegos de maior difusión, empeñados en falar continuamente nos seus titulares de «cambio de goberno» debido á «parálise» e non de «moción de censura» ou de «transfuguismo», non estraña que o movemento cidadán que soubo expresar con lucidez a indignación ante o ocorrido se vise obrigado a pór nas súas bandeiras algo ben diáfano e, outra volta, ben obvio: moción=corrupción. Nesta necesidade de narratividade nos movemos.

Vemos, logo, que tanto nun caso coma no outro, as primeiras horas —as horas das definicións que quedarán na memoria das persoas— eran cruciais. Se os medios trataban, no caso hondureño, de restar forza á idea «golpe de estado» por mor da súa vinculación coa tradición antidemocrática latinoamericana (eles que nos queren convencer de que a loita en latinoamérica líbrase entre democracia vs. populismo), no caso gondomarense, a teima era facer desaparecer o termo «moción de censura» ou «transfuguismo» e a súa asociación (máis tratándose deste municipio do Val Miñor) coa mafia urbanística. Conviña, emporiso, deseñar un traxe a medida que fixese democraticamente aceptables e incluso necesarias, prácticas a todas luces execrables. Facer, en definitiva, do excepcional o normal.
Contigua á noción de normalidade está a de sentido común. De aquela ou aquel do que se di que non ten sentido común, enténdese que é unha persoa amiga de abrazar posturas ou comportamentos estrafalarios, pouco razoables, perigosos, ou simplemente loucos; e á inversa, de quen fai gala de sentido común dise que o fai tamén de cordura, prudencia e previsibilidade. A loita pola definición da normalidade é central para controlar que cousas entran e que cousas non entran niso que chamamos sentido común, e controlar a definición de sentido común constitúe o primeiro paso para coutar calquera arela de cambio social; xa que incluso cando coloquialmente se di que o sentido común é o menos común dos sentidos o que se pretende non é pór de relevo a imposibilidade do consenso senón a represión de toda violación desas normas non escritas.
Para ilustrar a importancia que outorga a dereita ao significado da noción de normalidade poño tres exemplos tomados da actualidade:
1. O xornal hondureño La tribuna na súa edición do mércores 8 de xullo abriu cunha gran foto na que se vía unha manifestación popular. Se o pé de páxina afirmaba —indicándonos xa por onde respira ideoloxicamente— que «miles de hondureños marcharon a favor de la paz y la democracia mientras clamaban contra el intervencionismo de Hugo Chávez»; na parte superior da fotografía un grande titular a toda páxina expresaba o verdadeiramente interesante: «Volver a la normalidad». Neste caso normalidade significa esquecer que o presidente Zelaya foi deposto irregularmente e aceptar unha mediación entre este e o novo candidato Micheletti.
2. Gondomar. O estreado novo alcalde (un tal Urgal) afirmou —nunhas declaracións a unha emisora de radio o día da moción de censura— que «o que sucedeu na vila é que a xente quería que gobernase xente normal»; neste caso, naturalmente, xente normal significa o propio Urgal.

3. Noutro contexto. O da folga do metal da provincia de Pontevedra. Moitos medios sintetizaron a suspensión por parte dos sindicatos da recente folga do metal coa mesma pílula analxésica de sempre: «Vigo vuelve a la normalidad». Onde normalidade significa que os obreiros non deben protestar polas súas condicións de traballo.

Igual que as rúas de Honduras —como antes as de Bolivia ou as de Venezuela— están sendo escenario de mobilizacións por parte de dous bandos irreconciliables; non é descartable que pronto vexamos en Gondomar algunha mobilización en apoio á moción de censura; consumándose así unha fenda social que semella ser, tanto nestas cuestións como en moitas outras, cada vez máis infranqueable. Se noutros momentos históricos asistiuse a unha competición de sistemas contrarios dotados con cadansúa retórica propia, nesta pax americana imperante, parece que os antagonismos están a desenvolverse no seo mesmo da lingua, até o punto de que incluso están saltando polos aires as convencións mínimas que establecen cales deben ser os nomes das cousas. A noción de normalidade ou de sentido común —como outros tantos conceptos da lingua— están perdendo a súa inocencia, aflorando, en troques, coma un campo de batalla máis da confrontación política. Hai un sentido-do-sentido-común de dereitas como hai un sentido-do-sentido-común de esquerdas; dando por boa, aínda que sexa por outra porta, a máxima popular de que efectivamente o sentido común é o menos común (en canto que compartido) dos sentidos. O cal me leva a pensar que o que Marx denominaba «guerra de clases» e colectivos radicais franceses actuais, coma Tiqqun, denominan directamente «guerra civil», parece que se comeza a agudizar, nas nosas sociedades mediáticas, antes que en ningún outro sitio, no seo da propia lingua.

7/06/2009

Pánico, nostalxia, hibernación

Televisión. Reportaxe sobre unha nova práctica común na China: someterse a operacións de cirurxía estética para ser máis competitivos no mercado de traballo. A protagonista, unha rapaza nova, acude a unha clínica para occidentalizar os seus rasgos. Asegúrase que as persoas guapas segundo o canon occidental conseguen mellores choios. Ideas que me viñeron á cabeza: Se é certo o que algúns sosteñen, e o sistema chino, no que convive unha poboación sen dereitos civís cun mercado de traballo altamente explotador e tecnificado, está chamado a se converter na síntese perfecta que acolla a reproducción futura do capitalismo; parece lóxico que tamén sexa dentro do sistema daquel país onde se manifesten con maior claridade as prácticas futuras da clase obreira mundial. E que vemos? Solucións individuais até o extremo da automodificación física.
Nacerá logo, a partir desta asunción da biopolítica a escala micro, unha nova clase de traballador-cyborg? Xeraranse desigualdades entre os traballadores-cyborg e os traballadores non tuneados? Blade Runner xa está aquí. E produce pánico.

* * * * *

Na rúa. Paseo por un mercadiño seudomulticultural no centro de Vigo. Nun dos postos, obxectos rusos. Un home ao meu carón interésase por unha bandeira de veludo xigante na que se ve a fouce e o martelo e unha chea de caracteres cirílicos. A dependenta —unha moza rusa loira que fala castelán con sotaque italiano— di que custa 300 euros. O home pídelle que lle traduza o significado das palabras en cirílico pero ela contesta que só llas traduce se compra a bandeira. El acepta o trato e ela escríbelle, sen ocultar o seu desprezo e escepticismo polo contido das frases, o conxunto de vellas proclamas dun sindicato ferroviario. A escena: un occidental nostálxico pagando por ideas grandiosas nas que ninguén cre e unha eslava pragmática desfacéndose (mentres tenta tirar para adiante) do legado que lle deixou a historia e da decepción. A quintaesencia, en suma, do capitalismo: todo pode ser vendido mentres haxa quen o compre.

* * * * *

Un libro di: «El “equilibrio del terror” entre dos grupos de estados rivales es el dato esencial más visible de la política mundial, y supone actualmente un equilibrio de la resignación: la de cada uno de los protagonistas a la permanencia del otro. [...] Ello implica decididamente una resignación generalizada ante lo existente, a los poderes coexistentes de los especialistas que organizan este destino. Estos hallan una ventaja añadida en este equilibrio por cuanto permite la rápida liquidación de toda experiencia original de emancipación surgida al margen de sus sistemas. [...] Ninguno de los dos campos prepara la guerra efectiva, sino la conservación indefinida de ese equilibrio a imagen de la estabilización interna de su poder.» A cita pertence ao numero sete de abril de 1962 da revista da Internacional Situacionista. Fala da guerra fría pero parece que fale da situación interna do BNG. O título do artigo —Xeopolítica da hibernación— tamén lle acae ao estado actual da fronte. Hibernemos pois.