7/31/2009

A descolonización cultural (e política) do Eu



«Disólvense todas as relacións sociais antigas e cristalizadas, co seu cortexo de concepcións e de ideas secularmente veneradas; as relacións que as substituen tórnanse anticuadas antes mesmo de cristalizaren. Todo o que era sólido e estable se esfuma, todo o que era sagrado é profanado e os homes son obrigados finalmente a encarar con desilusión as súas condicións de existencia e as súas relacións recíprocas.»

Manifesto comunista



Pasáronme por correo electrónico algúns artigos do intelectual e exmilitante do PSUC Joaquín Mira cheos de reflexións sobre o binomio cultura e política. Apoiándose no Georg Lukàcs máis gramsciano, Miras escribe nun texto sobre o reputado intelectual marxista catalán Manuel Sacristán titulado A práctica política de Manuel Sacristán Luzón. A loita pola hexemonía na fronte intelectual a longa cita que reproduzo a seguir:

«Tradicionalmente a industria capitalista fora produtora de bens de equipo para a produción; poucos foran os produtos fabricados que tivesen como fin o consumo inmediato. [...] Tras a Segunda Guerra Mundial, xurdira unha nova industria lixeira que, aproveitando as novas tecnoloxías, dedicouse á fabricación de bens de consumo de uso individual ou familiar [...] e despois, servizos para o lecer popular como o “turismo” etc., cuxo uso transformaba radicalmente as formas de vida e moldeaba a cultura que organizaba a vida cotiá das clases subalternas. A cultura que estructurara até entón, de forma autónoma, a vida cotiá das clases subalternas e cuxa autonomía fóra condición da existencia dunha cultura de esquerdas, desaparecía. Esa inaudita penetración do capitalismo na vida cotiá do individuo, impuña á política revolucionaria inspirada por Gramsci novas exixencias.[...] Para unha política práctica de cuño gramsciano, que considera condición previa para a apertura do proceso revolucionario a plena autonomía cultural, faise imprescindible a creación dunha nova cultura material autónoma».

Tamén Miras, pero apelando agora directamente a Gramsci, infórmanos sobre o importante que é, para o capitalismo manter a súa hexemonía, o “cemento” da cultura. Así mesmo, advírtenos da importancia de construír, desde xa, unha cultura alternativa baseada na «experiencia de vida da xente e nos valores intimamente vividos en privado pola xente e que se manifestan na acción da xente, aínda que só sexa cos seus; a bondade, a xenerosidade, a solidariedade»; o que poderiamos chamar: valores da esquerda social.
Así, no artigo titulado A cultura como política, o catalán exprésase como segue:


«Se queremos crear unha alternativa á cultura de masas existente, una cultura de vida que non nos aboque ao cataclismo da destrucción dos equilibrios ecosistémicos que permiten a vida humana no planeta, a aniquilación por desbalde dos recursos materiais necesarios e a superpoboación, esa nova cultura, que debe pasar pola sobriedade, polo combate contra o “luxo” —segundo a traditio—, debe ser capaz de encher a vida da xente de forma alternativa, e a praxe política pode ser un dos mellores recursos —o recurso por excelencia, se se é res-publicano.»

Esta vontade de aniquilamento de toda cultura autónoma que profesa o sistema económico en que vivimos é facilmente verificable a nada que miremos ao noso redor. Dos vellos hábitos culturais da clase obreira xa non queda a penas nada. O pequeno comerciante está sendo esmagado entre centro comercial e centro comercial. O campesiñado e os seus sinais de identidade tan ben retratados nos clásicos da literatura galega son unha especie —sobre todo na nosa terra— en perigo de extinción. O individuo-masa da economía terciarizada, culturalmente homoxéneo, culturalmente colonizado, ameaza con devorarnos a todos nun breve lapso de tempo.

* * * * *

Sei que non é un caso único. Non sei se é un caso frecuente. Pero se tivese que responderme á pregunta de como tomei conciencia ideolóxica ou de como me fun achegando ás ideas que hoxe forman parte do que son, non podería falar da influencia dun personaxe carismático, da captación por parte dun partido político, da militancia nun movemento social ou do impacto dun acontecemento traumático. O que de verdade incidiu determinantemente (deixando aparte o meu contexto familiar e socioeconómico) na conformación da miña personalidade e o que foi provocando de vagar en min unha tendencia a pensar con sentido crítico a sociedade na que crecín e na que vivo foi, nin máis nin menos, o meu gusto pola música, estética e filosofía do punk máis alternativo. Isto é: a miña proximidade a un tipo determinado de cultura urbá contestataria.
No Vigo de finais dos oitenta principios dos noventa, como en xeral en todo o Estado Español, o espectro do politizado Rock Radical Vasco aínda exercía unha gran influencia ideolóxica na música con vocación rupturista (para nós o punk dos primeiros Siniestro Total e similares era tan comercial como o de moitas bandas americanas que hoxe copan as listas de éxitos e que daquela comezaban a chegar). Agromaban máis ou menos naquela altura as primeiras editoras-distribuidoras alternativas. Pequenos selos que sacaban do prelo cassettes e EP´s sen ánimo de lucro —as etiquetas "Non pagues máis de 400 pesetas" aparecían orgullosas nas portadas e contras daqueles traballos— que se vendían á marxe da distribución comercial. Tamén naqueles anos okupáronse varias casas —a máis ambiciosa, ben que efémera, a tentativa de okupación do antigo cuartel de Barreiro (en terreos onde hoxe existe un xeriátrico)— chegando a funcionar, mal que ben, varias okupas en distintas cidades galegas.
Na Asociación de Veciños Val do Fragoso —sería isto posible hoxe?— tiñamos o noso punto de encontro coas bandas que nos gustaban e das que sabiamos mediante entrevistas atrapalladamente fotocopiadas (internet era só un xoguete estadounidense) en fanzíns maquetados polo vello método de recortar papeliños e fotografías e pegalos nunha cartulina.
O maltrato aos animais, a insumisión, o ecoloxismo, a denuncia no 1992 dos cincocentos anos de colonización española en América e dos negocios olímpicos ou o anticlericalismo, eran lugares comúns nas cancións, artigos, pancartas e asembleas deses días. Toda unha microcultura (pequeniña até a marxinalidade) que salvo pola ameaza sempre presente das drogas duras, nos mantiña inxenuamente vivos e lúcidos baixo o seu principio rector: non esperes a que che dean nada, o que sexa que queiras has de facelo por ti mesmo. Dito ao xeito inglés: Do It Yourself.

* * * * *

Tamén aquela máxima, ou se se quere unha nova versión pluralizada da mesma —fagámolo nós mesmos— parece nutrir moito do que comeza a moverse, por máis timidamente que sexa, no subsolo cidadán. Como se as prácticas daquela incipiente escena político-musical galega, que agromaba cando o punk xa estaba máis que asimilado en case que todo o mundo (aínda a sociedade galega non estaba tan globalizada e sincronizada coas economías centrais coma hogano) e que parecía obedecer a pouco máis que parvadas de adolescentes, revelasen, agora que a lóxica do mercado penetrou mesmo até as alcobas, unha especie de verdade: hai que facer xa, aquí e agora, esa outra sociedade que se quere; son necesarias as redes organizadas , fora das institucións e do mercado, que respondan xa a outros valores e intereses.
Da banca ética ás redes de consumo, dos mercadiños de troco ao software libre; un feixe de novas prácticas van conformando outra maneira de facer distinta, autónoma, a-sistémica. Unha forma de facer tan inxenua se se quere, tan cativa, tan marxinal, como as nosas pequenas bandas, distribuidoras e casas okupadas de finais dos oitenta principios dos noventa. Pero imprescindibles, visto o grao de derrota do que partimos, para poder volver
como suxiren os artigos de Joaquín Mira edificalo todo, mesmo o marco ético, desde o principio.


Ilustración: Do it yourself (landscape) Andy Warhol, 1962