3/29/2009

Eleccións galegas e movementos sociais*

Á vista dos resultados das últimas eleccións galegas puxéronse de manifesto, no que atinxe aos movementos sociais, algunhas cuestións dignas de análise:

1. Que a base social do PP, lonxe de responder unicamente ao estímulo do partido-poder, está fortemente ideoloxizada e vota a ese partido con plena identificación e consciencia. Así, ao volvermos a ollada ao ano 2005 e ao reflexionarmos sobre as causas que propiciaran a derrota de Manuel Fraga, faise evidente que a incidencia de movementos sociais como Nunca Máis ou o xurdido como rexeitamento á guerra de Iraq, resultou aínda máis decisiva, tanto para a mobilización da esquerda coma para a o descrédito da figura do candidato da dereita ante o seu electorado (o que contribuíu á súa desmobilización), do que pensabamos.
2. Que o Partido Popular aprendeu a utilizar politicamente unha realidade na que os partidos políticos (o da dereita incluído) sofren un forte déficit de credibilidade perante toda a sociedade. Déficit que é aínda máis acusado nos sectores de esquerda. E explícome: a dereita sabe que á hora de desacreditar aos partidos de esquerda ante os seus propios electores é pouco eficaz un ataque que parta do propio partido; sabe que o que cómpre é lanzar ataques desde lugares diferentes. E se isto acontece non é porque o electorado de esquerdas rexeite as ofensivas da dereita por cuestións de desconfianza ideolóxica, senón porque a desconfianza é, desta volta, contra a política partidaria no seu conxunto. Así, importando unha estratexia que os republicanos veñen utilizando nos EEUU desde a chamada Revolución Conservadora (dotarse dun tecido social cada vez máis amplo), a dereita española valeuse na campaña electoral de dous elementos xurdidos da sociedade civil (entendida esta ao xeito liberal): dous medios de comunicación (ABC e La Voz) e un colectivo cidadán (Galicia Bilingüe) protagonista dunha reivindicación sectorial moi sensible e, polo tanto, susceptible de actuar como metonimia de todo un feixe de demandas do electorado máis conservador.
3. Mentres todo isto acontecía na dereita, a esquerda actuou xustamente no sentido oposto. Ignorando que accederan ao goberno da man de dous potentes movementos sociais, os dous partidos coligados limitáronse a ocupar o poder con vistas a aumentar os seus respectivos apoios electorais nos supostamente permeables sectores da poboación máis tépedos ideoloxicamente. Tratábase de estender a influencia dos partidos en todos os recunchos da superestrutura estatal en lugar de fortalecer unha sociedade civil (esta si no sentido gramsciano) que se ocupase de construír unha hexemonía nacionalista e de esquerdas na sociedade galega.
4. Pero esta sociedade civil tiña vida propia. Se ben nun exercicio de honestidade debemos recoñecer que a celebración do primeiro Foro Social Galego foi moito máis sinxelo nesta conxuntura política do que o tería sido noutras circunstancias, a ninguén se lle escapa que o éxito na celebración deste evento bebeu en boa medida dun descontento palpable coa política levada a cabo pola Xunta de Galiza. No mesmo sentido, a creación da rede Galiza Non Se Vende, un exitoso aglutinador de loitas dispersas e fragmentadas, así como a súa intensa actividade descentralizada personificou outro dos catalizadores polos que esta sociedade civil, que non se resignaba a actuar como corifeo do poder, canalizou as súas enerxías.

Se damos por bo o dito até agora, e concedemos que o Nunca Máis e o Non á guerra axudaron a concentrar o voto da esquerda en dous partidos (máis no PSOE ca no BNG) en detrimento do PP no 2005, e que a actuación de dous medios de comunicación perfectamente sincronizados coas estratexias da dereita e dun colectivo cidadán (convenientemente amplificado por eses mesmos medios de comunicación), contribuíron a concentrar no PP tanto o tradicional voto rural deste partido como un novo sector de voto urbano moi españolizado nas eleccións do 2009, así como que os propios erros do Bipartito propiciaron que o voto nestas eleccións se fragmentase noutras opcións políticas (EU, Os verdes, Terra Galega), na abstención ou no voto nulo, parece claro que o tempo en que a política era couto exclusivo dos partidos políticos rematou.
Nunha recente visita a Vigo, o profesor na Facultade de Ciencias políticas e Socioloxía da Universidade Complutense Jorge Verstrynge —personaxe co que polo demais discrepo en máis dunha cuestión— recordou que nos “trinta gloriosos” anos da posguerra as democracias occidentais estableceran un pacto máis ou menos tácito cos Partidos Comunistas: estes renunciaban a gobernar a cambio de poderen desempeñar nas democracias liberais a senlleira figura do Tribuno.
Na antiga Roma —informou Verstrynge— ademais do Senado (instancia encargada de lexislar) existía un maxistrado chamado Tribuno que actuaba como mediador entre o propio Senado e mais a plebe. Formaba parte das súas atribucións poñer veto ás resolucións do Senado e propoñer plebiscitos. Dos anos setenta en diante —continuou o profesor— a esquerda renunciou —en realidade el acusou aos partidos de esquerda de racismo coas clases baixas— ao seu rol de Tribuno, deixando así campo libre á dereita para impor a súa hexemonía cultural nas capas sociais máis vulnerables.
O dito por Verstrynge parece corroborarse ao examinarmos o acontecido nas últimas eleccións galegas. Mentres que os partidos de esquerda (aos que desde que a Terceira Vía trunfa si se lles permite gobernar) creron prescindible fortalecer a figura do Tribuno en favor da do Senado; a dereita, non contenta con formar xa parte dos poderes fácticos, eríxese, na medida en que pode, como Tribuno da plebe no seu propio beneficio.
Pero, u-los movementos sociais? Acaso non é este papel de Tribuno popular, agora que os Partidos Comunistas son cousa do pasado, o lugar a ocupar polos movementos sociais?
Se a esquerda quere conter dalgunha maneira a potencia de espallamento que posúe o discurso da dereita na sociedade do espectáculo, ben faría en cambiar de vez as súas estruturas. Se até o de agora o partido de inspiración leninista era a trabe mestra de todo o edificio organizativo, edificio onde os movementos sociais orbitaban ao seu redor co único obxectivo de que este accedese ao poder, hoxe cómpre darlle a volta ás cousas. Para que cada intento fracasado de tomar o Senado non sexa percibido como unha derrota da esquerda de dimensións históricas é necesario ter uns movementos sociais (un Tribuno) politizados e ben musculados. Só facendo do Tribuno, e do sentido do tempo propio do Tribuno, a pedra angular da esquerda (a autoritas), onde os partidos actúen coma meros instrumentos (potestas) conxunturais para tomar o aparato do Estado, se conseguirá superar esta sensación de ansiedade que sufrimos cada vez que a dereita —por máis escépticos que sexamos coa morna esquerda oficial— accede ao poder.
Porque se algo aprendemos destas eleccións galegas do 2009, e da nova luz que agora deitan sobre as eleccións do 2005, é que unicamente no seo da sociedade pode nacer unha corrente de fondo coa suficiente forza como para mudar de xeito significativo a vontade da propia sociedade.

*Artigo publicado no número de marzo do suplemento Altermundo incluído no xornal Galicia-hoxe

3/19/2009

Ecoloxía, humanismo e aborto


Recordei, despois de ver a última campaña antiabortista da Igrexa, as palabras pronunciadas por Vaclav Klaus —actual presidente da República Checa e negacionista do cambio climático confeso— nunha presentación do seu libro Planeta azul (No verde) (Gota a gota Ediciones, 2008). «Do que hai que salvar ao mundo —aseguraba o amigo de Aznar— é dos ecoloxistas». Semella que os bispos, cun movemento axedrecístico, pretendesen atacar a golpe de marketing dúas frontes a un tempo. Por unha banda a denuncia do aborto. Pola outra a crítica implícita ao que xulgan excesos do proteccionismo ecolóxico.
Porén, hai no cristianismo unha característica que merece ser reivindicada: na relixión onde o Deus se fai home, o home —ser consciente con capacidade para o libre albedrío, isto é, para discernir o ben do mal (para crear unha idea do ben e do mal, diriamos os non crentes)— é portador dunha dignidade diferente á do resto das criaturas que poboan a creación. Concordo con este estatuto diferenciado do home (e da muller) e son o primeiro en denunciar certas variantes do ecoloxismo que, aproveitando o antihumanismo imperante no sistema económico actual (e. g. «Protexamos os elefantes keniatas pero sigamos explotando os keniatas»), encaixan sen friccións na lóxica do mercado até o punto de se converteren nun novo campo de negocios cheo de futuro (Al Gore encarnaría o espelido que mellor intuíu como sacar proveito desta corrente).
Agora ben, cómpre delimitar claramente que queremos dicir cando dicimos home. A campaña da Igrexa está baseada nunha manipulación fundamental. O que aparece canda o “lince-protexido-en-exceso” non é o obxecto do aborto. O que aparece, se cadra porque ninguén pode sentir empatía por un conxunto de células, é un neno xa nacido e formado. Para ser honesta, a campaña debería mostrar o minúsculo conglomerado orgánico que inicia a serie de pequenas fotografías da zona superior no mesmo plano en que se sitúa o felino, pero ademais, debería mostralo no seo dunha muller con rostro (non despersonalizada como na última das fotos pequenas) e corpo (pois o feto non crece na nada); unha muller, esta si, nacida, perfectamente formada, consciente, posuidora dun proxecto vital e responsable dos seus actos.
Curiosamente, o propio cristianismo —mediante o sacramento do bautismo— dá a benvida á comunidade de crentes ao bebé moito tempo despois de este ter nacido. O bautismo representaría o rito polo que a mera carne impura —e hai que lembrar que opinión ten o dualismo cristián da mera carne— se empapa, mediante a auga, de Cristo, isto é, do deus feito home. [«Porque aos que vos bautizaron en Cristo, vestíronvos de Cristo», Carta aos Gálatas de San Paulo 3:27]. Mediante o bautismo dáselle un nome á carne, é dicir, abandona esta o status de pura materia vivinte indiferenciada para se converter en individualidade, en portadora dunha identidade ante Deus. Así, atopariamos na propia concepción cristiá unha diferenciación entre a vida, entendida esta como simple materia, e a vida plena, entendida como transcendencia; algo semellante, ocórreseme, á noción política de cidadanía na antiga Grecia, onde só os que cumprían certas características eran dignos de tal título.
O paradoxal é que a mesma institución que sostén que un recén nado perfectamente formado non adquire o estatuto pleno de ser humano até bautizarse (neste sentido é pertinente Slavoj Zizek cando observa que o universalismo de San Paulo en lugar de significar a superación das diferencias entre xudeus e xentís en aras dunha única idea de humanidade, implica que só aquel que sacrifique a súa identidade anterior a favor do cristianismo pode ser chamado verdadeiramente humano), considera un asasinato extirpar do corpo dunha muller nacida e plenamente consciente un conxunto informe de células. Ao reducir a noción de ser humano a este conxunto de células, o que fai a Igrexa é sacralizar a pura vida, a mera carne, a materia, o que no home hai de simple animal. Xa que logo, a comparación entre a protección do feto e a protección do lince lonxe de ser indignante, como pretendía amosar a campaña da Igrexa é plenamente coherente: tanto nun caso coma no outro o que se protexe é a biodiversidade. Colíxese así que a Igrexa, prescindindo da súa tradición humanista, opta por afondar na súa tradición biopolítica (formaría parte desta tradición, por exemplo, a prohibición de os curas teren familia) para gobernar —administrar— os seres humanos en tanto que meros animais; isto é, con criterios ecolóxicos. E se de algo cómpre salvar o mundo non é do ecoloxismo anticapitalista, que tanto aborrece o ultraliberal Klaus, un pensamento que identifica o benestar do planeta co benestar das persoas, senón das biopolíticas ecolóxicas que institucións coma a Igrexa, entre outras, desexan aplicar aos seres humanos.

3/14/2009

A Terceira Vía e os elefantes

Nun bo artigo que asina Armando Fernández Steinko no Viejo Topo de xaneiro titulado Neoliberalismo: auge y miseria de una lámpara maravillosa, explícase de maneira clara e comprensible isto que se chama a financiariazación da economía e que, segundo o autor, tería o seu punto de partida na teima dos gobernos de Reagan e Thatcher en conseguir reducir a participación dos salarios na renda dos seus respectivos países de tal xeito que o capital dependese cada vez menos do traballo. O outro gran campión na fianciarización da economía foi —como a ninguén que analice cun mínimo sentido crítico a función histórica do Partido Socialista español como desmantelador ideolóxico da esquerda estatal pode sorprender— a España de Felipe González:

«La transición dejó intacto el funcionamiento de las empresas españolas, prorrogando un modelo productivo escasamente innovador, marcadamente autocrático y con una alta densidad de tareas-manos incapaces de arrostrar las reconversiones que tocaban. Por otro lado, la situación política obligaba a los gobiernos de Felipe González a crear un Estado de Bienestar de tipo occidental: había que hacer escuelas, hospitales, alcantarillados, había que montar nuevas administraciones centrales, autonómicas y municipales. Pero todo esto cuesta mucho dinero. ¿Cómo pagarlo cuando no se cuenta con un sistema productivo a la altura? En vez de intervenir en la sustancia empresarial —pública y privada— del país, el centro-izquierda optó por el menos comprometido: hacer que el ahorro del resto del mundo, canalizado a través del sistema financiero internacional, pagara el nuevo Estado del Bienestar. Aquí, en la fianciarización de la económica, convergen los tres países aún cuando sus situaciones políticas fueran distintas, tres países que encabezaron la difusión del neoliberalismo por el mundo.»

Así, a cambio de financiar o Estado do Benestar español, dinos Steinko, Inglaterra, EEUU e Alemania presionaron para que o Estado Español permanecese na OTAN. Os anos gloriosos das ganancias millonarias en bolsa e dos tipos de xuro polo chan durante os 90, onde a receita consistía en permitir que os ricos fosen aínda máis ricos para que o seu consumo de bens de luxo propiciase a creación de postos de traballo precarios, foron, a dicir do autor, o segundo capítulo desta progresiva marxinación dos salarios no PIB; é a época das privatizacións de Telefónica, Repsol, Endesa, Iberia e do florecemento, por exemplo, no noso país, dos estaleiros de embarcacións de recreo Rodman Poliships que agora, cando a lámpada marabillosa deixa de obrar milagres, están a ser despezados. O último capítulo ten por protagonista a especulación no sector da construcción, onde, novamente, conséguese que as clases traballadoras poidan gastar sen que os salarios se toquen; aquí nace a chamada burbulla inmobiliaria que habería crecer desorbitadamente durante os gobernos de Aznar e cuxo estalido trae agora de cabeza ao goberno de ZP.
Pódese afirmar, xa que logo, que o Partido Socialista Obreiro Español, foi, no que toca á evolución da esquerda mundial, e moito antes de que o socialismo real se esborrallase, un auténtico adiantado diso que anos despois se denominaría a Terceira Vía; isto é: a renuncia definitiva, cando non a colaboración entusiasta, a toda transformación profunda das políticas económicas.

Con frecuencia véñenme á cabeza unhas palabras pronunciadas polo dramaturgo Alfonso Sastre na televisión (cando aínda era posible ver a Sastre na televisión) sobre a estrañeza que xeraba nalgúns o feito de un madrileño coma el non só decidir mudar a súa residencia ao País Vasco senón tamén implicarse politicamente apoiando á esquerda abertzale; e explicábase Sastre —fronte aos sorprendidos— que nesa terra atopara unha esquerda libre das peaxes ideolóxicas que impuxera a transición, unha esquerda polo tanto, moito máis fiel ao espírito da loita antifranquista. E é que se a transición significou a renuncia da esquerda á economía, non menos grave sería para o seu futuro, o rexeitamento á memoria da república e á cultura da resistencia antifascista, baseadas ambas, nunha alianza entre a esquerda española e os movementos nacionalistas das periferias fronte a un réxime reaccionario e ilexítimo.
É partindo desta dupla dimisión emprendida por este PSOE financeiro e xacobino que se explican figuras como a de Méndez Romeu, a un tempo refractario a toda protección para a lingua galega —aliñándose e amparando ideoloxicamente ao máis reseso do franquismo— e igualmente ansioso por periclitar toda relación cos nacionalistas que supoña unha alternativa ao PP. Na mesma liña de oposición aos nacionalistas cómpre ver o manifesto “Sumando ideas” publicado por un grupo de militantes mozos do PSdG onde, canda o rexeitamento da manida imposición lingüística, demándase unha maior horizontalidade e participación da militancia na organización así coma un relevo xeracional (ao fío disto é rechamante, e mesmo constitúe un bo resumo da esencia socialdemócrata, que estes militantes asuman, por unha banda os postulados ideolóxicos do PP, véxase imposición lingüística, e, pola outra, non disimulen a súa querencia polo modelo organizativo, moito máis participativo, do BNG; un caso ben curioso de envexa esquizofrénica). Reclaman estes militantes que o PSdeG debe aspirar a se converter na forza referencial da esquerda en Galiza. Confundindo os desexos coa realidade, estes mozos socialistas son incapaces de interiorizar, por un lado, que o centralismo do seu partido actuará sempre coma unha rémora nas súas pretensións de gañar os sectores da esquerda con máis consciencia histórica e, polo outro, que para un partido poder ser a referencia da esquerda, primeiro necesita (e a historia da relación do PSOE coa economía é elocuente demais a este respecto) ser efectivamente de esquerdas.

O mesmo que os abertzales no País Vasco, pero sen as inxustizas que moitas veces xera a violencia polo medio, o BNG era na Galiza a expresión dunha base social que non desexaba baixar os pantalóns ante o gran proceso de lobotomización xeral que estaba a supor a transición. Nin aceptaba a entrada na OTAN, nin a Constitución española, nin o monarca, nin a bandeira franquista, nin, por suposto, as leis de punto final para os antigos colaboradores do réxime. Foi con esta forza moral que a fronte subiu coma escuma nos sucesivos procesos electorais até polo menos o ano 1997. Superada con lucidez aquela primeira caída do muro de Berlín que, para a historia do Estado Español, foi o proceso de transición á democracia —onde xa se albiscan todas as renuncias que a esquerda europea comezaría a emprender a partir do ano 1989— semella como se no Bloque dos últimos anos rebrotase unha enfermidade (a da Terceira Vía) que pensabamos fora sorteada con éxito moitos lustros atrás. As voces que xa se están a escoitar desde certos ámbitos da fronte, despois do desastre electoral das autonómicas do 2009 —tendentes a agiornarse no cultural, até o punto de renunciar mesmo á coherencia en materia lingüística e tamén no económico, até o punto de descualificar como “ultraminoritaria na sociedade galega” toda tentativa de adoptar un programa verdadeiramente transformador— así o testemuñan.

E porén, a Terceira Vía é un fiasco. A crise económica actual demostra que todo intento por administrar o capitalismo é o camiño máis rápido de ser administrado polo capitalismo. A flexibilidade ideolóxica mostrada pola esquerda xestora oficial en toda Europa, lonxe de impedir a fereza da crise, contribuíu ao seu agravamento. O progresivo divorcio entre esta esquerda e os sectores máis desfavorecidos da poboación en aras do interclasismo, mesmo axudou a que discursos populistas e demagogos de personaxes histriónicos coma Berlusconi, Lepen ou Jiménez Losantos callasen nas masas populares. Na mesma Alemaña que viu nacer a socialdemocracia, unha gran coalición entre socialistas e conservadores permitiu pór nomes e caras ao que xa flotaba no ambiente: a indiferenciación ideolóxica de todo bipartidismo. A coalición de facto entre PSOE e PP no País Vasco, despois dunhas eleccións onde o aparato xudicial foi utilizado coma unha arma electoral máis, pode ser a antesala da importación do modelo alemán a todos os ámbitos da vida política española. Aproveitar o enorme baleiro que con probabilidade deixará este matrimonio entre os dous grandes partidos estatais defendendo un proxecto que asuma e presuma sen complexos da súa tradición esgazada —primeiro coa transición española, despois coa caída do muro de Berlín— debería ser a tarefa que nos ocupase. A experiencia de Die Linke —un partido que, malia contar nas súas fileiras con elementos do SED gobernante na fracasada República Democrática de Alemaña, forma parte desa nova esquerda desexosa de construír unha alternativa ao capitalismo— pode servir de exemplo. Unha esquerda consciente dos seus erros pero que non se resigna á administración do existente. Unha esquerda que ao tempo que incorpora os novos discursos dos movementos sociais, do ecoloxismo, do altermundialismo, do feminismo, etc. non renuncia á súa tradición.
Porque do mesmo xeito —dinos George Lakoff— que ninguén ao que se lle pedira “Non penses nun elefante” conseguiu nunca pensar en algo distinto a un elefante; ninguén pensará en nada diferente á derrota da esquerda mentres todo o que teñamos para ofrecerlle sexa: “Estamos derrotados, pero non penses niso”.

3/08/2009

Slumdog Millionaire e a retórica do corpo

Carl Schmidt definía o soberano como aquel que decide sobre o estado de excepción e Foucault definía a biopolítica coma o paso do estado territorial ao estado da poboación. Cando o poder practica a excepción como regra (Guantánamo, guerra de Irak, explotación dos sen papeis, ilegalización de partidos políticos) e os excluídos constitúen un exército de corpos sen dereitos, pura vida (natureza) sen existencia política (cultura), Auswitz convértese en paradigma.
Destas dúas fontes (excepción e biopolítica) bebeu Giorgio Agamben para achegarse en Homo sacer. El poder soberano y la nuda vida (Pre-textos, 1998), a esta figura do dereito romano primitivo: o ser humano convertido en pura carne sufrinte, en animal sen identidade apartado do ordenamento legal e cuxa eliminación non está penada. E se hai no planeta un lugar onde a figura do homo sacer poida ser percibida con total nitidez ese é a India.
Slumdog Millionaire (Danny Boyle-Loveleen Tandan, 2008) —un auténtico produto da globalización onde o guión de cuño hollywoodense (rapaz atopa rapaza, rapaz perde rapaza, e rapaz reencontra rapaza) encorseta un transfondo brutal de masas miserables, crecemento económico salvaxe e inxusto, alta tecnoloxía e mass media convivindo en abigarrada mestura— espectaculariza, salpementándoa con espírito Bollywood, a vida deses homes sagrados (intocables) que poboan por milleiros as atestadas urbes daquel país.
Jamal Malik e o seu irmán non teñen outra expectativa na vida que ocuparense da súa manutención diaria a base de percorrer os vertedoiros de Mumbay. A violencia continua contra os corpos destes pequenos homo sacer é elevada á enésima potencia na rede de secuestradores que mutila os nenos para aumentar os beneficios do seu traballo coma esmoleiros. Cando non hai suxeito transcendente toda a violencia recae na materia. A amputación das pernas e dos ollos de quen non é considerado plenamente humano é unha práctica bestial pero axustada á lóxica.
Se No Logo de Naomi Klein é considerado un fito referencial da resistencia á globalización, a sustración do logos, o No Logos (do grego razón, palabra, pensamento), podería ser considerado o apriori aplicado ás masas polo novo totalitarismo democrático global. O home carne é un ser desposuído da palabra (como o silencio de 500 anos que denuncian os indíxenas andinos), é un ser condenado ao mutismo, sen entidade cultural, pura inmanencia. De aí que na película de Boyle-Tandan, o presentador de televisión (auténtico soberano caprichoso) desconfíe cando o mozo Malik vai acertando todas as preguntas do concurso Quen quere ser millonario. Se ao home carne non se lle presupón cultura algunha, a policía debe desenmascarar a trampa. O interrogatorio na comisaría é o lugar onde Malik irá xustificando cada unha das respostas acertadas e onde demostrará que todas elas forman parte indisociable da súa propia vida. A sabiduría do homo sacer non é a do libro e a escola. Coñecemento e vida forman nel un todo.
«A India é o centro do mundo», di o irmán de Malik, agora matón a soldo, ante unha vista de grandes edificios en construción (tamén a construción é o motor do capital na India); e neste centro-periferia do mundo é onde mellor observamos as consecuencias extremas do modelo: os suicidios masivos de campesiños arruinados polas agro-industrias é o discurso dos mudos. A autolesión, a elocuencia.
Pero Slumdog Millionaire prefire outros discursos. A ninguén pode estrañar que unha das máximas contribucións do cine indio ao mundo sexan as alambicadas coreografías de masas sen individualidade. Para os que non teñen voz, o baile é disertación e vía de escape.
Cun destes discursos apolíticos do corpo-que-baila baixan os créditos de Slumdog Millionaire, como se todo o que se mostrou previamente só pretendese crear unha certa estética fílmica do terceiromundismo global. Unha narración, en definitiva, tendente a facer normal, asimilable, a existencia —nas cada vez máis frecuentes illas de exclusión— da nuda vida estudada por Agamben.

3/04/2009

Pensamentos desde a catacumba

Lin nalgún xornal, entre toda a avalancha de titulares vomitados tras as eleccións autonómicas, que o voto ao BNG retrocedera a porcentaxes de 1989. Que os resultados do 2009 se parezan aos do ano en que caeu o muro de Berlín non debe facer pensar que, efectivamente, estamos na fin da historia onde só a post-política é posible. Perante a crise económica que se aveciña (ou que xa está canda nós) regresan termos que parecían esquecidos: intervención, nacionalización, keynesianismo, proteccionismo. Por que non haberiamos facer retornar tamén un auténtico discurso de esquerdas emancipador? En Francia o novo Partido Anticapitalista de Besancenot xa o está a facer e outro tanto sucede coa Die Linke alemá. Por que non aproveitar este revés para virar de estratexia?

«Na súa brillante análise sobre a confusión política da revolución francesa de 1848 —conta con graza Slavoj Zizek no seu O espectro segue a rolar. Actualidade do manifesto comunista (Laiovento, 2004)— Marx salientou a paradoxal situación do Partido da Orde no goberno: era a coalición de dúas ás monárquicas (borbónicas e orleanistas); no entanto, como os dous partidos non eran capaces por definición, de atopar un común denominador ao nivel do monarquismo (non se pode ser monárquico en xeral, débese apoiar unha determinada casa real), a única maneira de se uniren os dous era so bandeira do “reino anónimo da república”: o único xeito de ser en xeral monárquico é ser republicano».
A conclusión semellante deberon chegar as dúas principais pólas que se reivindican a esquerda en Galiza: posto que cada un entende a súa praxe de goberno dun xeito diferente —social-liberais españolistas uns, digamos que socialdemócratas galegos os outros— a única maneira de se uniren era
«so bandeira» do “reino anónimo da xestión institucional”. O reino, hai que dicilo, no que mellor se move o PP. Debemos preguntarnos pois se a coalición destas dúas forzas non estará para sempre avocada ao fracaso. Se unha delas decidise levar a cabo de maneira sincera a súa política, as bases da outra se revolverían. E viceversa. Todo parece indicar que haberá un longo divorcio entre ámbalas dúas pólas, e se cadra non é mala cousa que o haxa. É previsible que o PSdG escore a posicións máis conservadoras e españolistas e é previsible que o BNG... ben, no BNG, visto o visto, neste momento todo é imprevisible. O único claro é que Francia é hoxe unha república e Galiza un País Popular.

Tamén sobre eses mesmos anos do Segundo Imperio que lembraba Zizek, período que vai da revolución de 1848, pasando polo goberno do Emperador Luís Napoleón até o estourido da comuna en 1871, trata o interesante libro de David Harvey París, capital de la modernidad (Akal, 2008). Neste traballo o xeógrafo inglés amosa como, a través dunha «destrucción creativa» do vello París, os excedentes acumulados de capital foron investidos, neses mediados do s.XIX, na gran renovación urbanística emprendida polo barón Haussmann, o protexido do emperador. A analoxía co noso tempo de burbullas inmobiliarias é clara. E ao fío disto pregúntome eu se non serán aqueles anos do boom inmobiliario, das hipotecas regaladas e do traballo precario en abundancia propio do aznarato, o que estrañan moitos dos obreiros e das clases medias urbanas que apostaron por Núñez Feijoo. Como lidiará coa crise unha dereita que xa non pode basear as súas políticas económicas nestes espellismos?

Pero sigamos con París. Naquela época a capital gala transformouse na inmensa e grandilocuente urbe que é hoxe, e tamén arrinca nese momento histórico o auxe da burguesía urbana en detrimento do artesanato e da aristocracia rendista así como a formación de grandes bolsas de pobreza en forma dun proletariado sempre disposto á insurrección. Para mostrar cómo era o París da época, Harvey válese dos escritores naturalistas franceses, con especial atención a Balzac. Éste, o mesmo que faría no noso país tempo despois un Otero Pedrayo,

se dirigía esencialmente a la aristocracia como fuente de liderazgo. Sus deberes y obligaciones estaban claras. «Aquellos que deseen mantenerse a la cabeza de un país deben ser siempre merecedores de dirigirlo; deben formar su cuerpo y su alma para poder controlar la actividad de sus manos». No obstante se trata de una aristocracia moderna, que debe surgir ahora y entender que «el arte, la ciencia y la riqueza, forman el triángulo social dentro del cual se inscribe el escudo del poder»

E porén, os que acabaron levando as rendas do país foron os especuladores que non tiñan máis relixión que a dos cartos. A visión da aristocracia devecida por Balzac acabou, como di Harvey, no «lugar común del utopismo bucólico». A de Pedrayo tampouco foi moito máis aló, e salvo na repentina toma de consciencia do Adrián Solovio cando testemuña a emoción dun agonizante Don Bernaldo ante o mapa de Galiza, imaxinada en Arredor de si polo escritor ourensán, todo esforzo por crer (crear) nunha burguesía nacional ilustrada desembocou na melancolía. Por que a estas alturas o nacionalismo galego seguiu empeñado nesa tarefa é un misterio.

Nun par de conferencias de Alain Badiou que se poden descargar na rede, o filósofo francés achégase á política partindo de tres conceptos: o movemento, o estado e o partido. Se no século XIX (por exemplo na citada revolución de 1848 ou na Comuna) o que caracterizaba á política que apostaba pola «hipótese comunista», era a súa natureza amorfa e insurreccional; a política do século XX foi, por antonomasia, partidaria. Os partidos, sexan estes partidos representativos ou revolucionarios, foron, no século pasado, os suxeitos políticos de cambio. Os mediadores entre o movemento e o estado. Cal será a forma da política no século XXI, visto que os partidos revolucionarios remataron sendo maquinarias da autodestrucción e os partidos representativos están a ser as maquinarias da decepción, aínda está por saberse. Pero, se cadra, neste século XXI de aparencia decimonónica, os movementos e o seu especial sentido do espazo e do tempo serán os que marquen a dirección. E non é, o dos movementos, o espazo da supeditación ao partido senón o da supeditación do partido ao movemento, non o tempo absurdo das eleccións e da publicidade senón o outro, o da lentitude do traballo de base e da organización da sociedade necesario para perderlle o medo a exercer de vez, cando se obteña, o poder.

En A cámara clara. Reflexión sobre a fotografía (Laiovento, 2003), Roland Barthes di que a fotografía «reproduce ata o infinito o que tivo lugar unha única vez; repite mecanicamente o que nunca máis poderá repetirse existencialmente». No 2005 o proceso electoral tamén deixou a súa fotografía. E todos esquecemos o que di Barthes: que aquela foto fixa non era máis que un estado de cousas que só habería ter lugar unha única vez. Aquelas eleccións deixaron unha imaxe estática, pero durante todo este tempo a sociedade galega non deixou de moverse. O domingo pasado outro proceso electoral deitou a súa foto e revelou que a procura dese inaprehensible centro galeguista fracasou. Que o lóstrego do flash non nos impida caer no desánimo. Detrás dos votos en branco, dos que ficaron na casa e dos que optaron por outras opcións até mellor ocasión, hai tamén persoas que non deixan de se mover. Agora hai que resistir e prepararse para dar desde a esquerda unha esperanza para todos os que máis cedo que tarde comezarán a sufrir as consecuencias das políticas neoliberais que vemos facer auga. As mesmas políticas neoliberais, por certo, que sempre defendeu ese Partido Popular polo que milleiros de galegos votaron en masa.