3/29/2009

Eleccións galegas e movementos sociais*

Á vista dos resultados das últimas eleccións galegas puxéronse de manifesto, no que atinxe aos movementos sociais, algunhas cuestións dignas de análise:

1. Que a base social do PP, lonxe de responder unicamente ao estímulo do partido-poder, está fortemente ideoloxizada e vota a ese partido con plena identificación e consciencia. Así, ao volvermos a ollada ao ano 2005 e ao reflexionarmos sobre as causas que propiciaran a derrota de Manuel Fraga, faise evidente que a incidencia de movementos sociais como Nunca Máis ou o xurdido como rexeitamento á guerra de Iraq, resultou aínda máis decisiva, tanto para a mobilización da esquerda coma para a o descrédito da figura do candidato da dereita ante o seu electorado (o que contribuíu á súa desmobilización), do que pensabamos.
2. Que o Partido Popular aprendeu a utilizar politicamente unha realidade na que os partidos políticos (o da dereita incluído) sofren un forte déficit de credibilidade perante toda a sociedade. Déficit que é aínda máis acusado nos sectores de esquerda. E explícome: a dereita sabe que á hora de desacreditar aos partidos de esquerda ante os seus propios electores é pouco eficaz un ataque que parta do propio partido; sabe que o que cómpre é lanzar ataques desde lugares diferentes. E se isto acontece non é porque o electorado de esquerdas rexeite as ofensivas da dereita por cuestións de desconfianza ideolóxica, senón porque a desconfianza é, desta volta, contra a política partidaria no seu conxunto. Así, importando unha estratexia que os republicanos veñen utilizando nos EEUU desde a chamada Revolución Conservadora (dotarse dun tecido social cada vez máis amplo), a dereita española valeuse na campaña electoral de dous elementos xurdidos da sociedade civil (entendida esta ao xeito liberal): dous medios de comunicación (ABC e La Voz) e un colectivo cidadán (Galicia Bilingüe) protagonista dunha reivindicación sectorial moi sensible e, polo tanto, susceptible de actuar como metonimia de todo un feixe de demandas do electorado máis conservador.
3. Mentres todo isto acontecía na dereita, a esquerda actuou xustamente no sentido oposto. Ignorando que accederan ao goberno da man de dous potentes movementos sociais, os dous partidos coligados limitáronse a ocupar o poder con vistas a aumentar os seus respectivos apoios electorais nos supostamente permeables sectores da poboación máis tépedos ideoloxicamente. Tratábase de estender a influencia dos partidos en todos os recunchos da superestrutura estatal en lugar de fortalecer unha sociedade civil (esta si no sentido gramsciano) que se ocupase de construír unha hexemonía nacionalista e de esquerdas na sociedade galega.
4. Pero esta sociedade civil tiña vida propia. Se ben nun exercicio de honestidade debemos recoñecer que a celebración do primeiro Foro Social Galego foi moito máis sinxelo nesta conxuntura política do que o tería sido noutras circunstancias, a ninguén se lle escapa que o éxito na celebración deste evento bebeu en boa medida dun descontento palpable coa política levada a cabo pola Xunta de Galiza. No mesmo sentido, a creación da rede Galiza Non Se Vende, un exitoso aglutinador de loitas dispersas e fragmentadas, así como a súa intensa actividade descentralizada personificou outro dos catalizadores polos que esta sociedade civil, que non se resignaba a actuar como corifeo do poder, canalizou as súas enerxías.

Se damos por bo o dito até agora, e concedemos que o Nunca Máis e o Non á guerra axudaron a concentrar o voto da esquerda en dous partidos (máis no PSOE ca no BNG) en detrimento do PP no 2005, e que a actuación de dous medios de comunicación perfectamente sincronizados coas estratexias da dereita e dun colectivo cidadán (convenientemente amplificado por eses mesmos medios de comunicación), contribuíron a concentrar no PP tanto o tradicional voto rural deste partido como un novo sector de voto urbano moi españolizado nas eleccións do 2009, así como que os propios erros do Bipartito propiciaron que o voto nestas eleccións se fragmentase noutras opcións políticas (EU, Os verdes, Terra Galega), na abstención ou no voto nulo, parece claro que o tempo en que a política era couto exclusivo dos partidos políticos rematou.
Nunha recente visita a Vigo, o profesor na Facultade de Ciencias políticas e Socioloxía da Universidade Complutense Jorge Verstrynge —personaxe co que polo demais discrepo en máis dunha cuestión— recordou que nos “trinta gloriosos” anos da posguerra as democracias occidentais estableceran un pacto máis ou menos tácito cos Partidos Comunistas: estes renunciaban a gobernar a cambio de poderen desempeñar nas democracias liberais a senlleira figura do Tribuno.
Na antiga Roma —informou Verstrynge— ademais do Senado (instancia encargada de lexislar) existía un maxistrado chamado Tribuno que actuaba como mediador entre o propio Senado e mais a plebe. Formaba parte das súas atribucións poñer veto ás resolucións do Senado e propoñer plebiscitos. Dos anos setenta en diante —continuou o profesor— a esquerda renunciou —en realidade el acusou aos partidos de esquerda de racismo coas clases baixas— ao seu rol de Tribuno, deixando así campo libre á dereita para impor a súa hexemonía cultural nas capas sociais máis vulnerables.
O dito por Verstrynge parece corroborarse ao examinarmos o acontecido nas últimas eleccións galegas. Mentres que os partidos de esquerda (aos que desde que a Terceira Vía trunfa si se lles permite gobernar) creron prescindible fortalecer a figura do Tribuno en favor da do Senado; a dereita, non contenta con formar xa parte dos poderes fácticos, eríxese, na medida en que pode, como Tribuno da plebe no seu propio beneficio.
Pero, u-los movementos sociais? Acaso non é este papel de Tribuno popular, agora que os Partidos Comunistas son cousa do pasado, o lugar a ocupar polos movementos sociais?
Se a esquerda quere conter dalgunha maneira a potencia de espallamento que posúe o discurso da dereita na sociedade do espectáculo, ben faría en cambiar de vez as súas estruturas. Se até o de agora o partido de inspiración leninista era a trabe mestra de todo o edificio organizativo, edificio onde os movementos sociais orbitaban ao seu redor co único obxectivo de que este accedese ao poder, hoxe cómpre darlle a volta ás cousas. Para que cada intento fracasado de tomar o Senado non sexa percibido como unha derrota da esquerda de dimensións históricas é necesario ter uns movementos sociais (un Tribuno) politizados e ben musculados. Só facendo do Tribuno, e do sentido do tempo propio do Tribuno, a pedra angular da esquerda (a autoritas), onde os partidos actúen coma meros instrumentos (potestas) conxunturais para tomar o aparato do Estado, se conseguirá superar esta sensación de ansiedade que sufrimos cada vez que a dereita —por máis escépticos que sexamos coa morna esquerda oficial— accede ao poder.
Porque se algo aprendemos destas eleccións galegas do 2009, e da nova luz que agora deitan sobre as eleccións do 2005, é que unicamente no seo da sociedade pode nacer unha corrente de fondo coa suficiente forza como para mudar de xeito significativo a vontade da propia sociedade.

*Artigo publicado no número de marzo do suplemento Altermundo incluído no xornal Galicia-hoxe

Sem comentários: