2/25/2009

O mito do consenso e o goberno

No impresionante El reino y la gloria. Por una genealogía teológica de la economía y del gobierno (Pre-textos, 2008), Giorgio Agamben rastrexa, nunha morea de textos dos primeiros anos do cristianismo e do medievo, as orixes dunha dualidade inserida na propia teoloxía cristiá entre o aspecto político (encarnado na figura do deus creador, soberano e transcendente) e o aspecto económico (no sentido que tiña o termo grego oekonomia de goberno ou orde inmanente) encarnado na figura de Cristo. Este desdobramento orixinario foi a resposta dada pola teoloxía cristiá á contradicción que representaba a existencia dun mundo que, tendo sido creado por un ente omnipotente e benévolo, tamén resultaba cruel e inxusto. Se os gnósticos resolveran este problema coa figura do deus benévolo pero distante e do demiurgo malvado e presente, a tradición cristiá recorrería ao misterio trinitario para resolver o conflito. A aplicación á política desta dualidade daría lugar á estructura do que Kantorowicz chamaba «o dobre corpo do rei» no que atopamos, por unha banda, o rei (autoritas, ser) que reina pero non goberna e, por outra, o goberno (potestas, praxe) que administra. Precisamente esta aplicación á política é o máis sorprendente do estudo de Agamben. O autor parece demostrar que boa parte dos paradigmas que hoxe forman parte do legado político occidental non son máis que ideas teolóxicas secularizadas. Así, na análise do concepto cristián de gloria (a deus), Agamben extrae a conclusión de que a aclamatio, esa actividade constante do crente tendente a recoñecer a gloria divina, non é, como se poida supor, a expresión da necesidade de deus dun crente desamparado, senón unha necesidade do propio deus, un deus que en principio é autosuficiente, pero que só cando é aclamado, só cando ve recoñeceida a súa gloria, consegue cobrar existencia. Partindo desta idea, Agamben sostén que co poder político sucede outro tanto. O poder necesita a aclamatio que o recoñeza en cada acto litúrxico pois sen esta incesante actividade de recoñecemento o poder esvaece. Avanzando no razoamento Agamben conxuga a frase de Carl Schmidtt «A opinión pública é a forma moderna da aclamación» coa idea da sociedade do espectáculo de Guy Debord para producir unha síntese que describa o que son hoxe en día as democracias liberais:


«La democracia moderna contemporánea es una democracia integramente fundada sobre la gloria, es decir, sobre la eficacia de la aclamación, multiplicada y diseminada por los media más allá de todo lo imaginable (que el término griego doxa sea el mismo que designa hoy la opinión pública es, desde este punto de vista, más que una coincidencia).»


Lin en El País un artigo de Antón Baamonde no que se dicía que, vista a puxanza do PP nas enquisas preelectorais, todo parece indicar que a maior eiva do bipartito nestes catro anos de mandato foi esquecer a vella idea gramsciana de hexemonía e a moderna idea lakoffiana de dominio dos frames, permitindo que sigan sendo outros os que definan a doxa imperante. Chamándolle ao pan pan e ao viño viño isto significa que o bipartito segue dependendo, como ben explica Manuel Mera nun artigo moi agambianamente titulado A voz do poder en referencia obviamente a La voz de Galicia publicado en GZnación, duns medios de comunicación que seguen a adorar (e habería que preguntarse por que se continuou coa política de axudas a estes mesmos medios) a outro deus. É nesta opinión pública creada por estes media que adoran aos seus propios deuses na que se funda a vaporosa abstracción do “consenso” que impera nas democracias liberais. Permitir, polo tanto, que sexan estes medios os que definan que cousas poden entrar dentro deste consenso, é permitir que sexan estes medios os que decidan que é posible e que é imposible na nosa democracia.

Di Agamben no anexo dedicado á pervivencia da teoloxía política en Rousseau que


«El equívoco consistente en concebir el gobierno como poder ejecutivo (do poder lexislativo) es uno de los errores más cargados de consecuencias en la historia del pensamiento político occidental. Y ha dado lugar a que la reflexión política moderna se pierda detrás de abstracciones y mitologemas vacuos como la ley, la voluntad general y la soberanía popular, dejando sin tratamiento precisamente el problema político decisivo en cualquier sentido.[...] el verdadero problema, el arcano central de la política, no es la soberanía sino el gobierno, no es Dios sino el ángel, no es el rey sino el ministro, no es la ley sino la policía; en definitiva, la máquina gubernamental que todos ellos forman y mantienen en movimiento.»

Porque quizais o maior problema do bipartito (outra cuestión sería analizar que parte de responsabilidade ten cada un dos dous partidos) foi estar demasiado pendente dos consensos, as vontades xerais abstractas ou as leis mitificadas (como non pensar na apelación á sacrosanta Constitución no debate estaturario) e non se ter dedicado máis á única cousa para a que foron postos aí: destruír o vello, construír o novo, cambiar o que houbese que cambiar, transformar, actuar, gobernar.

2/14/2009

Consumo consciente e Israel*

Para Gramsci crise é o que ocorre cando o vello non morre e o novo non dá nacido. En tempos de superestruturas inoperantes, estados-nación en declive e sistemas de partidos esclerotizados nos que a palabra democracia é un adorno retórico, cando o homo consumens gañou por K.O. ao homo politicus, só se enxerga, polo menos até que haxa parto, unha vía practicable para recobrarmos as rendas da res publica: facer do consumo unha cuestión ética central. E é que só identificándonos até o extremo co rol que nos adxudican contrarrestaremos a súa influencia. Se comprar na polis é máis importante que dirixila; ou mellor, se comprar na polis é dirixir a polis, politicemos as compras. Falemos a súa lingua até confundilos. Usemos a súa propia forza para tumbalos. Como judokas.
O persoal é político e nada é tan persoal como a cesta da compra. A democracia directa de supermercado é a utopía accesible a todas e todos. O medo que espallou a creba financeira entre a cidadanía do norte provocou a contracción do consumo. Os nosos dirixentes debánanse agora os miolos para conseguir que volvamos gastar. Como as bicicletas, o capitalismo precisa movemento para non caer –a pirámide de Madoff non era a excepción do sistema senón a pedra angular do seu funcionamento.
Linlle a Naomi Klein algo que me lembrou as desesperadas palabras de Mustafa Bargouti: "O mundo aínda non é consciente de que o que está a pasar en Palestina é outro apartheid". Dicía Klein que «a mellor estratexia para poñer fin á cada vez máis sanguenta ocupación é converter a Israel en obxectivo do tipo de movemento mundial que puxo –van aló vinte anos– fin ao apartheid en Sudáfrica». Que estratexia? Nin máis nin menos que o boicot comercial. Eis un camiño, mentres non houber outros, para que non se repitan atrocidades como a de Gaza: coller vimbios vellos para facer cestos novos.

* Artigo publicado na sección "A dúas bandas" do número de febreiro de Tempos Novos.

2/11/2009

Narratividade

En Storytelling (Península, 2008), Christian Salmon analiza con espírito crítico o que se vén denominando narrative turn, isto é, o xiro narrativo. Literalmente storytelling significa contar historias, pero o que detalla este libro cheo de casos reais é a aplicación da técnica do storytelling a ámbitos tan diversos como o militar, e. g. o uso de videoxogos narrativos expresamente creados para o adestramento de soldados (digital storytelling); o do marketing, e. g. as campañas que buscan transcender o simple valor da marca para enriquecela asociándoa con estilos de vida (como non pensar na campaña “Vivamos como galegos” que na xerga especializada se consideraría un caso aplicación da local narrative á marca Gadis?); o empresarial, e. g. a “mellora” biográfica do fundador da empresa ou da mesma organización (como non pensar na moi aireada filantropía de Bill Gates ou no misterio creado arredor da figura de Amancio Ortega?); ou o político, e. g. a construción da figura do líder (como non pensar na campaña electoral do PSdG que amosa a Touriño como “O Presidente” carismático que non é?), no tecido de alambicadas tramas cheas de intencionalidade política (como non pensar na teoría da conspiración que tanto xogo deu ao PP tras o atentado do 11-m ou nas incribles fábulas de imposición lingüística tan caras á dereita?) ou xerando historias noticiosas como gancho electoral (como non pensar no vídeo “Eu son Anxo Quintana” onde o líder do BNG aparecía como un Espartaco redivivo?). O carácter vírico das narracións e os bos resultados que produce a apelación ao sentimental en detrimento do racional cando se trata de conseguir a atención das persoas, provoca un abuso do storytelling que conduce á espectacularización e á banalización das emocións así como a unha hiperprodución manipuladora no campo do simbólico.
Danilo Martuccelli e François de Singly, sociólogos da Universidade Lille-III e da Universidade París-Descartes, tamén observaron —na súa achega a El estado del mundo. Anuario económico geopolítico mundial (Akal, 2008)— esta relevancia da narratividade no mundo actual: «Esa vuelta al relato no puede sino intrigar a los sociólogos. ¿Por qué ese método? Dos explicaciones subyacen al fenómeno: la unificación que ofrece la narración frente a la dispersión y a la apariencia de sinsentido de los hechos; la visión del mundo a escala individual, que permite que uno tenga la impresión de dominar (al menos hasta cierto punto) el universo que le rodea. En efecto, tales relatos facilitan a la vez el trabajo de identificación y la comprensión de fenómenos complejos, al permitirnos que cada uno de nosotros nos insertemos en la historia (y hasta de convertirnos en sus protagonistas)».
Pero en realidade isto non é tan novo. En La argumentación hoy. Encuentro entre perspectivas teóricas (Montesinos, 2008), Oswald Ducrot lembra que para a retórica tradicional «la persuasión exige que uno no sólo ofrezca razones, lo que constituiría el logos, sino que además logre desarrollar en el auditorio el verdadero deseo de creer (es decir, el pathos) y además la confianza en el orador, que debe mostrarse como alguien fiable, serio y bienintencionado. El orador, debe, pues, ofrecer en su discurso una imagen favorable de sí mismo, lo que en la retórica clásica se corresponde con el ethos». Vemos polo tanto que o énfase nos elementos menos vinculados coa razón viría formando parte das artes comunicativas desde tempo inmemorial. Porén, o que sostén Oswald Ducrot —e tamén algún outro autor incluído no citado libro— sobre a retórica contemporánea vai alén disto: do que se trata é de cuestionar o «caracter racional de la argumentación discursiva», poñendo mesmo en dúbida «la propia noción de un logos discursivo que se manifiesta a través de cadenas argumentativas», sendo así que «este logos, que se manifiesta por medio de cadenas argumentativas, precisaría, dada su insuficiente eficacia, del concurso de factores irracionales, el ethos y el pathos». De ser certo o que di este profesor da École des Hautes Études en Sciencies Sociales parece lóxico que a narración se erixa neste s. XXI —o mesmo que na antiga Grecia dos grandes mitos— o mellor xeito de contar a experiencia humana.
Danilo Martuccelli e François de Singly sinalan neste sentido que «antes de denunciar los peligros que entraña la seducción de estos relatos, en los que cabe ver la desaparición de todo razonamiento racional, más vale comprender el interés cada vez mayor que suscita. Este troquelado del mundo va de la mano con una evolución de las industrias culturales y está alimentado por la multiplicación de los nuevos soportes de comunicación. También da testimonio de la voluntad individual de comprender el mundo por medio de una trama que les conceda un lugar privilegiado». Na mesma liña deixa Christian Salmon unha porta aberta á esperanza cando aventura que «el auge del storytelling no anuncia obligatoriamente el triunfo de una nueva era orwelliana», se ben advirte de que «a través de la conminación a los relatos lanzada por todas las instancias de poder, asistimos en efecto a la emergencia de un nuevo orden narrativo».
Sexa como for, o que aparece como necesario é pensarmos desde abaixo (e aquí teño que dicir que sigo considerando á maior parte do BNG como integrante deste “abaixo”) a maneira de recuperarmos a voz —a «contranarración» que «desenfoque» as historias do poder; pois por moito que a Razón, o logos, estea do noso lado, non se pode negar que Christian Salmon dá no cravo cando resume o contido do seu libro dicindo unha grande verdade: «El imperio ha confiscado el relato».

2/09/2009

Segregacións

En Revolutionary Road (2008), Sam Mendes volve tratar un tema xa abordado, ben que con outros matices, en American Beauty: a alienación da clase media branca americana. A película conta a historia dun matrimonio novo que merca unha casa de aspecto "hopperiano" nun deses barrios residenciais suburbanos que comezaron a proliferar nos EEUU nos anos 50 e que hoxe en día abundan en todo o mundo. O contorno idílico e a falta de problemas económicos non impiden que a parella comece a ter cada vez máis conflitos. Este malestar será especialmente acusado por April Wheeler —papel interpretado con brillantez por Kate Winslet— muller intelixente e curiosa que non se contenta co seu rol de ama de casa perfecta. Como posible saída á crise conxugal o matrimonio decide cambiar radicalmente de vida planeando mudarse a París ante o asombro das súas grises amizades. Entrementres, April queda embarazada e ambos barallan a posibilidade de abortar. Cando todo parecía estar preparado para marchar, Frank Wheeler (Leonardo di Caprio) acepta un ascenso no traballo botando por terra a idea de cambiar de país e April, xa moi distanciada do seu home, revólvese contra a atmosfera cada vez máis abafante primeiro cun patético encontro sexual co seu veciño e despois provocándose o aborto que, como se dunha traxedia grega se tratase, acabará coa súa vida.
Nun interesante artigo dispoñible na rede que leva por título El derecho a la ciudad, o xeógrafo David Harvey sostén que a economía capitalista utilizou historicamente o desenvolvemento urbanístico para absorber os seus excedentes, xa foren estes en forma de cartos, de produción ou de poboación; de aí que ao seu entender sexa necesario incluír o dereito á cidade —é dicir, o dereito a decidir que tipo de contorno desexamos e a maneira en que o queremos habitar— entre o catálogo dos dereitos humanos fundamentais. Dos sucesivos desprazamentos de poboación no París reconstruído por Haussmann a mediados do s.XIX (é curioso que para a parella do filme de Mendes, París, o radicalmente igual, representase o radicalmente outro) pasando pola suburbanización dos EEUU tras a Segunda Guerra Mundial cos seus cambios de estilos de vida e a introducción masiva de electrodomésticos e coches e a segregación de facto da poboación negra, até a edificación salvaxe e as bolsas de inmigración rural na China de hogano, non hai intervención urbanística inocente. Dinos Harvey que tras as crises do Sureste Asiático, de Rusia e de Arxentina de finais do s.XX e principios do s.XXI e tras o afundimento das “puntocom” a finais dos 90, «en Estados Unidos se acepta la opinión de que el sector de la vivenda fue un importante estabilizador de la economía [...] y los booms inmobiliarios del Reino Unido y de España, así como otros muchos países, han ayudado a propulsar una dinámica capitalista de modos que se asemejan a grandes rasgos a lo que ha sucedido en Estados Unidos». Ao fío disto cómpre lembrar que unha das consecuencias da construcción masiva de segundas residencias levadas a cabo (ou proxectadas) na costa galega consistía nunha suba de prezos que impediría o acceso a ese mercado inmobiliario ás mesmas persoas que levaban vivindo nesas vilas toda a vida; fenómeno que ilustrou maxistralmente —tamén no contexto do Estado Español— a película En construcción (José Luis Guerin, 2001) na cal asistiamos ao proceso de transformación dunha veciñanza popular do centro de Barcelona nun barrio burgués. Se no filme de Guerin a diferenza de clase dos que abandonaban o barrio e dos que chegaban éranos mostrada polo castelán dos primeiros e o catalán dos segundos, no que respecta á nosa terra, e creo que os galegos deberiamos facer moito máis fincapé nisto do que normalmente facemos, o castelán xogaría exactamente o papel inverso.
«Si la haussmannización —di Harvey— desempeñó un papel en las dinámicas de la Comuna de París, las características descarnadas del modo de vida suburbano también desempeñaron su parte en los espectaculares acontecimientos que tuvieron lugar en Estados Unidos en 1968». A propósito do 68: uns dos primeiros en ver as nefastas consecuencias para a vida cotiá que provocaba certo urbanismo con tendencia á guetización foi Henri Lefebvre, persoeiro no que se inspirarán os integrantes da Internacional Situacionista que, naquelas datas, contribuirían a pór patas arriba a Francia toda. No libro Situacionistas (Museu d´Art Contemporani, 1996) pódese ler: «Al igual que Lefebvre, los situacionistas denunciaban el urbanismo moderno como “técnica de la separación” [...] y al igual que Lefebvre se oponían a la concepción estática del espacio como “contenedor neutro de relaciones sociales”». Entre as ideas máis encantadoramente tolas da IS sempre me gustou aquel utópico proxecto da New Babylon (maquetas do que debería ser unha cidade concibida para xogar) do polifacético Constant —do que por certo xa falei noutro artigo co gallo dunha exposición do grupo Cobra que tivo lugar en Vigo— co seu aire de máxico falansterio arquitectónico.
Se os prolegómenos ao descontento dos estudantes brancos durante as revoltas do 68 foron, entre moitos outros, actos de rebeldía despolitizados como o da protofeminista April Wheler de Revolutionary Road, as queimas de coches na banlieu parisina deberían ser tamén o indicativo dun malestar aínda á espera de ser politizado, e protagonizado por uns sectores sociais que non conseguen, ou aos que non lles deixan, integrarse nas súas respectivas sociedades de acollida. Neste sentido, a película Entre les murs [La clase] (Laurent Cantet, 2008) —cuxo argumento non é máis que a propia dinámica dunha aula nun instituto do extrarradio parisino de maioría inmigrante— vemos perfectamente que pensan, a que aspiran e de que grado de conciencia dispoñen eses sectores sociais.
Todas estas cuestións estannos a falar dun problema cada vez máis grave: o aumento da segregación espacial como consecuencia da fragmentación social. No noso país, onde a inmigración segue sendo cativa, a maior separación continúa a ser a que media entre o campo e a cidade. A este respecto, e a propósito da ofensiva de xentes como Galicia Biligüe e outros polo estilo, ocórreseme pensar que o que hai detrás de todo este despropósito non é simplemente unha disputa idiomática senón unha necesidade de distinción social. O que se colixe das palabras destes colectivos é que desexan crear un espazo de seu onde certos marcadores de clase (porque a lingua galega segue a ser un marcador de clase) sexan vividos —igual que a negritude nos suburbios americanos ou a inmigración norteafricana no gran París— como se non existisen. Dito doutro xeito: pretenden facer das cidades galegas o seu barrio residencial á marxe de todo o resto do país.
O museo Thyssen-Bornemisza de Madrid inaugurou hoxe unha exposición que ten por fío conductor o papel das sombras na pintura. O comisario dixo que a sombra, por máis que leve canda ela a connotación do oculto, do sinistro ou do tenebroso, é un elemento capital de toda pintura realista. Isto é: para representar a realidade é necesario asumir tamén o que non se ve, os non-lugares, os reversos escuros. O París das grandes avenidas trazadas por Haussmann non existe sen o outro París das calellas miserentas; os idílicos suburbios americanos dos 50 non se entenden sen inserir neles tanto a batalla a morte librada no interior do matrimonio Wheeler como aqueloutra batalla exterior cos barrios onde se arrombaban os negros; as ricas metrópoles europeas contemporáneas agachan tamén o seu contrario en forma de inmigración ilegal e pobreza. No que atinxe ao noso país, compartindo como comparte boa parte das contradiccións que se dan noutras partes do mundo, a guerra séguese a librar, como se case non avanzásemos nada en trinta anos de autonomía, entre os que desexamos vivir a nosa identidade sen alienación e os que seguen a soñar con cidades-enclave coloniais nos que a excepción sexa a norma.
Un xogo de luz e sombra onde cada vez está máis claro en que lugar se sitúa cada un.