3/23/2008

COpenhague BRuxelas Amsterdam

Exponse este mes en Vigo “Cobra, as cores da liberdade” alentando a (re)descubrir a derradeira das vangardas. O movemento Cobra, cuxo nome fai mención ás cidades nas que viviron os seus integrantes, foi un grupo artístico formado nos cincuenta coa idea de crear unha obra espontánea, infantil, expresiva e primitiva; unha arte na que o momento creativo fose máis importante que o produto desa creatividade e onde se primara a participación colectiva fronte á intervención do artista individual. Tal como di Constant –un dos seus fundadores– no manifesto publicado na revista Reflex en 1948: “Neste período de mudanzas, o rol do artista creativo só pode ser igual ao do revolucionario: o seu deber consiste en destruír os últimos vestixios dunha estética baleira e pesada, espertando os instintos creativos aínda durmidos no inconsciente da mente humana”.
Asistín á exposición animado polo que xa coñecía dalgúns dos integrantes do grupo e saín contento por ter descuberto a outros que, coma
Theo Wolvecamp (curiosa a semellanza de trazo e de composición barroca do seu cadro “Aves nocturnas” 1958 con algunhas obras do noso Laxeiro) me eran descoñecidos. Botei en falla a Asger Jorn, pintor danés que, canda Constant, acabaría ingresando anos máis tarde na Internacional Situacionista. De Jorn sempre me interesou o seu xogo cos cadros kitch que compraba en rastros e que pintaba por encima, dándolles un novo valor artístico. Esta idea da reutilización de materiais alleos para xerar novos obxectos artísticos definiuna Guy Debord, o gurú dos situacionistas, co concepto de detournement: “As dúas leis básicas do detournement son a carencia de importancia de cada un dos elementos autónomos manipulados –que poden chegar a perder o seu sentido orixinal– e ao mesmo tempo, a organización doutro conxunto con sentido que confire a cada elemento un alcance e efecto novos”. Sempre pensei que o detournement situacionista era o avó da técnica do sampleado que, a partir dos anos oitenta co movemento hip-hop, emerxería nos barrios neoiorquinos para esparexerse e inundar, como o fai hoxe, o mundo enteiro en forma de música electrónica e de cultura dj.
Noutro parágrafo do manifesto Cobra, o autor di: “Até agora condenado a un rol puramente pasivo na nosa cultura, o espectador hase implicar no proceso creativo. A interacción entre o creador e o observador fai deste tipo de arte un potente estimulante no nacemento da creatividade do pobo”. Do mesmo xeito que teorizaría máis tarde Debord en La societé du spectacle, Constant cargaba as tintas contra o artista fornecedor de mercadorías culturais –aínda que, ironías da historia, sexa por medio dunha caixa de aforros que vemos agora as noutrora revolucionarias obras– para un espectador pasivo e consumidor, exhortando ao público a intervir directamente no proceso creativo, do mesmo xeito que se exhorta no interesante
Repensar la política en la era de los movimientos y las redes que puiden coñecer grazas a depaso, a concibir a política como un proceso colectivo, participativo e horizontal, empregando a modo de gran metáfora totalizadora destas ideas, a filosofía que emana da concepción e do desenvolvemento do sistema operativo Linux e en xeral de todo o software libre.
Leo en Brétemas que ante esta colonización de internet por parte de creadores de contidos para sitios web voluntarios e amateurs (wikipedia, códigos abertos, publicacións de todo tipo, blogs, etc.) xa se iniciaron movementos a prol dunha volta ao discurso dos expertos, isto é, aos discursos dirixidos polas elites e o poder, para tratar de pór cancelas a un medio que, polo de agora, é tan pouco susceptible de ser cinguido coma o mar.
Como debulla o manifesto Cobra: “Está a punto de nacer unha nova liberdade que ha permitir á xente satisfacer os seus impulsos creativos. Como resultado deste proceso, a profesión artística deixará de ocupar a súa posición de privilexio. Esta é a razón de que algúns artistas contemporáneos se resistan. No período de transición, a creación artística está en guerra coa cultura existente, á vez que anuncia a chegada dunha cultura futura. Debido a este aspecto dual, a arte ten una papel revolucionario na sociedade”. Tamén no ámbito da internet –un dos máis poderosos instrumentos tecno-políticos para construír unha nova praxe transformadora– este novo espectador-actor se enfronta aos que non desexan perder os seus privilexios, sendo así que esta concepción da rede como lugar aberto á participación de todos estea en guerra con aqueles.
Dicía ao principio que o reclamo da exposición de Cobra era descubrir a derradeira das vangardas artísticas, e posto que a Internacional Situacionista, nacida con posterioridade, tamén recibiu o título de derradeira vangarda artística, ben fariamos en pensar que, afortunadamente, a historia dos que tentaron xerar novas maneiras de ser e de entender é tan fructífera e viva que sexa cal sexa a postura máis vangardista do momento, está só será, pasados uns aniños, a penúltima das vangardas.

4 comentários:

Ana Bande disse...

Pois haberá que ir ver esta exposición da que xurdiu este inspiradísimo post. O caso e que co gallo do can ese quitáronseme as gañas de ir a ningún destes "atos".

O Fuco disse...

Fas ben en ires, neste ato o único que morre é o aburrimento.

Ulises Lima disse...

Agora ingreso neste espazo de erudición(a palabra á que fai honor o De Quincey) e fágoo para darlle ás grazas ao titular deste blog, porque pola súa influenza coa obra Bambán, quen aquí escribe reuniu forzas para animarse él este ano e enviar unha "sorte" de obra tidúada "Saltimbanqui" para o Teatro Radiofónico, podendo acadar un dos premios, o da audiencia. E de paso, animar a este fuco regresado a que continúe alumando con este facho intelixente as zonas escuras do espazo cibernético. Así que iso, tan só quería compartir o premio dalgún xeito contigo, pois tí fuckes quen abriu o camiño dalgún xeito; eu cheguei ás bases do premio logo de escoitar a túa obra e ficar admirado. Parabens. Agradecido, Ulises Lima.

freefun0616 disse...

酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店經紀,
酒店打工經紀,
制服酒店工作,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
酒店經紀,

,