2/25/2009

O mito do consenso e o goberno

No impresionante El reino y la gloria. Por una genealogía teológica de la economía y del gobierno (Pre-textos, 2008), Giorgio Agamben rastrexa, nunha morea de textos dos primeiros anos do cristianismo e do medievo, as orixes dunha dualidade inserida na propia teoloxía cristiá entre o aspecto político (encarnado na figura do deus creador, soberano e transcendente) e o aspecto económico (no sentido que tiña o termo grego oekonomia de goberno ou orde inmanente) encarnado na figura de Cristo. Este desdobramento orixinario foi a resposta dada pola teoloxía cristiá á contradicción que representaba a existencia dun mundo que, tendo sido creado por un ente omnipotente e benévolo, tamén resultaba cruel e inxusto. Se os gnósticos resolveran este problema coa figura do deus benévolo pero distante e do demiurgo malvado e presente, a tradición cristiá recorrería ao misterio trinitario para resolver o conflito. A aplicación á política desta dualidade daría lugar á estructura do que Kantorowicz chamaba «o dobre corpo do rei» no que atopamos, por unha banda, o rei (autoritas, ser) que reina pero non goberna e, por outra, o goberno (potestas, praxe) que administra. Precisamente esta aplicación á política é o máis sorprendente do estudo de Agamben. O autor parece demostrar que boa parte dos paradigmas que hoxe forman parte do legado político occidental non son máis que ideas teolóxicas secularizadas. Así, na análise do concepto cristián de gloria (a deus), Agamben extrae a conclusión de que a aclamatio, esa actividade constante do crente tendente a recoñecer a gloria divina, non é, como se poida supor, a expresión da necesidade de deus dun crente desamparado, senón unha necesidade do propio deus, un deus que en principio é autosuficiente, pero que só cando é aclamado, só cando ve recoñeceida a súa gloria, consegue cobrar existencia. Partindo desta idea, Agamben sostén que co poder político sucede outro tanto. O poder necesita a aclamatio que o recoñeza en cada acto litúrxico pois sen esta incesante actividade de recoñecemento o poder esvaece. Avanzando no razoamento Agamben conxuga a frase de Carl Schmidtt «A opinión pública é a forma moderna da aclamación» coa idea da sociedade do espectáculo de Guy Debord para producir unha síntese que describa o que son hoxe en día as democracias liberais:


«La democracia moderna contemporánea es una democracia integramente fundada sobre la gloria, es decir, sobre la eficacia de la aclamación, multiplicada y diseminada por los media más allá de todo lo imaginable (que el término griego doxa sea el mismo que designa hoy la opinión pública es, desde este punto de vista, más que una coincidencia).»


Lin en El País un artigo de Antón Baamonde no que se dicía que, vista a puxanza do PP nas enquisas preelectorais, todo parece indicar que a maior eiva do bipartito nestes catro anos de mandato foi esquecer a vella idea gramsciana de hexemonía e a moderna idea lakoffiana de dominio dos frames, permitindo que sigan sendo outros os que definan a doxa imperante. Chamándolle ao pan pan e ao viño viño isto significa que o bipartito segue dependendo, como ben explica Manuel Mera nun artigo moi agambianamente titulado A voz do poder en referencia obviamente a La voz de Galicia publicado en GZnación, duns medios de comunicación que seguen a adorar (e habería que preguntarse por que se continuou coa política de axudas a estes mesmos medios) a outro deus. É nesta opinión pública creada por estes media que adoran aos seus propios deuses na que se funda a vaporosa abstracción do “consenso” que impera nas democracias liberais. Permitir, polo tanto, que sexan estes medios os que definan que cousas poden entrar dentro deste consenso, é permitir que sexan estes medios os que decidan que é posible e que é imposible na nosa democracia.

Di Agamben no anexo dedicado á pervivencia da teoloxía política en Rousseau que


«El equívoco consistente en concebir el gobierno como poder ejecutivo (do poder lexislativo) es uno de los errores más cargados de consecuencias en la historia del pensamiento político occidental. Y ha dado lugar a que la reflexión política moderna se pierda detrás de abstracciones y mitologemas vacuos como la ley, la voluntad general y la soberanía popular, dejando sin tratamiento precisamente el problema político decisivo en cualquier sentido.[...] el verdadero problema, el arcano central de la política, no es la soberanía sino el gobierno, no es Dios sino el ángel, no es el rey sino el ministro, no es la ley sino la policía; en definitiva, la máquina gubernamental que todos ellos forman y mantienen en movimiento.»

Porque quizais o maior problema do bipartito (outra cuestión sería analizar que parte de responsabilidade ten cada un dos dous partidos) foi estar demasiado pendente dos consensos, as vontades xerais abstractas ou as leis mitificadas (como non pensar na apelación á sacrosanta Constitución no debate estaturario) e non se ter dedicado máis á única cousa para a que foron postos aí: destruír o vello, construír o novo, cambiar o que houbese que cambiar, transformar, actuar, gobernar.

Sem comentários: