6/10/2009

A Síndrome de Pessoa



Andamos por Lisboa a pasada fin de semana e, asomados aos mesados ateigados de libros vellos do Chiado, mesmo ao lado da librería Bertrand, demos en conversar sobre literatura cun dos vendedores. Confesounos a súa admiración por Cunqueiro e o seu coñecemento de Pedrayo e laiámonos xuntos polo desinterese que padece Portugal a respecto das nosas letras; se ben el, en patriótico descargo do seu país, atribuía parte desa ignorancia ao feito de os nosos emigrantes seren demasiado pouco cultivados como para teren levado canda eles tais riquezas intelectuais. Que preguiza rebaterllo...
Máis ou menos cando nos dedicabamos a lembrar as querencias que os vellos escritores galegos experimentaran por Eça de Queiroz achegóusenos, en sentindo o noso falar, un lisboeta curioso que por alá andaba para preguntar de que lugar da Galiza viñamos. —De Vigo, contestamos. —Ah Vigo. De Vigo eran moitos dos que chegaron aquí para reconstruír a cidade despois do terremoto, informounos antes de se despedir cun sorriso satisfeito. —Boa tarde señores. —Ata logo, sorrimos tamén.
Disque foi o Marques de Pombal, cuxa estatua preside a Avenida da Liberdade desde unha enorme columna sita na praza que leva o seu nome, o encargado de deseñar e pór a andar as obras nas que tantos vigueses —se o noso informante estaba certo— foran traballar. Por iso sorprende que sexa a mesma capital renacida literalmente baixo criterios ilustrados quen personifique, nos nosos días, unha especie de paradigma da desorde, do esboroamento, da sucidade e da pobreza. Iso polo menos parece suxerir o termo «Síndrome de Pessoa» acuñado polo arquitecto catalán —moi vinculado co proceso de “renovación” de Barcelona xa comentado— Oriol Bohigas. Segundo as súas propias palabras, citadas en La ciudad mentirosa (Manuel Delgado, 2007), esta síndrome resultaría moi perigosa «porque tiene un punto de romanticismo agónico —como la tuberculosis del XIX— que entusiasma todo tipo de nihilismo poético».
Ignoro se Bohigas me diagnosticaría, polo que vou dicir a seguir, patoloxía algunha; pero si teño claro que cando un percorre as rúas do centro de Lisboa atopa, ademais de cheiros, roupa tendida, lixo, grafitis e gatos, algo ben máis gratificante: Pessoas. Persoas, iso si, pobres na súa maior parte; persoas que, indo e vindo, atenden os quefaceres da súa vida cotiá. Pero persoas difíciles de atopar
—e agora entendo o significado profundo da Síndrome de Pessoa no profiláctico e aburguesado parque temático en que (Delgado dixit) se converteu o centro histórico barcelonés.
Sexa como for, e por darlle unha volta máis a esta ponte que pretendo lanzar entre Barcelona e Lisboa, din en pensar na existencia dun elemento que as une definitivamente: a figura do traballador galego. Tras facer acto de presenza na Lisboa post-terremoto do século XVIII, o traballador galego reaparece na Barcelona post-olímpica do século XXI. Lembremos unha vez máis as socráticas conversas do filme En construcción (Luis Guerin, 2001) entre o falangueiro albanel árabe e o seu sparring galego. Se o primeiro imaxinaba revolucións, o segundo untaba tixolos de masa; se un recitaba poesía, o outro non perdía ocasión para evidenciar que tamén desta volta viña cos petos baleiros de literatura. Acontecía logo que o libreiro de Lisboa acertara? Por suposto que non. Pero dame tanta preguiza explicalo...

2 comentários:

Ana Bande disse...

Admirable coma sempre, pero supere esa preguiza e explique, explique a súa opinión sobre a capacidade dos emigrantes para espallar a literatura polo mundo ou darei en pensar que levaba razón o lisboeta...

O Fuco disse...

Pois claro que os emigrantes non levan con eles a literatura culta. Ou é que os portugueses que veñen ás obras do Ave galego se dedican a recitar poemas de Sophia de Mello Breyner? O que sucede é que os portugueses cultos "pasan" da literatura galega porque lles recorda demasiado a si mesmos (pero en versión "arcaica"). Se aínda estivese escrita en castelhano...