6/08/2009

Eurropa



Os ladróns de palabras


É casual que dous partidos abertamente xenófobos —Partij voor de vrijheid (Partido pola Liberdade de Geert Wilders) e Il popolo della libertà (O pobo da Liberdade de Berlusconi)— apelen, o mesmo que GB e o PPdG, á palabra liberdade para xustificar a represión?

Yes we can´t

A socialdemocracia europea, tras décadas falando en neoliberalés, sorpréndese agora porque os votantes —analfabetos funcionais á hora de faceren unha correcta análise marxista da crise— os castiguen a eles.

Vontade inconsciente

Os electores británicos... Pretenderían, sen sequera sabelo, propinar unha patada á Terceira Vía
(no cu de Gordon Brown) pensando que o que estaban era a castigar a penas un bocadiño de corrupción?

O mundo ao revés

Din os expertos en cuestións vaticanas que os Papas tidos por máis conservadores resultaron ser, no devir da historia, os que realizaron as reformas de maior calado. E non foi o republicano Abraham Lincoln o que aboliu a escravitude? Asistiremos acaso a un momento histórico no que a dereita europea será quen aplique as políticas keynesianas que non se atreveu a aplicar a esquerda?

Antipiñeirismo

Se regresasen os tempos nos que se impugnou o falado arredor da mesa de braseiro non se habería discutir sobre a necesidade de organizar un partido político propio. O debate estribaría hogano en se montar unha emisora de radio ou ir directamente a por unha canle de televisión.

Autoodio

Efectivamente parece certo que o Bloco de Esquerdas subiu a costa do Partido Socialista de Sócrates e que o moi dereitoso CDS/PP perdeu algúns votos. Deamos por bo que, en xeral, si houbo un certo corremento do electorado portugués á esquerda. Agora ben, era necesario laiarse —como o facía onte un comentarista da TSF— de que Portugal é un país pouco sincronizado —contracíclico— a respecto de Europa? Pero si na Lusitania tamén gañou o dereitista PSD!

Orgullo

Para sincronizados nós. O PP volve varrer Galiza.

Viaxe de estudos

Imos a Europa, vés? máis parecía unha invitación a participar no programa Erasmus que un lema político. Moito me temo que ao final Ana Miranda terá que se conformar con facer a matrícula só nalgunhas materias parciais.

UPyD

Agora que Wagner vai entrar no Parlamento Europeo, disporase a loitar —coa axuda da valquiria Díez— porque o castelán deixe de estar discriminado como lingua de traballo da UE?

Sem comentários: