6/05/2009

Conflicto laboral e violencia discursiva




Existen balas máis mortíferas —máis violentas— que os parafusos e as bolas de goma: os discursos. Quen permaneza atento estes días a como glosan os grandes medios de comunicación a loita dos traballadores do metal de Pontevedra polo seu convenio comprenderá por que a cámara que accionaba o xornalista de Tele 5 ferido durante a sexta xornada de folga era un arma máis temible que os tiratacos ou as porras. El era inocente. O rol que desempeñaba érao menos.
A maior violencia da guerra de discursos reside na súa extrema desigualdade. Non é esta unha contenda entre superpotencias de arsenal parello. É a eterna disputa entre David e Goliat.

A narración oficial dos feitos delimita, neste conflicto, seis partes autónomas, inconexas: empresarios, traballadores, administración, policía, medios e cidadanía. A narración real atopa só dúas. E ben definidas: empresarios, medios e unha administración que se inhibe no político e intervén no policial para transformar a reivindicación laboral nun asunto de orde pública, por unha banda; e os traballadores, pola outra.
Pero, e que hai da cidadanía? A cidadanía é, neste contexto, un Golem fabricado para encarnar en todo caso o papel da vítima agraviada (polas molestias do tráfico, polos contedores queimados, polas carreiras, polo medo) nunca o do colectivo solidario coa parte máis débil. Ocupa o lugar da inocencia apolítica sempre absolta coa que se debe identificar a audiencia ideal (o cidadán de ben) dos medios de comunicación.
Porén, porque ninguén é cidadán en estado quimicamente puro á marxe do seu lugar no sistema de produción (económica ou ideolóxica) e porque non existe ese todo chamado cidadanía (que son senón os empresarios e os obreiros?) podemos dicir que esa cidadanía-sen-atributos da que tanto se preocupan os medios é unha entelequia. Un truco lingüístico. Un significante sen significado.
As palabras-parafuso dos obreiros e as palabras-estadullazo da policía son duras e incómodas pero xuntas conforman un discurso en bruto que posúe a estraña virtude da claridade (e impártese, ademais, na rúa, un certo sentido do equilibrio, da xustiza. A xustiza da contusión, o equilibrio do negrón); en oposición, as palabras-tinta, as palabras-onda hertziana e as palabras-electrón dos mass media, limpas e elegantes, agachan, baixo o prestixioso —por imposible— manto de neutralidade a máis vergoñenta toma de partido. Hai máis política nas súas crónicas, tertulias, artigos, etc. que nos actos de campaña de todos os partidos políticos que andan rabeando, tamén estes días, por se sentaren nos escanos do Parlamento Capado Europeo.

7 comentários:

R.R. disse...

Dende que, ademáis, eles tamén saen á rúa a defender "á familia" (digo isto á galega e á napolitana ó mesmo tempo), ós nonatos ou o seu monolingüismo, o tratamento da prensa é aínda máis insultantes. Reto a calquera a buscar nos medioa algún motivo de "molestia" producido polos manifestantes neses casos.

Outra vez magnífico post.

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

Totalmente de acordo. Fixen un post coa mesma idea. Os polis e os traballadores, corpo a corpo. Os discursos dos que miran a batalla son sinxelamente miserables. É como neses circos de gladiadores. Os tipos de abaixo son os tipos máis honorables do edificio.

Willy S. disse...

Impresionante.

Para min estes traballadores do metal son case o último reducto de algo que está a piques de desaparecer. Algo que ten que ver coa reivindicación da forza do colectivo e co paso a acción obrigatorio para transformar o existente.

A lucidez da súa análise emocionoume tanto como as imaxes destes homes pelexando nas rúas. Discurso. Acción. Hai que plantar cara en todos os frentes.

xOsedorrio disse...

A posición que adoptan os mass media nos conflictos laborais é exactamente a mesma que toman respecto ós movementos altermundistas. Adoitan trasladar unha imaxe de violencia por dúas razóns: unha, para ocultar o plano ideolóxico e, outra, para afastar a aqueles cos que simpatizan no ideolóxico pero rexeitan a violencia.

O Fuco disse...

O que máis me proe é que tertulianos/articulistas/xornalistas de esquerda (se existiren) asuman ese discurso.

toni disse...

jasús, vostede é un crack

O Fuco disse...

O crack é moi malo para a saúde.