5/15/2009

Slavoj Žižek e nós (ou por que estamos a perder a batalla do idioma)

Tell all the Truth but tell it slant
Success in Circuit lies
Emily Dickinson

Os dous conceptos que esgrimen a cotío aqueles que queren dar morte á nosa lingua son, paradoxalmente, o da "Liberdade" e o da "Non Imposición". Cada un deles, sen verse referidos a unha realidade ou contexto concreto, representan, respectivamente, un anhelo e un rexeitamento que calquera persoa podería asumir coma propios. O que cómpre analizar é por que medra entre nós a sensación de que o sentido parcial que os inimigos do galego dan a estes dous termos ("Liberdade" en tanto que capacidade individual para escoller a lingua no sistema educativo e "Non Imposición" en tanto que rexeitamento a toda intervención administrativa neste ámbito) callaron na sociedade galega até o punto de que en calquera conversa informal desenvolvida nas nosas relacións cotiás, todo o mundo parece relacionalos coa manipuladora carga semántica que, até non hai tanto, era específica, exclusivamente, dunha parte reducida da sociedade. Tentar comprender mellor este fenómeno é o propósito deste artigo.
No epígrafe La hegemonia y sus síntomas que inicia o libro de Slavoj Žižek En defensa de la intolerancia (Sequitur, 2009) podemos ler algunhas reflexións que nos han ser útiles. A primeira delas expón de xeito teórico o fenómeno de substitución ao que me refería máis arriba: «Cualquier concepto ideológico de apariencia o alcance universal puede ser hegemonizado por un contenido específico que acaba “ocupando” esa universalidad y sosteniendo su eficacia». Para explicalo, Žižek recurre á figura construída pola dereita norteamericana da “Raiña da beneficiencia”. O goberno Reagan utilizou esta caricatura —a nai solteira, negra e de clase baixa que, en lugar de loitar por mellorar a súa posición, se aproveitaba dos servizos sociais pagados polos sufridos contribuíntes americanos— para xustificar as políticas de supresión do Estado Social. Aproveitando unha serie de asociacións nada inocentes (nai solteira=conducta desordenada; recepción de subsidios=nugalla; impostos=fraude aos traballadores honrados) e engadindo estas aos prexuízos raciais que a maioría branca dese país sempre padeceu, conseguiuse crear unha ficción ideolóxica eficaz «para traducir la abstracta y vacía noción universal en una noción que queda reflejada en, y puede aplicarse directamente a, nuestra “experiencia concreta”»; isto é, Reagan encheu o concepto abstracto e comunicativamente disfuncional de Derroche [do Welfarestate] co moi concreto contido da afroamericana parasita vaga e irresponsable que o seu electorado podía imaxinar —e despois transmitir— de forma moito máis nítida.
«La lucha por la hegemonía ideológico-política —continúa Žižek— es, por tanto, siempre unha lucha por la apropiación de aquellos conceptos que son vividos “espontáneamente” como “apolíticos”, porque trascienden los confines de la política”». No noso caso: cando a ultradereita española teima coa liberdade e a imposición está a empregar dous conceptos que non só son vividos coma non-ideolóxicos —no sentido de non parciais, de universais— senón que ambos ("Liberdade" e "Non Imposición" son expresión do que Žižek chama «aspiracións utópicas» positivas inscritas no imaxinario da xente. Valéndose delas —pois as «ideas dominantes no son nunca directamente las ideas de la clase dominante»— conseguen inocularlles, até lograr facelas indistinguibles, o contido específico, este si ideolóxico, de liberdade en tanto que “liberdade-do-neno-de pais-demócratas-e-cosmopolitas-que-buscan-afanosamente-o-mellor-para-o-seu-fillo” e de imposición en tanto que “imposición-dos-ubicuos-nacionalistas-minoritarios-antidemocráticos-esencialistas-e-pailáns-cuxo-poder-de-influencia-é-excesivo-en-relación-aos-seus-votos”. Que estas narracións imaxinarias do neno castelán-falante indefenso ante unha lingua inservible e opresora e a do funcionario ao servizo dunha minoría radical teñan calado tanto non é un asunto menor, xa que «esta concrección fantasmática —e aquí Žižek revela unha verdade importante— no es mera ilustración o anecdótica ejemplificación: es nada menos que el proceso mediante el cual un contenido particular acaba revistiendo el valor de lo “típico”: el proceso en el que se ganan, o pierden, las batallas ideológicas». E tanto ten que a situación de marxinación do castelán sexa falsa, tanto ten que a práctica totalidade dos medios de comunicación estean escritos naquela lingua, tanto ten que os datos sociolingüísticos estean denunciando invariablemente o esmorecemento do número de galegofalantes, tanto ten que a inmensa maioría dos funcionarios deste país atendan, nunha porcentaxe esmagante, en castelán; en definitiva, tanto teñen as razóns obxectivas que poidamos argumentar porque cando nos movemos no mundo da fantasía, a realidade é secundaria. Así, mentres sigamos utilizando unicamente as armas do discurso abstracto-racional (pois o relato dos galegófobos é xa hexemónico) as nosas teses nunca van avanzar.
E como consegue un contido particular desprazar a outro contido até ocupar o seu lugar? A esta pregunta responde Žižek botando man da idea de “Lexibilidade”. Así, o concepto ou grupo de conceptos que ha trunfar na loita será aquel que mellor saiba plasmar nun discurso coherente as experiencias de vida da xente (Un exemplo? Nos anos trinta o discurso do nazismo gañou a batalla ao da esquerda á hora de dar unha saída ás lóxicas preocupacións económicas das persoas creando un chibo expiatorio, o do xudeu-capitalista). E ademais, dinos Žižek, «la “legibilidad” no implica sólo una relación entre una infinidad de narraciones y/o descripciones en conflicto con una realidad extra-discursiva, relación en la que se acaba imponiendo la narración que mejor “se ajuste” a la realidad, sino que la relación es circular y autoreferencial: la narración pre-determina nuestra percepción de la realidad». O que quere dicir que non hai unha realidade fixa e inamovible que deba ser desvelada polas narracións en litixio, senón que a propia presenza destas narracións —debido ao seu caracter performativo— muda a visión da propia realidade.
Que facer, en definitiva, para podermos construír un discurso lingüístico alternativo ao hexemónico? Desde logo, cumpriría non gastar os nosos esforzos en denunciar todos e cada un dos ámbitos sociais nos que —a priori e sen aclarar onde, como, cando e contra quen— se conculca un dereito abstracto a empregar o galego cunha normalidade abstracta e a un falante abstracto. Dediquémonos mellor á denuncia de casos concretos protagonizados por persoas concretas até conseguir introducir no imaxinario colectivo un perfil facilmente identificable —e trasnmisible— do oprimido e do opresor lingüístico. Procuremos que se nos identifique con «aspiracións utópicas» como a do Dereito ao Recoñecemento, o Respecto, a Xustiza, ou calquera outra que se nos ocorra, e fagamos por asociar aos nosos adversarios con aquelas ideas (Desprezo pola cultura, Prepotencia, Chulería, Elitismo, etc.) que o común das persoas penaliza inconscientemente. Iso si, que cada unha destas ideas apareza sempre vencellada a un caso preciso. A unha narración. Porque nós, a diferenza deles, non necesitamos mentir, temos milleiros de historias verdadeiras extraídas directamente da rúa que contar. Deamos a coñecer as historias, os rostros e os nomes que se agachan detrás de cada marxinación até que algún deses nomes, deses rostros e desas historias sexa quen de activar o dispositivo que as transforme en metáfora de todas as demais. Entón axitémola sen acougo, exhibámola até o aburrimento, fagamos dela un símbolo. Machaconamente. Sistematicamente. Disciplinadamente. Sexamos entón inflexibles. E Intolerantes. Coma propón Žižek.


Boa mani a tod@s o vindeiro 17 de maio, sexa en Compostela ou, coma no meu caso, en Barcelona.

13 comentários:

Danilo disse...

Apaixoante artigo. Parabéns

O Fuco disse...

Moitas grazas.

Ana Bande disse...

Lémbrame vostedo moito os argumentos do señor Lakoff en aquel libro "Non penses nun elefante", si, estratéxicamente falando, claro.

O Fuco disse...

Algo ten que ver cos frames de Lakoff. Pero éste falaba dunha ideoloxía progresista debedora do pai protector e doutra reaccionaria debedora do pai autoritario que condicionarían o xeito en que cada un de nós analiza a realidade en función de cal dos dous modelos preponderase na nosa biografía. Zizek, en troques, fala de ideas utópicas positivas maioritarias no común das persoas, e de como a dereita tenta sempre encher eses anhelos liberadores co seu sesgo particular. En todo caso tanto un coma o outro poñen de relevo, a diferenza do marxismo clásico, o papel senlleiro da Ideoloxía coma un outro motor da historia a ter en conta.

folerpa disse...

Parabéns Fuco, ese intelixente carreiro do que falas é o que debemso tomar. Mais en toda a reflexión vexo un problema: a súa versión falsa e distorsionada callou porque os grandes medios fixeron de altofalentes, a nosa verdadeade real e concreta onde vai callar?

O Fuco disse...

Folerpas, a cuestión que plantexas é importante e ben complicada. Pero creo que, para a nosa desgraza, o noso país aínda está, no que toca á lingua, nunha etapa anterior. Na miña opinión aínda necesitamos construír un discurso (facer visible quen oprime a quen e como) do idioma para a xente que sinte simpatía polo galego pero que non ten ou consciencia, ou ganas ou simplemente tempo para pararse neste tema. Temos que procurar entre todos argumentos concretos e irrefutables que poidan comprender e espallar eficazmente "os nosos" (na rúa, no traballo, no super, etc.). Ás veces damos moi por sentado que todo o mundo manexa termos coma a diglosia ou a substitución lingüística, e iso non é así.(Ademais de que con ese tipo de linguaxe non se convence a ninguén que non sexa filólogo). Unha vez consigamos "introducir" un "argumentario" sinxelo pero convincente entre "os nosos", a capacidade de defensa medrará e isto (por que non ser optimista) debería acabar notándose nos ocos que deixen os grandes medios.

Unknown disse...

Aí vai o primeiro "segregación" ou "non a segregación nas aulas" está é unha idea (encuadre, frame) que hai que empezar a introducir na linguaxe cotiá é que seguro que vai calando...

O Fuco disse...

Concordo en que a idea de Segregación ou de Apartheid é potente. Nun post pasado falei dela e das súas ramificacións a outros aspectos da vida: http://ofunambulistacoxo.blogspot.com/2009/02/segregacions.html

AFP disse...

Sempre a direita e os poderes d reacçom se apropriárom da linguage da esquerda para atacar os direitos sociais e colectivos dos povos nom é, portanto, GB e o espanholismo nengumha excepçom. A linguage é-o todo e aqui entre eufemismo e eufemismo, como atinadamente o Vicente Romano tem analisado, estám a criar a neo-língua da que se falava em "1984".
Por outra banda, os conceptos de "libertad de elección" nom vam além de aplicar os dogmas do neoliberalismo, plenamente metidinho nas cabeças alienadas de grande parte da sociedade, ao terreio da língua... como diziam um paisano da minha terra "é-che todo umha cadena"

xOsedorrio disse...

Robert Harris di en Imperium e en boca de Ciceron que "o maior problema de calquera estadista consiste enpermitir que os seus compatriotas sospeiten que pon os intereses dos estranxeiros por encima dos do seu propio pobo".

Esa é outra das mensaxes que hai trasladar a sociedade e, como ben dis, sen necesidade de mentir, que o Sr. Feijóo pon por diante os intereses de fora de Galicia por encima dos propios. Sobran exemplos.

Henrique disse...

Na custión da lingua o primeiro é ter craro o noso enclave no Estado Español e a nosa situación socioeconmica con repecto a íste.
Bon, ao morrer o dictador, e xa dinantes, ao meu ver, houbo un moi mal enfoque nas extratexias de de recuperar a identidade de galiza: lingua e nacción; e asemade, facer que tais extratexias entrasen ou calasen no cerne ou fulcro do pobo.
A UPG fixo muito mal no fornecemento dun sentimento nacional; e iso repercutiu na lingua, a súa implantación, e en todos os demais eidos que conforman o ser dun povo.
Explícome: a UPG creou e criou, está a criar ainda, unha secta baseada nuns presupostos ideolóxicos stalinistas antepoñendo o control total do "aparato" ao o medre da organización na pluralidade.Para isto, e sei o que digo, crearonse cadros con rapaces e rapazas procedentes do "espiritu nacional español" turcandolles os valores por unha visión de Galiza doctinal,dogmática; e xa que logo excluinte.
Non aceptaban a cosmovisión, só se ollaban o ombigo,e moito menos permitían ou aceptaban o contraste ou a discusión no plano ideolóxico. Íles, con nome e apelidos eran deuses.
Moito mal lle fixeron ao avance, e lle está a facer porque non trocaron,do nacionalismo galego con todo o seu Pakt.
Íste tipo de nacionalismo representativo é xustamente o que lle vai moi ben a Direita e Esquerda españolistas; porén, en certo xeito, tratan de alimentalo: madialeva.
Temos pois que en vez de facer unha organización de cara ao povo, e que fose por íste admitido fíxose todo ao contrario.
E nista andamos. resulta que istos "proceres" que ainda están a dirixir o cotarro, veleí que até inventaron un xeito mol de falar estúpido e repelente que vai máis aló do que di Ferrín que din I en ves de E.
É como os que levan o "mexar torto" e son recoñecidos polo andar.
Nista tesitura, e conclúo,se moven os Pacos Rodriguez e algúns máis.
Decía a miña aboa que "fala mol en corpo sano lévecho o diaño".Ora, nós tampoco somos iñocentes, refírome aos que temos outra visión e outras extratexias. Por uhna banda deixámonos engaiolar por íles, e pola outra fatonos coraxe e carraxe para desmontarlles "o chiringuito". Mais nunca é tarde...

O Fuco disse...

Xosé Dorrio, efectivamente a política do PP é contraria aos intereses da maioría dos galegos/as, e creo que o nacionalismo e incluso certa esquerda estatal leva decenios dicíndoo. Pero é evidente que apelando só a máximas que nós vemos totalmente lóxicas e racionais non conseguimos convencer. Debemos buscar outras formas de comunicar.

Henrique, afortunadamente o mundo non acaba na UPG; polo tanto gobernemos a nosa casa que a deles nada nos importa.

Henrique disse...

De acordo que hai vida fora da UPG e do BNG que, a fin de contas, é, son "La Voz de su amo". O mesmo amo. Tamén de acordo en gobernar a nosa casa. Pro, como ben sabes, importar, importa todo o relativo ao MNG movemento nacionalista galego. Inclusive aptitudes, comportamentos e accións do PP ou PSOE referentes a Galiza tanto dende España como dende Europa.
Xustamente, a miña teima é se estamos a tempo-e penso que si, coidando na relatividade de íste-de plantexarlle ao POVO, ao noso povo, outra alternativa críbel e capaz de voltarlle ou tornarlle a auto-estima; e ser capaces de facer que os partidos españolistas e entorno, se axeonllen unha miga ao tempo que lle abrimos os ollos aos que non vein ou non queren; e ao mesmo tempo, que é o importante, facerlle ver ao nacionalismo representado hoxe polo BNG; nacionalismo que actúa de caracol sacando e escondendo os cornos, ora si ora non, pasando da marxinalidade laiante emixiriqueira ao cenario glamouroso, segundo os propios intereses xerárquicos.
Importa tanto rexenerar un novo discurso (teorizar) nacionalista e de esquerdas-dentro ou fora do BNG; como, outramentes e asemade, poñer en descoberto, sacar a mascarada do envoltorio que quere tapar a realidade do noso País. A nosa castración secular. Non se trata, porén, de tanta pédrica. Trátase de pasar a acción en termos realistas e intelixentes. E non me refiro á acción militar senón a militante. E non me refiro tanto a isa militancia orgánica, partidista ou mesmo burocrática dos partidos convencionais; senón coanto á militancia de irmandade, de saberse parte dun Povo e dunha Nación que necesita dos seus membros, aqueis que posúen conciencia hestórica e están dispostos a dar a cara e non agachar a orella ante os aldraxes externos e internos baixo sombreiros, e non vai polo de Beiras, duns comportamentos intelectualoides e pasotas, os de poñer a man a troques do que sexa outorgando e calando.