7/28/2007

Breve reflexión post 25-X

Hai uns meses vin o documental Nomadak Tk, dirixido en 2006 por Raúl de la Fuente e máis polos txalapartaris Harkaitz Martínez e Igor Otxoa. A fita é un canto á comunicación entre os pobos e a txalaparta -instrumento que precisa de dúas persoas para ser tocado- asume o rol de símbolo desta comunicación vertebrando a película toda. Nela presenciamos a viaxe dos músicos polo mundo enteiro: desde a terra dos Lapóns, ata a terra dos Bereberes, pasando pola India ou por Mongolia. A peli comeza na casa dos protagonistas, onde asistimos ao proceso de construcción dunha txalaparta de madeira. No transcurso da metraxe somos testigos de como este instrumento vai mutando alá onde estén, en función de cales sexan as características do lugar: así vemos como se transforma en xelo no círculo polar ártico ou en pedra cando a acción transcorre polas montañas do Átlas. E en cada sitio a txalaparta soa. Iso si, con matices diferentes dependendo do material de que esté feita; pero segue a ser unha txalaparta, e segue soando a txalaparta.
Esta me pareceu a mellor metáfora para ilustrar cal debería ser a aspiración dos distintos nacionalismos, en especial o galego, do Estado: Ser proxectos emancipadores que propicien o diálogo de ida e volta coas culturas do mundo. Sen esta vocación universalista e participativa, o nacionalismo é un onanismo inútil, e o que é peor, reaccionario.

7/23/2007

Cine, amor e latín

A historia da película é simple: Wilbur tenta unha e outra vez suicidarse sen chegar a conseguilo xamáis. O seu irmán Harbour lévao á súa casa, coa fin de poder vixialo, sita no mesmo predio da vella librería que o pai de ambos deixou en herdanza. Pronto aparecen a nena Mary e máis Alice. Despois de esta casar con Harbour, nai e filla quedan a vivir cos dous irmáns, formando entre todos unha bonita familia. Tras varios intentos infructuosos máis de suicidio por parte de Wilbur, a Harbour diagnostícanlle un cancro de pancreas, polo que ten que ser ingresado no hospital. Nesta situación, a ateigada librería é, pouco a pouco, testigo do nacemento dunha nova relación entre Wilbur e Alice. Unha relación inocente, sen ánimo de danar a ninguén, pero que cada vez se vai facendo máis forte. Un día, Harbour vai pasar unhas horas á casa. Rápidamente se decata do que acontece, e no emocionado abrazo de despedida ao irmán, encoméndalle que coide dela. Ao chegar ao hospital, inxire un frasco de pastillas e morre. Na derradeira escena da película aparecen Alice, Mary e Wilbur –que xa nunca máis volveu tentar suicidarse- visitando a tumba do bo de Harbour.
Mentras vía Wilbur wants to kill himself (Lone Scherfig, 2002) víñame á cabeza unha e outra vez unha estraña asociación: La tía Tula de Miguel de Unamuno. Lembraba especialmente aquela parte do prólogo en que Unamuno facía a súa disquisición filolóxica-psicolóxica sobre o termo sororidad:
La observación es que así como tenemos la palabra paternal y paternidad que derivan de pater, padre, y maternal y maternidad, de mater, madre, y no es lo mismo, ni mucho menos, lo paternal y lo maternal, ni la paternidad y la maternidad, es extraño que junto a fraternal y fraternidad, de frater, hermano, no tengamos sororal y sororidad, de soror, hermana.
Queixábase, o vello profesor, de que non existise un termo que designase esa cualidade, según el, exclusivamente feminina, que consiste en ser irmá dunha irmá ata o punto de facerse cargo da familia desta. Será a película de Scherfig a mostra de que agora tamén o termo fraternidade, con todas as súas connotacións, é unha limitación da linguaxe para definir este suposto fenómeno?
A peli é unha sorte de contiño feliz na adversidade, onde todo, dende a evocadora fotografía, pasando polo acento escocés das personaxes, ata os chistes amables –coma o do vello que entra na librería preguntando por un libro de Kipling e Wilbur, collido en medio dun novo intento de suicidio, lle da un libro que fala de pickling (conservas)- se confabula para que pasemos de puntiñas por lugares tan escabrosos coma o cancro, o suicidio, ou a traición.

A outra historia tamén é simple. Wing e Fai -os protagonistas de Happy together (Wong Kar-Wai, 1997)- son dous homes que empregan a mesma cantidade de paixón follando, discutindo, baténdose ou curándose as feridas. A súa é unha relación de amor-odio incansable que transcorre nunha Arxentina canalla e inhóspita. Son dous desubicados que se necesitan tanto como necesitan estar sós. A combinación do branco e negro coas cores hipersaturadas, a suciedade da fotografía, o barroquismo e a fragmentación das imaxes, non fan máis que pór de relevo ese tumultuoso labirinto de relacións persoais inestables e enfermizas.
Un momento sublime da película: cando Fai chega só ás fervenzas de Iguazú -algo que os dous amantes planearan facer xuntos- e escoitamos, sobre un plano aéreo de miles e miles de hectolitros de auga e escuma caendo violentamente, Cucurrucucú paloma cantada por Caetano Veloso; a mellor metáfora para describir o funil en que se converte o noso estómago cando botamos a alguén de menos.
O amor de Happy Together non ten nada que ver co amor-plan-de-vida de Wilbur wants to kill himself –é curioso que a máis optimista teña un título tan escuro e a máis crúa teña un título tan alegre. En Happy together o amor é tan tortuoso, extenuante e perigoso, que os amantes necesitan pór terra por medio para sobrevivilo.
Ou, por finalizar con outra disquisición filolóxica: o amor é aquí coma un duelo. Palabra que ven do latín duellum, e que está formada por duo (dous) e bellum (conflito). É dicir, a vida mesma.

7/20/2007

"El Jueves" tamén non existe



Pregunta paranoide ao estilo Losantos: Por que o home que instruíu o sumario do 11-m, necesita demostrar antes de que se dicte sentenza, que el non é un progre trasnoitado?

7/19/2007

Bolivia non existe

O ano 1870 foi testigo dun incidente sufrido por un diplomático inglés que causou un conflito entre Bolivia e a todopoderosa Gran Bretaña. Unha anécdota que, se non e vera e ben trobata, por Eduardo Galeano e que na súa opinión se puede leer también como una involuntaria síntesis de la atormentada historia del pueblo boliviano. O conto é como sigue: El dictador Mariano Melgarejo ofreció un vaso de chicha, bebida nacional hecha de maiz fermentado, y el diplomático agradeció pero dijo que prefería chocolate. Melgarejo, con su habitual delicadeza, lo obligó a beber una enorme tinaja llena de chocolate y después lo paseó en un burro, montado al revés, por las calles de la ciudad de La Paz. Cuando la reina Victoria, en Londres, se enteró del asunto, mandó traer un mapa, tachó el país con una cruz de tiza y sentenció: "Bolivia no existe".
Leo en Vieiros que de non ter sido pechado no ano 1998, o diario Egin tería cumprido en setembro de 2007 trinta anos de existencia. A mesma sorte correu Egunkaria sen que nada se saiba das razóns para iniciar ese proceso. Mesmo a bendecida Na-Bai semella non contar co pedigrí de democraticidade suficiente para que o PSN poida asumir un pacto de goberno. En Navarra mesmo se está falando de que o PSN deixe gobernar a UPN ou que incluso estes dous partidos formen goberno xuntos. Semella que o establishment bempensante do bipartidismo perfecto madrileño segue empeñado en actuar coma se o apoio a certas opcións tanto en Euskadi coma en Navarra non existisen (E mesmo fóra de aí: Rajoy levará no programa das vindeiras eleccións xerais a reforma da lei electoral). Porén, hogano en lugar de Egin publícase Gara, en lugar de Egunkaria está Berria e en lugar do PSN como segunda forza do parlamento navarro, está Na-bai. Esa parte da cidadanía vasca existe por máis que pechemos os ollos para non vela, e será inútil calquera solución que pase exclusivamente por tentar borralos do mapa político: os mapas son coxunturais pero a xente queda. Para mostra Bolivia: 137 anos despois de que a raiña Victoria os declarara inexistentes, un aymara preside o país.

7/13/2007

Updike, López, Estes.



Veño de rematar a lectura de Terrorista, a novela de John Updike, editada por Xerais e estupendamente traducida ao galego por Lara Domínguez Araújo. Deixando aparte o evidente afán comercial por parte do autor á hora de escoller o título e o tema: a historia de Ahmad, adolescente árabe-americano que cre encontrar no Islam a resposta ás súas carencias afectivas, familiares e sociais, e que se enrola como home-bomba (a alternativa que lles queda aos desfarrapados para seren protagonistas de algo) na preparación dun atentado no primeiro aniversario do 11-S; a novela é un fresco bastante detallado da sociedade estadounidense (occidental dirían algúns) contemporánea: a segregación racial e o clasismo que ésta implica, o consumismo desenfreado, a frivolidade rampante, o pesimismo cínico, a desestructurante incomunicación xeralizada, etc.
Escoito, no Diario Cultural da Radio Galega, unha conversa coa traductora, na que entrevistadora e entrevistada destacan os repentinos momentos de lirismo que brillan no minucioso realismo de Updike, e isto faime pensar nos cadros de Antonio López (o pintor hiperrealista que nos mostrou naquela marabillosa película de Víctor Erice El sol del membrillo, cómo de cambiante, fugaz e esquiva á hora de reproducir, é iso que chamamos realidade) e faime pensar nel porque algúns dos cadros deste pintor manchego, sempre me pareceron impregnados de tristeza malia representar lugares ou obxectos cotidianos –e en principio sentimentalmente neutros- cunha fidelidade absoluta.
Volvendo á novela, e para exemplificar un destes momentos nos que é perceptible a aparición do lírico no real, eu destacaría –tentando non estragar aos posibles lectores o disfrute da mesma- o instante case que de resurrección en que o Sr Levy e máis Ahmad saen co camión da escuridade do túnel e se lles aparecen coma nunha visión máxica os rañaceos acristalados de aspecto fráxil de Nova York. Levy glosará a milagre cun lacónico pero orgulloso:
Moi ben meu amigo. Benvido á Gran Mazá.
Seguindo co hiperrealismo pictórico, leo por azar -nun suplemento dominical- o nome de John Updike contextualizando, tanto por motivos xeracionais (ambos naceron en 1932) coma estilísticos, a obra doutro hiperrealista acostumado a pintar Nova York: Richard Estes. A especialidade deste outro representador do mundo, que está sendo exposto no Thyssen madrileño, é pintar o que hai de menos real en todo o que os nosos ollos poden ver: Os reflexos – reflexos na carrocería dos coches, nos edificios, nos escaparates, nas cabinas telefónicas, na auga- reflexos que fragmentan, invirten e duplican a realidade, pero que tamén poderían ser vistos coma unha irrupción do intanxible no material, ou coma outra forma de lirismo a partir do obxecto físico real.
E é así que, deixándome levar polas metáforas a partir do cotidiano de Updike, polos melancólicos cuartos de baño de Antonio López, e máis polos enganosos reflexos de Estes, me pregunto: Sería posible unha reproducción da realidade sen este compoñente lírico? Unha reproducción verdadeiramente aséptica, crúa e inexpresiva, unha representación do mundo sen significación engadida?

O máis probable, é que o propio Antonio López respostara negativamente, pois como lin que sentenciou nunha ocasión: El arte es siempre la expresión del misterio del mundo.

7/08/2007

Música, ética e fracaso

Non existe o Demo, é Deus cando está borracho
Tom Waits


Björk: Gústame moito a súa música porque vostede da espazo a quen a escoita. Un pode meterse dentro dela e vivir alí. En moita da música feita nos últimos séculos, só se espera dun que se sente e que escoite.
Ärvo Pärt: Se cadra é porque eu necesito espazo para min mesmo, incluso ainda que esté traballando. Penso que o son é un fenómeno moi interesante. Por qué lle gusta tanto á xente, por qué están tan influenciados pola música. Eles non saben cómo de forte é a influenza da música sobre nós. Xa sexa para ben ou para mal. Ti podes matar co son. E podes facer algo totalmente oposto a matar. A distancia entre estes dous puntos é moi grande. E ti és libre, podes escoller. Na arte todo é posible, pero non todo o que se fai é necesario.
Björk: Hai preguntas e respostas. As diferentes voces dentro da súa música. É case coma Pinocho e Pepito Grillo. Pinocho é o humano, sempre cometendo erros, ou doéndose, ou provocando dor aos outros. E Pepito Grillo é máis coma… un consolo para el… como se lle dixese… xa sabe (fai un xesto coa man, como de alguén dando unha lección a outro)
Cre que todo isto está dentro da súa música ou se cadra é algo que eu imaxino?
Ärvo Pärt: Síntome moi feliz de que fale sobre iso. Realmente é así. Este novo estilo consta de dous camiños. Dúas caras. De xeito que nunha liña están os meus pecados e noutra liña está o perdón a eses pecados. Básicamente a música ten dúas voces. Unha é máis complicada e subxectiva, e a outra é moi simple, clara e obxectiva.
Voz en off de Björk: El cre, verdadeiramente, en algo así coma un estado de divinidade. Un lugar de puro éxtase. A maioría da xente consegue chegar a el namorándose con loucura, ou con calquera outra cousa. A súa música non vai sobre como o acadas, ou porqué. É algo universal, é algo para todo o mundo.


Nesa televisión á carta que é Youtube vin o video desta curiosa entrevista entre dous músicos que me encantan e aos que nunca pensei que podería ver conversando. Interesoume especialmente esa idea que comenta Ärvo Pärt dunha música que englobe as dúas caras dunha persoa. A cara do pecado e a cara do perdón. Ou o que é o mesmo a cara do mal e a cara do ben. Ver a este estonio de aspecto tranquilo fíxome recordar os Diarios doutro barbado do norte de Europa: Lev Tolstoi. Neles describía a súa tortuosa e constante busca da vida virtuosa, e tamén os seus constantes fracasos para acadala. Eran chamativas as listaxes de actividades, represións e comportamentos que se autoimpuña e tamén, o que Slavoj Zizek chamaría os seus “reversos obscenos”: as continuas recaidas no alcol, as perdas no xogo, ou os seus escarceos sexuais adúlteros. En definitiva, a galería de pequenas victorias e de grandes derrotas, á que todos nos sometemos neste inestable aramio que separa o correcto do incorrecto, o ben do mal.

7/04/2007

Melancolía, inflacción e sangue

Naquel entrañable (calquera cousa sucedida a un ser humano na súa vida tórnase entrañable en canto lle caen enriba uns aniños) acompaña-merendas que era Barrio Sésamo, había varias personaxes dignas de lembranza. Tiñamos ao Conde Drácula e a súa infatigable teima de contar, á ra Gustavo, a Epi e Blas, a Triki o monstro das galletas, etc.
Pero se había unha personaxe especialmente memorable, este era Coco. A función básica de Coco consistía en ensinarnos a diferenciar o que está preto do que está lonxe e o que está enriba do que está abaixo. Se eu fose director de programas de Televisión Española, avogaría pola reemisión da sección de Coco, porén, posto que neste comezo do século XXI os rapaces son moito máis espabilados do que eramos nós, pularía por avanzar un chisco nos contidos: Coco debería ensinar agora, a diferenza entre o concreto e o abstracto, e entre a esquerda e a dereita.

Onte foi o día grande diso que chaman o debate do Estado da Nación. Resumo:
1. Groso modo, Zapatero entoou diversos mantras sedantes en maior loa do Druida Pedro Solbes utilizando a maxia abstracta dos números. Dixo arcanos coma que a economía española crece por riba do 3%, que en 2005 se obtivo un superávit do 1,1% do PIB e que en 2006 o resultado será similar. Tamén comentou hermetismos fabulosos coma que a débeda pública se reduciu en 6 puntos e que pasará do actual 43% ao 34% en 2010. Declamou os esconxuros do aumento do poder adquisitivo dos cidadáns españois, da espectacular baixada do paro, e dos cartos que nos darán se decidimos procrear (tanto ten que o noso nivel de ingresos os merezan coma que non). Únicamente a misteriosa inflación aparace no horizonte como o principal reto da economía estatal, contraste necesario que enfatiza ainda máis o brillo rutilante dos datos positivos. Por último Zapatero revelou este feitizo: Se ben co Druida Rodrigo Rato a economía tamén ía ben, agora vai moito mellor.
2. Groso modo, Rajoy dixo que a maneira de conseguir a paz en Euskadi é deixar que siga habendo bombazos ata que un día os vascos recapaciten e aprendan a bailar o chotis e que se agora a economía vai ben, é grazas ao que fixeron antes as fadas Pepeiras, ou noutra versión do conto: a ilusión macroeconómica vai ben, a pesares do goberno.
3. Groso modo, a esquerda non sei que dixo.

Onte tamén, un home de 53 anos conduciu unha furgoneta dende Lourenzá ata Vigo. Como as comunicacións entre estas dúas zonas do país son bastante malas, supoño que lle deu tempo de sobra para pensar ben o que ía facer. Concretamente o que fixo cando chegou á cidade do suroeste foi, segundo o xornal local o seguinte: deixou mal aparcada a furgoneta na rúa Velázquez Moreno. Entrou portando un saco -de plástico por precisar máis- nunha man, na oficina bancaria que o Banco de Galicia ten no predio que fai esquina entre a citada rúa e máis a rúa Policarpo Sanz e comezou a alterar a orde. Os responsables da entidade bancaria fixeron concretamente o seguinte: chamar ao 091 para avisar que un cliente estaba causando molestias, e uns minutos despois volver chamar para indicar que o cliente estaba morto. O cliente suicidárase. Máis exactamente: o cliente descerraxárase un tiro na cabeza.
Hai algo -meu querido Coco- máis concreto que algúns gramos de miolo e sangue esparexidos polas mesas cheas de números dun banco? Ninguén se decatara. Dentro do saco que inadvertidamente conseguira introducir no banco, gardara unha antiga escopeta de caza de canóns paralelos. Estaba desesperado.
Que cal era o motivo?
Só trascendeu que o banco lle embargara a vivenda.
Problemas económicos, seica.