7/04/2007

Melancolía, inflacción e sangue

Naquel entrañable (calquera cousa sucedida a un ser humano na súa vida tórnase entrañable en canto lle caen enriba uns aniños) acompaña-merendas que era Barrio Sésamo, había varias personaxes dignas de lembranza. Tiñamos ao Conde Drácula e a súa infatigable teima de contar, á ra Gustavo, a Epi e Blas, a Triki o monstro das galletas, etc.
Pero se había unha personaxe especialmente memorable, este era Coco. A función básica de Coco consistía en ensinarnos a diferenciar o que está preto do que está lonxe e o que está enriba do que está abaixo. Se eu fose director de programas de Televisión Española, avogaría pola reemisión da sección de Coco, porén, posto que neste comezo do século XXI os rapaces son moito máis espabilados do que eramos nós, pularía por avanzar un chisco nos contidos: Coco debería ensinar agora, a diferenza entre o concreto e o abstracto, e entre a esquerda e a dereita.

Onte foi o día grande diso que chaman o debate do Estado da Nación. Resumo:
1. Groso modo, Zapatero entoou diversos mantras sedantes en maior loa do Druida Pedro Solbes utilizando a maxia abstracta dos números. Dixo arcanos coma que a economía española crece por riba do 3%, que en 2005 se obtivo un superávit do 1,1% do PIB e que en 2006 o resultado será similar. Tamén comentou hermetismos fabulosos coma que a débeda pública se reduciu en 6 puntos e que pasará do actual 43% ao 34% en 2010. Declamou os esconxuros do aumento do poder adquisitivo dos cidadáns españois, da espectacular baixada do paro, e dos cartos que nos darán se decidimos procrear (tanto ten que o noso nivel de ingresos os merezan coma que non). Únicamente a misteriosa inflación aparace no horizonte como o principal reto da economía estatal, contraste necesario que enfatiza ainda máis o brillo rutilante dos datos positivos. Por último Zapatero revelou este feitizo: Se ben co Druida Rodrigo Rato a economía tamén ía ben, agora vai moito mellor.
2. Groso modo, Rajoy dixo que a maneira de conseguir a paz en Euskadi é deixar que siga habendo bombazos ata que un día os vascos recapaciten e aprendan a bailar o chotis e que se agora a economía vai ben, é grazas ao que fixeron antes as fadas Pepeiras, ou noutra versión do conto: a ilusión macroeconómica vai ben, a pesares do goberno.
3. Groso modo, a esquerda non sei que dixo.

Onte tamén, un home de 53 anos conduciu unha furgoneta dende Lourenzá ata Vigo. Como as comunicacións entre estas dúas zonas do país son bastante malas, supoño que lle deu tempo de sobra para pensar ben o que ía facer. Concretamente o que fixo cando chegou á cidade do suroeste foi, segundo o xornal local o seguinte: deixou mal aparcada a furgoneta na rúa Velázquez Moreno. Entrou portando un saco -de plástico por precisar máis- nunha man, na oficina bancaria que o Banco de Galicia ten no predio que fai esquina entre a citada rúa e máis a rúa Policarpo Sanz e comezou a alterar a orde. Os responsables da entidade bancaria fixeron concretamente o seguinte: chamar ao 091 para avisar que un cliente estaba causando molestias, e uns minutos despois volver chamar para indicar que o cliente estaba morto. O cliente suicidárase. Máis exactamente: o cliente descerraxárase un tiro na cabeza.
Hai algo -meu querido Coco- máis concreto que algúns gramos de miolo e sangue esparexidos polas mesas cheas de números dun banco? Ninguén se decatara. Dentro do saco que inadvertidamente conseguira introducir no banco, gardara unha antiga escopeta de caza de canóns paralelos. Estaba desesperado.
Que cal era o motivo?
Só trascendeu que o banco lle embargara a vivenda.
Problemas económicos, seica.

1 comentário:

miriño disse...

Seica as súas últimas palabras foron... Idesme quitar a casa e eu agora quítome a vida.

Saberán isto os señores deputados que tan ben discuten sobre os problemas dos seus cidadáns?