Convidáronme a asistir ao espectáculo "Pussy cake", de Matarile Teatro. Un imán foi o nome de Francesca Woodman, cuxas fotos quedaron gardadas na miña memoria despois de velas, por pura casualidade, a finais dos 90.
Foi entretido do xeito en que o é calquera outra cousa das que facemos para encher o tempo. Se
cadra, a obra encarna algún tipo de fito dentro da dramaturxia galega.
Un logro menor, en todo caso, cando as audiencias xa están formadas polo que sucede por aí adiante.
Un
dos problemas que atopei no espectáculo non está restrinxido a esta
obra en particular. O que o fai importante. Trátase do papel da tecnoloxía
como último resorte para aparentar novidade no campo artístico.
Houbo
algún destello e rememoración que encheron levemente a retina (se cadra iso, producir
destellos e rememoracións, é todo o que pode a arte): o aire lynchiano da máscara
de goma, algúns momentos plásticos na danza escordada de Raquel Esteller, o vídeo do "baile" dos ionquis, postos ata arriba nalgún barrio ianqui, que me trouxo á memoria aos ídem do Calvario e os seus simpáticos moqueos...
Malia
isto, o problema principal ten que ver coa imposibilidade de
representar o radical/transgresor puro. O radical/transgresor é real ou non
é. O radical/transgresor puro sempre é unha pasaxe ao acto. Un calexón sen
saída para a arte. Un calexón sen saída, tamén, para o teatro e as súas
convencións. Se cadra por iso abundan entre os
artistas os suicidas. Como Francesca Woodman. Dionisos conduce á autodestrución. Éxtase e morte van ligadas, suxería Bataille. Os artistas suicidas son os que tomaron o asunto demasiado en serio.
Estamos
rodeados de representacións do radical/transgresor a través do corpo.
E aínda non vin ningún artista que superase a G.G. Allin en escena. GG
Allin hai anos que cría malvas a causa dunha sobredose que o seu corpo
non aguantou.
Estamos saturados de porno. A exposición do corpo nas súas
versións máis bizarras a cambio de moedas está dispoñible a golpe de click. A
natureza
comercial do porno fai deste algo máis real, dalgún xeito. Pois a circulación
do capital é o único que se considera serio, a ratio última das cousas
que suceden neste mundo. A excepción da morte, que sucede no outro. Ben é
certo que
tamén a arte, entendida como mercadoría, ten a súa cota de
realidade. Pero isto adóitase camuflar baixo aspiracións menos viles.
O
capitalismo contemporáneo basea a súa propaganda en explotar o corpo.
Dificilmente unha representación máis sobre o corpo pode producir en nós
grandes emocións. E así saín do teatro: entretido a nivel superficial, plano a nivel profundo.
Sem comentários:
Enviar um comentário