Intervención pronunciada na recollida do Vicente Risco de Ciencias Sociais nº XXVI
Agradecemento ao Concello de Melide por acoller este acto.
Agradecemento ás demais entidades colaboradoras.
Agradecemento á Fundación Vicente Risco pola organización do Premio de Ciencias Sociais.
Agradecemento ao xurado da edición XXVI por estimar que o meu traballo era merecedor do premio.
* * *
Levaba traballando neste libro uns tres anos e dino por rematado, se é que se pode dicir que un libro está realmente rematado, pouco tempo antes de que saíse a convocatoria do premio.
Escribir un libro non é fácil, pero non menos problemática é a cuestión de cómo se vai editar ese libro. Algo suxeito a impedimentos e a tempos máis amplos dos que todo autor arela. Considérome moi afortunado porque todo cadrase tan ben para que este libro cobrase vida. Afortunado porque o orixinal fose premiado e porque, como parte do premio do certame, se incluíse a súa edición nun prazo breve para o que adoitan ser os prazos de edición. A este respecto, non podo estar mais que satisfeito.
* * *
Gustaríame agora dicir unhas palabras sobre o contido do texto que agardo que poidan aclarar que raios quero dicir cando afirmo que Castelao era republicano, non simplemente porque fose un político activo na II República. Comprometido con esta na hora fatal da sublevación fascista. Nin tampouco porque preferise unha forma de Estado que non estivese presidida por alguén que accedeu a ese cargo por vía sanguínea, hereditaria.
Que tipo de republicanismo, no sentido profundo do termo, podía profesar alguén que, como é coñecido, escribiu palabras pouco amables co país republicano por excelencia: Francia?
Para explicar isto, o mellor é recorrer a un comentario de José Luis Villacañas sobre o s. XIX español que cito no libro. O s. XIX español consistiu, basicamente, nunha alianza entre unha burguesía sen potencia revolucionaria e a monarquía (corrupta) dos Borbóns. Quedando fóra, asegura Villacañas, “a nación republicana e a nación carlista”.
Esta concepción do s. XIX español dá base a unha das teses que esgrimo no libro. A saber: ao meu ver non hai itinerancia entre un Castelao moi influído por Vicente Risco, isto é, tradicionalista, isto é, filo-carlista, e un Castelao demócrata que abandonaría, para tranquilidade dos demoliberais homologados, o legado tradicionalista. Castelao inscríbese nun republicanismo federal progresista, non tradicionalista, no sentido en que o eran os tradicionalistas ou carlistas, pero que teoriza unha idea peculiar de tradición. Unha tradición anterior e alternativa a aquela que conformou o Estado-nación español.
Entre os argumentos que ofrezo no libro, quero resaltar dous que, ao meu ver, teñen especial enxundia:
Un: no pensamento de Castelao hai toda unha articulación dun republicanismo non superficial, senón un republicanismo forte entendido como cultura política, non só como forma de Estado. Este republicanismo de Castelao sería nacionalmente galego, tería feitura ibérica e sería diferente nalgúns aspectos —non en todos— aos tópicos —non todos certos— que existen sobre o republicanismo francés.
Dous: o republicanismo galego e ibérico que teoriza Castelao non se pode comprender sen a ascendencia que, no Estado español, deixou o sentido común preliberal do tradicionalismo, sentido común que se viu reforzado pola guerra contra Napoleón e pola reemerxencia das sociedades dos antigos reinos cando o Estado e a monarquía esboroaba. Dito doutro xeito: sosteño que se, en certo xeito, o contido do republicanismo liberal está substanciado no Discurso sobre a liberdade dos antigos comparada coa dos modernos, escrito en 1819 por Benjamin Constant, o republicanismo de Castelao pertence á esfera do sentido común republicano previo ao que se desprende do libelo de Constant. É dicir, é un tipo de republicanismo que, sen deixar de ser moderno e de pensarse para unha sociedade moderna, segue sendo moi fiel á concepción da liberdade dos antigos, é dicir, á liberdade propia de sociedades orgánicas pre-individualistas. En certa forma, do republicanismo de Castelao poderíase dicir o que di José María Ripalda da concepción social que profesaba un admirador da Revolución francesa que escribía desde outra periferia “atrasada” como era a alemá. Falo de Hegel, de quen Ripalda asegura que quixo xuntar a Kant con Aristóteles; é dicir, o individuo moral moderno co comunitarismo implícito á polis orgánica do mundo antigo.
Se Constant desterra toda idea de “ben común” e fai pivotar a sociedade só nos individuos autosuficientes, o republicanismo de Castelao está cheo de substancia ética social, colectiva, é dicir, Castelao pensa que a sociedade é algo máis que a suma das morais individuais, considera que a comunidade precede ao individuo e acredita que non hai liberdade se esta non se funda sobre unhas bases materiais que permitan que esa liberdade se poida exercer de xeito efectivo. Así, di Castelao: “A famosa Democracia convértese en tapadeira do vello absolutismo cando o pobo só é soberano no día das eleccións e se limita a súa acción ao campo da política, excluíndoo do poder económico. Tamén é preciso revisar a palabra Liberalismo, que nada ten que ver coa Liberdade”.
Outro dos aspectos do republicanismo de Castelao sobre o que me quero deter tamén ten que ver coa lectura que fai da historia española. Unha lectura caracterizada por unha constante: a gran distancia que existe entre o xeito en que foi construído o Estado, xa desde tempos dos Habsburgo, e a vida dos pobos que, canda o portugués, poboan a Península Ibérica.
Para Castelao, o Estado español foi construído por elites alleas aos pobos. A comezar por Carlos V, rei extranxeiro que chegou acompañado por funcionarios flamengos. O s. XVI asistiría ao levantamento das Comundades de Castela, un movemento republicanizante e contrario á natureza imperial do Estado, que, canda as Germanìes da Coroa de Aragón, albergaba a esperanza de emprender unha revolución proto-burguesa e popular. O gran antecedente destes dous movementos serían os Irmandiños. Se ben Castelao problematiza a revolta Irmandiña ao considerar que a derrota da nobreza galega a maos dos Reis Católicos acabaría sendo contraproducente para as clases populares galegas.
De aí en diante, a construción do Estado español consistiría, cito literalmente a Castelao, “nunha sucesión de frustracións” na que os pobos se verían sempre relegados polas elites imperiais, flotantes e desarraigadas, e nas que o Estado sería impotente para fundarse de xeito coerente co sentir dos pobos que o padecen.
A separación entre sociedade e Estado, ou entre nacións e Estado é, por causa desta lectura histórica de Castelao, fundamental. A gran teima do rianxeiro é pensar unha Hespaña (con H e na que se inclúe Portugal) na que o Estado sexa orgánico ás nacións e nutrido eticamente por estas. Único xeito de que Galiza se poida sentir integrada no concerto español. Único xeito de que, en termos de Antonio Gramsci, se poida imaxinar un Estado español que basee a súa existencia na hexemonía, non na dominación. Porque onde hai dominación a autodeterminación é lexítima.
A concepción do Estado coma un todo é outro dos pousos do republicanismo antigo perceptibles en Castelao. Estado é a suma do ámbito da sociedade civil e do aparato político-burocrático-coercitivo. O fracaso do Estado español consiste na feble vinculación entre o espazo da sociedade civil e o aparato legal.
Esta separación, e aquí vou dicir unhas palabras sobre a relación de Castelao e os republicanos españois, tamén está presente nas forzas progresistas de raíz castelá. De aí que a incomprensión entre os republicanos españois e os galeguistas fose grande. Castelao acabará acusando aos republicanos españois de seren demasiado estatalistas, demasiado institucionais, de estaren máis atentos á pervivencia das estruturas herdadas que de contribuír á irrupción demócratica dos pobos. Unha lección que, ao meu ver, segue estando de actualidade e que aflora con claridade cada vez que a cuestión nacional no Estado español se agudiza.
Quero continuar reflexionando sobre o presente a partir das ideas de Castelao. A vixencia da súa crítica ao Estado español semella obvia. A democracia de 1978, nacida sen momento constituínte popular, é dicir, feita “de la ley a la ley”, como sentenciou un dos franquistas reciclados en demócratas que pilotou a chamada Transición, viviu en relativa estabilidade mentres as condicións materiais e xeopolíticas foron estables, pero desde 2008 vive nun continuo estrés sen solución nin final que xa tivo varios momentos de contestación social (o 15M e o Procès catalán). Síntomas de que a vella separación entre pobos e aparato legal, entre democracia e lei, continúa furando nas entrañas desta parte de Iberia.
A crise moral da monarquía, do sistema de partidos, da xudicatura, da esfera bancario/empresarial, dos medios de comunicación evidencia que os regos profundos diagnosticados por Castelao ao longo da súa obra seguen actuando en 2022.
Pero esta crise vital da lexitimidade ten tamén ramificacións que van máis alá do Estado español. A creación de superestruturas alleas a todo control popular durante a globalización neoliberal empeora as cousas para a causa da democracia, tal e como a entendía o rianxeiro. A utilización da lei como dique de contención das demandas populares —do que o coñecido lawfare é só a punta do iceberg— non é algo exclusivo do Estado español, que ten actualmente, na Constitución do 78, unha trincheira desde a que impedir calquera proceso democratizador. A utilización da lei contra o pobo, propia do ethos liberal desde as súas mesmas orixes, foi patente na terquedade alemá á hora de flexibilizar a letra dos tratados da Eurozona, cando Grecia se aproximou ao precipicio na crise do euro de 2010.
A crise da democracia ten no Estado español causas históricas propias, pero esta non se pode separar da crise da democracia liberal á que hoxe asistimos. Unha crise que, para ser sorteada sen que a propia democracia desapareza, só pode percorrer un camiño: dar a voz á xente para que se implemente o que a xente quere. No Estado español, aos pobos. O republicanismo democrático e comunitarista de Castelao é un revulsivo para unha democracia excesivamente formalista, afastada e individualista que hoxe vai á deriva.
Apenas dúas pinceladas máis sobre outros temas de actualidade que aparecen en Castelao e que me gustaría mencionar.
O de Rianxo acreditaba nunha idea de progreso diferente á do progresismo mecanicista. Unha concepción que puña entre paréntese que cousa debía ser entendida coma progreso e cal como atraso. Mais unha concepción que non caía no reaccionarismo. Algo moi pertinente para estes tempos de límites físicos do planeta e de deterioro dos ecosistemas.
Por outra banda, Castelao profesaba o que Antoni Domènech chamaba “republicanismo fraternal”, e que este explicaba a través da importancia da metáfora da casa e da familia. É este o republicanismo dos irmáns e irmás —de aí a fraternidade—, das mulleres e dos escravos suxeitos á lei de familia e non á lei civil e considerados menores de idade tutelados polo Pater familias, o amo. Do domus patriarcal, do oikos, vén a palabra oikoconomia. Castelao di, textualmente, que "non é o mesmo gobernar unha familia que un conxunto enorme de familias, dirixir a economía dunha casa que a economía común dunha moitedume de fogares” e sinala que o Estado español se comporta como se tivese a “patria potestade” sobre os pobos que viven baixo o seu xugo.
Kant dixo que a Ilustración era a saída da humanidade da minoría de idade. Pero a ideoloxía ilustrada tamén serviu como cobertura intelectual para que o sistema económico e os rexímenes sociopolíticos oprimisen e explotasen ás mulleres, aos homosexuais, aos pobos subalternos, aos racializados e aos ecosistemas.
A loita dos de abaixo consiste en saír da opresión da casa, para ser recoñecidos coma suxeitos “fóra do armario”, fóra do ámbito doméstico, no espazo público, na Historia. Iso é no que consiste politizar un problema. Sacalo do oikos, onde está oculto, e poñelo á luz da polis. O republicanismo de Castelao, por conter ese carácter fraternal, é tamén unha invitación a pensar a pluralidade do suxeito republicano actual.
Anímovos a que descubrades este Castelao lendo o libro. Un Castelao que, tras este estudo, axigantou a súa talla aos meus ollos. Un Castelao do que se pode dicir, sen rubor, que era un filósofo político sólido. Alguén que sabía o que estaba dicindo.
Que vos resulte proveitoso.
Moitas grazas pola vosa atención.
Melide, 15/10/2022
Sem comentários:
Enviar um comentário