Artigo escrito orixinalmente para a Revista Luzes.
Detrás dun gran home hai unha gran muller, di o tópico que agacha a
subalternidade feminina con mecanismos compensatorios. Dándolle a volta á
frase, e co fin de desmontar eses mecanismos, mellor cabería dicir que,
diante dunha muller —grande ou menos grande— case sempre atopamos un
home susceptible de recibir a resposta que Dióxenes de Sínope lle deu a Alexandre Magno cando este se achegou ao cínico coa intención de concederlle o que desexase: «Aparta que me tapas o sol».
Isto din en pensar tras a lectura de Irmandiñas (Laiovento, 2020), de Aurora Marco.
Con este volume, a catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura
Galega pon o colofón a unha nutrida carreira investigadora centrada na
visibilización das mulleres na historia de Galicia.
Malia que o libro de Aurora Marco tamén se ocupa de mulleres que
conseguiron brillar plenamente no seu momento, a gran maioría das que
militaron e colaboraron coas Irmandades da Fala e o Partido Galeguista,
ou ben permaneceron á sombra dos seus cónxuxes ou ben transcenderon coma
simples anotacións mudas nos papeis que chegaron ata o presente. En
calquera caso, o que si cabe salientar é que o número de mulleres que
participaron nas experiencias organizativas político-culturais do
incipiente nacionalismo galego moderno é ben máis extenso do que se
puidese pensar.
Sinala Aurora Marco que o único grupo feminino que chegou a ter
existencia real no tempo das Irmandades da Fala foi o da Coruña. Xurdido
tras a iniciativa previa dunha subscrición aberta para a confección
dunha bandeira galega —onde as mulleres aparecían nomeadas en tanto que
«señoras de»— o grupo feminino destacou pola elaboración dunha folla
voandeira, en 1918, en resposta ao Manifiesto de la Asociación Nacional de Mujeres Españolas
(ANME) —agrupación que centraba a súa actividade en Madrid e que tiña
por obxectivo a defensa do voto feminino—. O manifesto da ANME
denunciaba que as ansias autonomistas en Cataluña e o País Vasco
constituían unha ameaza «separatista» á integridade territorial do
Estado. As galegas responderon cun escrito titulado Habla la mujer gallega,
no que negaban a unidade española, denunciaban o centralismo e opinaban
que Cataluña e o País Vasco, o mesmo que Galicia, só estaban a
reclamabar o que lles correspondía.
En 1933, quince anos despois do nacemento do grupo da Coruña das IF,
outro colectivo de mulleres organizadas politicamente cobrará vida na
cidade das Burgas co gallo dunha homenaxe á «irmandiña avant la lettre»,
Filomena Dato. Trátase do grupo feminino do Partido Galeguista de
Ourense. Dentro da súa actividade destaca a elaboración dun «Manifesto
ás mulleres galegas» no que, entre outras cousas, se facía un chamamento
a que as mulleres galegas participasen na vida pública como requerían
os tempos.
Entre 1918 e o inicio da Guerra Civil e posterior represión, a
participación das mulleres do espazo político-cultural do nacionalismo
galego deuse, ademais de nos dous grupos sinalados, en actividades tais
coma os coros de música tradicional (Toxos e froles, Cantigas e Agarimos
etc.), os cadros de declamación poética, as agrupacións teatrais que
puñan en escena obras dramáticas da literatura galega, o Seminario de
Estudos Galegos ou a sociedade de Amigos del paisaje gallego.
Se ben a actividade das mulleres adoitaba ligarse a elementos que
encaixaban coa idea tradicional de muller, moitas destas persoas
dedicaron as súas enerxías ás máis variadas tarefas, case sempre dentro,
iso si, do esperable no contexto socio-cultural no que se movían.
Aurora Marco debulla no libro a vida activa de mulleres como Concepción González Varela,
casada con Manuel Lugrís Freire, que contaba cunha carreira musical
brillante sendo profesora desa disciplina e, posteriormente, membro da
Real Academia Galega; Jacinta Landa Vaz, compañeira de
Xoán Vicente Viqueira e muller progresista e republicana. Docente,
directora de centros educativos, pioneira no rexistro sonoro do folclore
galego, estremeño e portugués e exilada en México —xa de viuva— co
golpe militar do 36, desde onde aínda colaboraría no Padroado da Cultura
Galega; Micaela Chao Maciñeira, única muller do grupo
fundador da «Hermandá dos Amigos d´a Fala» de 1916. Persoa formada na
emigración habaneira, onde coñeceu a quen se convertería no seu home,
Antón Villar Ponte, e futura integrante da embaixada galega a Barcelona,
en 1917, como resultado das relacións entre as IF e a Lliga Regionalista catalá; Elvira Bao,
que colaborou nas IF a través do teatro, entendido coma medio para a
galeguización da sociedade, e que xa de nova participou na Xuventude
Nazonalista de Santiago presidida por Valentín Paz Andrade. Ademais,
Elvira Bao formou parte do Partido Galeguista e da Agrupación
Republicana Femenina da Coruña, colaborando como oradora nos eventos da
asociación. Como consecuencia do golpe do 36, foi destituída dos seus
cargos relacionados co ensino e viviu o acoso persoal por parte dos
fascistas; María Miramontes, con formación política e
compromiso social antes de casar co que será o alcalde republicano de
Santiago de Compostela, Ánxel Casal, a quen acompañará en todas as
inciativas emprendidas no eido editorial. Tras o asasinato deste polos
franquistas, María Miramontes rematará exilada en Buenos Aires; Amalia Álvarez,
licenciada en maxisterio, afeccionada aos coros tradicionais,
compañeira de Alexandre Bóveda, vítima da represión franquista e
legataria da súa memoria a través da Fundación Alexandre Bóveda; Olimpia Valencia,
primeira licenciada en medicina de Galicia, persoa brillante, que
exercería en Vigo especializándose nas enfermidades da muller e que foi
asinante asidua de manifestos en defensa da República e do Estatuto de
Galicia; Emilia Docet Ríos, afiliada ao Partido
Galeguista e célebre por ser designada como Miss Galicia e Miss España,
ademais de pola súa afección ao deporte. Muller implicada na campaña do
Estatuto de Autonomía de Galicia e participante como oradora no coñecido
Mitin das Arengas do 24 de xullo de 1934, canda Castelao, Bóveda ou
Otero Pedrayo; María Luz Morales, brillante xornalista e
escritora afincada en Barcelona, conferenciante, activista da cultura e
do feminismo e directora do xornal La Vanguardia durante o
golpe militar por designación dun comité integrado por seccións da CNT e
da UXT, posto do que sería depurada polo franquismo. Unha muller galega
que non perdería o vínculo coa súa terra: pronunciouse sobre a
necesidade do ensino en galego, vasco ou catalán, presentou o coro
Cantigas da Terra en Barcelona e participou en actos do Partido
Galeguista. Ata aquí apenas algúns exemplos das mulleres galeguistas que
a autora trata de rescatar do esquecemento e dignificar.
O voluminoso traballo (500 páxinas), conta tamén con abundantes
documentos gráficos e fotografías de todas estas pioneiras. Nel, Aurora
Marco tamén mostra —a través de citas extraídas sobre todo de A Nosa Terra—
o ton paternalista empregado habitualmente na prensa para referirse á
participación daquelas «simpáticas señoritas» nos actos públicos e axuda
a levantar o veo que ocultou a implicación social da muller en tanto
que suxeito con maioría de idade e opinión política de seu.
Velaquí, logo, este Irmandiñas. Unha lectura acaída para as inmediacións do 8 de marzo, día da muller traballadora.
Sem comentários:
Enviar um comentário