Texto escrito orixinalmente para a Revista Luzes.
Dicía Ramón Villares nunha presentación do seu libro Galicia. Una nación entre dos mundos
(2019) unha frase sinxela pero reveladora: «Galicia non é calquera
cousa». Viña sinalar o de Vilalba, ou así o interpretei eu, que detrás
do nome desta terra hai séculos de historia que conforman un pouso
actuante no presente e que a pretensión de reducir o país a unha simple
delimitación administrativa española ou a unha serie de rasgos
folclóricos supón conformarse cun corsé demasiado estreito. Certo é que
as implicacións políticas do concepto de nación cultural que manexa
Villares tamén se poden interpretar coma un corsé demasiado estreito,
pero ese é outro tema.
Outro historiador galego empeñado en demostrar que Galicia non é calquera cousa é Anselmo López Carreira. Canda autores coma Camilo Nogueira ou Xosé Antonio López Teixeira,
López Carreira leva anos empeñado en desempoar as capas de esquecemento
inducido arredor do reino de Galicia, en evidenciar a falacia da
Reconquista (tema de tremenda actualidade agora que o neoespañolismo
retoma con forza este mito), así como en demostrar a continuídade, sen
grandes rupturas traumáticas, entre a Gallaecia romana, o reino suevo e o
posterior reino medieval de Galicia que, co tempo, repartiría os seus
centros de poder entre Oviedo, León e Santiago de Compostela.
Na introdución do libro que nos ocupa, Arte e escritura na Galicia medieval (Séculos VI-X)
(Xerais, 2019), o autor escribe que «é incuestionable que a correción
dos nomes e clasificacións das categorías artísticas e culturais en
cuestión esixe o restablecemento da entidade do Reino de Galicia en toda
a súa dimensión territorial e cronolóxica, e isto xa supón por si mesmo
unha revisión copernicana dos esquemas relativos á Idade Media
«española», de tal magnitude e consecuencias que é doado imaxinar a
resistencia das estruturas oficiais e oficiosas.» Un aviso a navegantes
das tremendas implicacións políticas que acarrexa a súa incursión na
análise da produción cultural material propia dos séculos que viron
abrollar o reino de Galicia.
No presente volume, o autor céntrase en catro manifestacións desa
cultura material: os arcos de ferradura; as cruces patadas (isto é,
cruces con máis forma de cruz grega que latina); a decoración tallada de
cordóns ou sogados e a chamada «letra visigótica».
En xeral, á hora de analizar as tres primeiras destas manifestacións
culturais medievais, a historiografía española adoita encadralas na
chamada «arte asturiana» e preséntaas como expresións dun pequeno reino
illado que habería de producir unha arte singular e diferenciada a
respecto do que se facía noutros lugares de Europa. Canto á chamada
letra visigótica, a pretensión da historiografía española de vencellala a
ese pobo xermano ten que ver coa longa teima, dentro desa propia
historiografía, por construír, arredor do reinado visigodo, unha sorte
de unión primixenia da nación española en tempos pre-medievais que
continuaría co reino astur-leonés e desembocaría nos reis católicos.
En contraste con estas análises canónicas na historiografía española,
enchoupadas de espírito decimonónico castelanista, López Carreira
dedícase a revisar cada tipo de produción cultural, expoñendo as lagoas
que observa na lectura oficial e propoñendo, coa apoiatura doutros
investigadores, outras interpretacións razoables e razoadas para
contextualizar historicamente ditos obxectos e manifestacións culturais.
Así, no que respecta ao arcos de ferradura, López Carreira trata de
desmontar a teoría que os cataloga coma arcos visigóticos a través de
varias vías. Por unha banda, a posible influencia da arquitecturá
musulmá desenvolvida no sur da Península Ibérica onde certo tipo de arco
de ferradura tamén está presente. Por outra banda, a existencia previa
do arco de ferradura en expresións arquitectónicas e pictóricas
carolínxeas. Por último, expoñendo a tese da maior antigüídade dos arcos
de ferradura existentes no territorio do reino de Galicia,
correspondentes á época sueva (por exemplo San Pedro de Rocas ou Santa
María de Bande), e retrotraendo mesmo a súa posible orixe ao mundo
galaico-romano (con exemplos de arcos de ferradura inscritos na «Pedra
formosa» do castro de Briterios ou en estelas atopadas en Bragança).
Outro tanto fai o historiador coa cruz patada. Desmonta a idea de que se
trate dun artefacto cultural exclusivamente asturiano (semellantes
exemplares á cruz de Oviedo apareceron na catedrais de Santiago e Lugo).
Sinala a posibilidade da influencia externa —neste caso Bizancio, reino
que, co Imperio Carolinxio, era unha das dúas grandes potencias do
momento—. E, por último, volve propor a expansión de dita forma a partir
da Galicia sueva (sen excluír as influencias monacais bizantinas),
tomando como proba física, por exemplo, a cruz patada inscrita en San
Pedro de Rocas (que tamén conta co alfa e omega), ou na lauda de
Teodomiro de Iria, ambas anteriores ao século X. Un xeito de representar
a cruz, este, que para o autor estaría arraigado na Galicia medieval e
que contaría cunha tradición que se remontaría á época sueva, pois na
moeda de Requiario (s. V) aparece xa ese tipo de cruz patada.
Vía similar ás xa comentadas percorre o autor á hora de analizar a
decoración en pedra con forma de cordón ou sogueado. Para a
historiografía oficial este é, canda a bóveda de cañón, un marcador
diferenciador da chamada arte asturiana, pero López Carreira volve
sinalar os nexos de unión entre este elemento ornamental e outros
similares da Francia carolínxea —influenciados, á súa vez, pola arte
bizantina de San Vital de Rávena (s. VI)—. Así mesmo, López Carreira
retoma a hipótese de vencellar o sogueado, tamén presente en numerosas
igrexas galegas (cita por exemplo un sogueado presente nun capitel de
San Pedro de Rocas que dataría do século VI, a época de Martiño de
Dumio), con manifestácións artísticas propias do mundo galaico-romano.
Así, por exemplo, o sogueado aparece na Pedra formosa do Castro de
Eiras, en Famalicão.
Canto á cuestión da letra visigótica, o autor califica de
«extravagancia» a súa catalogación con ese nome. López Carreira
considéraa unha letra altomedieval herdeira da minúscula cursiva romana
cuxas diferenzas de detalle non darían para a consideración da mesma
como letra «nacional» (deixando á parte o anacronismo de empregar o
termo nacional neste contexto). En todo caso, abunda o autor, se se
pretenden fixar denominacións xeográficas que dean conta desas pequenas
diferenzas dentro da cursiva romana, tamén se podería falar doutras
divisións máis específicas que a que delimita o termo visigoda.
Finalmente, no que respecta a este apartado, o autor volve tomar como
exemplo unha inscrición atopada en San Pedro de Rocas en letra capital
romana para inferir non só que a letra non se podería calificar de
visigoda, pois data do período de esplendor do reino suevo (s. VI),
senón que, mesmo querendo ver nalgúns caracteres un principio de
evolución cara a cursiva, algo que a historiografía oficial acostuma
facer con este tipo de inscricións, sería, curiosamente, na Galicia
sueva onde primeiro se atoparía esa tendencia a partir da cal se
edificou a idea da letra visigoda.
En suma, o libro de López Carreira supón unha boa vía para introducirse
na cuestión do papel do reino de Galicia no contexto altomedieval a
través dunha lectura crítica das teses da historiografía oficial
española. Unha introdución que ademais de fornecer da bibliografía que
defende as teses oficiais, tamén inclúe propostas doutras
interpretacións alternativas sen perder calidade científica. Trátase dun
libro divulgativo, que conta con numerosas fotografías en branco e
negro dos elementos artísticos que se comentan, e que inicia unha nova
colección —impulsada pola editorial Xerais e coordinada polo Catedrático
de Historia Moderna da USC, Isidro Dubert— centrada na
divulgación histórica. Un proxecto que, agardamos, depare novas e
gratas sorpresas. Necesitados estamos deste tipo de traballos empeñados
en sacar o coñecemento da academia e, sen perder o rigor científico,
contribuír a espallalo entre todo tipo de públicos.
Sem comentários:
Enviar um comentário