5/09/2020

Austeridade democrática

Artigo escrito orixinalmente para a edición en papel do Novas da Galiza.


Xa desde Platón, a elite desprezou a intervención política das masas alegando que naquelas dominaba a paixón sobre a razón. A incapacidade da chusma ante a complexidade do mundo máis a súa pulsión polo inmediato, está detrás da idea tecnocrática e do caixón de xastre populista.
Nos anos 90 do s. XX, Christopher Lasch deulle a volta á ecuación: as elites son as que ameazan a democracia debido ao seu illamento, á súa corrupción moral e ao seu desdén pola sorte dos máis. A financiarización é a base material que permite a separación entre elite e pobo. A contribución minguante do mundo do traballo ao PIB dá a medida do prescindibles que son os traballadores no presente.
A expansión global do Covid19 —e a recesión que anuncia— volve poñer no centro a concepción da sociedade coma un todo. Os danos que causará o virus son tan grandes que as elites que fan demasiada gala da podredume moral sinalada por Lasch (Trump, Bolsonaro, Abascal etc.) aparecen coma aberrantes.
Pero quere isto dicir que o mundo pospandemia será un lugar mellor para os pobos da Terra? Non o parece. Problemas como o da crise climática intensificaranse e nada indica que as elites vaian renunciar ao seu programa separador manipulando ás masas a través do sálvese quen poida, do baleiramento das democracias liberais, do uso do Estado como Leviatán biopolítico e da recuperación de ideas como a renda básica entendida coma caridade para a xestión do malestar da poboación sobrante en tempos de robotización.
No contexto do fracaso da revolución socialista mundial que anunciara a irrupción das masas en 1917, Gramsci considerou o fordismo coma un xeito de «revolución pasiva». A categoría de «revolución pasiva» ten para o sardo o significado de revolución feita desde arriba, de gatopardismo para sobrevoar as épocas de perigo para o statu quo. Coas ideas de Wallerstein e Arrighi sobre os ciclos de hexemonía mundial en mente, a expansión do fordismo que integraría ás masas traballadoras occidentais no sistema, constitúe a expresión económica dos tempos álxidos da hexemonía dos USA. O período posterior, definido polo There Is No Alternative, é, paradoxalmente, o da decadencia desa hexemonía e o do auxe doutras potencias aspirantes a ser novos hexemóns (China).
Agora ben, será capaz o capitalismo de mutar nalgo que permita unha nova «revolución pasiva»? A priori, dado que o modelo financeiro está tecnicamente morto e que a crise enerxética imposta polos límites físicos do planeta non parece permitir unha nova época dourada de capitalismo baseado na economía material, en que poderá reinventarse este sistema? Algúns pensan no Green New Deal como nova revolución pasiva, pero se partimos da hipótese provisional de que o capitalismo é incapaz de funcionar sen destruír a natureza gravemente, non caberá esperar, máis ben, unha profundización da separación das elites que as poña a salvo das consecuencias do cambio climático?
Fronte isto, as masas deberían irrumpir de novo cun programa encamiñado a salvarse a si mesmas e, o que é o mesmo, a salvar o metabolismo do planeta Terra. O Green New Deal responderá realmente ao que na teoría promete se as masas encarnan unha nova idea de desenvolvemento baseado na desglobalización da produción, no reparto do traballo e na reformulación do necesario e o accesorio; un programa guiado, en suma, pola idea formulada hai ben anos polo último Enrico Berlinguer: a austeridade democrática.

Sem comentários: