7/14/2020

Construír a síntese

O mapa que deixan as pasadas eleccións galegas abren un horizonte no que, se se acerta, a política partidaria dos vindeiros anos pode consistir na confrontación de dous grandes proxectos antagónicos para o país: o do PPdG e o do BNG.

Tendo isto en conta, cabe preguntarse sen complexos se o soberanismo galego pode aprender algo do seu adversario, o PPdG. Ao meu entender, entre o que se pode aprender dese partido e da súa base social habería que destacar, cando menos, o seguinte:

1. Do partido pódese aprender a súa capacidade para aglutinar diversas sensibilidades sen que por iso renxan as costuras, mesmo en tempos de alta polarización ideolóxica no seu espazo, e sen que isto impida aos seus dirixentes marcar algúns obxectivos e cumprilos.
2. Da súa base social pódese aprender a súa disciplina e madurez á hora de diferenciar o importante do accesorio. Algo que se reflicte tanto no trato de ti a ti, sen elitismo, coa sociedade como no seu comportamento electoral en cada comicio.

É posible que no BNG actual xa se estean aplicando esas ensinanzas sen que isto fose produto (ou si?) dun plan consciente por parte da súa dirección e base? Lendo os comentarios nas redes sociais e os artigos que se van publicando semella que algo disto hai.

Por unha banda, algunha xente destaca no BNG o discurso claro no que ten que ver con temas que poderían ser polémicos (crítica ao Réxime do 78 e á monarquía, apoio á autodeterminación e ao independentismo catalán, solidariedade internacionalista con Venezuela, nacionalización de empresas, o famoso “obrigado” de N. Rego…). Pola outra, algunha xente destaca o cariz pragmático, transversal e amable da figura de Ana Pontón e as reminiscencias ao tempo de Anxo Quintana.

No que toca ao orgánico, pódese atribuír a fortaleza do BNG ao seu carácter de partido (ou fronte) á vella usanza: con militancia comprometida, con capilaridade social en todo o país, con articulación sindical etc. Pola outra, cabe sinalar a renovación xeracional da dirección, a gran mudanza na comunicación política e como a fronte se adaptou aos tempos nos que vivimos caracterizados pola primacía do individuo; de aí o recurso á primeira persoa nas intervencións de Ana Pontón, os xestos relacionados coa intimidade, a biografía e a personalidade da candidata nos vídeos electorais..., así como a comparecencia, noutros materiais de campaña, non do "pobo abstracto" senón de persoas concretas de carne e óso con experiencias particulares.

Ademais disto, o que engadiu complexidade e densidade ao discurso do BNG, penso, foi a confluencia neste gran movemento de aglutinación de forzas de cinco elementos diferenciados, complementarios e chamados, se hai sentidiño, a seguir dando froitos:
1. A moi boa imaxe do liderado de Ana Pontón e a súa condición de muller nun tempo que é o das mulleres.
2. O inxente traballo militante, resistente e altamente ideoloxizado da base máis comprometida que estivo ás duras e ás maduras.
3. A suma sen máis dogmas que o de apelar á responsabilidade para evitar erros pasados, de elementos doutros espazos. Co aproveitamento do capital político de Alexandra Fernández coma mellor exemplo.
4. A complicidade da maior parte do tecido galeguista/nacionalista non necesariamente militante: medios de comunicación, asociacións, individuos...
5. A apertura a e promesa de integración de toda unha nova corrente de simpatía protagonizada por persoas moi novas, urbás, desprexuízadas e pragmáticas como o son os tempos nos que estamos, pero moi golpeadas polas crises capitalistas. 

Antonio Gramsci foi un dos autores máis citados nos últimos anos. Case que sempre para reflectir sobre a súa categoría de Hexemonía pero menos para reparar noutro dos seus grandes achados: a gran estabilidade que presentan os réximes políticos nos Estados “maduros” e a necesidade de abordar esa estabilidade a través dunha Guerra de Posicións de longo alcance.

É posible pensar na Hexemonía e na Guerra de Posicións de longo prazo combinando o elemento político radical (no sentido de ir á raíz dos problemas) co pragmatismo e a ausencia de xestos grandilocuentes e estériles? É posible combinar a coherencia e o traballo autoorganizativo a nivel molecular do movemento popular coa finezza maquiaveliá necesaria na acción institucional e na comunicación política? Ese ben pode ser o reto para o BNG e para a súa base social nestes próximos catro anos: atopar o xeito de non renunciar a nada. Construír a síntese virtuosa. 

Porque, probablemente, hoxe ser radical e pragmático non só é posible, é necesario.

Sem comentários: