3/12/2020

Coronavirus e antiglobalización

A «Gran Aceleración» motivada polo desenvolvemento económico a partir dos anos 50 do s.XX levou consigo un crecemento inaudito do consumo, da demografía e da urbanización en detrimento -en todo o mundo- da sociedade "estática" por antonomasia: a labrega.
Nos anos 70 do s.XX, a crise do petroleo deu os primeiros avisos da quebra dese sistema. Pero a chuzada á pelota cara a adiante produciuse na forma de financiarización da economía, de conversión de China en obradoiro do mundo e mantedora da economía dopada dos EEUU, así como de hexemonía da ideoloxía neoliberal. No medio, o esboroamento do Socialismo Real eliminou calquera idea de límite ou alternativa ao capitalismo.
A crise iniciada nos 70 tería sucesivas réplicas. Así, en México en 1994 e nos países do sudeste asiático en 1997. Non se pode entender o nacemento, tamén na década dos 90, dos primeiros movementos antiglobalización, sen a alerta que xeraron esas crises rexionais.
O malestar coa globalización mostra os seus primeiros síntomas políticos importantes en Europa co «Non» de Francia á (mal)chamada Constitución Europea en 2005.
A crise financeira inciada en 2007 nos EEUU, coa quebra do banco Lehman Brothers, e contaxiada despois a todo o mundo, é o último episodio daquela crise dos anos 70. A humillación a Grecia por parte da UE mostrou que, malia a poesía de Sarkozy, o capitalismo da «austeridade» non está polo labor de reformarse.
Occupy Wall Street, as Primaveras Árabes ou o 15M volven representar o malestar, pouco articulado politicamente, coa globalización capitalista. O levantamento de muros nas fronteiras, o proteccionismo económico e o auxe de todo tipo de parafascismos e autoritarismos no presente, tamén.
A «Gran Aceleración» está detrás das primeiras evidencias de crise climática. Antropoceno, chámase xa á era xeolóxica do presente. Un gran problema de fondo que ningún goberno quere abordar seriamente polo que implicaría para o propio desenvolvemento da lóxica do capitalismo. Pero un problema que tamén traerá consigo as súas propias «pandemias».
A gripe aviar, as vacas tolas ou o ébola actuaron coma ensaio do que implicaría unha epidemia nun mundo hiperconectado que, tras 40 anos de neoliberalismo, ten as ferramentas de defensa políticas e morais, moi deterioradas.
A chegada a nós do coronavirus a través dunha sorte de Ruta da Seda (China, Irán, norte de Italia) vai afectar a nosa vida cotiá e xa activou o medo individual. É moi probable que todo isto supoña para as sociedades acomodadas occidentais algo así como unha toma de consciencia da parte negativa inherente ao mundo da hiperconexión e da hipermobilidade guiadas pola man invisible do mercado.
Pero, como se traducirá esa toma de consciencia a nivel político? Como se protexerá a sociedade, nos termos de Karl Polanyi, ante a evidencia da expansión e concretización dos riscos globais propios da forma adoptada no presente polo modo de produción no que vivimos? Misterio.

Sem comentários: