1/18/2020

Sobre o «Pin Parental»



O do pin parental é outro capítulo da concepción liberal da sociedade. A sociedade non existe, só hai individuos que actúan na sociedade civil. A sociedade civil é unha esfera privada non sometida ao escrutinio público, político, da polis.

Os desequilibrios e relacións de poder inxustas no seo da sociedade civil son naturais. A propiedade privada é froito do traballo individual. A educación da familia (ou a violencia intrafamiliar) é un asunto doméstico.

O mesmo sucede coa explotación na fábrica (esa outra gran familia). Esta é froito da aceptación voluntaria dun contrato individual. O traballador é “libre”. Tamén as mulleres sometidas ao maltratador ou os nenos á autoridade paterna dictatorial son libres.


Os liberais, así coma os seus fillos desviados, os fascistas (un fascista é un liberal nervioso), empregan a figura de Stalin como resumo do Estado Leviathan e opresivo. Pero é todo postureo. Non teñen problema ningún co Estado policial.



Sen o Estado policial non habería liberalismo pola simple razón de que os individuos propietarios non serían quen protexer as súas propiedades das mans dos non propietarios. As pelis do Oeste van sobre iso: como o individuo illado mantén as súas propiedades sen o Estado.



Esta concepción da sociedade civil está tan arraigada, que moitas veces vemos a políticos de esquerda repetila coma loros. Tamén a crenza persistente en moita esquerda de que é a través da coerción ditatorial por medio do Estado que se pode enxendrar o socialismo non deixa de ser a incorporación por outras vías da dependencia do Estado que ten o liberalismo para manter a “harmonía” social.

Addenda: todo pasou xa antes en Galicia. O discurso de GaliciaBífida baseábase nos mesmos postulados. Posto que non hai sociedade os meus fillos non teñen por que falar unha das línguas que se falan na sociedade civil. A súa liberdade individual está por riba da cohesión social.

Sem comentários: