Texto orixinal escrito para a Revista Luzes.
Dicía Antoni Domènech que a introdución do sufraxio universal masculino na maioría dos países europeos debeuse ás grandes folgas obreiras que tiveron lugar entre 1905 e 1907. Isto é, o dereito ao voto da parte masculina das clases subalternas, lonxe de ser o produto dunha concesión do liberalismo —que florecía perfectamente coa distinción entre «cidadáns pasivos» e «cidadáns activos»—, é un logro do movemento obreiro socialista.
Dicía Antoni Domènech que a introdución do sufraxio universal masculino na maioría dos países europeos debeuse ás grandes folgas obreiras que tiveron lugar entre 1905 e 1907. Isto é, o dereito ao voto da parte masculina das clases subalternas, lonxe de ser o produto dunha concesión do liberalismo —que florecía perfectamente coa distinción entre «cidadáns pasivos» e «cidadáns activos»—, é un logro do movemento obreiro socialista.
Habería que agardar máis tempo para que este logro se estendese,
tamén, á outra metade da poboación, con independencia da clase social. O
voto feminino non chegaría a Francia ata 1944; a Italia, en 1946; a
Bélxica, en 1948; a Grecia, en 1952; a Suíza, en 1971 e en Portugal, as
mulleres non poderían votar ata o ano 1976, despois da Revolução dos
Cravos. O voto feminino vería a súa legalización no Estado español na
data precoz de 1931 grazas, ademais de ao movemento de mulleres
sufraxistas que viñan loitando na sociedade civil desde había tempo, á
tenacidade e intelixencia da deputada Clara Campoamor.
Da súa autoría é O meu pecado mortal. O voto feminino e mais eu. (Galaxia, 2019). Un libro coa distinción de clásico que aparece por primeira vez en lingua galega na colección Feminismos posta a andar pola editora viguesa; iniciativa que xa vai polo cuarto título tirado do prelo e á que cómpre parabenizar.
Na presente edición, o texto vén precedido por unha Carta aberta a Clara Campoamor asinada por Blanca Estrella Ruiz Junco, Presidenta da Asociación Clara Campoamor; así como por un interesante prólogo a cargo de Celia Pereira Porto titulado O noso pecado mortal. O voto feminino e máis nós,
onde a autora debulla, entre outros aspectos máis xerais, os duros
debates entre Clara Campoamor e varios deputados galegos contrarios ás
intencións da sufraxista, así como o sentido do voto de todos os
deputados galegos nas diferentes votacións que foron precisas para a
aprobación final dese dereito elemental.
O texto de Clara Campoamor é un grande axuste de contas coa maioría dos
seus colegas en tempos da II República. A avogada Clara Campoamor
Rodríguez, que resultou elixida deputada polo Partido Radical de Lerroux
nas Cortes Constituíntes de 1931, non descansou ata conseguir que o
voto feminino fose recoñecido tanto na Comisión Constitucional —órgano
encargado de redactar a Constitución republicana do que fomou parte—
coma no Congreso dos Deputados.
Malia a súa procedencia partidaria, Campoamor sería testemuña de como
a súa propia organización, así como o resto de forzas chamadas daquela republicanas
(Acción Republicana e Radicales Socialistas), se opuñan ata o final ao
recoñecemento do dereito ao voto. Un dereito que será sancionado, en
última instancia, grazas ao voto a favor da maioría do Partido
Socialista e doutras pequenas agrupacións, así como dos catalanistas e
—para sentir orgullo pola parte que nos toca— dos galeguistas.
Dentro dos debates na Comisión Constitucional, que Campoamor debulla
polo miúdo, concorren os tópicos esperables cando se fala da muller:
volatilidade, falta de preparación, «irracionalidade mensual», etc.
Estes tópicos aparecían modulados a través de posicións que ían do
paternalismo á misoxínia bioloxicista (especialmente encarnada polo
doutor e deputado Roberto Nóvoa Santos).
Entre os múltiples choques que debeu librar Campoamor, cabe citar o que a levou a confrontar co cura agrarista Basilio Álvarez,
contrario ao recoñecemento do voto e quen, a propósito do artigo sobre o
divorcio que tamén se discutía nesa Comisión, non dubidaba en clamar
que se estaba «elevando a lei o histerismo»; exabrupto ao que Campoamor
respondía habilmente apoñendo que o histerismo era tamén cousa de homes,
como demostraba o feito de que «ata o de agora son varóns os que
afirman ver a virxe en Ezquioga e en Guadamur».
Pero ademais dos tópicos masculinos sobre as mulleres, Campoamor tiña
que lidar con argumentos menos impregnados de pavores varonís e máis de
certa racionalidade realpolitiker. Este tipo de argumentos, esgrimidos tamén por mulleres deputadas como a republicana Victoria Kent ou a socialista Margarita Nelken,
sostiñan a inoportunidade de conceder o dereito ao voto ás mulleres en
aras da estabilidade da República. Na altura, era lugar común pensar que
o da muller se trataba dun voto cativo da dereita debido á grande
ascendencia que se lle supuña á Igrexa sobre ese colectivo. Nese macizo
valado de cemento tivo que furar con forza Clara Campoamor.
Se ben a política sufraxista aínda libraría algunha que outra batalla
diante das intencións avesías dos republicanos de sortear a lei do voto
por medio da modificación da lei electoral, o certo é que o dereito a
voto da muller aprobouse por catro díxitos de diferenza e coa abstención
das dereitas (40% dos votos). Na lista de deputados favorables e
opostos á lei que a autora se preocupa por rexistrar no libro, cabe
salientar, entre os galegos que contribuíron á aprobación, os nomes de Suárez Picallo, Villar Ponte, Castelao, Otero Pedrayo, Heraclio Botana ou Casares Quiroga.
Sairíase coa súa logo Campoamor, mais a vitoria das dereitas nas
eleccións de 1933, achacada maioritariamente ao voto femenino,
conduciría ao vilipendio público da deputada e á súa condea ao
ostracismo; circunstancias das que se protexería a través dun delongado
silencio voluntario.
Despois de que o partido de Lerroux aceptase os votos da CEDA de Gil Robles
para formar goberno, Clara Campoamor decide darse de baixa do Partido
Radical. Porén, no futuro verá como as portas de Izquierda Republicana,
onde tentou ingresar para retomar a acción política, se pechan para ela
e, deste xeito, se pecha tamén a posibilidade de volver ser deputada.
Campoamor vivirá este ataque á súa persoa, que a responsabilizaba,
case que en exclusiva, da inestabilidade da República, como unha grande
afrenta. Un agravio do que só se poderá resarcir cando, en 1936, o pobo,
coas mulleres votantes incluídas, outorguen a maioría á Fronte Popular.
Pouco tempo despois deste acontecemento, e pouco tamén de que a
República sufrise o golpe de Estado de Franco, Clara Campoamor escribirá
este texto. Un texto de intervención e esclarecemento. Un texto para
poñer os puntos sobre os is.
Hai dous aspectos en Clara Campoamor que, para quen isto escribe, lembran moito á visión da II República que deita Castelao no Sempre en Galiza, así
como á evolución política do rianxeiro. Non é de estrañar, as
reivindicacións de Campoamor e de Castelao tiñan algo en común: ambas
sobardaban e puñan en contradición ao republicanismo reivindicando a
existencia de suxeitos políticos non recoñecidos por aquel. Cuestión á
parte, cómpre dicilo, é que se Castelao si foi coherente votando a favor
do voto das mulleres, Campoamor destacou sempre pola súa oposición á
cooficialidade das linguas diferentes do castelán e votou en contra da
cooficialidade do catalán no Estatuto de autonomía desa nación.
Do mesmo xeito que en Castelao, en Clara Campoamor prodúcese, ao
longo da súa participación nos órganos políticos da II República, un
escoramento ideolóxico cara á esquerda; radicalización perceptible na
crítica da deputada aos republicanos españois, aos que non dubidará
alcumar de «pequeno-burgueses». Por outra banda, e en consecuencia co
anterior, aflora en Clara Campoamor unha lucidez estrema na crítica a
certa concepción formalista e institucionalista da política
preponderante no establishment republicano do momento; aquela
que considera suficiente a toma das institucións sen mudar as relacións
de poder existentes no seo da sociedade civil.
Nun momento do libro, estas ideas exprésanse de xeito incisivo e certeiro:
Non ataliaba o novo réxime con perspectivas doutras
remocións nacionais antepostas ás que exixise a súa incorporación aos
postos de mando, que posuía a gran burguesía; era un ideal «moi
revolución francesa», retocado e achicado. […]
Por iso considerou realizada en España a revolución medíndoa pola que
se fixera na translación das súas persoas ao Poder; e o medo
insuperable a todo canto puidese alterar a feliz aparencia da sociedade
española, que precisaba dalgo máis fondo ca o cambio na rúbrica para
transformarse ata a entraña […].
Unha destas modificacións transcendentes era a liberación da muller:
política, porque era unha nova forza que sumar á liberdade, e en tanto
unha incógnita para os beati posidensis republicanos; civil, porque
brandía a ameaza de arrebatar a exclusiva dirección económica familiar
do burgués republicano.
Esta visión do republicanismo español como elitista, alleo ás
vicisitudes do pobo real e confiado na contención da reacción —que
ameazaba, como a historia demostrou, a vida da propia República— a
través do mero acomodo nos sillóns de mando atopámolo tamén en Castelao
quen, farto dos desprezos dos republicanos da Corte pola idea federal e
pola descentralización do poder, escribe no Sempre en Galiza:
Non é dificultoso comprender como a Lei única que pretenda realizar unha
revolución dende arriba, provoca tamén a unión de todol-os varios
intreses feridos, e fortalece, pol-o tanto, a propaganda dos
reaicionarios para sementaren o desbaraxuste e sublevaren âs greas
acomodadas e conservadoras de toda Hespaña.
Sem comentários:
Enviar um comentário