11/29/2019

Do nacionalismo español

Texto orixinal escrito para a Revista Luzes.

Hai enunciados que, segundo de quen proveñan, espertan automaticamente a sospeita en quen os escoita. Un exemplo disto podémolo ver estes días coa campaña publicitaria audiovisual que está a desenvolver polo mundo adiante o Goberno de Pedro Sánchez encol das bondades democráticas do Estado español. Pero –preguntarase o destinatario da campaña con toda lóxica– un Estado que se afana tanto en repetir que é unha «democracia consolidada», non será calquera cousa menos iso?
Outro tanto sucede coa cuestión do nacionalismo español. Michael Billig acuñou o termo «nacionalismo banal» para referirse ás prácticas e hábitos promocionados polos Estados constituídos tendentes a apuntalar, de xeito implícito, a existencia da nación no tempo. Un exemplo clásico deste nacionalismo «transparente» é o do mapa do tempo. Ninguén se pregunta por que só se ofrece a previsión do tempo para as zonas coincidentes coas fronteiras políticas do Estado en cuestión, simplemente é algo que se dá por feito e que, coa súa mera existencia, acaba trasladando a idea de que a demarcación política de dito Estado é algo «natural».
No español, o nacionalismo banal funciona tan eficazmente como en calquera outro Estado. Porén, a existencia doutros nacionalismos alternativos en varias «periferias» unido á permanencia da identificación do españolismo co franquismo, fan que a cuestión do nacionalismo español abandone con máis frecuencia do aconsellado o confortable espazo do nacionalismo banal, para ocupar, con toda a estridencia e paixón, o primeiro plano do debate público. Nin que dicir ten que un nacionalismo discutido (máis cando se ten todo un aparato de Estado detrás para amparalo e espallalo) é, en boa medida, un nacionalismo fracasado.
Ao emerxer o debate, unha das reaccións máis frecuentes do establishment español, necesitado de aparentar o liberalismo antinacionalista que se lle presupón aos Estados-nación occidentais desde a Segunda Gerra Mundial, así como de opoñer a «neutralidade técnica» do dereito constituído fronte ás «derivas totalitarias» das vontades constituíntes alternativas (o que o xuíz Manuel Marchena resumiu na sentenza contra os líderes do procès dicindo: «No hay democracia fuera del Estado de Derecho»), unha das reaccións máis frecuentes, dicimos, é negar a maior: o nacionalismo español non existe e, de existir, trataríase apenas dunha decantación quimicamente pura de patriotismo cívico e non identitario.
Do mesmo xeito que a campaña publicitaria sobre as bondades democráticas hispanas baseadas nunha afirmación que se nega, a esta negación que se afirma, a este nacionalismo español que non existe, sucédelle o que ao elefante de Lakoff no que non debiamos pensar: agudiza no receptor o sentido da sospeita, a certeza de que a verdade descansa xustamente no contrario do que se enuncia.
O historiador e experto na cuestión nacional, Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia nas universidades de Compostela e Múnic, ocúpase en Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018 (Planeta, 2018) de demostrar o evidente: o nacionalismo español existiu e existe. O autor ten sobrada traxectoria e traballos especializados publicados sobre o tema nacional como para poder escribir un libro que, nas súas propias palabras, é de «alta divulgación». Trátase, por tanto, de facer un repaso sucinto, –en apenas 200 páxinas– pola historia do nacionalismo español desde as súas primeiras formulacións nos albores do século XIX ata os últimos derroteiros de comezos do século XXI.
O nacionalismo español nace nos tempos posteriores á guerra contra as tropas napoleónicas e vivirá no seu seo, durante todo o século XIX, a tensión entre a concepción de España ao xeito borbónico (uniforme e fortemente centralizada) e ao xeito habsbúrguico (con profundas personalidades rexionais e atenta ás diferentes tradicións); mais ambas compartirán, durante todo o século XIX, unha visión imperial e católica de España. A existencia destes dous xeitos de concebir España, unido ao carácter minoritario e elitista do liberalismo, así como á impotencia modernizadora do Estado e á emerxencia de novos nacionalismos alternativos, fan que autores como Juan Linz ou Borja de Riquer consideren que España padeceu un «déficit histórico de nacionalización»; un paradigma que, para Núñez Seixas, «ten a vantaxe de constituír un esquema de interpretación compacto e coherente [ao que] aínda non se lle opuxo unha explicación global capaz de aprehender a complexidade da construción das identidades territoriais do século XIX e do primeiro terzo do século XX».
Tras o chamado desastre do 98 provocado pola perda dos últimos restos do imperio (de ultramar), a intelectualidade española –os Unamuno, Ortega, Maeztu, Azorín…–, entre o shock e a catarse, produce toda unha serie de reflexións sobre España enchoupadas a partes iguais de pesimismo cultural e de rexeneracionismo. Unha mestura de voluntarismo elitista e fatalismo que enchoupará tanto a concepción máis historicista e esencialista do nacionalismo español como á súa ala máis liberal-democrática e onde os nacionalismos alternativos ao español-castelán comezarán a concebirse como o inimigo interno sobre o que construírse.
O fracaso da II República como empresa modernizadora e democratizadora e os corenta anos de nacional-catolicismo franquista, pesarán como unha lousa no nacionalismo español de finais do século XX e principios do XXI, para pensarse a si mesmo como ideoloxía democrática e progresista. Ese pasado inmediato provocará que, durante toda a Transición e parte do período democrático, o nacionalismo español aposte máis polas vías banais que polas expresas. Un nacionalismo banal que, durante os anos de vacas gordas da burbulla inmobiliaria, botará man do deporte –especialmente da selección española de fútbol– ou de referentes emerxentes para as novas clases medias financiarizadas como poidan ser os chefs ou os arquitectos.
Tratarase dun nacionalismo que, o mesmo que o doutras latitudes (e o mesmo que o dos nacionalismos alternativos ao español), pasa de fundamentar o seu discurso en posicións historicistas e esencialistas a outras de tipo cívico; pero un nacionalismo que, á postre, e tamén como todos os nacionalismos do mundo, acaba combinando ambos elementos –espazo cívico + emoción– en función das súas necesidades.
Este nacionalismo vergonzante de certas elites tratou de adoptar e adaptar, ben que demediadas e vulgarizadas en estremo, ideas como a do patriotismo constitucional habermasiano, mais co seguinte paradoxo: unha teoría pensada para evitar que regresase a Alemaña un nacionalismo agresivo coma o nazi e para articular un nacionalismo democrático e desapaixoado, é empregada en España, co seu abuso e esclerotización da Constitución de 1978, como dique de contención, como katehon, fronte os «excesos» da Democracia.
Coa maioría absoluta de Aznar a comezos dos 2000, o nacionalismo español «sen complexos» comeza unha andaina revisionista do estado das autonomías –empregando sen rubor a concentración brutal dos medios de comunicación de masas en Madrid– que, a día de hoxe, dez anos despois de que estourase a gran crise do capitalismo financeiro, e co independentismo catalán en plena ebullición –unha de tantas consecuencias desa crise económica–, enchoupa todo o arco ideolóxico e político hispano.
Un nacionalismo español que recupera con orgullo lugares comúns do seu repertorio histórico, como poida ser o da lenda negra ou o das bondades civilizacionais do xenocidio americano, e que os populariza a través das novelas de Pérez Reverte ou dos ensaios de Roca Barea. Un nacionalismo español que conseguiu expresarse, por primeira vez desde o franquismo, a través dunha forza propia de estrema dereita. E un rearmamento do españolismo que, coa novidade que supón Podemos-Errejón a respecto da esquerda non social-liberal previamente existente, mesmo busca vías para articularse en clave nacional-popular.
Así pois, concluímos da lectura do libro de Núñez Seixas que, o que durante boa parte do período posterior á morte de Franco se afirmaba por activa e por pasiva que non existía, está vivito y coleando. O nacionalismo español deixou de reducirse ao ámbito do banal e, con grandes acenos e de forma reactiva ante os nacionalismos alternativos –nomeadamente o catalán–, volve amosar tanto a súa incapacidade para articularse como elemento vertebrador progresista dun Estado complexo como a súa tendencia histórica a confundirse co autoritarismo e a reacción.




Sem comentários: