11/29/2019

«É a emigración, estúpido»

Texto orixinal escrito para a Revista Luzes.  

Michel Foucault denominaba «biopolítica» ao modo de goberno e xestión dos procesos biolóxicos da poboación. Unha técnica de control político da vida que actuaba a través da emisión de discursos disciplinadores sobre aqueles aspectos sociais considerados como «anormais» por determinadas instancias de «poder-saber» en función dos seus intereses.
Da crítica a certa biopolítica promovida pola Xunta de Galicia e mais polos seus medios de comunicación subvencionados (en concreto La Voz de Galicia) a respecto do chamado «inverno demográfico» galego é que trata o libro A morte de Galicia (Xerais, 2019), editado por Isidro Dubert. Un traballo multidisciplinar que conta no seu plantel con outros historiadores como poidan ser Ramón Villares, Daniel Lanero, Xosé Miguel Andrade Cernadas, Francisco X. González García, Raúl Soutelo Vázquez ou Ofelia Rey Castelao. Pero tamén con xeógrafos como Julio Hernández Borge; sociólogas como Antía Pérez Caramés; sociolingüístas como Henrique Monteagudo; economistas como Melchor Fernández ou xornalistas como Anxo Lugilde.
A tese forte do libro aparece formulada na colaboración titulada «Agoiros e agoreiros da morte de Galicia» rubricada polo propio Isidro Dubert, e vén dicir que as aseveracións tendentes a describir Galicia coma un país moribundo demograficamente a causa da conxunción do avenllentamento e da baixa fecundidade das mulleres —aspectos que estarían detrás do feble pulso económico— son profundamente ideolóxicas e responden a toda unha tradición histórica reaccionaria —o natalismo— que viviu o seu momento de apoxeo teórico na Francia do último terzo do s. XIX, desembocando na creación do lobby da Alliance Nationale pour l´Acroissement de la Population Française. En palabras do historiador, a do natalismo é «unha ideoloxía fondamente conservadora» —se ben moitas veces a esquerda, con consciencia ou sen ela, acaba facéndoa propia (p.e. o «cheque bebé» do expresidente José Luis Rodríguez Zapatero)— , a través da cal as elites galegas amosan a súa vontade de «manter intactas as estruturas de explotación económica e dominación social que as benefician». Ademais, pensa Dubert, estas elites pretenden «non alterar os equilibrios de poder existentes no seo dun proceso de reprodución social que acontece sobre unha estrutura de traballo que garante e perpetúa o patriarcalismo, a desigualdade económica entre os sexos e a subordinación social das mulleres». Alén disto, dinos Dubert, a ideoloxía natalista naturaliza a idea do «atraso de Galicia» e evita explicar o fenómeno —de longa traxectoria no país como medio para canalizar o malestar material do pobo— que está realmente detrás da sangría demográfica: o éxodo de milleiros de rapaces e rapazas que non atopan traballo na nosa terra.
«É a emigración, estúpido», diría o famoso asesor de Bill Clinton se lese o libro que nos ocupa e quixese combater ese veo socialmente regresivo que é a ideoloxía natalista na Galicia de hoxe.
A diferenza do que adoita ser habitual entre nós, A morte de Galicia ten a virtude de polemizar e debater publicamente con responsables intelectuais aos que se lle poñen nomes e apelidos. Xa que logo, para Isidro Dubert non se podería entender o auxe do natalismo en Galicia, a partir dos anos 2005 e 2006, sen ter en conta a presión de think tanks conservadores como o Instituto de Política Familiar, a Fundación Renacimiento Demográfico ou Hazte Oír. Partindo dese caldo de cultivo previo, o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convertería o noso país nun «laboratorio» para a posta en práctica da ideoloxía natalista que, comezando cun goteo continuo de novas sobre avellentamento, fecundidade, colapso do sistema de pensións etc., continuaría coa organización de ciclos e conferencias sobre o tema nas diferentes cidades galegas e co fomento de cursos, seminarios e congresos, así como coa promoción de persoeiros tales que Manuel Blanco Desar, membro activo do Museo do Pobo Galego, quen, a dicir de Dubert, espalla moitos dos tópicos natalistas no libro coordinado por el mesmo baixo o título de Galicia: un pobo sen futuro? O noso devalo demográfico (Xerais, 2014). Todo isto para desembocar na creación dun plan institucional de acción política: O «Plan de Dinamización Demográfica» elaborado pola Consellería de Traballo e Benestar baixo a responsabilidade de Beatriz Mato.
Malia  que por veces haxa certa reiteración de ideas ao longo das case 400 páxinas do libro, e que, para quen isto escribe, os capítulos dedicados á Galicia medieval e castrexa desentoen un chisco co resto, o certo é que o traballo está inzado de ideas con enxundia.
Así, por poñer algúns exemplos, grazas a Raúl Sotelo Vázquez coñecemos algo máis da «burguesía emigracionista»; isto é, da burguesía galega que tivo na emigración masiva dos nosos devanceiros, desde finais do século XIX, o xeito de acumulación primitiva que engordou as fortunas de apelidos ilustres como os Tapias, os Barrié, os Barreras ou os Pastor, a través da profusión de consignatarias, axentes de embarque, armadores etc. Alén disto, o lucrativo negocio da emigración tamén chegaría a pequenos comerciantes, asentados tanto nos portos coma no interior, que ofrecían pasaxes con hipotecas sobre as propiedades dos viaxeiros e que actuaban como recrutadores de emigrantes nas diferentes comarcas. Por outra banda, os beneficios da emigración masiva acadarían tamén a outro espectro do pequeno comercio dedicado a fornecer de roupa, maletas, hospedaxe, préstamos e servizos administrativos aos emigrantes. Toda unha rede de comisionistas que, segundo a xerga habitual cando se fala do fenómeno migratorio no sur global, os grandes medios de comunicación de masas non dubidarían (ou se cadra si?) en calificar de «mafias».
Ademais do papel principal xogado polos emigrantes máis conscientes na creación de escolas en todo o territorio galego, ou na conservación e fomento do idioma, a cultura e os símbolos nacionais, as remesas de cartos da emigración tamén repercutiron na modernización e mellora do agro. Porén, boa parte desas remesas enviadas a Galicia foron captadas polos consignatarios con intereses na banca e utilizadas, nalgúns casos, para capitalizar as súas aventuras industriais e, na maioría, para investir en mercados especulativos estranxeiros.
A colaboración que asina Ramón Villares confirma, a respecto da emigración galega, algo que hoxe tamén se di a respecto da migración no sur global: os que emigran non son os máis pobres, senón aqueles que gozan de posibles e de información para levar a cabo a fazaña. Razón pola que, a dicir deste autor, na Península Ibérica a emigración en masa a América era moi diverxente en función do tipo de propiedade que rexía en cada territorio. Así, se a emigración de casteláns era moi desigual, andaluces e extremeños apenas emigraban; o mesmo que non o facían os portugueses meridionais e si os minhotos durienses e trasmontanos.
De grande interese é tamén a achega de Anxo Lugilde arredor do uso espurio do voto emigrante polos dous grandes partidos españois. Un mercado do voto sen regulación clara e sempre ao albur das redes clientelares do partido de goberno de quenda, onde descendentes de galegos de ata terceira xeración tiñan a capacidade de condicionar eleccións en Galicia, como quedou patente na longa espera polo reconto dos sacos da emigración que haberían confirmar a perda da maioría absoluta de Manuel Fraga o ano 2005.
A propósito da emigración que ten lugar hogano, é tamén de proveito a reflexión de Lugilde sobre os riscos de desregular a figura do voto rogado e de retomar modelos de elaboración de censos de residentes ausentes nos que a inclusión dos votantes se faga de oficio pola administración.
Por outra banda, Antía Pérez Caramés pon o énfase, na súa colaboración no libro, en deixar claro que a principal causa do avellentamento da sociedade galega no presente ten que ver co aumento da esperanza de vida, cuestión que debe considerarse un progreso e non algo negativo. Unha realidade demográfica que, para Melchor Fernández, demanda servizos públicos que aseguren o maior número de anos de vellez «en boa saúde». En relación con isto, o mesmo autor compara a sociedade galega con outra sociedade avellentada europea como é a sueca, para resaltar que, malia o avellentamento do país escandinavo, a súa produción e os seus niveis de renda non deixaron de medrar; proba, para Melchor Fernández, de que o problema en Galicia non é a demografía senón a economía, nomeadamente as altas taxas de paro xuvenil que están detrás da migración de mozos e mozas.
Nunha gráfica incluída no libro, cífranse en 379.000 as persoas que deixaron Galicia entre os anos 2002 e 2015, panorama que se completa cos datos procedentes do INE —recollidos recentemente nunha nova do Faro de Vigo— segundo os cales, entre os anos 2008 e 2018, abandonaron Galicia case que 50.000 persoas de entre 20 e 39 anos
Unha nova onda migratoria —e finalizamos con esta última alerta— que, a dicir de Isidro Dubert, é a primeira da democracia e está acadando niveis propios doutras do pasado recente como poida ser a dos anos 60. Unha perda de man de obra cualificada iniciada a mediados da década de 2000 que se une ás outras catro grandes vagas migratorias que sufriu o noso país: a que tivo lugar no século XVI, a que tivo lugar no século XVII e parte do XVIII, a do período que vai de 1869 a 1930 e, por último, a emigración ás economías welfaristas de centro Europa entre as decadas dos cincuenta e dos setenta do século XX.




Sem comentários: