9/16/2019

As peripecias do cidadán Erdoğan

Texto escrito orixinalmente para a Revista Luzes.

Neste tempo de aparente regreso da xeopolítica (digo aparente porque non estou seguro de que algunha vez marchase) e da conformación dunha sorte de internacional autoritaria que procura redeseñar o sistema-mundo con novas esferas de influencia rexional como solución, entre outras cousas, á potente emerxencia da China en tanto que actor político, a aparición dun libro sobre a traxectoria de Recep Tayyip Erdoğan non pode ser máis pertinente.
Os xornalistas Ilya U. Topper e mais Andrés Mourenza —este último coruñés e colaborador da Revista Luzes— trazan en La democracia es un tranvía. El ascenso de Erdogan y la transformación de Turquía (Península, 2019), o sinuoso periplo vital que levou ao fillo dunha familia procedente da Turquía oriental a acaparar practicamente todo o poder político daquel país.
Alén do interese que poida xerar a figura particular de Erdoğan, o que rechama ao longo da lectura deste traballo áxil e rigoroso, dacabalo entre a crónica e a investigación, son as reflexións de alcance superior ao marco turco que suscita.
Do mesmo xeito que no caso español, e no doutros Estados do sur de Europa, a de Turquía é, mutatis mutandis, a historia dun territorio de pasado imperial esplendoroso que, tras un longo tempo de decadencia e subdesenvolvemento, vivirá un proceso de «modernización» tutelado polas elites —que no caso turco se produce através da figura de Mustafa Kemal Atatürk e das Forzas Armadas, auto erixidas, mediante recorrentes golpes de Estado, en garantes de que o proceso modernizador non descarrile.
Esta modernización acelerada, e en absoluto completa, deixará o país partido a nivel cultural e socioeconómico entre uns centros cosmopolitas, laicos e inseridos no capitalismo neoliberal mundial (Istambul, Ankara e algunhas outras cidades grandes) e todo un vasto territorio poboado por unha sociedade de pequenos comerciantes, labregos e pastores, islámica e tradicional que, co tempo e en aluvión, encherá os barrios populares das urbes occidentalizadas.
Nutríndose do empuxe deste inmenso segmento das clases subalternas turcas é que irá crecendo en popularidade e poder o malogrado xogador de fútbol chamado Recep Tayyip Erdoğan. Farao tanto a través das «guerras culturais» como forxando unha rede clientelar de asistencia social e redistribución económica baseada no principio relixioso da caridade con capacidade para chegar alá onde non chegaba o Estado kemalista.
O primeiro gran chanzo acadado por Erdoğan para a toma do poder nacional foi resultar electo como alcalde de Istambul en 1994, onde comezou a amosar as súas dotes na xestión institucional do motor económico representado polo sector da construción de infraestruturas e de inmobles (algo, por certo, que tamén soa por estes pagos).
Xa como Primeiro ministro, soubo xogar baixo as regras da tolerancia liberal e crear en Bruxelas —que daquela se amosaba aberta á integración de Turquía na UE— un perfil de home dialogante que podía personificar o arelado «islamismo democrático». Con astucia, Erdoğan conseguía coar temas na axenda política, como o do uso do veo islámico, apelando á liberdade e aos dereitos individuais. Todo iso combinado con certa dadivosidade económica de cariz paternalista. Enfronte, un aparato de Estado encastelado que actuaba coma un auténtico réxime (os propios autores usan expresións que nos son familiares como «atado e ben atado» para describir a capacidade do kemalismo para controlar o chamado «Estado profundo»), onde o poder militar e xudicial pilotaban o campo do posible e interpretaban o europeísmo de Erdoğan no estilo conspiranoide habitual no hiperbólico nacionalismo turco.
Pero este Erdoğan islamo-liberal, de igual xeito que os Freedom Fighters afganos apoiados polos EEUU no final da Guerra Fría para combater á Unión Soviética, acabará, co tempo, transformándose nunha criatura fóra de control. A súa alianza temporal con Fethullah Güllen —predicador islámico e líder, na diáspora e na propia Turquía, dun gran emporio relixoso, económico e mediático que os autores comparan co Opus Dei— permitiralle facer fronte con máis eficacia ao stablishment republicano. Acadado ese obxectivo, será do propio Güllen e da súa rede de fieis de quen prescinda. Nin o Estado dentro do Estado de Güllen, nin as alborotadoras feministas, nin os opositores á macromesquita no parque Gezi de Istambul conseguirán arrebatar a Erdoğan a conexión directa co «seu» pobo. Só a prohibición nos estatutos do AKP —o partido fundado por el mesmo— de que o Primeiro ministro repita un cuarto mandato conseguirá que desista recandidatarse e levarao a poñer a proa rumbo á Presidencia.
O éxito político do primeiro Erdoğan pivotará na ocupación de todo o campo libre deixado polos partidos do stablishment kemalista. Como sinala un líder socialdemócrata turco no propio libro para caracterizar ao centroesquerda oficialista: «a nosa esquerda era a nosa dereita». Ese malestar e resentimento das capas rurais populares turcas cunha modernización que non acababan de percibir como beneficiosa será capitalizado por un Erdoğan que, por mor das súas orixes humildes, era sentido coma un igual.
A combinación de certa nostalxia polo ecumenismo otomano co islamo-liberalismo lévano, nun tempo en que os outros grandes outsiders do sistema de partidos —o PKK kurdo— semellaba necesario para manter no poder ao AKP, a intentar unha alianza co movemento independentista: tregua na acción armada e aceptación do marco nacional turco a cambio de recoñecemento á diferenza e legalización da lingua. Un experimento que acabará por non callar e que conducirá ao movemento independentista do Kurdistán a retomar as accións bélicas, pero que serve para ilustrar tanto o camaleonismo do personaxe como a súa capacidade para sobrevivir a todas as dificultades.
A partir de aí, Erdoğan comeza, por unha banda, a rachar con Occidente, eirixíndose no líder global ascendente do mundo islámico e, pola outra, a elaborar novas sínteses entre o islamismo popular e o exacerbado nacionalismo turco enraizado no Estado. Desde esta flamante posición ideolóxica consegue aprobar unha nova Constitución presidencialista que o ha converter no home máis poderoso de Turquía e que lle permitirá, no sucesivo, gobernar sen oposición.
Velaí, pois, o por que do título do libro. Segundo os autores, a democracia é para Erdoğan un tranvía ao que subir cando se necesita e do que saltar cando se estima oportuno. Este traballo de Andrés Mourenza e de Ilya U. Tooper constitúe un compás excelente para poñer lóxica no puzzle vital deste populista de dereitas. Un self made man de mil caras que, polo menos nun tempo próximo, semella pouco disposto a retomar o uso daquel medio de transporte.

Sem comentários: