Texto escrito orixinalmente para a revista Luzes.
Oscar Pazos é un ensaísta vigués de certo espírito francotirador que hai anos publicou un libro moi recomendable titulado: Madrid es una isla. El Estado contra la ciudadanía (Los libros del lince, 2013).
Tratábase aquel dun percorrido pola construción de Madrid en tanto
que capital, Madrid como centro —illado e illador (separador, diría
Castelao)— da vida económica, política e cultural do Estado. Un traballo
dunhas duascentas páxinas que, abranguendo un período histórico que
arranca nos tempos de Felipe II e chega ata a actualidade, revisa a
historia dos privilexios da Corte durante máis de catro séculos.
Pazos detense na xénese da conformación do peculiar capitalismo
paraestatal madrileño, desde o trazado do ferrocarril á concentración
bancaria na Restauración, pasando polos monopolios eléctricos e as
construtoras de obra pública no franquismo ou o modelo
financeiro-inmobiliario anterior á crise de 2008. Debulla de xeito
crítico a concepción radial do Estado, en moitos casos contraria á
racionalidade económica, que propicia a desertización da súa periferia
inmediata e a confusión interesada entre os estreitos marxes
socioculturais castizos nos que se manexa a cohorte de funcionarios,
leguleios, conseguidores, politicastros, tertulianos e trepadores que
pululan pola Villa e Corte e o deber ser da España realmente existente.
Esta burocratización do Estado-nación, provoca, na visión de Óscar
Pazos, que as políticas modernizadoras se dean aquí sempre de arriba a
abaixo, coma un exercicio de elites que proxectan, ordenan, fan e desfán
sen participación ningunha por parte da sociedade. Un Estado sen
nación, ao xeito da antiga Prusia, que se perpetuase endogamicamente
desde o Antigo Réxime ata a Posmodernidade.
É este un libro que, polo seu interese e vixencia, ademais de polo
estilo ameno e pouco académico co que está escrito na súa versión en
castelán, ben merecería ser reeditado en galego. Un libro que, ademais,
serve como complemento —por tratarse da outra cara da moeda (pero tamén
por compartir certo liberalismo político implícito)— do último traballo
de Camilo Nogueira Unha nación no mundo: a razón resistente (1480-2010), (Xerais, 2019).
Mencionado este precedente, o último proxecto de Óscar Pazos é a
autoedición dunha revista-libro de vocación monográfica titulada El discurso y el número. Un artefacto que, na súa primeira entrega correspondente á primavera de 2019, leva por título Crisis y generaciones.
De estrutura un tanto fragmentaria e se cadra carente dun fío
condutor ben definido, a revista emprende, en palabras do autor, «unha
análise xeracional desta crise e, á vez, unha análise crítica do feito
xeracional» [a tradución ao galego é miña].
Pazos, que cita ao Karl Mannheim que suliñaba o uso
das xeracións en tanto que «señas de indentidade no proceso de cambio
cultural, ao modo das vellas clases sociais», é consciente do
empobrecemento analítico que suporía substituír, sen máis, a loita de
clases pola loita do novo contra o vello. Porén, o interese do autor,
que vai alén do puro economicismo, céntrase no carácter de «roubo
xeracional» que pode exercer unha crise económica sobre todo un
colectivo etario cuxas expectativas se viron truncadas. Asunto que o
leva a afirmar que a crise política desatada no Estado español desde o
ano 2008 é «parte dunha crise de representación xeral, unha gran crise
de significación».
Óscar Pazos confésase impresionado polo coñecido como Informe Petras, o documento elaborado polo sociólogo norteamericano James Petras
en 1995, no que desmiuzaba as consecuencias da «modernización» da
economía española levada a cabo polos gobernos socialistas. Unha
investigación que describía á española como unha sociedade dividida en
clases, pero tamén en xeracións; onde os minguantes traballadores fixos e
sindicados, socializados en comunidades con fortes vínculos solidarios,
convivían con novas camadas criadas en comunidades desestruturadas que
eran pasto da temporalidade laboral, do consumismo individualista e da
precariedade vital. No seu momento, Petras concluíra que a emerxencia
dunha xeración cunha nova realidade material puxera punto final á
mobilidade social ascendente iniciada coa Transición.
Seguindo os achados de James Petras, Pazos considera que a «burbulla
xeracional» á que el mesmo pertence —o baby boom tardío dos nacidos
entre 1965 e 1979—, trátase dunha xeración pouco activa politicamente,
unha xeración taponada no seu ascenso a postos de responsabilidade pola
xeración dos que pilotaron —e queren seguir pilotando— a Transición.
É esta unha xeración vítima da creación da idea de xuventude en tanto
que institución á que dedicar políticas sectoriais encamiñadas a manter
aos seus integrantes o maior tempo posible nese estadio de inmadurez. A
dicir de Pazos, estes baby-boomers tardíos non puideron considerar o
15M como algo propio, pero si terían nese acontecemento a derradeira
oportunidade para desbancar á xeración anterior, algo que parecería
demostrar o caso de Pablo Iglesias. Por outra banda, a incorporación tardía de representantes desa xeración a postos de poder —é o caso de Pedro Sánchez— obrigaría ao último presidente español a compartir consello de ministros con elementos da xeración previa (caso de Borrell) ou a depender aínda da auctóritas doutras figuras teoricamente retiradas (caso de Felipe González); o cal indicaría que a emancipación desta xeración de baby-boomers tardíos segue sen ser plena.
De extrapolarmos estas reflexións de Pazos ao estado do nacionalismo
galego, exercicio que o autor non fai, o resultado sería semellante e,
nalgúns casos, peor. Así, é tal a dependencia dos baby-boomers tardíos
galegos a respecto das xeracións anteriores para elaborar o discurso ou
para tomar decisións orgánicas e políticas que, paradoxalmente, unha
organización como Anova, concebida como renovadora do nacionalismo
galego, dificilmente sobrevivirá ao hiperliderado de quen a impulsou,
alguén nacido en 1936.
A xeración millenial aos ollos dun Óscar Pazos se cadra demasiado
enchoupado de optimismo no que ten que ver co xeito de usar as novas
tecnoloxías por parte desa franxa etaria, estaría en condicións de
acceder aos postos de responsabilidade con menos retraso que os seus
antecesores. De aí que o autor se deteña a analizar think tanks coma
Politikon, onde estes millenials estarían demostrando a súa ambición de
ir ocupando os postos de poder que por idade lles corresponderían.
Por último, alén destas cuestións resaltadas, a revista-ensaio de
Óscar Pazos analiza, ao longo das súas 100 páxinas, outros aspectos
relacionados co feito xeracional e as crises. Desde as crises
xeracionais e os ciclos políticos no Estado español, pasando pola
interacción de literatura e política na creación do termo «xeración do
98» a cargo de Ortega y Gasset ata a xénese e características da chamada «silent generation» nos USA dos anos corenta.
Sem comentários:
Enviar um comentário