Il pópul al era il furmit ch´a no ´l mòur.
Adés al scumínsia a murí.
(O pobo era o trigo que non morre.
Agora comeza a morrer).
Nunhas xornadas sobre «dialecto e escola», celebradas en 1975, cinco días antes de morrer, e editadas baixo o título de Volgar´eloquio, Pier Paolo Pasolini
dicía que a sociedade de consumo produce un tipo propio de centralismo
lingüístico e cultural. Neste diálogo editado en castelán como Vulgar lengua
(Ediciones del Salmón, 2017), o friulano estimaba problemático o feito
de que o «pluralismo lingüístico e cultural» tendese «a ser destruído e
homologado» a través do «xenocidio» que leva a cabo a civilización
consumista por medio tanto da televisión como da escola.
O que en Italia se coñecían coma «dialectos» eran, para Pasolini,
acubillos fronte ese «italiano da televisión». Mais non se trataba só da
lingua. Hai que ir un pouco máis alá da cuestión puramente gramatical.
Trátase, sobre todo, do tipo de subxectividade que producira tanto
aquel xeito de falar como de estar no mundo. Por iso, noutra
intervención dese mesmo diálogo, sinalará que nos seus filmes da chamada
Trioloxía da vida (Decameron, Os contos de Canterbury e As mil e unha noites),
«quería representar unha realidade física, unha realidade corpórea que
eu vía que estaba sendo destruida [… ] un xeito de ser homes, de ollar,
de falar, de comportarse, de xesticular.»
No poemario Co Co Co U, ao que eu accedín na súa edición
bilingüe galego / castelán tirada do prelo en 2017 por Ediciones La uÑa
RoTa, a poeta lalinense Luz Pichel semella achegarse
tamén, coa súa aposta por un tipo de galego escrito fiel a certa
prosodia e oralidade do galego rural, á corporalidade do suxeito que
estaría detrás desa fala.
cantando sen permisu pur cccincucentus ou máis anus na percura
dun chchcchiscu de vaghar inn inn innurástedes u vosu propiu
cantu decuñecéstel a beleza dus ríus augha pros pradus us nomes
dus paxarus e das herbas inútiles cumedores de ghran i atrousadoras du
millu innurástedesasleismaioresdusestadusedasghramáticas cumandadas
pur uns arcabuceirus
Fronte á idea da lingua como código abstracto, depurado ao longo do
tempo pola peneira institucional dos seus usos cultos, o de Pichel é un
galego popular, impuro, vacilante, coas máculas e excepcións propias da porca terra.
Os xiros, os acentos, a musicalidade que trata de recrear a autora
foron forxados, ao longo dos séculos, pola cotidianidade e os usos das
clases subalternas. É este, pois, un elemento residual non colonizado
polo centralismo lingüístico e cultural tardocapitalista. O remanente de
toda unha visión do mundo que morre, coma o trigo pasoliniano. Pero é
tamén un aliado que axuda a que o mundo do poder e mais o dos
subalternos non se mesture, xa que nun se ten medu ón rei que nun transita o sitiu.
Falamos, logo, da cosmovisión propia das sociedades precapitalistas, de aí que, con gran lucidez, o epílogo de María Salgado
ao poemario de Luz Pichel sinale que os poemas da de Lalín non
pretenden «estabilizar una representación estereotipada de un habla que
existe en el mundo, sino de hacer existir un mundo en poemas que
(incluso) colaboren a la existencia de subjetividades que al leer o
recibir el (efecto del) texto puedan reconocerse, desconocerse, sentirse
parte, transformarse». É dicir, o potencial dese uso non regrado da
lingua en Luz Pichel non estriba tanto no goce estético melancólico co
pasado, como na posibilidade de «descolonizar» ao lector ou á lectora,
entendida como suxeito moldeado pola civilización consumista, e facer
agromar nel ou nela a posibilidade dunha subxectividade outra, allea á
lóxica fetichista desa gran maquinaria creadora de abstraccións con vida
propia que é o Capital —p.e. o traballo abstracto, a mercadoría ou o
diñeiro—.
Creo que xa mencionei nesta sección que, ao meu ver, a rápida e
oligárquica modernización de Galicia está detrás do que poderiamos
denominar o noso «trauma nacional», unha patoloxía presente, xaora, en
moitas creacións literarias (e non só) do país. Este trauma expresábase
xa, con gran profundidade, nas opinións antimodernas dos membros da Xeración Nós;
a diferenza, hoxe, é que a idea de Progreso tradicionalmente asociada á
Modernidade está sendo posta en causa e substituída por outras nocións
de Progreso. Neste sentido, cada vez está máis estendida a arela
pasoliniana de procurar unha «nova Ilustración» e un «novo xeito de ser
progresistas», polo que xa semella posible falar dun «conservadorismo
progresista» sen que a semántica e as cabezas estouren polos aires.
O de Luz Pichel é un exemplo máis do carácter non resolto do trauma
referido. Con certeza, moita da poesía galega actual está inzada de
creacións que se expresan nas mesmas claves.
De igual xeito que o seu amigo Novoneyra, o ourensán Emilio Araúxo
é un expoñente senlleiro, e ao seu xeito un pioneiro, da mesma estela. A
súa obra é case que un estudo antropolóxico destinado á conservación
desa subxectividade precapitalista da que falabamos, ademais da visión
do mundo que lle era propia.
O bidueiro do poema de título homónimo que inaugura o libro foto-poético Seica si (Chan da Pólvora / Amastra-n-Gallar, 2017) actúa como metáfora desa cosmogonía en extinción.
foi mirando para un bidueiro -vía nel unha escada-
mirando
o pai mirando
cousa tan desesperada de elevación non se vira nunca
escada tocando o ceo árbore toda a vida medrando para negalo
-que vai haber que levalo para a casa-
[…]
cortárono degallárono despois cargalo ilo erguendo ó
ombreiro -moito camiño- pasando reboleiras pasando
toxeiras -un polo pé outro pola cabeza e outro polo medio-
pasando poulas pasando agros
[…]
o pau tería quince metros e o fillo quince anos
o mudo tirouno
e aínda está hoxe na aira -case comido polo caruncho-
nunca se fixo a escada
A árbore, ensínanos Mircea Eliade, representa, desde
tempos ancestrais, o piar que sostén o mundo (a árbore da vida, a
árbore do coñecemento, a cruz). Así, con toda coherencia, non podía ser
senón «o mudo» (aquel que xa perdera a fala) quen finalmente tirase o
tronco talado na aira («iría rebentado –mancaríalle o peso– e por mal
sitio»), lugar no que permanecería abandonado —ata que o coma o
caruncho— tras a emigración dos veciños a Suíza. A bidueira nunca será
transformada, pola man do home, nun novo valor de uso, o da escada, útil
para ascender física e, cremos, tamén espiritualmente.
Os suxeitos que aínda viven á sombra desa árbore, desa visión do
mundo, non entenden a lingua dos medios de comunicación que Pasolini
enxergaba como omnipresente na Italia do seu tempo; e non só porque eses
medios falen en castelán, senón porque o que falan é a nova koiné do
«castelán neutro» (isto é, do castelán como ferramenta do Estado e do
Capital).
Dito ao xeito de Antonio Piromalli, no prólogo da edición italiana de Volgar´eloquio
incluído na edición en castelán, non se trata só da cuestión da lingua
en tanto que fonoloxía, senón tamén do mundo material e cultural que
rodeaba e daba substancia a dita lingua. É dicir, a incomprensión
presente tamén no poema de Araúxo titulado O que di a radio acada xa un estatuto case ontolóxico, que ten máis que ver co que se é que co que se di:
ti entendes o que di a radio
pero eu non teño práctica
non sei o que quere dicir
non os entendo
Pasolini dirá, a respecto da introdución con apoio institucional do
albanés na escola italiana, que se trata dunha «práctica conservadora».
Mellor iso ca nada, engadirá, pero dando por feito que en absoluto será
unha solución. Por que? Porque neste novo tipo de colonialismo que non
afecta unicamente ás periferias e que está por riba da diferenza entre
as linguas —entendidas, estas como simple fonoloxía—, esa práctica
conservadora ha estar contra as cordas non só ante o empuxe da lingua
dominante, senón, sobre todo, ante o empuxe da materialidade e o novo
sentido común asociado á koiné.
O éxito da novela de Santiago Lorenzo Los asquerosos (Blackie
books, 2018), co seu recurso a certo castelán arcaizante e castizo para
caracterizar a voz que narra a historia do rapaz que, coma o Bartleby
de Melville, prefería non ter que relacionarse con ninguén e vivir
recluído na súa aldea perdida segoviana, semella indicar que a
consciencia da existencia dese tipo de colonialismo, tamén na periferia
inmediata madrileña, asoma o fociño.
Na Italia cambiante de Pasolini, a cultura agraria propia do sur
migraba, e mudaba, aos arrabaldos das cidades do norte. Nesa realidade
suburbial, como na realidade rururbana que Pilar Pallarés verque no seu poemario Tempo fósil (Chan
da Pólvora, 2018), os modos culturais agrarios mestúranse cos urbanos,
mais neles perviven, con novas fasquías, rasgos tan arcaicos como poida
ser o da noción de «casa» do mundo rural galego estudada polo
antropólogo Lisón Tolosana. Se a idea de casa resiste, a
perda da mesma non pode máis ca xerar un sentimento de baleiro e de
ausencia de sentido existencial —o incendio da memoria / mentres se parte o esternón da casa,
di Pallarés no poemario—. Aínda que aquí a casa non sexa unha venerable
construcción labrega, senón a morada rururbana dunha familia de clase
obreira, as consecuencias da perda da mesma conducen, tamén, ao
esfarelamento da comunidade:
Óllanos desde lonxe a caveira do pai
—feita de amor e mágoa.
Somos a tribo que se dispersou,
a que non soubo perpetuarse en xeracións
até reverter
no depósito do tempo.
Entre as poetas galegas que teiman en desenguedellar o trauma nacional, destaca tamén a voz de Lupe Gómez. Fisteus —a aldea da que procede e que actúa como locus no que se desenvolven varios dos seus traballos— é, para a poeta, o recanto onde aínda se pode pensar en termos dun Nós:
Iamos todos para a cama
e quedabas no silencio político da lareira.
Ás veces adormecías co queixo nas mans.
A aldea brillaba, como unha guerrilleira
do Vietcong.
Pero é un Nós, como diría Hegel, «sen Historia», onde a incomprensión coa civilización «histórica» volve facer a súa aparición:
Falabas co médico sen usar palabras.
Non tiñas idioma.
A Historia cortou
cun coitelo inteior
a beleza dos teus beizos.
O teu mundo non existía nos mapas.
As túas entrañas eran totalmente secundarias / invisibles /.
Noutro dos textos que conforman o poemario Camuflaxe (Chan da
pólvora, 2017), a poeta pon, negro sobre branco, que sentido pode ter,
no presente, insistir na beberaxe destas «fontes profundas»:
Escribo da desaparición da nosa aldea de Fisteus,
dos idiomas marabillosos da nosa xente e dos nosos cabalos.
Constrúo a arma dos pobres.
A arma dos pobres. Méndez Ferrín tamén sabía que
algo de arma dos pobres había na recuperación mítica do universo agrario
precapitalista e das súas palabras portadoras de máis que a súa pura
fonoloxía. No «Colofón» do xa clásico poemario Estirpe
—recuperado este ano en edición non venal polo Concello de Redondela— a
voz poética creada polo de Vilanova dos Infantes facía acopio do arsenal
de armas dos pobres necesario para librar a batalla do presente:
Non esquezas as verbas estirpe
que son morte pró extranxeiro opresor, elas nos lavan.
Sempre dirás: URCES
Repite: os carballos.
Sem comentários:
Enviar um comentário