Di Godard no seu último filme que «a condición
humana consiste en pensar coas mans». Pensar coas mans. Velaquí a
filosofía da praxe de Antonio Gramsci. A condición humana consiste,
pois, non no que dicimos que somos ou no que dicimos que facemos senón
no que realmente facemos.
En Libro de imaxes (2018), Godard fai cinema partindo do
material de outros. É de agradecer. O mundo xa está abondo cheo de
imaxes. Cincuenta anos atrás os situacionistas, a derradeira vangarda
artística, chamábanlle détournement a iso de expropiar
filmacións alleas para resignificalas. Vangarda. Hai cincuenta anos.
Unha década despois o punk, a derradeira vangarda artística —esta vez
si—, dixo que o rock and roll era un calote e que só cabía berrar no future. Pero nos anos 80 os rapeiros recuperaron o détournement,
chamárono sampleado, e continuaron co futuro anterior. É coherente. Se
un conclúe que xa non hai futuro, o único que resta é o regreso. Quen
sabe se é por iso que Godard segue facendo películas de vangarda. Como
hai cincuenta anos.
Hai vinte e cinco outro punk, chamado Kurt Cobain, pegouse un tiro na
cabeza. Suicidouse. Antes xa o fixera Ian Curtis e despois aínda o
habería de facer Keith Flint.
O filósofo alemán Boris Groys sostén que o recoñecemento artístico
acádase cando se consegue «o novo». O novo peneirase no arquivo, ese
faiado xigante no que se almacena o que xa foi. A primeira vez que
escoitei a Nirvana pensei que se trataba de algo novo. Diso hai vinte e
sete anos.
Sexa ou non a consecuencia de que o tempo vai pasando, adoito penso
que na arte a sensación de novidade ten máis que ver ca evolución da
tecnoloxía que con calquera outra cousa. Se cadra por iso, desde que se
universalizou a calidade de son dixital —o low-fi non é máis ca outra forma de futuro anterior—, escoito música cunha desacougante sensación de presente contínuo.
Nirvana. Eternamente. Un pleonasmo.
Groys afirmaba tamén, nunha antiga entrevista, que o artista usa os
mesmos medios que o terrorista, pero non pode competir con el no ámbito
do xesto radical. Será por iso que Kurt Cobain tivo que sucumbir á
fascinación do macabro cando a música lle quedou curta para expresarse.
En Libro de imaxes, Godard detense con afecto nese gran
derrotado que é o pobo árabe. «Eu sempre estarei do lado das bombas»,
di, tratando de competir no xesto radical co antiimperialismo primitivo
dos muhaidíns… Pero quen sabe se, no seu interior, Godard non se sentirá
culpable por case ter chegado aos noventa anos.
Sem comentários:
Enviar um comentário