Ano 1815. Wellington viña de vencer a Bonaparte
en Waterloo. Europa pasaba do Termidor á Restauración. Era un tempo de
reacción fronte o período revolucionario iniciado na Francia de 1789.
Inglaterra convertíase en potencia hexemónica e será o país que
encabece, durante todo o século XIX, «a gran transformación» —en termos
de Karl Polanyi— que supuxo a revolución industrial.
Hoxe, inmersos noutro tempo de restauración, o filme Peterloo (2018), dirixido por Mike Leigh e con asesoramento da historiadora Jacqueline Riding, resulta acaído para non perder o norte.
Na fita de Leigh está todo o que xa puidemos ler en autores como
Edward Palmer Thompson ou George Rudé: a introdución do tear mecánico; o
amoreamento da incipiente clase obreira en barrios insalubres tras a
expulsión e acaparamento das terras comunais; a arbitrariedade e os
excesos do aparato de xustiza na persecución dos pequenos delictos
contra a propiedade; os abusos das leis dos cereais que impedían a
importación e encarecían o prezo do pan; o folclore dos barrios obreiros
(coplas das desventuras da xente traballadora, música para os tempos de
lecer…); as diferenzas no xeito de falar e no sentido do tempo das
distintas clases sociais; as seitas relixiosas radicais que opuñan a
igualdade do cristianismo primitivo fronte á desigualdade do
capitalismo; a apelación ao dereito natural e ás liberdades antigas que
figuraban na Carta Magna; os clubs de debate (espazos de socialización
onde se forxaban liderados e as obreiras tomaban consciencia da súa
situación); os clubs de mulleres (organizacións pioneiras do movemento
feminista); a prensa obreira; a loita pola democracia, a través da
reivindicación do sufraxio universal; a tensión entre a estratexia
armada e a pacífica; a suspensión do habeas corpus, logro dos
revolucionarios ingleses do século XVII; o papel das masas nos cambios
políticos; en suma, o nacemento da «cuestión social» que remataría coa
«arcadia» paternalista da vella Inglaterra e da vella Europa.
En 1819 a cabalaría británica perpetrará unha carnizaría contra o
pobo traballador concentrado en Saint Peter´s Field. Milleiros de homes,
mulleres, nenos e nenas con talante festivo e pacífico reuníranse nese
lugar de Manchester para reclamar unha reforma da Constitución que
permitise o sufraxio universal e votacións anuais. As autoridades
consideraron a concentración un acto sedicioso, insurreccional
[lémbranos a algo da actualidade?].
Coma un reflexo invertido das glorias militares británicas no
estranxeiro, os feitos de Manchester pasaron a denominarse o masacre de
Peterloo. A coroa, en complicidade coa burguesía, asasinaba ao seu
propio pobo en prol da protección da propiedade privada.
Karl Marx tiña un ano en 1819, pero tras Peterloo nada volvería ser igual.
Sem comentários:
Enviar um comentário