As municipais foron o segundo acto da
"gran volta á orde" que anunciaron as Xerais. O PSOE, máis pau de
palleiro ca nunca, é o maior estabilizador da política española; máis, se cabe,
cando existe unha extrema dereita con porcentaxes totalmente manexables e mesmo
útiles para brandir, coma "home do saco", polos da rosa.
Naturalmente, esa estabilidade durará ou se evaporará na medida en que tamén
continúe a calma na esfera económica. Os tempos hoxe son volátiles.
Españois, o 15M morreu. Diciamos a propósito
dos resultados das Xerais que Podemos lembraba o BNG do bipartito: camuflara
un mal resultado coa perspectiva de entrar no goberno. No caso do partido
morado a cousa vai ser moito peor. Tras o descalabro municipal, a súa
capacidade de condicionar dalgún xeito ao PSOE é tendente a cero. Os
coitelos xa comezaron a voar e o errejonismo, igual de alucinado e
madrileñocéntrico que o pablismo, mesmo fala do nacemento dunha "nova
esquerda" partindo unicamente do seu resultado na illa madrileña. Coma
sempre, hai quen confunde os solpores cos amenceres, pero o que vén para todo
ese mundo é a noite.
Canto esoutra nova política que é Ciudadanos,
a cousa tampouco está para moitas alegrías. A resistencia do PP no bunker
madrileño, a irrelevancia en territorios nos que o PP é forte como en Galicia e
a falta de sorpaso aos de Casado, augura un futuro difícil para os de Alberto
Carlos Rivera.Tamén no campo da dereita está o panorama da volta á orde un
chisco máis despexado.
Sobre os resultados das europeas, cabe
salientar que non é van que sexan Italia (a gran perdedora do sistema euro) e
Francia (a gran perdedora fronte Alemaña do experimento UE) os países que
expresen con máis elocuencia e significación o seu malestar a través da extrema dereita. A
diferenza dos moi europeístas estados sureños —todos saídos do
subdesenvolvemento e a ditadura— ambos son estados que teñen memoria de tempos
mellores, de grandeur perdida, e para
os que a situación actual só trouxo decadencia. Hai algo comprensible en ambos
fenómenos, e tamén algo de melancolía por tempos que non volverán. Hoxe toda
Europa é unha espectadora ante os cambios de hexemonía que se están dando a nivel
mundial e cuxo episodio máis recente é o affair
Huawei/Google entre os EUA e a China. Que as eleccións de escala europea
consistan en entrar nunha cámara sen poder real non é máis que outra mostra da
irrelevancia da UE como actor político global. Os resultados do Reino Unido e a
inevitabilidade futura do Brexit, indican que os anglos tamén prefiren tempos
pasados nos que actuaban como delegación dos EUA en Europa; velaí a súa toma de
partido para os tempos multipolares que veñen.
Quen si conseguiu tirar réditos das eleccións
europeas foi o independentismo catalán. Co escano de Puigdemont e de Junqueras
(ademais do de Clara Ponsatí cando se execute o Brexit), o conflito catalán
internacionalízase. A longa man do sistema xudicial español queda inutilizada
para evitar a irrupción da política.
Galegas, galegos, o experimento da Unidade Popular coa
esquerda española morreu. A perda de todas as "alcaldías do cambio",
e os malos resultados dese eterno posibilismo inane que é o villarismo, así o
indican. Porén, o BNG non é quen de tirar todos os réditos que debera dese
afundimento. Hai un problema obxectivo de penetración do Bloque na Galicia
urbana, que é como dicir no 70% de Galicia. Dese problema sacou partido Podemos
no seu momento e o PSdG agora. O razoable sería a concentración de enerxías
militantes nun proxecto unificado, ambicioso e soberanista con capacidade de
artellar un discurso tamén para esa Galicia menos idiosincrásica.
Dado que toda a estratexia (ehem, sexamos
indulxentes) do que queda de Anova pasaba polo municipalismo, e á vista dos
malos resultados e peores perspectivas, a dirección enteira desa organización
(?), que tanto capital político dilapidou nun tempo record, debería dimitir en
bloque.
O máis esperanzador dos resultados das últimas eleccións son os datos das europeas. Se serven como termómetro para calibrar a saúde do PPdG no país, o certo é que as vindeiras eleccións autonómicas son unha oportunidade de ouro para que Galicia se desfaga, dunha vez, das políticas autodestrutivas do Partido Popular e comece unha nova etapa que abra algo máis o campo de xogo político e a viabilidade do país. Outro dato que fala da nosa saúde ideolóxica como sociedade é que os cavernícolas de Vox non conseguisen un só concellerio en Galicia. Se finalmente se confirmase a perda da deputación de Ourense polo clan Baltar, teriamos un motivo máis que engadir ao saco do moderado optimismo; iso si, sempre dentro do que é a política institucional e o campo do posible dentro dela.
En relación tamén coas autonómicas, e cos
resultados das municipais na mesa, os posicionamentos dalgúns persoeiros para
encabezar a candidatura da nova política ás galegas van ser cuestionados. Ese
espazo vai vivir tensións importantes para decidir como, e liderado por quen,
acudir ás eleccións do país.
Os comicios galegos pecharán definitivamente
un ciclo político tumultuoso no que pasou de todo pero no que imos camiño de
dicir que, salvo a posible perda de hexemonía do PPdG (e iso aínda está por ver), non pasou nada.
Sem comentários:
Enviar um comentário