7/19/2019

Galicia, o Rif e a construción do outro

Texto escrito orixinalmente para a revista Luzes.
 
O historiador galego Dionisio Pereira recolle en Escritos africanos. Entre Galicia y el Rif una mirada desde la periferia (SPCAM, 2019), un conxunto de ensaios escritos en castelán que, alén do prólogo a cargo de Abdelhamid Raiss, se organiza en dúas partes diferenciadas.

Na primeira parte, o autor ofrécenos senllos semblantes de tres personaxes españois que mantiveron algún tipo de vencello coa sociedade do Rif desde unha perspectiva civil e humanística e afastada da visisión puramente militarista propia da intervención colonial. Trátase do artista, dramaturgo e poeta Juan Román, do naturalista Pius Font i Quer e do doutor Federico Molina Martín. A seguir, Pereira analiza o impacto na sociede rifeña do fatal naufraxio do navío Pisces que, en 1961, levaba a bordo, con destino a Israel, a un importante número de hebreos marroquís.  Por último, Pereira debulla —en compañía da súa compañeira Dolores Varela, actual directora do Instituto Español Melchor Jovellanos de Al Hoceima/Alhucemas—, a traxectoria, propósitos e proxección futura de dita institución na vida cultural da cidade norteafricana.

Titulada Gallegos en las guerras del Rif. Paisaje bélico e imaginario anticolonial, 1860-1927, a segunda parte do libro resultará, pensamos, a de maior interese para o lector galego. Nela Dionisio Pereira cotexa a visión do Rif ofrecida por varios correspondentes galegos destinados na guerra do norte de África coa a imaxe producida por tres novelas bélicas escritas tras a intevervención militar de 1927: El blocao, de José Díaz Fernández (1928); Imán, de Ramón J. Sender (1930); e a triloxía La forja de un rebelde, de Arturo Barea (1941-1946).

Malia tratarse de tres novelas de impronta antibélica, nelas o «mouro» segue aparecendo coma o outro impersoal e cargado de caracterizacións negativas (fealdade, brutalidade…). Invisibilízase o pobo rifeño e preséntase coma carente de calquera motivación sociopolítica ou cultural para resistir a «acción civilizadora» europea, equipárase a violencia entre agresor e agredido e dáselle todo o protagonismo ao soldado español abstracto, «unicultural e unidimensional»; unha construción ahistórica que se compadecía pouco coa pluralidade cultural e ideolóxica das tropas despregadas. Iso si, as veces que se fai patente a diferenciación sucede —é o caso de Barea— que se presenta aos soldados galegos coma «miserables, fatalistas e resignados […] bueyes cansinos»; ou, no caso de Sender, mencionando o uso da música e danza do país como elemento de autoafirmación étnica por parte deses soldados, fenómeno que leva a outro soldado non galego a exclamar: «¡El que me diga que los gallegos son españoles, yo le digo que miente!»). As presenzas e ausencias do conflicto colonial nestas tres novelas levan a Pereira a concluír que os escritores africanistas españois eran antibelicistas, pero non anticolonialistas.

A presenza de soldados galegos no Rif é avultada e de longa data, pois o continxente era abondoso xa no capítulo decimonónico do conflito, sendo a publicación pioneira en galego O Vello d’o Pico Sacro quen narrase as vicisitudes pasadas polas tropas do país baixo o mando de O´Donnell. E se ben de procedencia galega foron tamén prebostes do africanismo militar hispano como Francisco Franco ou Millán Astray, o certo é que en Galicia foi especialmente forte a resistencia ao recrutamento militar e que aquí se rexistraba o maior número de desertores e prófugos do exército español; cuestións, estas, que, malia redundar aparentemente no tópico do galego medoñento, en realidade estarían a refutar dito tópico.

No que toca á visión de cronistas galegos na fronte, Pereira sinala a Otero Espasandín e Rafael Dieste coma exemplos das testemuñas silenciosas. Unha actitude, en concreto a de Dieste, que mesmo provocou certa tensión co poeta Manoel Antonio —de ideoloxía claramente anticolonial— cando este lle pediu por carta ao rianxeiro que desertase ou se enrolase no exército resistente de Abd el Krim. Fronte a estes cronistas silenciosos, Pereira céntrase noutros que, coma Valentín Paz Andrade, Xosé Ramón Fernández Oxea («Ben-Cho-Shey») e Manuel Mesejo Campos («Fray Antón de Laíño»), mandarían numerosas crónicas desde a primeira liña —os dous últimos ocultos baixo seudónimo para evitar represalias dos mandos militares—. Os tres cronistas tiñan en común a súa cercanía ás Irmandades da Fala, o que leva ao autor a tratar de desentrañar se esa filiación política tamén está presente, dalgún xeito, na forma en que abordaron a realidade rifeña; malia que, como lembra o propio Pereira, o anticolonialismo politicamente articulado apenas si estaba explicitado en determinados sectores do nacionalismo vasco e catalán, non así no incipiente nacionalismo galego.

O autor trata de explicar o desinterese e a toma de distancia do nacionalismo a respecto do conflito colonial africano baseándose na «herencia regionalista, la diversidad ideológica y el carácter fragmentario de las Irmandades». Actitude que desembocará, cando a popularidade da guerra na propia metrópole caia en picado, a xulgar aquel conflito como cousa española, allea; estratexia tamén seguida, por certo, por sectores do catalanismo. Así, dentro das filas do nacionalismo galego o máis abundante será o neutralismo antibelicista, coas excepcións, alén do mencionado Manoel Antonio, da Irmandade ferrolana e de personaxes claramente enchoupados de anti-imperialismo e internacionalismo como Suárez Picallo e Illa Couto.

Conclúe polo tanto Dionisio Pereira a súa comparativa entre os cronistas galegos e os novelistas españois sinalando que, no caso dos primeiros, si aparece nitidamente o carácter nacional galego diferenciado a través de vías tais como a valorización da confraternidade dos soldados do país, o establecemento dun fondo vínculo emcional cos potenciais lectores na terra ou na emigración americana e facendo que Galicia estivese presente no Rif a base de proxectala, enchoupada de «saudosismo», sobre certos recantos e situacións: a monumentalidade das cidades musulmás, os zocos-feiras, os piñeiros, a música rifeña…

Porén, no que toca á construción do Outro (o outro rifeño, musulmán etc.), os cronistas galegos non presentan diferenzas apreciables con respecto aos novelistas españois; o que leva Dionisio Pereira a colexir que «el aparato ideológico y mediático de la metrópolis, apoyado en la secular tradición hispana contrapuesta al mundo musulmán, hizo efecto incluso en los territorios y en las personas para las que el encaje en el Estado español resultaba problemático».

Sem comentários: