1. O auxe da estrema dereita era falso.
O conxunto da dereita obtén máis ou menos os mesmos votos que
sempre obtivo. Non hai transversalidade nesa estrema dereita, polo
tanto, non se pode dicir que avanzase. Outra cousa é ter en conta
que agora esa estrema dereita se expresa nun espazo propio e que, no
futuro, si pode recoller votos transversais se volven, como así se
aventura, as turbulencias á economía capitalista. De momento, Vox
foron os parvos útiles do PSOE e a dereita española pagou rachar o
seu gran logro desde a descomposición de UCD: a unidade. Acabar con
esa unidade era, precisamente, o soño do PSOE desde, polo menos, a
invención do spot dos doberman.
2. Tras o ciclo iniciado co 15M, onde
se albiscaba unha certa (e ambigua) impugnación do modelo de
democracia de baixa calidade vixente durante toda a transición, a
impresión, co regreso do PSOE como pau de palleiro da política
española, é que as augas volven ao seu cauce. De novo, o único
que pode facer abalar a estabilización do PSOE como forza hexemónica
en España por un longo tempo é o regreso das turbulencias no
capitalismo. De suceder, trataríase, logo, do momento Renzi do PSOE.
3. O xeito de analizar os resultados
por parte de Podemos lembra, en certo xeito, ao BNG cando o
bipartito. Celebraron unha gran baixada de votos polas perspectivas
de entrar no goberno. Pero o que estaba a dicir a sociedade é que o
PSOE recuperaba votos emprestados. Se o PSOE consegue dar (ou facer
que dá) algo de trigo desde o goberno, minorando o papel de Podemos (e
ten a aritmética para facelo), non é descartable que consigan
seguir comendo terreo aos podemitas ata deixalos nas cifras de IU. O
agardable é que Pedro Sánchez vaia a unha investidura cos apoios
dos partidos da moción de censura e que ao longo da lexislatura se
apoie en C´s para sacar as medidas de austeridade que se lle
esixirán. Iso dá tempo tamén a C´s para mudar o discurso agresivo
co PSOE que mantivo durante a campaña.
4. Sobre os resultados de En Común en
Gz: EU + P’s están en condicións de dar unha patada no cu a todo
o beirismo + ferrinismo. Non os precisan para nada. Infelizmente, esa
será o legado de Beiras e dos que levaron o temón de Anova durante
todo este experimento fracasado.
5. Os alcaldes do cambio, rebeldía,
etc., non deron apoio explícito a En Común Podemos. Xogaron a ser
marca diferenciada. Pero o xogo ese está pronto a rematar. Dada a
súa renuncia a organizarse a nivel galego (uns por un repregamento
suicida, outros porque non deixan de ser un sucedaneo local de P´s)
serán, sen máis, alcaldes do partido morado; iso se é que o efecto
PSOE non chega tamén ás municipais, entón serán concelleiros de
Podemos.
6. O discurso de Ana Pontón tras
coñecerse os resultados electorais só é xustificable porque hai
unhas novas eleccións á vista. Pero nalgún momento haberá que
baixar do tren electoral e pensar noutros prazos. O BNG pode subir un
chisco pero o certo é que o país con consciencia de selo mingua ata
extremos preocupantes.
7. Antes de mallar en exceso no BNG,
partido que, ao final, é o único que permanece organizado e que
mantén viva a chama da causa nacional, todos os que por aí volven
pontificar sobre os defectos do BNG deberían reprimirse un chisco. O
experimento Anova e o experimento En Marea son a proba da
incapacidade manifesta de todos os que pasaron anos escribindo sobre
o malvada que é a UPG. Comezar a recoñecelo non era mala cousa.
8. O canastro está sen tornarratos. E
os resultados son o reflexo. A impresión é que o soberanismo, neste
momento, é un movemento melancólico. O daqueles que lembran unha
Galicia que xa non existe. Non hai un soberanismo para o país
urbano, castelanizado, globalizado e altamente influenciado polos
medios de comunicación que é a Galicia real. Unha sociedade moito
máis complexa que precisa unha proposta máis elaborada que a que
actualmente ofrecen os partidos soberanistas. Ter esa Galicia en
mente é a clave, e non dereitizarse ou aspirar a ser un PNV sen base
material que o demande. Ese é o «que facer» que temos que escribir
colectivamente nos tempos que veñen.
Sem comentários:
Enviar um comentário