Morreu o cantante de The Prodigy. Chamábase Keith Flint. A banda apareceu ao grande a finais dos noventa cun single rachador no que o novo xeito usar os samples e compoñer bases, máis orgánicas e espontáneas que as habituais ata daquela, facía furor nunha nova recua de bos grupos e músicos coma DJ Shadow, Aphex Twin, Chemical Brothers, Fatboy Slim, Goldie, Orbital, Future Sound of London, Portishead, Tricky, Massive Attack...
O drum n´ bass, o jungle, o
triphop de Bristol, todo apareceu
nesa década para sacudir a escena da música electrónica. A marcialidade
robótica de Kraftwerk había tempo que pasara á historia.
Dentro da mesma vaga, se
cadra cun certo cheiro a produto comercial prefabricado, apareceu The Prodigy e a súa
mestura de beat e punk. As potentes bases construídas por Liam Howlett, con
eses baixos que che batían no peito coma a onda expansiva dunha bomba, e a
presenza e modo de cantar do finado, quen semellaba un Johnny Rotten recén saído da cyberMinipiner de Blade Runner, mesmo provocou que
baixaramos a Porto para velos en directo. Un concerto que, salvo por ter lugar
ao aire libre na bonita beira do Douro, pasaría, cómpre dicilo, sen pena nen gloria
pola nosa biografía musical sentimental.
En calquera caso, sen bandas coma The Prodigy non se poderían entender outras máis actuais coma os fantásticos Sleaford Mods; ademais, quen
non botou algunha vez coa potencia de Firestarter?
O grupo ben merece un sitio nunha pinchada que pretenda mover os cus. Así,
pois, velaquí a nosa homenaxe para Keith Flint quen, morrendo aos 49, unha
idade temperá para os canons actuais, fai honor, se cadra sen pretendelo, ao
substrato punk do que facía gala.
Sem comentários:
Enviar um comentário