Artigo escrito orixinalmente para o Galiza Livre.
Nos anos 30 do s. XX, o
fascismo apareceu nun contexto de crise capitalista e de mudanza de hexemonía
mundial. A tentativa de Alemaña de converterse en novo hexemón, como xa tentara
en 1914, contou coa oposición tanto da URSS como, finalmente, da nova potencia
emerxente, os EEUU. Foi grazas a esa alianza, onde a URSS puxo verdadeiramente
a carne no asador, que resultou posible neutralizar o nazi-fascismo.
A Revolución rusa tivo
lugar nun país onde as grandes masas non estaban completamente asimiladas nin polo
capitalismo nin polo Estado. Todas as revolucións que tiveron lugar no mundo
déronse en países con características semellantes. Os Estados “occidentais”,
eran moito máis estables e difíciles de ser vencidos cunha revolución do tipo
da rusa. Neste sentido, desde entón, a cousa non fixo máis que complicarse.
Nas illas de benestar
euroamericanas, creceu un movemento obreiro sólido que, se ben se foi
encadrando cada vez máis, a través do consumo de masas, no capitalismo e no
Estado, conseguiu arrincar conquistas democráticas e económicas ao capital.
Nese clima optimista do benestar de masas, emerxía un novo tipo de fascismo. Un
fascismo, se se quere, menos primitivo que o dos anos 30, pero con capacidade
de acceder a onde aquel fascismo non accedera: a máis íntima vida cotiá das persoas.
O poder dos medios
comunicación para moldear ideoloxicamente á sociedade, unido ao encadramento das
masas no ethos do capitalismo de
consumo masivo, anunciaba unha nova realidade social. Cando a URSS esboroa e o
movemento obreiro sofre as súas primeiras derrotas históricas, e cando o
capital, dedicado agora á súa reprodución na esfera das finanzas, fai do mundo
un todo sen afóra, esta nova realidade pretenderá, presuntuosamente, ser
considerada como a da fin da Historia. Asistiamos a un presente continuo onde a
chegada do desenvolvemento económico a todo o orbe era só unha cuestión de
tempo e onde a democracia liberal se presentaba como a forma política perfecta e
que debía ser exportada mesmo a bombazos.
En 2007, a utopía civilizadora
quebra. Pero o capital non ten, politicamente, nada serio que se lle opoña. O
totalitarismo mediático, agora repotenciado a través de Internet e outras
tecnoloxías en mans de grandes monopolios, encargárase de pulverizar o esterco
básico necesario para que os agredidos se convirtan en clase para si. Porén, co
estourido da crise endurécese a desputa larvada desde os anos 70 entre os novos
candidatos a hexemón mundial chamados a destronar aos EEUU para facerse cos
recursos dun mundo cada vez máis pequeno. É aí que hai que situar os diversos
movementos, a comezar polo fenómeno Trump e os seus émulos, que lembran ao
vello fascismo dos anos 30. Lembran, pero non son idénticos. Recrean, nalgúns
tics, o vello fascismo; pero móvense nun escenario onde as tecnoloxías da
información permiten un control ideolóxico da poboación a cuxo lado a radio de
Goebbels semella un xoguete. A mestura de ambos fascismos dá como resultado
unha nova criatura, sen dúbida máis perigosa. Esta criatura reprodúcese nun contexto
onde xa non existe ningún afóra sociolóxico, nin o afóra do movemento obreiro
con autonomía política e cultural, nin o afóra do campesiñado, pouco ou nada
integrado no capitalismo. Un sistema de producción sen buracos nin excepcións no
que toda a sociedade non é máis que un reflexo construído á súa imaxe e
semellanza.
A convivencia de
capitalismo e democracia, ao longo da curta existencia deste sistema de
producción, foi máis ben anecdótica. O habitual, na fase previa á irrupción das
masas na política capitalista, a comezos do século XX, era que o capitalismo
fose gobernado por unhas elites que, mediante o sufraxio censitario, se
intercambiaban nos postos de mando.
O que estamos a vivir no
presente ben pode ser outro episodio —pois a tecnocracia globbish tamén tiña
por cometido afastar ás masas da política— que marca a pasaxe do tempo da
irrupción das masas na política capitalista a unha nova época de grande
exclusión, tanto a nivel económico como a nivel político. O paradoxal, ou non
tanto dado o carácter totalitario do capitalismo actual, é que esta gran
exclusión se está a producir, en cada vez máis lugares, co beneplácito dos
votantes a través da toma dos gobernos mediante o sistema electoral das
democracias liberais.
Sem comentários:
Enviar um comentário