9/30/2018

Lei e excepción

 

Este artigo foi escrito orixinalmente para a versión en papel do Novas da Galiza.

Castelao, quen non se cansou de advertir da distancia que existía entre a lei escrita nas Constitucións españolas e a “Hespaña” real, sinalou tamén como este desaxuste adoitaba resolverse no Estado a través de leis de excepcionalidade:

As Leis provisionaes e de escepción son as máis necesarias e permanentes, porque non se ditan en virtude dos principios político filosóficos que profesan os lexisladores, senon en virtude de certos feitos ou realidades que pasaron desapercibidos…
 
E engadía: “Estas Leis […] son as únicas que funcionan […] en Hespaña, porque tamén son permanentes os feitos que as orixinan.”

Cunha Constitución, a do 78, que non prevé  (Pérez Royo dixit) un xeito democrático de reforma través dos seus propios mecanismos, a necesidade no Estado español de recorrer a medidas excepcionais acabou institucionalizándose, ben a través da monarquía (teoricamente parlamentaria), ben a través da Audiencia Nacional ou ben, coma no presente, a través de figuras que surfean o dereito coma o xuíz Llarena.

Antes que Castelao, a mediados do século XIX, o conservador español Donoso Cortés, quen pasa por ser o pioneiro na teorización da excepcionalidade, escribiu, revestindo de aire de cruzada (algo frecuente na reacción española) o que non era máis que a apelación á forza fronte á razón.

Cuando los que obedecen se insurreccionan contra los que mandan [...], ¿no será necesaria la omnipotencia para que se salve a la sociedad entera conmovida en sus cimientos?
 
Para Donoso, a excepción que interrumpía o fluír da lei era semellante ao milagre da tradición cristiá. Unha irrupción divina que restablecía a orde desde máis alá do dereito.

Inspirado por Sorel, e pola súa idea da folga xeral revolucionaria, así como por Carl Schmitt -alumno, á súa vez, de Donoso Cortés-, Walter Benjamin chegou á conclusión de que, alén das ilusións liberais, o que imperaba na historia non era a lei, senón a excepción. Benjamin, quen padeceu a época da emerxencia do nazi-fascismo, foi testemuño privilexiado, e vítima, dun tempo en que a excepción se convertera na norma.
 
Mais, en paralelo, Benjamin tamén desenvolveu a súa propia idea de excepción: a do tempo mesiánico. O tempo en que os dominados conseguen frear o decorrer da historia e do dereito para instaurar un novo reino, unha nova orde, alén das leis existentes.
 
Todas estas reflexións, seméllanme máis útiles para entender o que sucede no presente na relación entre Cataluña e España que cen tratados sobre lexislación, xurisprudencia e constitucionalismo.
 
A situación auténticamente política prodúcese cando unha nova lexitimidade irrumpe esfarelando a orde legal vixente. Recoñecer que esa é a cerna do asunto e tratar de darlle un cauce razoable e democrático -por exemplo consultando ao pobo que demostra capacidade de desestabilizar ao Estado- é o único xeito de evitar o fatal desenlace que conduce a que a razón de Estado do Deus de Donoso e a esperanza no porvir do Mesías de Benjamin, se enfronten directamente en base á súa respectiva e desigual forza bruta.

Sem comentários: