9/19/2018

O salto da lebre. Debates e diagnóstico da esquerda española


Versión en galego dun artigo escrito orixinalmente para o blog De Re Historiographica.

Os que vivimos na periferia xeográfico-económica tivemos o privilexio de comprobar, de xeito empírico, as consecuencias culturais e socio-políticas da hiperconcentración económica de España en Madrid propiciada, paradoxalmente, polo que se supuña que era o “Estado máis descentralizado do mundo”.


Como quería aquel ministro españolizador de cataláns, efectivamente, os habitantes das nacionalidades periféricas españolizámonos ou, o que é o mesmo hoxe en día, madrileñizámonos, a marchas forzadas. Unha Reconquista, xa non de dirección norte-sur, senon radial como o AVE, as autoestradas, as peaxes ou os corredores europeos de mercadorías, que usa a vehemencia irracional dos seareiros da selección española de fútbol a modo de coro militar.


Neste clima de recentralización política dos últimos anos, que supuxo un reforzamento do poder central fronte as autonomías, e de ascenso no plano simbólico-cultural do españolismo desacomplexado (así gostan de dicilo a dereita e sectores da esquerda) ten lugar o estourido da crise financeira e o pinchazo non só do “modelo produtivo español”, senon desa outra burbulla que foi a utopía europeízadora como camiño para a “modernización” de España. Europa, dicíase desde tempo inmemorial, sería a solución. Os españois deixarían de pelexar entre si cando fosen todos economicamente máis parecidos aos alemáns ou aos holandeses. O que non se contaba é que, á hora de repartir os garabanzos en tempos de vacas fracas, os alemáns e os holandeses eran alemáns e holandeses antes que europeos.


Durante o 15M, na fase previa á irrupción de Podemos, a pulsión españolista, entendida como solucionismo á depauperación das clases medias, pairaba no ambiente. A reticencia ás bandeiras e linguas distintas do castelán en moitas das concentracións era o síntoma de algo máis profundo, dunha españolización tendencialmente excluínte no plano simbólico-cultural das culturas periféricas por parte das novas cohortes demográficas que se incorporaban á mobilización social. Neste sentido, ben está recoñecelo, Podemos supuxo un certo alivio ao recoñecer formalmente a pluralidade española en dito ámbito. Todo aquel clima, no que ata a inefable Rosa Díez quería botar tanza e anzol, podería derivar nalgo políticamente moito máis nocivo.


Porén, algo había en Podemos que lle fixo levar o gato á auga na política española fronte outras opcións que xurdiron a rentes da protesta do 15M, algunhas delas novas como a de Democracia Real Ya, o Movimiento Red do xuíz Elpidio Silva ou o Partido X. Quen escribe estas liñas sostén, e sostivo xa noutros lugares, que a gran novidade que introducía Podemos no mapa político español viña da man das ideas de Íñigo Errejón. Pablo Iglesias representaba, no mundo podemita, unha esquerda española máis ben clásica, a de certo obreirismo abstracto cuxo proxecto nacional non pasaba dunha vaguidade nostálxica pola II República. Cos bandazos de Pablo Iglesias –cos seus coletazos, permítasenos a brincadeira- de raigame “xuventudes comunistas”, todo o que conseguía o líder morado era aplicar unha impronta errática ao que, en suma, pretendía ser no fondo un novo movemento nacionalista español: unha sorte de peronismo á española, para entendérmonos.


Desde a chegada desde gramscismo pasado pola peneira posmoderna de Ernesto Laclau, calquera observador dáse de conta de que a pulsión nacional está moi viva no mundo podemita e nas súas inmediacións, adoptando diferentes matices. Do populismo dos significantes baleiros errejonianos, pasamos agora a unha maior concreción, vía comunitarismo e estatalismo socialdemócrata de cuño hegeliano, en Clara Ramas. En paralelo, figuras próximas a Pablo Iglesias como Manuel Monereo, quen non fai moito escribía un libro no que se falaba de España como proxecto de liberación (para máis inri presentado en Madrid en compaña dunha teórica antinacionalista ferrolana como Yolanda Díaz), facía saltar a lebre cofirmando con Héctor Illuesca e Julio Anguita hai uns días un artigo no que se sinalaba como positiva algunha medida adoptada polo goberno Salvini. E a treboada estoupou na esquerda española, especialmente na rede. Os sectores menos estatalistas, máis influenciados polas ideas de Toni Negri ou Franco Berardi ‘Bifo e polo trostkismo, botaban as mans á cabeza ante o que interpretaban como unha ameaza roxiparda que podía introducir no Estado español un cisma entre a clase obreira nativa e a clase obreira migrante (argumento que, coma un bumerán, bate na cabeza da mesma esquerda neoestatalista española que non se cansaba de soster que os nacionalismos periféricos dividían á clase obreira).


O episodio e a polémica aínda non remataron, e o lector coñecerá sen dúbida novos artigos, contraartigos e estados da cuestión. Entre outros, a crítica do historiador Steven Forti, que incidiu na grave contradición que supón, para unha posición de esquerdas, facer caso omiso á dimesión racista, xenófoba e neofascista doactual goberno italiano, e que o feito histórico de que os fascismos desenvolvesen políticas sociais populares (só para unha excluínte comunidade nacional) non vai en menoscabo do seu carácter constitutivamente ditatorial e represivo.

Fálase de que esta corrente monereista trata de crear a súa propia estrutura dentro de Podemos, en vista dos nubeiros electorais que, ao parecer, se enxergan nas enquisas internas da formación morada.


Entrementres, situados na extrema dereita, agardando lograr algunha influencia e renome persoal en río revolto, os epígonos de Gustavo Bueno, apelan a unha mestura de neoxacobinismo (mal entendido, pois o xacobinismo, como bo republicanismo, avogaba por evitar a concentración de poder e repartilo nas comunas) e teleoloxía, desde os que postulan tanto unha total centralización política canto unha homoxeneízación cultural autoritaria de raíz castelá en España, ao tempo que emprenden un revisionismo histórico alucinado do proceso de colonización de América en tanto que tarefa civilizadora. Pola súa parte, en Cataluña, para engadir máis arroz ao guiso, os de Paco Frutos lanzan o seu propio proxecto “nacionalista-antinacionalista” coa teórica pretensión de competir con Ciudadanos no que en tempos foi territorio PSUC.


En suma, se a dereita española hai xa bastante tempo, cando menos desde Aznar, que se envolve na rojigualda “desacomplexadamente”, a esquerda española, relevantes sectores do PSOE incluídos, fai o propio. E todo adquire, de pronto, no Estado español, as tonalidades crepusculares do vermello e o amárelo.


Co xa sinalado espírito perférico e pouco españolizado con que escribimos, hai varios aspectos que nos resultan rechamantes nestes posicionamentos patrióticos da esquerda española. O primeiro é a ausencia de reflexión sobre unha tara de difícil superación: a falla de ruptura profunda co fascismo-nacionacatolicismo fixo que o nacionalismo español teña unha complicada articulación progresista. Tara que non se produciu nas periferias, onde, desde a súa rearticulación política nos anos sesenta, unha parte da esquerda sempre se concibiu como proxecto nacional-popular: os chamados nacionalismos periféricos de esquerda, de desigual implantación social e expresión electoral, tildados, por moitos neopatriotas españois de esquerda actuais, con soberbia rampante, de movementos pequeno-burgueses.


Por outra parte, e ante a tendencia habitual a igualar nacionalismos, apréciase nesta nova esquerda nacionalista española unha falla de reflexión sobre o Estado. Tras tanto tempo sen comprender o fenómeno das nacións sen Estado, ten a súa lóxica que para esta esquerda o Estado non sexa problematizado en tanto que espazo político non neutral, senon que sexa visto como a plataforma desde a que, unha vez tomada, renacionalizar nun sentido progresista ás masas. Esta visión do Estado, lonxe de ser a agardable nunha esquerda superadora do etapismo e o institucionalismo socialdemócrata (lembremos as críticas de Marx ao programa de Gotha), é máis ben propia do despotismo ilustrado implícito na política entendida como ciencia, como actividade enxeñeiril realizada para o pobo pero sen o pobo polas súas elites especializadas. A pretensión de usar o Estado, entendido como o entramado burocrático-administrativo-coercitivo, en tanto que plataforma a partir da cal desenvolver o proxecto progresista, é máis ben propia das revolucións liberais do XIX e non dun movemento que vexa na potenciación da autoorganización popular o único camiño para levar a cabo a reforma intelectual e moral que, según Gramsci, debe preceder a todo cambio revolucionario nas insitucións positivas do Estado.


Este elitismo estatalista de certa esquerda española xa o percibiu, no discorrer da Guerra Civil, un Castelao desencantado cos republicanos españois dos que dixo, no Sempre en Galiza (1950), que querían facer “unha revolución desde arriba”, sen atender á composición socioeconómica e cultural da Hespaña real (con h escribíaa Castelao para diferenciala da España uniforme).


Como observacións finais sobre este neonacionalismo de esquerdas español, hai tres aspectos máis que resultan rechamantes. En primeiro lugar, que o salto da lebre se produza a propósito dun goberno reaccionario e xenófobo como o de Salvini, e non cando máis falta facía esa afirmación solidaria entre periferias sureuropeas: no momento en que o goberno de esquerdas de Grecia estaba no punto de mira dos tecnócratas de obediencia teutona que mandan en Bruxelas. Naquel tempo electoralmente doce para Podemos (o de tomar o ceo por asalto e repartir ministerios desde roldas de prensa), meterse no lamacento tema de explicar os mecanismos da Eurozona que estaban exprimindo ao pobo grego ata o punto de deixalo sen un 25% do seu PIB antollábase, na xerga de moda daquela, un “marco pouco gañador”. No seu lugar, o máis que se acertaba a dicir, oportunistamente, era que había que propiciar unha vaporosa reforma da UE con non se sabe que maioría nun Parlamento Europeo cuxo nome, como pretensa sede do poder lexislativo, quedáballe e quédalle moi grande. En segundo lugar, sorprende neste neonacionalismo da esquerda española, en tantos aspectos afrancesado, o perfil baixo que se mantén na crítica á monarquía de Felipe VI (cando non o apoio explícito cando se trata da presenza do monarca en Cataluña). Institución que debería ser o obxectivo número un do programa reformista, sobre todo desde o prisma de quen quere rematar o século XXI a revolución liberal-democrática que non se concluíu adecuadamente no século XIX. En terceiro lugar, na febre soberanista sobrevida na esquerda española, este redescubremento da nación –chámeselle república, comunidade política, demos etc.- semella ter un ángulo cego cando se trata de actuar en consecuencia ante a existencia dunha nación altamente organizada e movilizada que reclama pacíficamente un referéndum de autodeterminación en Cataluña.


Velaquí, pois, algúns aspectos nos que esta lebre que acaba de saltar prefire, máis ben, ollar para o ceo e asubiar.

Sem comentários: