Este artigo foi escrito orixinalmente para o Galiza Livre.
Case podía dicirse que o mítico "neno dos Peares", resabio fraguista que aínda perduraba na construción narrativa do personaxe Núñez Feijóo, estaba de volta.
Case podía dicirse que o mítico "neno dos Peares", resabio fraguista que aínda perduraba na construción narrativa do personaxe Núñez Feijóo, estaba de volta.
Tras unhas semanas
deixándose querer polos medios madrileños, o Presidente da Xunta facía público
—na teoría para todos os galegos e galegas (pero en castelán)— que renunciaba á
carreira por dirixir o PP español. O seu corazón estaba no país. Ou iso glosou
ao día seguinte La Voz de Galicia, sempre presta a debuxar o marco
discursivo que mellor engraxe a maquinaria do PPdG.
Pero nin Feijóo
foi nunca un Balbino, un neno de aldea, nin o seu xesto se debeu a un andazo
repentino de patriotismo galego. De feito, se algo mostra o feijoísmo dentro da
historia recente da dereita galega é que esta precisa cada vez menos
presentarse a si mesma como galega.
Se Manuel Fraga,
quen en realidade sempre foi un nacionalista español, soubo crear o seu pequeno
feudo no país a base de retórica galeguista, sabedor de que aquela base social
do remoto noroeste previo ás grandes autoestradas aínda precisaba de certos
filtros culturais para relacionarse co Estado, Feijóo é xa un produto do xiro
aznariano cara ao rearme do españolismo e a concentración económica, mediática
e política en Madrid.
Esa España
post-voda do Escorial, tan podre como recentralizada, é a España que a Feijóo
lle gusta e, dun xeito paradoxal (todo o paradoxal que é, en si mesmo, o
comportamento histórico da burguesía galega, se é que esta existe hoxe en día),
esa mesma hipertrofia de Madrid, foi tamén a que deixou ao líder de provincias
—con maorías absolutas, si, pero de provincias— fóra da competición por liderar
o PP e, polo tanto, de ter a posibilidade de converterse en Presidente de
"la nación" como gustan agora de remachar con pathos na
Corte, a imitación dos xeneralotes de república bananeira nos que se dá unha
relación inversamente proporcional entre o número de medallas, condecoracións e
filigranas que locen no peito e o poder real que posúen.
Feijóo comezou a
súa carreira como perfecto político-funcionario asumindo diversos altos cargos
ministeriais para rematar liderando o PPdG tras o falecemento do eterno delfín
de Fraga, Xosé Cuíña. A distancia que mediaba entre o perfil de Cuíña e o de
Feijóo caricaturizouse, no seu momento, coa distancia que pode mediar entre
unha persoa toucada con boina e outra con "birrete". O noso home non
acudiu ao país, como Fraga, para fundar e manter domeñada unha CCAA con rango
de nacionalidade, senón para xestionar un departamento, á francesa, no que o
traballo de aculturación e desmantelamento estaba xa moi avanzado.
O tecnócrata Núñez
Feijóo, sorteou os comezos da crise financeira mundial recorrendo, como xa
levaban tempo facendo os neocóns norteamericanos, ás guerras culturais. A
promoción de Galicia Bilingüe a través dos medios privados que o aznarato
subvencionaba (desde a Gürtel sabemos que había algo máis que limpa subvención
a eses medios) introduciu na cuestión da lingua galega unha nova narración
orwelliana na que os supremacistas se convertían en vítimas. E mentres ese
cadro esquizoide ocupaba titulares na prensa ben mantida con cartos públicos,
Núñez Feijóo se dedicaba a aplicar aquí, como bo home de negro que é, a
devaluación interna á que obrigaba Bruxelas. A esa tarefa dedicou a súa segunda
lexislatura despois de que unha nova maioría absoluta o puxese na lanzadeira
para substituír a Mariano Rajoy.
Alberto Núñez
Feijóo, o prototipo de político neoliberal pragmático e utilitarista, o liberal
secularizado para quen a doutrina social da Igrexa ou as rosmadas do papa
Francisco deben soar a chinés, tiña todos os boletos para coller o relevo
daquel outro funcionario de Pontevedra que acadara a fazaña de camiñar e camiñar
malia estar morto.
Pobre iluso. Visto
coa óptica de Madrid, Feijóo, á postre, si tiña algo de Balbino, de ser un
ninguén. Na picadora de carne madrileña, difícil de controlar coa únicas
ferramentas dos medios rexionais, sempre respectuosos das xerarquías que
imperan entre provincias e centro, as fotografías pouco presentables cun
coñecido narco deolvían ao noso home ao lugar que lle correspondía: san
Caetano.
Velaí o fado
autobuscado dos mandaríns galegos entusiasmados con botar abaixo a tímida
descentralización que supuxo o Estado das autonomías: cavar eles mesmos a
posición subalterna á que sempre se lles destinou desde a capital do reino.
Sem comentários:
Enviar um comentário